Comer verduras / Menú tipo para persoas fumadoras / Nutrición ortomolecular / Zume de laranxa / Latas / Bebidas isotónicas

1 Xullo de 2007

Comer verduras / Menú tipo para persoas fumadoras / Nutrición ortomolecular / Zume de laranxa / Latas / Bebidas isotónicas

5 claves para… comer verduras a gusto e a diario

/imgs/20070701/img.alimentacion.01.jpg

  • Imaxinación no prato ou creatividade na cociña. Repetir a mesma verdura cociñada sempre igual resulta aburrido. Busque as verduras de tempada, que lle gusten e que sexan vistosas, combine cores, texturas, alimentos e sabores, e a receita será máis apetitosa. Comemos polos ollos. Espinacas salteadas con crema de gambas; ensalada con leitugas variadas, marmeleiro, salmón e queixo; ensalada de cogomelos e xamón con crema de iogur ou porros rebozados sobre gaspacho claro son algunhas das máis de 350 receitas de ensaladas e verduras, ricas e suxestivas, que atopará en www.consumer.es/alimentación.
  • Aproveitar o que sobra. A verdura que quedou do mediodía pódese empregar para elaborar outros pratos distintos. É a forma intelixente de aproveitar o que sobra. Por exemplo, revolto de feixóns verdes e xamón, feixóns verdes con salsa de sésamo, feixóns verdes con pirixel e limón, ensaladiña rusa con feixóns verdes, espaguetes con feixóns verdes e piñóns…
  • Verduras sempre dispoñibles. Bote man das verduras conxeladas, as conservas e os pratos de verduras e ensaladas preparadas e listas para comer cando non lle sexa posible adquirir os produtos frescos.
  • Verduras ata na sopa. Engada anacos de hortalizas aos guisos de carne e de peixe, e utilice os purés de verduras para dar máis consistencia e sabor aos caldos e as sopas. Animámolo a que probe as seguintes receitas: albóndegas de tenreira e champiñóns con salsa de cenoria; polo con salsa de berenxenas; sopa de fideos con crema de champiñóns…
  • Sobremesa con verduras. Aínda que non é o habitual nin ao que estamos afeitos, hai receitarios que inclúen sobremesas de hortalizas. O biscoito ou a torta de cenoria e os bocadiños doces de cabaza son algúns deles.

Menú tipo para persoas fumadoras, rico en antioxidantes

  • /imgs/20070701/img.alimentacion.03.jpgAlmorzo:
    Un zume de dúas laranxas e un limón. Té ou infusión. Pan de cereais con toros de tomate, aceite de oliva virxe extra e xamón montañés.
  • Xantar
    Sándwich vexetal con queixo fresco. Auga.
  • Comida
    Garavanzos con arroz integral, tomate, leitugas, champiñóns e piñóns, en ensalada.
    Peituga de polo á grella con cebola refogada. Pan e melón ou sandía.
  • Merenda:
    Té frío ao limón. Macedonia de froitas de tempada e froitos secos.
  • Cea
    Sopa de cenoria e fideos. Bonito con tomate. Pan e iogur.

O truco:

Elixir os alimentos que melloren a circulación e a osixenación do sangue, e que axuden a depurar o organismo. Para iso hai que incluír no menú os vexetais máis coloridos pola súa riqueza en antioxidantes: licopeno do tomate e da sandía; vitamina C dos cítricos e o melón; betacaroteno das cenorias e froitas de cor laranxa, amarelo ou vermello intenso.

Fálase de… Nutrición ortomolecular

A Nutrición Ortomolecular estuda a nutrición celular, é dicir, a achega axeitada de nutrientes dos alimentos ás células, co obxectivo de que todas as células que forman os nosos órganos e tecidos funcionen o mellor posible. O resultado do noso benestar ou malestar non só depende do que comemos, tamén depende de se o noso intestino absorbe os nutrientes dos alimentos e en qué medida as nosas células aproveitan cada nutriente. A Nutrición Ortomolecular analiza os síntomas que ten a persoa, que aínda que non son enfermidade si reducen a súa calidade e ritmo de vida, co fin de identificar as posibles deficiencias bioquímicas e determinar as cantidades óptimas de nutrientes para cada individuo e en cada momento. Isto permite que a persoa recupere o seu benestar cando desintoxica o seu organismo, que mellore a súa circulación sanguínea, equilibre os seus niveis de glicemia, hidrate o seu organismo ou recupere a saúde do seu intestino.

Consultorio de nutrición

Séntame mal tomar zume de laranxa en xaxún

A algunhas persoas, un zume de laranxa en xaxún non lles senta ben. Lonxe de axudarlles a comezar ben a xornada, pódelles causar náuseas, molestias e incomodidade abdominal. A causa destes síntomas áchase no baleirado brusco da vesícula biliar que xera a laranxa. Estas molestias non revisten maior gravidade, aínda que si explican o temor de moitas persoas a tomar o zume de laranxa en xaxún. O malestar evítase se se toma este alimento xunto coas comidas.

¿Por que as latas ou os botes de anchoas se gardan nas cámaras e as de sardiñas e atún, non?

O proceso de elaboración das anchoas é distinto ao das sardiñas ou o atún. No caso das anchoas, trátase dunha semiconserva: as anchoas crúas e sen cabeza son maduradas en sal, despois envásanse en recipientes impermeables e cóbrense de aceite sen que interveña a calor en ningún momento, a diferencia do que sucede coas conservas. De aí que, para a súa axeitada conservación, sexa necesario manter a cadea de frío, e se teñan que conservar a temperaturas entre 5 e 12 graos, que é a temperatura das cámaras frigoríficas. Isto explica que as latas ou os botes de anchoas estean nas cámaras das tendas, mentres que as de sardiñas e atún estean expostas nos estantes.

¿Hai que tomar bebidas isotónicas sempre que se fai deporte?

Se se fai deporte de forma moderada ou intensa e o exercicio se prolonga máis de 90 minutos, é recomendable suplir os líquidos e os electrólitos que se perden pola suor. Esta función fana as bebidas isotónicas que se venden en supermercados ou en tendas especializadas de nutrición deportiva. Non obstante, os mesmos nutrientes pódense conseguir elaborando un soro caseiro, que se converte nunha bebida isotónica se se coñecen perfectamente os ingredientes: un litro de auga fervida, unha culler de sobremesa de bicarbonato sódico, dúas culleradas sopeiras rasas de azucre, unha culleriña das do café de sal e o zume de un ou dous limóns, segundo o tamaño. De todos os xeitos, se a duración e a intensidade do exercicio non son fortes, chega con beber auga para rehidratar o organismo.