Coidado da pel

Auga, vitaminas e minerais, aliados da pel

A pel renóvase constantemente, polo que require unha achega incesante de nutrientes
1 Xullo de 2003
Img alimentacion listado 225

Auga, vitaminas e minerais, aliados da pel

Mante-la pel en bo estado non só depende de factores hereditarios ou de non sufrir alteracións cutáneas como dermatite, psoríase ou semellantes. Boa parte do seu aspecto obedece directamente ós coidados que lle dispensamos. Entre o que cómpre evitar destacan a exposición ó sol sen protección, o aire acondicionado, o tabaco, a contaminación ambiental ou un estilo de vida pouco axeitado (mala alimentación, sedentarismo, fatiga emocional…). Pola contra, unha dieta e un estilo de vida equilibrados serán grandes aliados para que luza sa. Amais da auga, as vitaminas (como a A, B, C e E) non deben faltar na nosa alimentación e o mesmo se pode dicir de minerais como o selenio, o cinc ou o ferro.

Alteracións na pel

A pel anóvase constantemente: mudámo-la nosa pel cada 28 días. Calcúlase que unha persoa produce uns cen quilos de células de epiderme ó longo da súa vida. Esa permanente renovación require unha achega continuada de nutrientes, pois son esenciais para a pel e o seu déficit na dieta ocasiona alteracións no seu crecemento e aparencia. Polo tanto, unha alimentación que asegure a achega correcta de todos eles contribúe a mantela en perfecto estado de saúde, a previr ou a diminuí-las engurras en boa medida e a mante-la frescura do cute.

A auga, fundamental

A hidratación, tan precisa para a pel, conséguese mediante a auga dos alimentos que inxerimos e a auga de bebida. Nas máis das verduras e das froitas, máis de 90 gramos por cada 100 gramos de producto son auga, polo que é interesante incluír estes alimentos na dieta, xa que así inxerimos, case sen nos decatar, boa parte da auga que precisamos. Cómpre non esquecermos que debemos tomar a cotío preto de 1,3 litros de auga e doutros líquidos para equilibra-las perdas e mante-lo nivel adecuado de hidratación. Deste xeito, a pel mantense perfectamente hidratada e elimínanse máis doadamente as toxinas que a prexudican.

¿Que alimentos y nutrientes necesita a pel?

Alimentos graxos

Subministran nutrientes imprescindibles para manter unha pel ben estructurada e tersa.

¿Onde se atopan?

  • Ácidos graxos monoinsaturados: no aceite de oliva e no aguacate.
  • Ácidos graxospoliinsaturados: en aceites de sementes, de froitos secos oleaxinosos e no peixe (sobre todo no azul).
  • Vitamina E: en aceites vexetais e nos froitos secos, no xerme de trigo, no aceite de onagra ou prímula, no xerme de cereais ou cereais integrais e nalgúns vexetais de folla verde. A vitamina E, de acción antioxidante, neutraliza a acción daniña dos radicais libres, que no verán aumentan debido ós raios solares e que son unha das causas das denominadas “manchas do avellentamento”.

Froitas e verduras

¿Que achegan e onde se atopan?

  • Pro-vitamina A ou beta-caroteno:transfórmase en vitamina A no noso organismo a medida que este o precisa e posúe, ademais, acción antioxidante. Abunda en verduras de folla verde e de coloración vermella, alaranxada ou amarelada (cenoria, cabaza…) e en certas froitas (albaricoques, cereixas, melón, pexego, nectarinas…).
  • Vitamina A: presente só nos alimentos de orixe vexetal, como fígado, graxas lácteas (nata e manteiga), xema de ovo e lácteos completos. Exerce un papel esencial na renovación da pel e das mucosas.
  • Licopeno: es un é un pigmento antioxidante que lle confire a súa cor característica ó tomate e que tamén está presente na polpa da mazá, do albaricoque, da sandía, da papaia e do pomelo rosado.
  • Vitamina C: de potente acción antioxidante e relacionada coa producción de coláxeno; proteína que mantén a pel tersa e sen engurras. O mellor xeito de incorporar esta vitamina é a través de froitas e de verduras frescas, en ensaladas, por exemplo. Abunda en: pementos, kiwi, cítricos, melón, amorodos, amoras, froitas tropicais, col, tomate…

Vexetais e alimentos de orixe animal

Conteñen vitaminas, minerais e proteínas, entre outros nutrientes, precisos para mante-la saúde da pel.

Vitaminas do grupo B

Interveñen no bo estado da pel e nos procesos de anovamento celular.Aparecen na maioría dos alimentos de orixe vexetal: verduras, froita fresca, froitos secos, cereais, legumes, lévedo de cervexa, e nos de orixe animal: carne e vísceras, peixe e marisco, ovos e lácteos.

¿Onde atopalas?

  • Ácido fólico ou vitamina B9: está relacionada co anovamento celular e atópase maioritariamente na verdura de folla verde, nos legumes verdes, en moitas froitas, nos cereais de almorzo enriquecidos, no fígado e no lévedo de cervexa.
  • Vitamina B2 ou riboflavina: actúa contra a seborrea. Atópase no leite e nos seus derivados (iogur, queixo…), nos ovos, nas carnes, nos peixes, no fígado, nos legumes e nos froitos secos (améndoas, noces…).
  • Vitamina B3 ou niacina: participa na síntese da queratina. Atópase en: carnes, peixes, vísceras e cereais integrais e froitas desecadas (pexego, pelas secas de pexego, figos, dátiles, etc.).
  • Vitamina B5 ou ácido pantoténico: desenvolve un papel destacado na saúde da pel. Está amplamente distribuído na natureza e é moi raro que xurda unha carencia.
  • Vitamina B6 ou piridoxina: está relacionada co metabolismo correcto do cinc, mineral que forma parte da epiderme. Abunda en: peixes azuis, carnes, ovos, froitos secos, cereais integrais, plátano, espinacas, lévedo de cervexa e xerme de trigo.

Minerais

¿Cales son os máis salientables?

  • Selenio: mineral con acción antioxidante, relacionado cun menor risco de aparición de certos tumores, entre eles o de pel ou melanoma. Atópase en: carne, peixe, marisco, cereais, ovos, froitas e verduras.
  • Cinc: forma parte da nosa epiderme e está presente nos seguintes alimentos: carnes, vísceras, peixe, ovos, cereais integrais e legumes.
  • Hierro: o seu déficit adoita se-la causa de que a pel estea pálida pola diminución da hemoglobina (transportador de osíxeno e de anhídrido carbónico en sangue) circulante. Atópase en: vísceras, carnes, peixes e ovos, lévedo de cervexa, froitos secos e desecados, cereais de almorzo, legumes e verduras de folla verde. No ovo e nos alimentos de orixe vexetal atópase na súa forma química non hemo, de aproveitamento máis baixo para o organismo, se ben os alimentos ricos en vitamina C aumentan o seu grao de absorción.
  • Azufre: un mineral indispensable na síntese de queratina e que tamén exerce unha acción antiseborreica. Abunda en: ovos, leite e derivados, cereais integrais, lévedo de cervexa.

Proteínas

Son constituíntes básicos da pel.

¿Onde atopalas?

  • Unha inxestión axeitada de carnes, peixe, ovos e dos seus derivados e de lácteos, e mais de legumes, cereais e froitos secos, consonte ós criterios de dieta equilibrada, resulta fundamental para o anovamento e o bo aspecto da nosa pel.