O ovo

Mala fama inxustificada

Durante anos relacionouse indebidamente este alimento cun maior risco de sufrir doenzas cardiovasculares
1 Setembro de 2004

Mala fama inxustificada

Moitas xeracións medraron coa crenza de que o ovo é un alimento do que cómpre limitar o consumo. Ata hai ben pouco atribuíaselle -e algúns profesionais da medicina ségueno facendo- unha notable capacidade para aumentar os niveis de colesterol e mesmo un papel destacado na aparición de certas doenzas de fígado.

Pero a inxusta sona que arrastra este sabedor alimento é cousa do pasado. As conclusións de diversas investigacións científicas desenvolvidas na última década non deixan lugar a dúbidas: trátase dun alimento moi completo e saudable, de boa relación calidade-prezo e de excelentes calidades nutricionais. Ademais, o seu consumo é moi adecuado a tódalas idades. Aconséllanse entre 4 e 5 unidades á semana e neles atópanse as proteínas de maior valor biolóxico, máis completas mesmo cás da carne, o peixe ou os lácteos.

Un alimento cualificado de “excelente”

O ovo está formado por estruturas de diferente composición: clara, xema e casca. A clara supón o 57% do peso total e componse na súa maior parte por auga e proteínas. A xema constitúe o 31% do peso total e contén principalmente graxas e proteínas. O contido de calorías do ovo é da orde de 150 por cada 100 gramos de porción comestible.

Proteínas de alto valor biolóxico

As súas proteínas son de tal valor que se toman como patrón de referencia para determinar a calidade proteica doutros alimentos, dado que conteñen nunha proporción óptima tódolos aminoácidos esenciais que o noso organismo precisa. En concreto, achega 13 gramos de proteínas por cada 100 gramos.

Contido graxo “saudable”

A súa achega de graxas ou lípidos concéntrase na xema, nunha cantidade duns 11 gramos por cada 100 gramos de ovo. O máis salientable é que predominan os ácidos graxos insaturados (está presente o ácido graxo esencial linolénico) sobre os saturados. Unha relación saudable para o noso sistema cardiovascular aínda que o seu contido de colesterol sexa elevado, de 500 miligramos por cada 100 gramos. A xema contén, ademais, lecitina ou fosfatidilcolina e outros fosfolípidos, graxas que conteñen fósforo, con interesantes propiedades para a saúde. O certo é que o ovo é a mellor fonte dietética de colina. Este composto participa en múltiples reaccións metabólicas, está presente nas membranas celulares e nun neurotransmisor denominado acetilcolina. En humanos detectáronse carencias de colina que se asocian a alteracións hepáticas, de crecemento, infertilidade, hipertensión, perda de memoria e mesmo a un maior risco de cancro. Por iso, recentemente os expertos estableceron a recomendación para adultos dunha inxestión diaria de 550 e 425 miligramos de colina ó día en homes e mulleres respectivamente, e cantidades aínda maiores durante o embarazo e a lactación. Un ovo grande contén máis da metade da cantidade diaria recomendada de colina.

Fonte de vitaminas e minerais

Do ovo destacan as vitaminas liposolubles A, D, E e outras vitaminas hidrosolubles do grupo B (tiamina, riboflavina, B12). Ademais, están presentes minerais como ferro, fósforo, sodio (o ovo é un dos alimentos de orixe animal máis ricos neste mineral), cinc e selenio.

Rico en antioxidantes

O ovo é boa fonte de vitamina E, selenio, cinc e carotenoides (pigmentos que lle dan á xema a súa cor característica) como a luteína e a zeaxantina. Baixo estudos científicos demostrouse que os mencionados carotenoides contribúen a reducir o risco de aparición ou a progresión de cataratas. No tocante á luteína, constatouse que tamén exerce accións beneficiosas na prevención dos trastornos cardiovasculares.

Falsas crenzas sobre o ovo

O ovo e o colesterol

Durante anos organismos nacionais e internacionais relacionadas coa saúde e a nutrición estableceron guías nas que se restrinxía drasticamente o consumo de ovos dado o seu alto contido de colesterol: “non máis de tres xemas á semana”, “máximo dous ovos enteiros por semana…” eran algunhas das recomendacións para previr e tratar a hipercolesterolemia como factor de risco cardiovascular. Así e todo, segundo resultados de múltiples publicacións científicas actuais, aquelas recomendacións de consumo modificáronse. E é que o que en realidade incide en canto á dieta na colesterolemia ou niveis de colesterol en sangue é o balance entre as graxas insaturadas-saturadas e non tanto a inxestión de colesterol, tal e como se pensaba hai anos. Mesmo hai estudos recentes que poñen de manifesto que a inxestión dun ovo ó día non ten ningún efecto sobre os niveis de colesterol en sangue, dentro dunha dieta acorde ás necesidades individuais e confeccionada de maneira equilibrada. Hai tamén estudos que demostran que o alto contido de lecitina da xema xunto á relación “saudable” dos distintos tipos de graxa que presenta, provoca que a nivel intestinal a absorción de colesterol no noso organismo se vexa reducida.

O ovo e o fígado

A miúdo dise que os ovos son malos para o fígado, afirmación que carece de todo rigor científico. Si que é certo que cando alguén padece de pedras na vesícula biliar ou litiase biliar o seu consumo está contraindicado, xa que pode conducir a un cólico. Pero cómpre sinalar que nesta patoloxía fálase de “restrición de graxas en xeral”, e non só da procedente do ovo.

O ovo: un alimento moi versátil

Desde un simple ovo pasado por auga ata os suculentos ovos trufados, pasando pola saborosa crema pasteleira, a salsa maonesa ou a tortilla de patacas… a dieta mediterránea contou sempre con este alimento dada a versatilidade culinaria que ofrece e a súa importante achega nutricional. Este alimento goza de grande aprecio polo seu valor gastronómico, rapidez e sinxeleza de preparación. Préstase moi ben a unha chea de preparacións culinarias: á auga con casca (pasados por auga, mollets, duros), escalfado, fritido, á prancha, cocido, en tortilla, revolto… Só ou acompañado de todo tipo de alimentos, constitúe unha das materias primas que máis se emprega en repostería e a elaboración de salsas.

Precaucións fronte ó seu consumo

Coidado coa salmonelose

O consumo de ovos contaminados pode producir unha intoxicación coñecida como salmonelose que cursa con síntomas gastrointestinais, que se pode evitar seguindo unhas sinxelas normas de manipulación e conservación hixiénicas na casa.

Alerxia ó ovo

O ovo é un dos alimentos máis alerxénicos en nenos. Unha das proteínas da clara, en concreto a albumina, é a que ten maior capacidade alerxénica. Así e todo, a sensibilidade ó ovo pode ser tanto á clara coma á xema ou a ámbalas dúas. En caso de alerxia cómpre excluír totalmente da dieta o ovo, os seus derivados e os produtos que conteñan algún dos seus compoñentes.