Saúde laboral

Adicción ao traballo, un problema ben valorado

O que diferencia a un traballador comprometido dun adicto ao traballo é o valor excesivo que se lle outorga á vida laboral.
1 Abril de 2009
Img interiormente

Adicción ao traballo, un problema ben valorado

Non sempre se distingue a liña que separa a devoción da adicción ao traballo. Ás veces resulta difícil marcar a diferenza entre unha persoa á que lle gusta o seu emprego, que se implica cun compromiso admirable e que o fai de xeito competente, doutra que lle está pondo demasiada atención á súa profesión, deixando a un lado as demais facetas da súa vida, minguando a súa saúde e a do seu contorno sen que ela mesma se decate. En ambos os dous casos é probable que se estea a desenvolver un desempeño de tarefas excelente, pero mentres que no primeiro prevalece a motivación e a satisfacción, no segundo pódese estar xerando un abuso ou mesmo unha dependencia insá cara ao ámbito laboral.

A adicción ao traballo xermola de xeito preferente naquelas sociedades que sitúan na cúspide da pirámide de valores o desempeño laboral e a cultura do esforzo. Percíbese como positivo o exceso de horas e dedicación, aínda que redunde na mingua doutras facetas da vida da persoa, como as súas relacións afectivas, familiares e sociais.

A maioría de persoas senten satisfacción por un bo traballo, aumenta a súa autoestima cando os superiores os valoran positivamente ou incrementan os seus ingresos por traballaren de maneira competente. Agora ben, hai que estar atento para non converter o éxito profesional no único xeito de obter o recoñecemento dos demais e de se sentir satisfeito. Correríase así o risco de deixar a un lado outros aspectos da vida tan importantes e necesarios como as relacións persoais ou gozar do tempo libre.

As persoas extremadamente perfeccionistas ou obsesivas, ás que lles apaixona o control case enfermizo sobre as súas tarefas e que lles prestan unha atención compulsiva aos detalles irrelevantes, son as principais candidatas para se converteren en vítimas do seu traballo, xa que corren o risco de escravizarse por dedicar demasiado empeño no terreo laboral.

É probable que a persoa adicta ao traballo non sexa consciente do seu problema ata que o seu contorno empeza a notar as repercusións desta esaxerada dedicación, síntomas como cansazo constante, ansiedade, tristura, sentimentos de culpabilidade ante tarefas inacabadas, falta de tempo libre e estrés cando descubra que hai algo que está debilitando a súa saúde.

Situacións de risco que cómpre evitar

Individuais:

Quen dedica un exceso de esforzo e perfeccionismo ao seu traballo vese recompensado pola imaxe de competencia e de seguridade que proxecta cara a si mesmo e cara ao seu contorno. Esta reacción é positiva. Pero cando esta se torna na única fonte de satisfacción persoal xorde o risco de adicción ao traballo.

Ademais, as persoas que invisten demasiadas horas e enerxía no traballo deixando a un lado todo o demais poden xerar un comportamento obsesivo. Experimentan dificultades para desconectar con outras actividades pracenteiras porque deixar tarefas pendentes lles provoca un desmesurado sentimento de culpabilidade. A sensación de descontrol por deixar traballo pendente provócalles estrés e só senten alivio se continúan traballando. Este círculo vicioso asóciase a persoas cun carácter obsesivo e meticuloso en extremo, que non aturan a incerteza nin a desorde, e que procuran controlar a súa ansiedade esforzándose máis do que cómpre.

Colectivas:

Polo xeral, quen lle dedica un esforzo excesivo ao seu traballo ten competencia e capacidade para asumir multitude de tarefas, o que é ben valorado por superiores e compañeiros. Non obstante, corre o risco de se sobrecargar de responsabilidades que non lle competen. A razón: compañeiros e superiores poden aproveitar a súa capacidade para delegar cada vez máis traballo nel, mesmo aquelas tarefas que non lle corresponden.

Esta situación prodúcese ademais de maneira natural, sen que ninguén mostre mala intención, xa que en calquera posto de traballo infunde confianza saber que hai alguén que cumpre sempre de maneira competente. Nestes casos hai que ser prudente antes de acusar os demais de aproveitarse da situación. Se cadra é un problema que xerou de maneira involuntaria a propia persoa, que non soubo delimitar ben as súas tarefas e responsabilidades e que, ao final, se ve obrigada a cumprir cunhas determinadas expectativas de traballo que ela mesma xerou, correndo o risco de impoñerse unhas obrigas que a manteñen atrapada.

Un traballador excesivamente cumpridor e competente que estea sobrecargado de tarefas, pode comezar a se desesperar e non dar mudado a súa situación. Ademais, o seu traballo, polo xeral, non está acompañado de demasiadas compensacións económicas nin ascensos porque non adoita xactarse do seu empeño. Normalmente, trátase de alguén con dificultades para se comunicar de maneira asertiva e de facer respectar os seus dereitos, obrigas e responsabilidades. A miúdo acaba sendo imprescindible na súa empresa ou departamento por asumir moitas responsabilidades e tarefas que tan só el domina, xa que ademais de custarlle delegar noutras persoas, non sabe dicir “non” aos encargos. Co tempo, chega a ter un sentimento de responsabilidade enorme porque se converteu en “imprescindible”. E como é moi responsable non sabe como cambiar a situación porque pensa que pórlles un límite aos seus compañeiros lle faría parecer menos competente e que iso decepcionaría aos seus superiores.

Consecuencias do abuso de traballo

O exceso de dedicación ao traballo orixina o descoido das relacións persoais e familiares, o que deriva en problemas no eido persoal que se van engadindo ao estrés pola sobrecarga laboral. Un abuso ou adicción ao traballo acaba con conflitos familiares e coa desvinculación coas amizades, á vez que se deixan de lado as actividades pracenteiras que antano se realizaban durante o tempo libre. A persoa que se sente sobrecargada de tarefas de xeito continuo sofre a síndrome do queimado ou “burnout”. Sofre estrés e un sentimento de apatía e de desinterese cara ao que antes resultaba atraente, tanto no terreo laboral como no persoal. Ante iso, é importante deterse e cambiar a situación, xa que a longo prazo poderían aparecer síntomas relacionados coa depresión. Ás veces, cando se xerou unha adicción ao traballo e a persoa o asume, aparecen sentimentos de desespero polo difícil que resulta buscar unha solución satisfactoria. A persoa angústiase pensando que non pode renunciar a unha faceta que cobrou tanto protagonismo na súa vida. Polo xeral, non intentará cambiar o rumbo ata que os sinais sexan máis que evidentes e a obriguen a recoñecer que as súas relacións familiares e persoais se deterioraron. Como en calquera tratamento por adicción, a recuperación pasará pola reconstrución de todas as facetas da persoa.

Solucións para previr a adicción ao traballo:
  • Establecer un horario laboral fixo que se deberá cumprir sen excepcións.
  • O horario laboral deberá ter en conta as horas de descanso e tempo libre.
  • Determinar que funcións e responsabilidades reais competen ao cargo que se ocupa e cumprir con elas salvo excepción acordada coa empresa ou superiores.
  • Delimitar tarefas cotiás de xeito que se poidan cumprir dentro do horario establecido para evitar a aparición de estrés.
  • Aprender a deixar algo de traballo pendente e a non realizar todas as tarefas cunha perfección que signifique destinar excesivo tempo a detalles pouco importantes.
  • Aprender a delegar tarefas a outros compañeiros sen intención de controlar todo o traballo, senón só supervisalo.
  • Saber dicir “non” a algunhas tarefas propostas por outros.
  • Aprender a facer respectar os dereitos persoais dentro do traballo.
  • Proporse metas laborais realistas a curto, medio e longo prazo.
  • Recuperar actividades para o tempo libre que se deixaron a un lado.
  • Reforzar os vínculos persoais e familiares para desexar dispor de tempo libre e estar coas persoas importantes do contorno.