Lactación materna

A alimentación da muller inflúe decisivamente no leite materno

1 Xaneiro de 2001
Img alimentacion listado 121

A alimentación da muller inflúe decisivamente no leite materno

Cando unha muller embarazada reflexiona sobre a posibilidade de da-lo peito ó seu fillo, é frecuente que teña dúbidas respecto dos cambios que debe introducir na súa alimentación para ofrecerlle ó seu bebé un leite materno de calidade ou se as súas mamas, tralo parto, producirán suficiente cantidade de leite para nutri-la nova criatura. Contar coa información e preparación axeitadas para a lactación pode significar para a futura nai unha enorme diferencia na lembranza que garde sobre esa peculiar dimensión da súa maternidade. Polo tanto, cómpre prever cómo se alimentará o bebé, coñece-las necesidades da nai e do lactante, e as vantaxes e inconvenientes do método natural e das denominados leites maternizadas, a alternativa que ofrece o mercado á lactación materna.

Leite materno, o mellor para o bebé

É o mellor alimento para os nenos, xa que ademais de conter tódolos nutrientes que necesita (proteínas, graxas, hidratos de carbono, vitaminas, minerais e auga) en cantidade e calidade, o leite materno proporcionalles anticorpos que os protexen de infeccións. A suba do leite acontece normalmente ó terceiro ou cuarto día posterior ó parto. Antes desa suba, sae dos pezóns un líquido amarillento e algo cremoso, o calostro, moi rico en proteínas, minerais e vitaminas liposolubles e que proporciona anticorpos ó bebé . Despois, durante unha semana, prodúcese “leite de transición” (máis branquecino, acuoso e rico en graxa, lactosa, vitaminas hidrosolubles e calorías có calostro) ata que, nunhas 3-6 semanas se estabiliza a emisión de “leite maduro” .

Lactación artificial, unha opción aceptable

Cando por calquera motivo (producción insuficiente de leite, enfermidade da nai, imposibilidade por cuestións laborais, ou por calquera razóns persoal) a nai non desexa ou non pode da-lo peito ó seu bebé recórrese á lactación artificial con biberóns de leites adaptados. As mulleres que optan por este método non deben sentirse angustiadas, xa que aínda que estes leites non son tan completos como a materna, constitúen un bo alimento. Nalgunhas circunstancias, o pediatra pode recomenda-la lactación mixta, administrarlle ó bebé leite materno e artificial á vez. Isto ocorre, sen ir máis lonxe, cando a secreción de leite é escasa e o bebé recibe en cada toma o leite do peito da súa nai e a continuación o biberón co leite industrial. Tamén pode suceder que a nai non poida da-lo peito ó seu bebé de forma regular polo seu traballo, ou que o pediatra recomende a lactación mixta para comezar co destete.

Os leites maternizados ou leites infantís son as únicas fórmulas admitidas como substitutos do leite humano na alimentación do recén nacido e do neno de curta idade (1-3 anos). A maioría parten de leite de vaca, que sofre importantes modificacións para adaptala á composición do leite materno. En España, a opción pola lactación natural é moi superior á do biberón, tralo (inxustificado) abandono masivo que se produciu na década de 1950, motivado pola errónea crenza de que os leites infantís eran nutritivamente superiores ó leite materno. Os coñecementos científicos actuais demostran que o leite humano inclúe un centenar de elementos ausentes nas fórmulas dos leites maternizados que a substitúen, a pesar de que estes sexan moi correctos na súa composición nutricional.

Beneficios concretos da lactación materna

Organismos europeos como a ESPGAN (Sociedade Pediátrica Europea de Gastroenteroloxía e Nutrición), e internacionais como a Organización Mundial da Saúde (OMS), desenvolveron programas para o fomento da lactación materna, baseándose nas seguintes razóns:

Vantaxes para o neno

  • Contén anticorpos que pasan da nai ó lactante para axudarlle a combate-las infeccións. Ó tomar peito, o bebé corre menos risco de coller catarros, infeccións de oído ou alerxias como asma ou eccemas, e pode beneficiarse dos efectos dunha vacina, xa que se a nai padece resfriados, enfermidades da pel ou diarrea, estes non son traspasados ó bebé polo leite materno pero si se lle transmiten os anticorpos que o axudan a protexerse destas afeccións.
  • É un alimento específico cunha enerxía e compoñentes nutritivos que se atopan nas proporcións axeitadas para cubri-las necesidades, crecentes conforme pasa o tempo, do lactante.
  • O leite de muller está a punto en calquera lugar, a ración sempre é a correcta, sérvese á temperatura idónea e é facilmente dixerida polo bebé, xa que coagula en grumos finos e iguais que son brandos e se desfan sen problemas. Ademais, non se necesita utensilio ningún para que o neno poida tomar este leite.
  • A composición do leite materno, variable co tempo, adáptase á evolución dos requerimentos nutritivos do lactante. Desta forma, establece unha regulación do seu apetito e evita a sobrealimentación que pode inducir á obesidade infantil.
  • Ó fluír directamente do pezón á boca do bebé, está exenta de manipulacións e libre de posibilidade de contaminación polos xermes ambientais.
  • Amamanta-lo bebé é psicoloxicamente beneficioso para el, porque aumenta e mellora a relación afectiva nai-fillo.

Vantaxes para a nai

  • A lactación fai que o útero da nai se contraia rapidamente e se reduzan as hemorraxias tralo parto.
  • Amamantar produce no corpo da muller unha hormona que inhibe o desenvolvemento folicular e a ovulación, e axuda a que o útero volva á súa forma e tamaño orixinal.
  • Da-lo peito axuda as nais a recupera-lo peso previo ó embarazo porque a graxa almacenada no corpo durante a xestación convértese en enerxía para produci-lo leite.
  • Afórrase tempo e evítase a tarefa de mercar leite maternizado e de preparar biberóns.
  • Ademais, o leite materno está sempre dispoñible e é gratuíta.
  • Problemas que a lactación pode ocasionarlle á nai: A lactación materna non presenta ningunha desvantaxe para a nai, pero ocasionalmente poden xurdir os seguintes problemas:
  • Peitos obstruídos: cando sobe o leite, o peito pode estar duro e trasmitir sensación de incomodidade. Hai que darlle o peito ó bebé tan a miúdo como sexa posible e extraer un pouco de leite mediante un extractor ou “saca leites” para abrandalo antes de comeza-la lactación.
  • Pezóns inflamados ou agretados: cando o bebé non axusta a súa boca correctamente ó peito, a lactación pode resultar dolorosa para a nai, xa que os pezóns tenden a inflamarse ou agretarse. As “pezoneras” permiten seguir dando o peito ata que os pezóns se curan.
  • Candidiase: se os pezóns están inchados, rosados ou con picores, ou aparecen dolores profundas durante ou entre a toma, o bebé ou a nai podería padecer candidiase (infección por cándida). Débese acudir ó pediatra e iniciar tratamento (tanto a nai coma o bebé) durante unhas dúas semanas. Pasada a infección, pódese continuar dando o peito.
  • Mastite: se os peitos adquiren color encarnado e se amosan inflamados, quentes ó tacto e a muller ten febre, é moi probable que os peitos estean infectados. Se a nai o tolera, pode seguir dando o peito pero debe acudir ó pediatra o antes posible.

Nai lactante: 500 calorías máis cada día

A lactación é, na vida da muller, un período máis esgotador que o propio embarazo e as súas necesidades enerxéticas e nutritivas son moi elevadas (debe inxerir 500 calorías extra cada día debido ó esforzo metabólico que implica a producción de leite).

Para compensa-las perdas nutritivas que sofre a nai só hai un medio: unha alimentación axeitada que se manterá mentres dure a lactación. Isto non significa que se deba comer en exceso, senón que a dieta se adapte ás súas novas necesidades. Con iso, evitarase que as nais engorden durante esta época (algo habitual) como consecuencia de hábitos alimentarios incorrectos adquiridos durante o embarazo. Convén controlar periodicamente o peso da nai lactante, co fin de elevar ou rebaixa-las calorías da dieta se o peso diminúe ou aumenta. Non obstante, en ningún caso se ha de iniciar neste período unha dieta excesivamente baixa en calorías (é dicir, menor de 1500 calorías diarias), xa que as demandas nutritivas son moi elevadas. Ademais, a nai que dá o peito emprega as reservas de graxa acumuladas durante o embarazo para a producción de leite, o que contribúe, xunto cunha alimentación axeitada, a recuperar progresivamente o peso previo ó embarazo. Unha dieta hipocalórica estricta é totalmente desaconsellable porque pode reduci-la cantidade de leite producida e conducir a un estado de malnutrición na nai.

Cómo debe se-lo menú da nai lactante
  • A alimentación deberá se-lo máis variada posible, para que resulte completa e equilibrada.
  • As necesidades de proteínas son o dobre que en condicións normais. Unha gran parte deberán ser de orixe animal e darase preferencia ás carnes pouco graxas, aves, peixe branco e azul, ovos, leite e a outros derivados pouco graxos.
  • Aumenta-la cantidade de alimentos ricos en hidratos de carbono complexos, como cereais (pan, arroz, pasta), patacas e legumes.
  • Non varia-lo nivel de graxas (aceites, manteiga…) ricas en ácidos graxos esenciais e vitamina E.
  • As vitaminas A, D, E, C, B1, B2 e ácido fólico requírense en maior cantidade. Por iso, ademais de carnes e lácteos, ricos en vitaminas B1 e B2, cómpre consumir verduras e froita fresca que proporcionan beta-carotenos, ácido fólico e vitamina C.
  • Aconséllase que unha peza de froita cando menos sexa rica en vitamina C (cítricos, melón, froitas tropicais, fresas…). Tamén convén incluír verduras cocidas en combinación con primeiros pratos ou como guarnición dos segundos, para cubri-las necesidades desas vitaminas e o da fibra necesaria para a nai.
  • Como os lácteos son a principal fonte de calcio e este mineral é compoñente indispensable do leite materno e evita a desmineralización da nai, débense tomar polo menos 3/4 de litro de leite cada día, ou ben medio litro de leite e outros lácteos (iogures, requeixos, queixos pouco maduros ou fermentados, postres lácteos, purés e cremas elaborados con leite, queixo fresco en ensaladas, bechamel…).
  • O leite utilizado na preparación de pratos será preferiblemente desnatada. O do almorzo e merenda pode ser enteiro ou semidesnatada, pola súa achega de vitaminas A e D. – Ha de asegurarse un bo nivel de líquidos: zumes, infusións e sobre todo auga, xa que o leite materno contén un 85%-90% de auga que se debe repor.
  • As bebidas alcohólicas están contraindicadas porque a concentración de alcohol no leite é a mesma que a do plasma materno.
  • Modera-lo consumo de bebidas excitantes (café, té, refrescos con cafeína), evita-lo tabaco e algúns fármacos, xa que os seus compoñentes pasan ó leite. Convén ler ben os prospectos das medicinas e consultar co médico antes de tomalas.
  • Excluír da dieta os alimentos que proporcionen mal sabor ó leite: allo, cebola, rábanos, espárragos, col, coliflor, coles de Bruxelas, embutidos fortes e especias en xeral.
  • Nais adolescentes, vexetarianas ou con determinadas enfermidades poden necesitar unha dieta especial. O mellor, pedir consello profesional.

Un menú recomendable:

  • Almorzo: un zume de laranxa, un vaso de leite semidesnatado e tres torradas con manteiga e marmelada
  • A media mañá: 1 iogur, unha peza de froita de tempada
  • Xantar: un bol de ensalada, verdura cocida con patacas, filete de polo (120 g) con pementos, unha rabanda de pan de 4 dedos de grosor (40 g) e froita de tempada
  • Merenda: un vaso de leite semidesnatado, 5 galletas tipo María – Cea: crema de porro e pataca elaborada con leite desnatado, revolto de ovos con cogumelos e gambas, unha rabanda de pan (40 g) e, de postre, requeixo con mel e noces.