Esteroles e estanoles / Froitos secos / Menú tipo para cando se toman antibióticos / Acedo linoleico conjugado / Tónica / Mermelada con fructosa e diabetes / Jamón serrano durante o embarazo

1 Decembro de 2007
Img alimentacion 2 listado

Esteroles e estanoles / Froitos secos / Menú tipo para cando se toman antibióticos / Acedo linoleico conjugado / Tónica / Mermelada con fructosa e diabetes / Jamón serrano durante o embarazo

Fálase de:

esterois e estanois

Son compostos químicos, tamén chamados fitoesterois, que forman parte da composición natural dun bo número de vexetais. Numerosos estudos demostraron que o consumo de entre 1 e 3 gramos de esterois ou estanois reduce o colesterol en sangue, xa que reducen parcialmente a súa absorción intestinal. Así e todo, tamén está comprobado que inxerir cantidades superiores aos tres gramos de esterois ou de estanois non produce unha maior diminución do colesterol e que, ademais, o consumo habitual e continuado de esterois e estanois engadidos reduce os niveis de betacaroteno plasmático, o que xera unha deficiencia nutritiva.

Por iso, regulouse a etiquetaxe dos produtos enriquecidos con fitoesterois por medio do Regulamento (CE) n°608/2004, xa que cada vez son máis os produtos que os incorporan (margarinas ou graxas amarelas para untar semellantes, iogures ou leites fermentados, aceites, leite) ou os autorizados pola Comisión Europea para o seu enriquecemento (salsas de aliño, salsas aromáticas, bebidas a base de leite, de froita ou de arroz, pan de centeo).

Para facilitar un uso axeitado, e para que o consumidor coñeza claramente como non superar a dose máxima recomendada, estes produtos débense presentar en porcións únicas que conteñan un máximo de tres gramos (porción de consumo diario). De non ser así, cómpre indicar claramente a cantidade que constitúe unha porción de alimento (en gramos ou mililitros), e mais a cantidade de esterois ou estanois vexetais por porción.

Polo seu particular efecto fisiolóxico, estes alimentos están destinados exclusivamente ás persoas que desexan reducir a súa colesterolemia. Quen estea a tomar medicamentos para tal fin só os debe consumir baixo supervisión médica. Non ten ningunha xustificación que os consuma quen non teñan problemas de colesterol, nin sequera como prevención. Ademais, o seu consumo non está xustificado durante o embarazo, a lactación e en nenos menores de cinco anos. Estas indicacións deben quedar reflectidas na etiqueta para coñecemento do consumidor.

O dato:

25

Son os gramos de froitos secos (peso neto, sen casca) considerados como unha porción de tales alimentos. Dende a Sociedade Española de Nutrición Comunitaria recoméndase consumir entre 1 e 5 porcións por semana de froitos secos ao natural, pola súa asociación coa prevención de enfermidades cardiovasculares.

Menú tipo para cando se toman antibióticos


  • Almorzo:
    Iogur con bífidus. Pan de avea, requeixo e mel. Zume de arandos.
  • Xantar: Sándwich mixto. Té con limón.
  • Comida: Alcachofas con espárragos salteadas con xamón. Coello con pataca cocida e alioli (allo e aceite). Pan integral e pera.
  • Merenda: Iogur con bífidus e muesli.
  • Cea: Crema de cabaza e porro. Tortilla de cebola. Pan integral e plátano. Iogur con bífidus.


O consello:
Os antibióticos máis usados son de amplo espectro, é dicir, combaten todo tipo de bacterias, incluídas as bacterias beneficiosas do intestino (Bífidus e Lactobacilus), e por iso é frecuente a diarrea logo de tomar antibióticos. O consello é tomar alimentos que reforcen a flora beneficiosa, como iogures con bífidus (2-3 ao día) e alimentos prebióticos, os que conteñen substancias que nutren as bifidobacterias (subliñados no menú).

O abc da nutrición:

Ácido linoleico conxugado (ACL ou CLA, as súas siglas en inglés)
O ácido linoleico, e, en particular, algún dos seus isómeros (distintas disposicións dos átomos na mesma molécula pero sempre coa mesma fórmula), está a espertar o interese da industria alimentaria polos seus efectos sobre o control de graxa corporal e, en paralelo, polo beneficio potencial sobre o control de peso. En condicións naturais é posible atopalo na carne, sobre todo de vacún e de ovino, e no leite e noutras secrecións de ruminantes. En todos eles se forma predominantemente ácido ruménico (un isómero CLA), por acción da bacteria do rume Butyrivibrio fibrisolvens sobre o ácido linoleico. Tamén conteñen este composto os aceites vexetais de millo, soia e xirasol. No organismo humano prodúcese, pero en pequena cantidade. Parece ser que é o isómero cis9-trans11 CLA o que esperta maior interese polos seus efectos sobre o organismo. Diversos estudos suxeriron o efecto beneficioso destes ácidos para reducir a graxa corporal, o que levou a que a industria os engadise en diversos alimentos. Observouse que persoas con sobrepeso que consumiron leite enriquecido con CLA reduciron un 3% a súa masa graxa corporal, se ben non se advirten variacións no seu peso. Con todo, os estudos sobre as supostas virtudes do CLA (segundo o isómero empregado) non son concluíntes. Mesmo se observaron efectos negativos por aumentar a concentración de glicosa e insulina en sangue tras o consumo de alimentos enriquecidos no CLA (isómero trans10-cis 12), o que obriga a esperar a máis investigacións para coñecer con exactitude os efectos destes compostos.

Consultorio nutricional

Podo tomar tónica no canto de refresco se sigo unha dieta baixa en calorías?

A tónica, ao ter un lixeiro sabor amargo, pode parecer que non ten azucres. Pero non é así, contenos e ademais nunha cantidade similar á de calquera refresco. Unha lata de tónica de 330 mililitros leva engadidos 30 gramos de azucres, equivalente a tres sobres de azucre, o que se traduce nunhas 120 quilocalorías por lata. Para que tomar este refresco non supoña un engadido extra de quilocalorías á dieta de adelgazamento, a solución pasa por tomar tónica light, cada vez máis comercializada. Nesta nova formulación os azucres substitúense por edulcorantes non caloríficos (sacarina, ciclamato) e a achega enerxética é irrelevante.

É mellor tomar marmelada con frutosa en caso de diabete?

As marmeladas con frutosa son máis axeitadas ca as convencionais para as persoas con diabete. As primeiras levan engadida frutosa, o azucre natural das froitas, mentres que ás segundas se lles suma sacarosa, o azucre de mesa. A frutosa é un tipo de azucre que non segue a mesma ruta metabólica ca a glicosa. Absórbese axiña no organismo e non causa cambios bruscos nos niveis de glicosa en sangue. Presenta a vantaxe adicional de que non estimula a secreción de insulina. Non obstante, as quilocalorías do azucre e da frutosa son as mesmas, polo que o valor enerxético de ambas as dúas marmeladas é similar, algo que deben contemplar as persoas que, amais de diabete, padecen sobrepeso.

Por que moitas mulleres non poden comer xamón montañés durante o embarazo?

Comer alimentos crus como o xamón aumenta o risco de contraer toxoplasmose, infección causada polo parasito Toxoplasma gondii. Este parasito inactívase coa calor, ao redor dos 72 ºC. Calquera alimento, por motivos de seguridade, debe alcanzar esta temperatura no seu interior. En calquera caso, as consecuencias dunha eventual infección para a muller embarazada non adoitan revestir gravidade, pero si poden ser notablemente graves para o futuro bebé segundo o período do embarazo no que se infecte. Canto máis preto do inicio do embarazo, máis graves son as consecuencias para o feto, xa que pode nacer con atraso mental ou con problemas auditivos. A infección tamén pode dar lugar a aborto espontáneo.