O que di a etiqueta / 20 gramos de graxa / Peixe / Menú para despois dun día de excesos / Glutamato monosódico

1 Decembro de 2006
Img alimentacion listado 419

O que di a etiqueta / 20 gramos de graxa / Peixe / Menú para despois dun día de excesos / Glutamato monosódico

Claves para saber o que di a etiqueta

  • A lista de ingredientes do alimento ordénase de maneira decrecente ao seu peso, incluídos os aditivos. Por exemplo, nun iogur con anacos de amorodo pon: leite desnatado, amorodos (10,8%)…, o que significa que o leite é o ingrediente máis abundante seguido dos amorodos. E este iogur en concreto ten 10,8 gramos de amorodos por cada 100 gramos de produto.
  • /imgs/20061201/img.despiece-alimenta.01.jpgQue significa a letra E? Entre os ingredientes dos produtos deben aparecer todos os aditivos empregados na súa elaboración. Pódense amosar co seu nome ou cun código formado pola letra E -significa que o aditivo está autorizado pola Unión Europea-, seguida dun número. Para que o consumidor o entenda, o aditivo ten que ir precedido pola función para a que está autorizado, sexa conservante, colorante, antioxidantes, emulxente, edulcorante, etc.
  • Que quere dicir na etiqueta a seguinte mensaxe: Calcio =155 mg (19% CDR)? Significa que 100 gramos do produto conteñen 155 miligramos de calcio, e que esta cantidade supón o 19% da Cantidade Diaria Recomendada de calcio.
  • Como sei cantas calorías estou a tomar. Algúns produtos, pero non todos, inclúen a descrición nutricional: valor enerxético, proteínas, hidratos de carbono, azucres, graxas, etc. En xeral, fan referencia ao valor nutritivo por 100 gramos, e poucas veces indican o valor nutricional dunha unidade -unha galleta, un iogur…- ou da porción de consumo habitual -un vaso de leite de 240 ml, ou 4 galletas-, que sería o máis práctico para o consumidor. Para saber o valor nutritivo do alimento que se vai inxerir, habería que pesalo e calcular, cunha sinxela regra de tres, a proporción de calorías e nutrientes que achega.
  • Coidado coas mensaxes. Hai produtos que inclúen a mensaxe “apto para diabéticos” ou “sen azucre engadido”, e moita xente interpreta que se trata dun produto sen azucre e, polo tanto, con menos calorías. Isto é así se en lugar de azucre se empregan edulcorantes sen calorías -sacarina, ciclamato, aspartame- ou con moi poucas -xilitol, maltitol, sorbitol-. En cambio, se o produto leva frutosa, o alimento segue sendo igual de calorífico que se levase azucre (ou sacarosa).

O dato:

/imgs/20061201/img.despiece-alimenta.02.jpg

20

Son os gramos de graxa que teñen 100 gramos de queixo fundido, como as rebandas ou porcións. Un vaso de leite enteiro (200 ml) achega uns sete gramos de graxa e 65 calorías; a metade que catro queixiños ou catro rebandas e ata oito veces menos de sodio.

A debate.

/imgs/20061201/img.despiece-alimenta.03.jpg

Peixe: saudable, pero non para todos

As saudables calidades nutritivas do peixe plásmanse en proteínas de calidade, graxas insaturadas que rebaixan o colesterol e os triglicéridos, vitamina B1, B2, B3, B12, A e D -especialmente nos peixes graxos-, e minerais como o fósforo, potasio, sodio, calcio, magnesio, ferro e iodo. Pero tamén contén elementos nocivos en determinadas situacións, nas que o seu consumo estaría desaconsellado.

  • Ácido úrico: Os peixes azuis -que non os brancos-, teñen un contido alto en purinas, polo que se desaconsellan en casos de hiperuricemia e gota.
  • Alerxia ao peixe: O peixe é un dos alimentos que máis alerxias provoca. A única solución: eliminar da dieta peixes, os seus derivados e aqueles produtos que poidan conter peixe como ingrediente.
  • Hipertensión arterial: As conservas e semiconservas de peixe, os afumados, desecados e salgados -tamén o peixe conxelado en alta mar con auga mariña-, o caviar, os derivados como o surimi e sucedáneos -paíños de cangrexo, colas de lagosta,… -, conteñen moito sal. Estes produtos están desaconsellados para persoas con hipertensión ou problemas de retención de líquidos.

Menú para despois dun día de excesos

Almorzo

Licuado ou zume de froitas natural. Infusión*. Pan integral ou de cereais con aceite.

Xantar

Froita de tempada. Iogur desnatado.

Comida

Caldo de borraxe e feixón verde (reservar).
Arroz con chícharos e alcachofas.
Pan integral. Infusión*.

Merenda

Macedonia de froita fresca e froitos secos.

Cea

Caldo de verduras do medio día.
Prato único: escarola, endivias, leituga, cenoria, cebola, millo, tomate, espárragos, mazá, uvas pasas, cachos de froitos secos e queixo fresco ou salsa de iogur.
Pan integral. Infusión*.

*Mexacán, cardo mariano, boldo e alcachofa: conteñen substancias que favorecen a recuperación do fígado, que traballou moito se houbo excesos de graxas, proteínas e alcohol.

O truco:

Tomar froitas, verduras e hortalizas, arroz, pasta e pataca, peixes brancos, carnes magras. Beber líquidos en abundancia -auga, zumes, caldos, infusións-, para aumentar a diurese, a eliminación de toxinas e a depuración do corpo.

O abc da nutrición

/imgs/20061201/img.despiece-alimenta.04.jpg

Glutamato monosódico:

é o sal de sodio do ácido glutámico, un aminoácido natural propio de lácteos, carnes e peixes, aos que lles dá sabor. Como aditivo recoñécese coas siglas E-621 e emprégase como potenciador do sabor. Contén moito sodio, polo que eleva de forma substancial o contido deste mineral nos alimentos que o levan, que son moitos: especias, conservas, precociñados -luras, croquetas, lasañas, canelón, pizzas…-, sopas de sobre, tacos de caldo, salchichas, aliños, pasta rechea, olivas recheas, gusanitos e similares, etc.