Nenos e peixe: ideas para que non se resistan

Este alimento achega unha morea de nutrientes que xogan un papel relevante no crecemento e no desenvolvemento físico e intelectual dos nenos
1 Febreiro de 2013
Img alimentacion listado 863

Nenos e peixe: ideas para que non se resistan

Que a moitos nenos se lles adoita atragoar o peixe é tan indiscutible como que a composición nutricional deste alimento o converte nun elemento imprescindible da alimentación infantil. Moitos dos seus nutrientes cumpren unha función fisiolóxica determinante no desenvolvemento e no crecemento dos pequenos, que vai dende unha mellor saúde visual e un maior potencial intelectual, ata a prevención de enfermidades dexenerativas na idade adulta.

Por iso, é necesario que os nenos coman peixe. A recompensa non pode ser máis gratificante: garantir a súa boa saúde. A seguir, faise unha relación dos nutrientes que xogan un papel relevante no crecemento e no desenvolvemento físico e intelectual infantil:

  • Omega 3: a inxestión suficiente de ácidos graxos omega 3 e, en particular, de ácido docosohexaenoico 3 (DHA) durante a primeira infancia é vital para o desenvolvemento cerebral e ocular. Co fin de que os nenos obteñan os beneficios deste tipo de graxas de forma segura, aconséllase que coman a miúdo peixes de menor tamaño, como sardiñas, anchoas, verdel, chicharros de porción etc. e que os alternen con outros máis grandes, como o bonito ou o peixe espada.
  • Iodo: o iodo é vital para o correcto desenvolvemento cerebral do bebé, beneficios que se proxectan na infancia se o neno inxire este oligoelemento. O peixe e o marisco son os alimentos de maior concentración de iodo. Isto tradúcese nun consumo regular de peixe como fonte deste nutriente.
  • Proteína de alto valor biolóxico: o peixe é unha oportunidade para que os nenos coman proteínas de alta calidade, en alternancia con carnes e ovos, sen abusar das graxas saturadas e do colesterol. Ademais, ao ter menos contido en coláxeno que a carne, o peixe en xeral é máis tenro e doado de dixerir.
  • Vitamina B12: algúns problemas nas habilidades de pensamento e memoria dos máis pequenos asócianse á falta de vitamina B12, que se combate a través da dieta por medio do consumo de alimentos de orixe animal, entre os que se atopan o peixe.
  • Calcio: as especies que se poden comer con espiña, como as sardiñas frescas, as enlatadas ou as anchoas, son unha boa fonte de calcio. É importante insistirlles en que mastiguen ben para que non teñan problemas coas espiñas pequenas.

Peixe no menú infantil: 3-4 días por semana

Aínda que as preferencias dos nenos polas comidas se deben ter en conta na planificación dos menús, hai algunhas normas que ha de cumprir toda a familia. A inxestión de legumes, verduras, froitas e peixe debe ser habitual, así como a alternancia destes alimentos ao longo do día e da semana.

Como o peixe adoita provocar rexeitamento e manía entre os nenos, é conveniente preguntarlles cal é a razón pola que non lles gusta e solucionar, se é posible, o problema. Para todo hai unha solución: para mellorar o sabor, para eliminar as molestas espiñas, para transformar a súa textura ou para alternar e probar novos peixes se lles resulta aburrido comer sempre os mesmos, preparados ademais do mesmo xeito.

Sen espiñas, por favor

Hai peixes que se venden sen espiñas, en lombos ou filetes (pescada, linguado, emperador, colas de peixe sapo, perca…), e outros que se poden mercar limpos nas peixerías, coma o mero, o atún, o bonito e o chicharro.

Pequenos cambios no sabor

No momento de cociñar peixe, convén saber que fervido ou á prancha ten un sabor e un olor máis pronunciado. Hai outras maneiras de preparalo que atenúan ou disimulan o seu sabor e que o fai máis apetecible para os nenos, como acompañar o peixe con salsas suaves (bechamel, salsa de améndoas, ao limón, salsa verde, de tomate, de laranxa, cazadora…), sen que haxa que recorrer sempre á salsa maionesa. Ao cociñalo diferente (ao forno, en papillota, en escabeche, rebozado, empanado…), suavízase o seu sabor, ao igual que se se macera con limón, con aceite e con algunhas herbas aromáticas.

Dez formas diferentes de comer peixe:
  1. Sopas de peixe. Saborosas, consistentes e moi nutritivas, as sopas de peixe pódense acompañar con distintos ingredientes, como o arroz, a sémola, a pataca ou a pasta (fideos, letras, estrelas…), ademais do peixe esmiuzado.
  2. Ingrediente de primeiros pratos. A proteína do peixe permite facer primeiros pratos máis consistentes, máis enerxéticos e máis nutritivos. Algunhas suxestións: paellas de peixe e marisco; chocos ou sepia con arroz; espaguetes con sardiñas, con atún ou con anchoas; lasañas (de bonito, de salmón, de espinacas e gambas…); guisado con patacas…
  3. Ensaladas e ensalada rusa. As conservas de peixe son ingredientes comúns en ensaladas ou en ensalada rusa. Ademais do atún e do bonito, tamén son habituais nestes pratos as conservas de sardiñas, as anchoas, os mexillóns, o polbo…
  4. Flans de peixe. Son pratos vistosos, saborosos e nutritivos, como o flan de espárragos e gambas, o pudin de escarapote e o pastel de salmón.
  5. De recheo. Pódese probar con pementos, lasañas, canelóns, empanadas, croquetas, chulas…
  6. Tortillas. A tortilla de bacallau, o revolto de espinacas e gambas, de atún, de sardiñas ou de anchoas… son algunhas das suxestións que se brindan para mesturar con ovo.
  7. En bocadillo. As conservas e os patés de peixe, así como os afumados (na súa xusta medida, posto que son alimentos moi salgados), tamén se poden ter en conta cando se pensa na merenda.
  8. Pizzas caseiras. Incluír anacos pequenos de peixe nas pizzas é un xeito máis de fomentar o seu consumo. Algunhas ideas: mexillóns, polbo, gambas, bonito, anchoas, salmón fresco ou afumado, ademais de calquera resto de peixe, poden servir como ingrediente deste prato tan apreciado polos nenos.
  9. Deliciosos patés. Mesturar e triturar atún en conserva ou os restos doutro peixe cociñado cun pouco de queixo, de nata ou de tofu, dá lugar a un orixinal paté caseiro que se pode elixir como unha alternativa apropiada para os bocadillos.
  10. Aperitivos, entrantes e tapas. Carpaccio (salmón, bonito…), montados con atún, cazola de ameixas, prato de berberechos, afumados… son tamén algunhas propostas apropiadas para que proben os comensais máis novos.