Acabado de saír do forno ou da neveira

O pan é un dos alimentos máis saudables co que comezar o día, por riba doutras opcións menos recomendables como bolos, cereais azucrados, doces e galletas
1 Marzo de 2012
Img alimentacion 2 listado 171

Acabado de saír do forno ou da neveira

Os nenos cedéronlles o paso aos pais en protagonizar a responsabilidade de levar “o pan debaixo do brazo”. De ser polos máis pequenos, os doces, a bolería industrial e os alimentos salgados en exceso comporían o seu almorzo, mais ningún é tan saudable como o pan. O almorzo é unha das comidas máis importantes do día e debe achegar entre o 20 e o 25% do total de calorías diarias. Por iso, recuperar un alimento clásico como o pan é unha iniciativa recomendable para comezar a xornada cunha boa dose de carbohidratos complexos. O obxectivo é que o pan, mellor natural, sexa o protagonista dos almorzos, en substitución doutras eleccións menos saudables como as galletas, os bolos, os biscoitos (incluídos os caseiros), as madalenas e outros produtos similares de repostería. Ademais, coa combinación de distintos tipos de pans e de ingredientes para o recheo, pódense idear almorzos para todos os gustos e necesidades: lixeiro, para deportistas, enerxético, rico en calcio, en fibra, proteico ou vexetariano. A meta é conformar novas propostas de almorzos saudables.

Almorzos para todos os gustos e necesidades

A elección duns alimentos ou doutros no almorzo é determinante porque marca a diferenza entre un almorzo elaborado con pan lixeiro e idóneo para as dietas de adelgazamento ou un almorzo rico en fibra en caso de estrinximento, moi proteico co fin de manter ou fortalecer o músculo ou vexetariano ou enerxético cando o exercicio físico que se practica ou o traballo o esixe. Tan importante como elixir o tipo de pan, é facer o mesmo co acompañamento.

  • O almorzo saudable de toda a vida. As sopas de pan mollado no leite e café constituíron o legado e a tradición de moitas familias durante varias xeracións. Os actuais cereais de almorzo son unha versión moderna das sopas matutinas que comían os nosos avós, na súa maioría máis naturais e saudables, se se ten en conta que moitos cereais de almorzo son un concentrado de azucres, sal ou graxas. Estes nutrientes desvirtúan o valor nutricional dun alimento que, en esencia, podería ser moi natural e saudable. Por iso, unha aposta sa é compartir cos fillos esta alternativa de almorzo durante varios días por semana. Para darlle máis gusto, abonda con cambiar os pans, escollelos con pasas, con froitos secos, con pebidas de chocolate ou adozalos cun chisco de mel. Non importa que o pan sexa do día antes ou que estea reseso por levar un par de días na casa, xa que se pode mollar no leite.
  • Almorzos lixeiros. Tomar pan no almorzo é compatible con seguir unha dieta controlada en calorías. A clave está en ser comedido coa cantidade (un par de rebandas ou un cacho de catro dedos de grosor) e cos acompañamentos do pan. O valor engadido é seleccionar pans ricos en fibra, que sacian máis a igualdade de peso, como o pan integral, de varios cereais, de centeo ou farelo. Como combinación, un día pódese pintar de queixo fresco, só ou adozado cun chisco de mel ou de marmelada, untado con tomate ou acompañado cunhas pingas de aceite de oliva virxe.
  • Sans para o corazón. Pódese optar por pan torrado con aceite de oliva virxe, untado con tomate natural, acompañado cunhas rebandas finas de xamón ibérico ou peixes en conserva, ricos en omega 3, que melloran de xeito substancial a calidade nutricional e o perfil de graxas dos almorzos. Un bocadillo san pola calidade das graxas dos seus ingredientes (agás para hipertensos) é o de pan integral vexetal con paleta ibérica e anchoas ou a torrada de pan con allo, tomate, atún e anchoas. Tamén destacan outras alternativas menos elaboradas e tamén gustosas, como a tosta de pan torrado con bonito ou atún, con atún e verduras asadas ou salteadas que sobraran o día anterior ou de mestura de atún e sardiñas (habería que quitar o queixo das receitas anteriores e non engadir sal). Caberían nesta listaxe de almorzos cardiosaudables os pans lixeiramente untados con margarina 100% vexetal, os de noces ou de froitos secos ou, se non se atopan estas variedades de pans, pódese facer a combinación caseira: un anaco de pan acompañado de 5 noces ou dunha manchea de abelás.
  • Gran dose de enerxía e vitalidade. Se o traballo matutino esixe moita concentración, precisión nos movementos, atención visual ou un esforzo físico importante, convén ser máis exquisitos co pan. Os pans máis naturais, elaborados con fermento nai e enfornados en forno de leña, teñen máis consistencia e proporcionan en pequeno volume unha gran dose de enerxía. Outras versións máis modernas tamén interesantes para variar os almorzos son os pans de muesli ou de pasas. Unha proposta cun resultado moi saboroso e enerxético é o pan torrado untado con mel ou melaza e con tahini (crema de sésamo).
  • Vexetarianos. Amais de pensar en pans integrais ou con variedade de cereais, o recheo daralle un toque saboroso e orixinal ao almorzo. Se che apetece almorzar doce, pódese pintar o pan con mel, melaza de cereais, un pouco de marmelada caseira ou natural ou cunha compota. Se se prefire comezar o día cun almorzo vexetariano salgado, pódese acompañar o pan cos restos de verduras asadas ao forno ou á prancha, duns cogomelos ao allo… Quen admita o queixo, pode cubrir as verduras cunha rebanda fina de queixo e gratinalas, ou usar tofu no seu lugar. O tofu é un bo recurso para complementar o almorzo con proteínas, como a receita de pan con tomate e paté de tofu ou a de pan untado con paté de tofu e noces.
  • Plus de proteínas dende o almorzo. Nos deportes ou traballos que esixen un maior esforzo físico e muscular respóndese mellor se se inclúe no almorzo unha porción ou parte de proteínas de alto valor biolóxico. Atopamos estes nutrientes en alimentos de orixe animal tipo xamón ibérico, ovos ou tortillas, atún, bonito, anchoas ou sardiñas. Un sándwich mixto de xamón e queixo, un bocadillo de tortilla francesa quente ou con restos da tortilla de pataca da cea, un sándwich vexetal con xamón york e tortilla, un ovo duro dentro do sándwich vexetal ou mixto, uns emparedados de ovo, un bocadillo con peituga de polo asada ou á prancha son algunhas propostas.