Mellorar o arrefriado | Bases de datos alimentarios | Características da vitamina D | Leite de vaca e mucosidade | A cafeína e os lactantes

1 Maio de 2009
Img alimentacion 2 listado 125

Mellorar o arrefriado | Bases de datos alimentarios | Características da vitamina D | Leite de vaca e mucosidade | A cafeína e os lactantes

6 claves para mellorar o arrefriado e a irritación da gorxa, propios dos cambios de estación

  1. Un vaso de zume de laranxa no almorzo achega case o dobre (100 mg) da dose mínima diaria de vitamina C (60 mg), un nutriente elemental para o sistema inmunolóxico. Ademais, pódense tomar outras froitas ricas nesta vitamina como piña, kiwi, amorodos, laranxa, papaia, goiaba e verduras como pementos, tomate e espinaca crúa.
  2. Una cullaradiña de mel só, con zume ou con leite, ten efecto antiséptico e suaviza a irritación da gorza. É máis recomendable o mel sen pasteurizar (o de consistencia máis dura), xa que a calor destrúe parte dos compoñentes activos do mel.
  3. Caldo de borraxe como entrante nas comidas. A borraxe é unha planta depurativa e facilita a expectoración. Un caldo quente resulta reconfortable ante calquera malestar.
  4. Cabaza como ingrediente de sopas, cremas e outras receitas. É rica en vitamina A e mucilaxes (fibra), dous nutrientes con calidade para rexenerar a mucosa da gorxa irritada.
  5. Auga durante o día enteiro, ou infusións, caldos e sopas, axudan a hidratar as mucosas, a aliviar a irritación e a expulsar a mucosidade.
  6. A equinácea é un apropiado complemento dietético para fortalecer as defensas e o propóleo resulta útil se o punto feble é a gorxa e as vías respiratorias.

Actualidade: Rede BDECA, Base de Datos Española de Composición de Alimentos

No 2006 o Ministerio de Educación e Ciencia impulsou a creación da Rede BDECA, unha Base de Datos Española de Composición de Alimentos para harmonizar todos os datos dispoñibles polo Ministerio de Sanidade e Consumo, por distintos Centros Nacionais de Investigación e pola industria alimentaria. O obxectivo é que España poida integrarse no Proxecto EuroFIR (European Food Information Resource Network; Fontes Europeas de Información de Alimentos), a primeira fonte integrada de información europea sobre composición de alimentos. E o pasado mes de decembro a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) fixo a presentación inicial.

Estas bases de datos proporcionan información sobre a composición dos alimentos, normalmente para un país en particular. Entre outros compoñentes da dieta, indican os valores de enerxía e nutrientes (carbohidratos, proteínas, graxas, fibra, vitaminas e minerais) de cada un dos alimentos incluídos. Estes valores están baseados en análises químicas que se realizan en laboratorios analíticos ou son estimados a partir doutros datos. A unificación destes datos, primeiro por países e logo no ámbito europeo, fai posible aplicar criterios comúns na realización de estudos en aspectos nutricionais co máximo rigor científico e técnico.

Ademais, a partir destas bases de datos elabóranse en distintos formatos as chamadas Táboas de Composición de Alimentos, unha ferramenta elemental na avaliación nutricional dunha poboación ao longo da vida, tanto en situacións de saúde coma de enfermidade.

O ABC da Nutrición: Vitamina D

É unha vitamina liposoluble esencial para o mantemento da saúde ósea. A molécula precursora da vitamina D no organismo é o 7-dehidrocolesterol, incluída nos tecidos animais e nas plantas. Para se converter en provitamina precisa a acción do sol e, unha vez no ril, prodúcense as formas metabolicamente activas, o calcitriol (procedente de alimentos de orixe animal) e o ercalcitriol (que procede dos alimentos vexetais). As formas activas da vitamina D favorecen a absorción intestinal de calcio e estimulan a súa reabsorción renal, polo que, entre outras cousas, contribúen á mineralización e á saúde de ósos e dentes.

Consultorio

É certo que o leite produce flemas e empeora o exceso de mucosidade esta situación?

A asociación do consumo do leite de vaca co exceso de mucosidade é un tema moi debatido e para o que as investigacións dan resultados contraditorios. A revisión máis recente sobre este asunto realizouna a Unidade de Alergoloxía do Departamento de Dermatoloxía do Hospital Universitario B.W. en Zurich (Suíza), publicada no 2005 no Journal of the American College of Nutrition. Os autores non atopan probas científicas firmes que expliquen o mecanismo polo que aumenta a mucosidade tras o consumo de leite ou de lácteos e explícano como un proceso de suxestión. De feito, comprobouse en distintos estudos que as persoas que están convencidas da asociación entre leite e mucosidade amosan máis síntomas respiratorios e maior malestar causado por unha maior sensación de secreción.

É posible que a mestura dunha emulsión, como o leite coa saliva, poida explicar en parte esa sensación, xa que non se atoparon cambios significativos na función pulmonar e respiratoria antes e despois de tomar leite ou lácteos. En todo caso, as persoas con problemas respiratorios (ou asma) que evitan os lácteos terán que compensar con outros alimentos a posible falta de nutrientes que achegan estes alimentos, como o calcio e a vitamina D.

Altéranse os lactantes se as nais toman café?

A cafeína é unha substancia excitante e o abuso de café e doutras bebidas que a conteñan pode producir desacougo e insomnio nos bebés que toman leite materno. Nestes casos convén reducir o consumo destes alimentos e non superar os dous cafés suaves ao día e, no mellor dos casos, substituílo por descafeinado. Pódese repartir a cantidade dun café en dúas para facer as bebidas máis suaves no canto de tomar un forte. O tempo medio de metabolismo e permanencia da cafeína no organismo é de entre cinco a seis horas e elimínase polos ouriños. Por iso, convén afastar no tempo a toma de leite respecto ao consumo de café. Despois de tomalo pódese beber moita auga para aumentar a cantidade de ouriños e favorecer a eliminación da cafeína.

Amais do café, hai outros alimentos que conteñen substancias excitantes e que poden alterar o bebé. Téndese a pensar, por exemplo, que a teína é menos estimulante ca a cafeína, pero son substancias quimicamente moi similares e tamén pode prexudicar ao bebé. Amais dos refrescos de cola, hai outras bebidas, polo xeral refrescos, que conteñen cafeína, teína ou guaraná, compostos con efecto excitante e aos que convén renunciar nos meses de lactación.