Dieta equilibrada

A alimentación debémola coidar sempre, non só cara ó verán

A medida que o verán se achega, a obsesión por perder peso co fin de mellora-lo noso aspecto físico e lucir unha silueta apolínea volve instalarse en moitos de nós
1 Xullo de 2000

A alimentación debémola coidar sempre, non só cara ó verán

Para reduci-los quilos de máis recórrese ás máis variadas dietas, que na maioría dos casos non superarían un exame nutricional. Os especialistas consideran que unha alimentación é desequilibrada cando non proporciona en cantidade abonda a enerxía e nutrientes (hidratos de carbono, proteínas, lípidos ou graxas, vitaminas e sales minerais) que o organismo require diariamente para cumpri-las súas funcións vitais e desenvolver un ritmo de vida normal. Cómpre lembrar, por moi repetitivo que soe, que para manter un peso estable e axeitado non é eficaz, nin apropiado para a saúde, preocuparse da alimentación só durante os dous meses previos ó verán. Debémonos esforzar e adquirir hábitos correctos que manteremos durante todo o ano, procurando seguir un padrón equilibrado de alimentación e uns hábitos de vida saudables.

O corpo humano precisa combustible

A cantidade de enerxía que o noso corpo emprega cada día satisfai dúas necesidades: a actividade física e o metabolismo basal ou enerxía precisa para mante-las funcións vitais do organismo en repouso, entre as que salientarémo-lo bombeo de sangue, a respiración, o mantemento da temperatura corporal, a función renal e o ton nervioso. O mantemento destas funcións representa o 70% do total das necesidades cotiás, un gasto moi elevado para sinxelamente manterse vivo. Unha equivalencia deste gasto de enerxía pode atoparse nun coche co motor en marcha, pero estacionado. Polo tanto, para non compromete-lo correcto funcionamento orgánico é imprescindible inxerir a cotío unha cantidade mínima de alimentos. Ora ben, as necesidades enerxéticas varían dunhas persoas a outras e, como consecuencia, os alimentos requiridos tamén serán diferentes.

As variacións débense a características individuais coma o sexo, idade (o metabolismo basal diminúe a medida que aumenta a idade), situacións especiais coma o crecemento (infancia e adolescencia), embarazo ou lactación, grao de actividade física, etc.

En resumo, a enerxía que proporcionan os alimentos que constitúen a dieta debe ser semellante ó gasto de cada persoa para que poida manter estable o seu peso corporal. Se non, atoparémonos coa obesidade (o máis frecuente) ou coa nutrición deficitaria.

Mixta e equilibrada

Unha boa nutrición esixe que a alimentación sexa mixta e equilibrada. Mixta, xa que debe incluír alimentos de tódolos grupos, debido a que ningún alimento é nutricionalmente completo. Equilibrada, porque a enerxía debe repartirse de maneira proporcionada entre os distintos nutrientes: o 12%-15% do valor calórico total da dieta procedente das proteínas, o 30%-33% das graxas e o 50%-55% dos hidratos de carbono.

Deste xeito é máis doado acada-los seguintes obxectivos: evita-los excesos e os déficits de nutrientes e enerxía, manter un peso axeitado ás características persoais, e previr ou reduci-lo risco de aparición e desenvolvemento de enfermidades relacionadas coa nutrición, como problemas do corazón, colesterol elevado, diabete, hipertensión, obesidade, trastornos da conducta alimentaria como a anorexia e a bulimia nerviosas e mesmo certos tipos de cancro.

Os nutrientes e as súas funcións

Os nutrientes e as súas funcións. Para que estas funcións orgánicas se desenvolvan con normalidade precísanse substancias aproveitables dos alimentos. Son os nutrientes, que desenvolven funcións moi diversas:

  • Proporcionan enerxía para realiza-las funcións vitais e o movemento muscular. Os principais nutrientes fonte de enerxía son os hidratos de carbono (a gasolina do coche) e as graxas ou lípidos (o depósito da gasolina do coche).
  • Proporcionan o material de construcción do noso organismo. É preciso incluír alimentos ricos en proteínas (semellantes á chapa, motor, buxías… do coche) que posibilitan o crecemento de órganos e tecidos (músculos, ósos…) e manteñen o sistema de defensas en boas condicións para combater infeccións e enfermidades.
  • Regulan tódolos procesos orgánicos. As vitaminas, sales minerais, fibra e auga requírense en pequenas cantidades para o crecemento, mantemento da vida e reproducción. Interveñen na regulación do metabolismo: aseguran que tódolos procesos que teñen lugar no organismo se desenvolvan dun xeito harmónico.