Nova pirámide da alimentación saudable

As últimas investigacións suxiren modificacións na pirámide alimentaria co fin de promover mellores hábitos
1 Maio de 2011
Img alimentacion listado 709

Nova pirámide da alimentación saudable

Os expertos en alimentación refírense a ela como pirámide alimentaria, pero ben se podería definir como o manual de instrucións sobre os alimentos que podemos comer a miúdo e aqueles dos que debemos moderar o consumo. Hoxe por hoxe, unha visión concienciuda dos avances en investigación en nutrición e saúde deixa ben clara a necesidade de mudar algunhas das mensaxes incluídas na pirámide da alimentación, tal e como a coñecemos ata o de agora. Dende o Grupo de Revisión, Estudo e Posicionamento da Asociación Española de Dietistas-Nutricionistas (GREP-AEDN, voz científica da Asociación), debaten a revisión dalgúns puntos das pirámides que se usan como referentes para promover uns hábitos saudables: dende a posición que ocupan na imaxe gráfica determinados alimentos como as froitas e hortalizas, os froitos secos, os legumes e os lácteos, ata a presenza doutros como as bebidas alcohólicas. O presidente da Asociación, Giuseppe Russolillo, vai máis alá e propón que as guías sobre hábitos de vida e de alimentación saudables dirixidas á poboación, entre as que se inclúen as pirámides da alimentación, deben emanar da autoridade sanitaria e non tanto de sociedades científicas nin de asociacións profesionais. Enténdese como o xeito máis transparente de emitir mensaxes consensuadas, sen conflito de intereses que poidan distorsionar a linguaxe, sempre que todos os consellos e recomendacións dietéticas estean fundamentados na nutrición baseada na evidencia científica.

Necesidade de cambios na pirámide da alimentación

Os avances en investigación suxiren algunhas modificacións na pirámide da alimentación. Non son moitas, pero si son relevantes para unha mellor promoción de hábitos alimentarios saudables. As pirámides son ferramentas educativas para a transmisión de mensaxes cara a uns bos hábitos alimentarios, dirixidas á poboación xeral ou a grupos concretos como os nenos e adolescentes, para quen se adapta a linguaxe escrita e mais as imaxes gráficas. A mensaxe de cambio, que se recibe como un “pensamento en voz alta” dende o GREP-AEDN, de acordo ás evidencias en nutrición, poderíase resumir na presenza das froitas e hortalizas na base da pirámide, na promoción dun maior consumo de cereais integrais, aproveitar os beneficios dos froitos secos a carón dos do aceite de oliva, potenciar os legumes e a súa combinación cos cereais integrais como unha fonte excelente de proteína e retirar as bebidas alcohólicas.

  • Para beber: só hai oco para a auga. Dende a AEDN apostan por seguir as indicacións da pirámide NAOS da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), que prescinde das bebidas alcohólicas, aínda que sexan de baixa graduación, como a cervexa ou o viño, e promover a hidratación mediante o consumo de auga, como elemento insubstituíble para hidratar e calmar a sede. No tocante ao alcohol, a mensaxe do GREP-AEDN é clara e contundente. Os profesionais da saúde non deberían resaltar o consumo público de alcohol nin os beneficios do viño ou da cervexa, xa que non está exento de risco ao se demostrar a súa relación directa co cancro e outras patoloxías. Ademais, os beneficios derivados do consumo deste tipo de bebidas pódense obter tras a inxestión doutros alimentos ricos en antioxidantes, sen o prexuízo do alcohol.

  • A base da pirámide: as froitas e as hortalizas. Ata agora, a base das pirámides está ocupada polo grupo dos farináceos, que inclúe os cereais e derivados (arroz, pan, pastas) e mais os tubérculos, representados pola pataca. Deste xeito traduciuse a mensaxe de que a maior porcentaxe de nutrientes que necesita o organismo son os hidratos de carbono, identificados nestes grupos de alimentos. O primeiro cambio substancial proposto polo GREP-AEDN afecta ao pedestal da pirámide, a prol de que o ocupen as froitas e as hortalizas e verduras. Ambos os dous grupos de alimentos son os únicos que ata o de agora demostraron evidencia de peso na prevención de numerosas enfermidades crónicas, entre elas, as de maior incidencia no noso país, as cardiovasculares e o cancro. A isto cómpre engadir que son alimentos saudables pola súa propia natureza, xa que reúnen na súa composición variedade de nutrientes que se consideran integradores dunha dieta protectora, como a fibra, as vitaminas e os compostos fitoquímicos antioxidantes. Velaquí o primeiro paso cara á promoción dunha alimentación máis vexetal. A Organización Mundial da Saúde e o Instituto Americano para a Investigación do Cancro (AICR) recomendan, para conseguir os seus efectos protectores, un consumo igual ou superior a 600 gramos diarios de froitas, hortalizas e verduras. Segundo a Asociación “5 ao día”, unha porción de froitas equivale a 140-150 gramos en cru e limpo, polo que a cantidade diaria que se debe consumir sería de 420-450 gramos. En calquera caso, cómese menos froita da necesaria, tal e como se reflectiu nos resultados da primeira enquisa nacional de inxestión dietética española.
  • Segundo chanzo: os cereais, pero integrais. O seguinte cambio inevitable é promover o consumo de cereais integrais. Nos estudos que comprobaron cientificamente a asociación entre o consumo excesivo de graxas, en particular das graxas trans e das saturadas, e mais a taxa de mortalidade da poboación por enfermidades cardiovasculares, demostrouse que o grao de refinamento dos cereais ten unha asociación inversa coa saúde cardiovascular. Polo tanto, a mensaxe cara a unha alimentación saudable debería transmitirse dende un discurso paralelo: ser prudentes e diminuír o consumo de graxas trans e saturadas e aumentar reciprocamente o consumo de cereais integrais e dos seus produtos derivados. Deberíase aconsellar tamén un maior consumo de cereais integrais e completos, é dicir, procedentes do gran enteiro. Esta proposta dálle cabida a introducir nos menús cereais menos coñecidos no noso país, aínda que de consumo habitual noutros, como o cuscús ou o paínzo.
  • Os legumes, melloran posicións. Os legumes deberían mellorar posicións, ao se consideraren alimentos funcionais, dada a súa complexa e completa carga de nutrientes e de elementos non nutritivos, pero de relevancia na saúde. Dende o punto de vista nutritivo, o xusto é situar os legumes ao mesmo nivel ca os cereais integrais, ao se consideraren ambos os dous grupos como alimentos básicos, posto que conteñen abundantes hidratos de carbono, nutrientes que o organismo precisa en maior cantidade para un funcionamento íntegro. Por outra banda, a abundancia en proteínas vexetais e a ausencia natural de colesterol e de graxas saturadas dos legumes obriga a valoralos como substitutos proteicos perfectos das carnes. Ademais, a máxima calidade proteica está garantida se se serven os legumes no menú en combinación con cereais como o arroz (lentellas con arroz), a pasta (sopa de fideos e garavanzos) ou o cuscús (cuscús con garavanzos ou con chícharos), entre algúns exemplos de cereais e derivados.
  • Recoñecer a graxa boa: aceite de oliva e froitos secos. A graxa insaturada dos alimentos demostrou efectos beneficiosos para a saúde cardiovascular. Está representada polos ácidos graxos monoinsaturados, abundantes no aceite de oliva, e polos ácidos graxos poliinsaturados, que teñen unha presenza relevante nos froitos secos. Estes últimos están colocados en distintas pirámides de referencia no vértice, ao se consideraren só polo seu elevado valor enerxético. Non obstante, son innumerables as investigacións que sustentan os efectos cardioprotectores dos froitos secos, así como que un consumo racional destes alimentos graxos non se vincula á obesidade, máis ben todo o contrario, axudan a regular o peso porque calman o apetito por mecanismos de saciedade, dada a súa riqueza en fibra. Por iso, dende o GREP-AEDN, suxiren que os froitos secos e mais o aceite de oliva compartan un espazo propio, porque son alimentos graxos e polas virtudes nutricionais saudables demostradas.
  • Leite e derivados: non todos son iguais. A composición nutricional do leite e dos distintos derivados lácteos varía de xeito notable, en particular, se se compara cos queixos. Isto favorece que se pense que non se pode equiparar o consumo de ambos os dous alimentos. O queixo é un produto derivado do leite, considerado como un alimento proteico graxo, e a súa composición bromatolóxica afástase do leite e do iogur, salvo as versións menos curadas, como os queixos frescos. De igual xeito, conviría informar a poboación doutras fontes dietéticas de calcio, co fin de que non sexan os lácteos as únicas referencias. É o caso das sardiñas e dos bocartes, dos froitos secos, das sementes de sésamo ou das verduras de folla verde. Esta reflexión invita a formular unha categoría á parte na pirámide para o leite e os iogures, porque non son alimentos cunha alta densidade graxa nin cunha elevada carga proteica, senón como unha combinación moderada de ambos os dous nutrientes. Tamén se aposta por unha menor frecuencia no consumo de leite e iogures, derivados baixos en graxa e queixos.
  • A proteína animal, na súa xusta medida. En atención á educación alimentaria do consumidor, débese saber que a achega de proteína animal pode devir da carne (con preferencia polas carnes brancas fronte ás carnes vermellas), do peixe (branco e azul) e dos mariscos, dos ovos, do xamón ou dos queixos. Ademais, cómpre insistir nun consumo semanal de todos estes alimentos, non necesariamente cotián, xa que as enquisas dietéticas máis recentes constatan que a poboación española consume demasiada carne.
  • O vértice para o superfluo e innecesario. Os doces e produtos similares en composición, ricos en azucres e/ou en graxas, como bolería, repostería, refrescos, snacks e salsas e cremas graxas (manteiga, margarina, maionesa…) son alimentos innecesarios para unha nutrición correcta. Non obstante, o seu sabor e a súa textura fan que gusten, polo que se aconsella que se saboreen con mesura e sentido común.

Na actualidade, a pirámide da alimentación que máis se achega a este modelo de cambio promovido dende o GREP-AEDN é a pirámide NAOS da AESAN. Proponse que sexa a partir desta, segundo as modificacións, sobre a que se lancen as mensaxes de alimentación e estilo de vida saudable.