Os expertos nutricionistas de EROSKI Consumer responden

1 Xullo de 2013
Img alimentacion 2 listado 290

Os expertos nutricionistas de EROSKI Consumer responden

Gustaríame saber que características nutricionais, positivas ou negativas, teñen os botes de conserva de legumes ou verduras. Adóitoos utilizar por comodidade e por falta de tempo.

As conservas máis recomendables para un uso racional ?non diario? son as máis sinxelas e sen máis ingredientes na súa elaboración ca auga e sal. Deste xeito, respéctase ao máximo o valor enerxético e a calidade nutricional orixinal destes alimentos. Nestas preparacións o sal úsase como conservante, polo que haberá que ter en conta este detalle, en particular nas dietas de control de sodio, e aconséllase escorrer a conserva e aclarala lixeiramente con auga. O uso de materiais que entran en contacto cos alimentos está regulado, pero o máis seguro e inerte é o vidro. No recubrimento das latas, úsase o bisfenol A, un produto químico cuxa seguridade está en continuo debate mesmo pola EFSA, a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA). De feito, o seu uso na fabricación de biberóns prohibiuse en xuño de 2011 polo seu posible risco para a saúde. Este plástico transparente e ríxido úsase sobre todo para facer envases de alimentos, como botellas de bebidas, e utensilios de vaixela, como pratos e cuncas.

Adoito comer de xeito bastante saudable entre semana, aínda que algunha fin de semana tomo pizzas ou hamburguesas. En xeral, coido moito o que como e tamén fago exercicio. O ano pasado, nunha analítica de sangue, saíume o colesterol alto. Durante este ano, coidei máis a dieta, pero ao volver facer as análises, os niveis aumentaron. Non sei que alimentos debo comer

A dieta xoga un papel esencial na prevención primaria e secundaria dos trastornos cardiovasculares, asociado a uns niveis elevados de colesterol e/ou triglicéridos mantidos no tempo.

A evidencia en dietoterapia no control da enfermidade a través da dieta suxire a presenza diaria e/ou habitual dos seguintes alimentos para o control do colesterol elevado:

  1. Aceite de oliva virxe extra: comezar o día cun pan natural de fermento nai aderezado con aceite de oliva virxe é unha idea sa para o corazón.
  2. Aguacate: comparte co aceite a súa riqueza en graxas monoinsaturadas, aínda que en menos cantidade.
  3. Un puñado de noces diario.
  4. Un zume de laranxa e limón: reforza a achega dietética de antioxidantes que frean a oxidación dos lípidos nas arterias.
  5. Peixes azuis pequenos: as anchoas, os bocartes, as sardiñas, a cabala, a chicharro etc. constitúen unha fonte moi interesante de ácidos graxos omega-3, que son cardioprotectores. Estes alternaranse con peixes azuis de maior tamaño (atún, bonito, salmón etc.) e con peixes brancos e carne magra.
  6. Avea: pódese consumir en folerpas no almorzo ou como espesante de sopas e cremas de verduras.
  7. Legumes: como mínimo 2 veces por semana e como prato principal.

Aínda que é evidente que os determinantes xenéticos inflúen na aparición da hipercolesterolemia, a maioría dos casos son de orixe alimentaria.

ABC da nutrición: cetose

É unha situación metabólica na que o organismo, ante a falta de carbohidratos (glicosa) como substrato enerxético, utiliza as graxas e isto provoca que se xere acetona e outros corpos cetónicos. Se esta situación se mantén durante días, os corpos cetónicos acumúlanse no sangue e créase unha condición de cetose, que se acompaña de perda do apetito (ás veces, tamén de náuseas). Na actualidade, están de moda diferentes prácticas dietéticas baseadas nunha alimentación máis proteica e con ausencia, ou case, de carbohidratos (arroz, pasta, cereais, pan, legumes…), como método para baixar de peso. Non obstante, é un xeito pouco seguro e moi arriscado de adelgazar se non se fai con control médico, polos efectos secundarios derivados: mareos e dores de cabeza, halitose, urina con olor moi acentuado, perda de apetito, náuseas, vómitos, dor abdominal, desmineralización, perda de masa muscular e posibles arritmias.

Un refresco azucrado ao día pode aumentar ata un 22 % o risco de diabetes

Así o revela un estudo no que participou o Centro de Investigación Biomédica en Rede-Fisiopatoloxía da Obesidade e da Nutrición (CIBERobn).

Trátase dun estudo europeo que constatou a relación directamente proporcional entre o consumo de refrescos azucrados e o risco de desenvolver diabetes de tipo 2.
Nesta investigación, coordinada pola doutora Dora Romaguera, analizouse o consumo de zumes, refrescos azucrados e refrescos edulcorados artificialmente en 350.000 persoas de oito países europeos, incluído o noso. Os resultados corroboraron que por cada 336 ml de refresco azucrado diarios (equivalente a unha lata) aumenta ata un 22 % o risco de padecer diabetes de tipo 2. ?Se alguén consideraba que un vaso ou unha lata ao día era pouco, estaba equivocado, o consumo ha de ser practicamente excepcional?, destaca a investigadora do CIBERobn.

Aínda que este é o primeiro grande estudo europeo, en Estados Unidos xa se realizaron outros similares nos que se detectou un aumento do 25 % no risco de padecer diabetes tipo 2 por cada bebida azucrada inxerida a diario.

Consello do mes: alimentos ricos en iodo durante o embarazo

Estudos recentes en España demostraron unha inxestión insuficiente de iodo nunha proporción significativa de mulleres embarazadas. O embarazo aumenta as necesidades da hormona tiroide, polo que se precisa unha inxestión axeitada de iodo. Só o 11 % das mulleres embarazadas consomen máis de 250 microgramos (μg) de iodo ao día e o 24 % delas consumían menos de 100 microgramos diarios, tal e como constatou un estudo do Hospital Universitario Central de Asturias, en Oviedo. O iodo é elemental para o correcto funcionamento das hormonas tiroides que interveñen no crecemento do bebé e no desenvolvemento do seu cerebro durante o proceso da xestación e os primeiros anos de vida. A inxestión maior de iodo durante este tempo é esencial para evitar o atraso físico e intelectual no neno. Ante esta evidencia, a comunidade científica recomenda un complemento de iodo durante o embarazo e ata o final da lactación. Ademais, aconséllase tomar sal iodada e incluír na dieta diaria alimentos ricos en iodo.

  • Peixes mariños: preferiblemente os de pequeno tamaño, como anchoas, sardiñas, lirios, verdel ou cabala, chicharros etc.
  • Vexetais: de todo tipo. A cantidade de iodo dos vexetais depende da acumulada nas terras de cultivo e nas augas de rega. Por iso, aderezar os vexetais con sal iodada é un xeito de achegar unha dose segura deste oligoelemento.
  • Algas como acompañamento. Abonda engadir pouca cantidade (2-8 gramos) a guisos, estufados etc. para beneficiarse da alta concentración de nutrientes destes vexetais mariños. Suxestións: legumes guisados con alga kombu, ensaladas con alga dulse, estufado de verduras e algas hizikis…

Consello do mes: tomates de tempada, na súa xusta medida

O verán é a tempada natural dos tomates. Estas hortalizas reúnen na súa composición todos os nutrientes interesantes para a protección e a nutrición da pel, máis castigada polo sol e polo cloro da auga de baño. Os tomates conteñen unha boa combinación de substancias antioxidantes como as vitaminas A, E e C e de carotenos, entre os que destaca o licopeno, o pigmento que lles proporciona a rechamante cor vermella. Con apenas 20 calorías por 100 gramos, os tomates permiten facer suculentas, lixeiras e saudables receitas, que se poden tomar como entrante:

  • Zume de tomate e cenoria.
  • Ensalada de tomate con anchoas en aceite e ceboliña.
  • Refresco xeado de zume de tomate.
  • Tomate empoado con améndoas moídas ao forno.

Pola particular composición do tomate, non é conveniente un consumo diario nin habitual, por moi bo que estea durante a tempada estival, en persoas que sufran doenzas articulares. Un maior consumo desta hortaliza e doutras da mesma familia botánica (pementos, patacas e berenxenas) pode acrecentar as molestias osteoarticulares, como espasmos musculares, debilidade, dor e rixidez etc.