Fast-food

Comida rápida saudable?

Os establecementos de comida rápida enriqueceron a súa oferta con alternativas menos caloríficas, aínda que non sempre máis saudables
1 Decembro de 2009
Img alimentacion listado 615

Comida rápida saudable?

Un prato de ensalada, unha hamburguesa vexetariana, un zume natural, croquetas e unha hamburguesa con porción extra de touciño entrefebrado e queixo acaparan o mostrador dun establecemento de comida rápida. Á primeira vista o cliente sorpréndese de como mudou o menú en poucos anos -ata hai ben pouco tempo non era posible comer vexetais e froitas nestes lugares-. Decidido a comer unha hamburguesa dende que entrou pola porta, enfróntase a un dilema imprevisto. Faino porque trata de controlarse para non caer na tentación de comer mal. Non obstante, finalmente elixe a hamburguesa con extra de touciño entrefebrado e queixo. Este non é un comportamento illado. De acordo aos resultados dunha nova investigación estadounidense, a simple presenza de alimentos saudables pode contribuír a que unha persoa elixa precisamente as opcións menos axeitadas. Son os paradoxos da psicoloxía alimentaria.

Este dato reflíctese nun estudo publicado o pasado mes de outubro na revista Journal of Consumer Research. A investigación revela que a tendencia de elixir o prato menos saudable se acentúa cando á oferta culinaria se engaden alternativas máis axeitadas para a saúde do consumidor. Segundo os seus autores, a visión de ensaladas, froitas ou zumes diminúe o sentimento de culpa por adquirir calquera prato cualificado de comida lixo.

Ante os resultados do informe, os autores da análise suxiren que algúns dos esforzos para controlar e para mellorar a alimentación entre a poboación poden resultar contraproducentes. Por iso, convidan a analizar polo miúdo o impacto das mudanzas no comportamento alimentario. Así e todo, a meta segue a ser concienciar a sociedade de que a comida rápida incide no desenvolvemento da obesidade pola alta densidade enerxética, polo gran tamaño das porcións e polo baixo prezo do produto, que anima a consumilo a miúdo. Este efecto non diminuíu, malia a inclusión de menús, en aparencia, máis equilibrados.

Opcións saudables, só en aparencia

Ensaladas variadas, macedonia de froita fresca, zumes de froitas e bebidas light son os protagonistas entre o número cada vez maior de alternativas dietéticas equilibradas dos fast-food. Así e todo, a súa aparencia saudable dilúese entre os ingredientes extra que se engaden, salsas e cremas de acompañamento que maquillan a intención de comer un prato saudable.

As ensaladas

A oferta dos establecementos de comida rápida inclúe ensaladas, pero tamén suxire aliñalas coas súas xenuínas salsas e aderezos, o que converte a lixeira ensalada nun prato moi enerxético. A inclusión de queixo, touciño entrefebrado, tiras de polo frixidas, dados de pan frixidos (picatostes) ou nachos supón un aumento notable das calorías do prato e das graxas. Unha ensalada de leituga, millo, tomates cherry e cogombro contén por porción arredor de 55 calorías (sen contar o aliño); se se engade vinagreta de iogur, suma unhas 90 calorías máis. A mesma ensalada con tiras de polo crocante é 5 veces máis calorífica (260 calorías) ca a orixinal, mentres que a que se elabora con tiras de polo á grella (no canto de rebozadas e frixidas) rexistra unha achega enerxética intermedia (145 calorías).

As sobremesas

En numerosos restaurantes de comida rápida ofrécense froitas toradas (en macedonia ou espeto) ou iogur, pero se se acompaña con caramelo, xarope ou fondue de chocolate, complementos ao alcance do cliente para que sirva a cantidade que desexe, o valor nutritivo modifícase. Se se opta por sobremesas máis doces como brownies, profiterois, trufas, tortas, biscoitos, filloas e xeados, o valor enerxético é maior. E se ademais se combinan varias propostas o resultado aínda é peor. Das xa 355 calorías que proporciona unha porción de brownie de chocolate, pasa ás 411 se leva unha porción de xeado. Se ao xeado de vainilla que achega 257 calorías se lle engade xarope de chocolate, auméntase en 61 calorías unha sobremesa xa de por si moi calorífica.

As bebidas light

A diferenza en calorías entre un refresco pequeno (300 ml, 126-156 calorías) e o grande (500 ml, 210-260 calorías) é considerable. A vantaxe que ofrecen as bebidas refrescantes light é que o valor enerxético é cero, con independencia do tamaño. Agora ben, o consumo continuado de refrescos non é saudable: os de cola conteñen ácido fosfórico e, en exceso, provocan un efecto desmineralizante do óso; a acidez e o alto contido en azucres dos refrescos, tamén dos zumes, deterioran o esmalte e favorecen a carie; as bebidas con gas asócianse a episodios de aerofaxia, acumulación de gases no estómago e no intestino, o que dificulta a dixestión; e se conteñen cafeína, poden resultar excitantes e acentúan a ansiedade e o insomnio.

O tamaño das racións

É habitual a imaxe dun cliente que pide unha hamburguesa a quen o camareiro lle pregunta se desexa outra de tamaño maior por só 1 euro máis. Dicir que si supón unha achega extra de 200-400 calorías que, sumada ao resto do menú, pode ascender ata 1.500 calorías, máis da metade da inxestión enerxética recomendada para unha persoa adulta en todo un día.

Nos Estados Unidos, en cuestión de 20 anos, unha porción dun refresco aumentou 260,78 gramos, as hamburguesas 50 gramos, os aperitivos salgados 23 gramos, e as patacas frixidas, 120 gramos. Foi a finais dos anos 80 cando unha recoñecida cadea de restauración comercializou, primeiro nos EEUU e anos despois en España, o tamaño “super size” para os refrescos e as patacas frixidas. Esta sobredimensión invadiu todos os segmentos da industria alimentaria e chegou ao noso país. Nestes momentos a experta mundial en nutrición Lisa Young advirte de que un cartón de flocos de millo é grande abondo como para alimentar a toda unha fila de persoas no cine. Aínda resulta máis sorprendente que os repousacuncas dos coches americanos se fabricasen cun tamaño superior para suxeitaren as bebidas xigantes de un ou dous litros. O tamaño mediano actual equivale ao tamaño grande de hai unhas décadas, pero o cliente non paga moito máis por este aumento. Non obstante, o exceso de comida cóbrase o seu prezo, non en cartos, pero si na saúde do consumidor.

Son numerosos os estudos que amosan que canto maior é a dispoñibilidade de adquirir alimentos e maior é a porción, máis se come, e non sempre se é consciente desta conduta. Unha persoa non sente en xeral moito reparo en comer unha madalena tipo muffin de camiño á casa ou ao traballo, pero pensaríao dúas veces antes de comer as cinco rebandas de pan ás que equivale. Outro exemplo claro de comer sen sentido é a comida que se fai nun establecemento tipa bufete; os almorzos, comidas e ceas consumidos nestes lugares distan moito da cantidade de alimentos que habitualmente se comen na casa.

Calorías, á carta, elemento disuasorio?

No 2006 o Departamento de Saúde de Nova York redactou un documento que lles esixía ás cadeas de restaurantes que incluísen dun xeito claro e conciso as calorías de todos os pratos dos seus menús. Dous anos despois púxose en marcha unha versión revisada como unha estratexia máis deste departamento no seu compromiso por reducir as taxas de obesidade da cidade. As autoridades sanitarias xustifican esta proposta ante os resultados de estudos que avalan a utilidade desta medida. Segundo os seus promotores, axuda a aumentar a conciencia sobre o que se come e fai que se consuma un 15% menos de calorías. Agora ben, os autores do informe publicado no Journal of Consumer Research non o teñen tan claro. Aseguran que é maior a propensión das persoas a subestimar o contido energético dos pratos principias e gornicións nos restaurantes que informan das ofertas saudables respecto aos establecementos que non fan esa alusión.