Comercio xusto

Unha modalidade de consumo que beneficia a todos

España atópase á cola da Unión Europea na compra de produtos de Comercio xusto, aínda que esta práctica solidaria vai gañando adeptos
1 Decembro de 2006

Unha modalidade de consumo que beneficia a todos

/imgs/20061201/img.informe.01.jpg

O comercio xusto en España está tan ben visto como pouco desenvolvido. Segundo as últimas estatísticas, o gasto medio neste tipo de produtos en España é de 348 euros por cada 1.000 habitantes, unha cantidade que se atopa moi por baixo da media da Unión Europea, situada en 2.318 euros por cada mil habitantes. Artesanía, madeira tallada, xogos de café, mantelerías, billeteiras, panos de seda, bolsos ou produtos agroalimentarios (café, chocolate, marmelada…) forman parte dunha oferta comercial solidaria crecente e unha boa alternativa para lle dar outro sentido ao consumismo do Nadal. Contan cunha gama moi variada, polo xeral son económicos e pódense mercar nas tendas, por catálogo, por teléfono e por Internet.

O comercio xusto é unha maneira produtiva de erradicar a pobreza dos países do sur, establecendo un sistema comercial que lles ofrece aos produtores acceso directo aos mercados do Norte e unhas condicións laborais e comerciais xustas e igualitarias. Garánteselles ademais aos consumidores que os produtos que mercan foron elaborados en condicións dignas. Para acadar estes obxectivos, os produtos adquírenselles directamente aos campesiños e artesáns, eliminando os intermediarios, e ofréceselles aos produtores unha retribución axeitada aos seus esforzos cun salario xusto.

Unha historia recente

O movemento de Comercio xusto naceu en Europa nos anos sesenta, tras a primeira Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento-UNCTAD, que tivo lugar en Xenebra no ano 1964. Os países pobres reclamábanlles daquela aos países máis ricos a apertura das fronteiras aos seus produtos agrícolas e alternativas ao inxusto desequilibrio comercial entre o Norte e o Sur.

En 1969 inaugurábase en Holanda a primeira tenda de comercio xusto en Europa, e en dous anos o número de worldshops (tendas do mundo) xa ascendía a 120. A partir daquela, os establecementos de Comercio Xusto espállanse polos Países Baixos, Alemaña, Suíza, Austria, Francia, Suecia, Gran Bretaña e Bélxica.

En 1986, case 20 anos despois da súa instauración en Europa, o movemento do Comercio xusto chega a España, e faino a través do País Vasco. En 1996 nace a Coordinadora Estatal de Organizacións de Comercio Xusto coa finalidade de potenciar a venda deste tipo de produtos. Nestes momentos, aglutina 34 organizacións con máis de 60 puntos de venda en todo o territorio español. Entre a súa oferta destacan alimentos de consumo habitual como o café, o té, o chocolate ou o azucre, e outras especialidades como o mel, marmeladas tropicais, especias, galletas, froitos secos ou licores.

As cifras do Comercio xusto

Datos recentes da Organización Internacional do Selo de Comercio Xusto (FLO) revelan que as vendas globais de produtos de comercio xusto ascenderon a 1.100 millóns de euros no 2005, o que representa un aumento do 37% con respecto aos datos de 2004. En España, o comercio xusto medrou un 16,9% anual nos últimos cinco anos, segundo se desvela no anuario “O Comercio Xusto en España 2006”, da Federación SETEM. Constátase que o 80% das vendas de Comercio Xusto de España se reparten entre catro comunidades: Cataluña (35″5%), Madrid (20″3%), Galicia (15″5%) e Andalucía (9″3%). A pesar dos avances, os españois só gastamos en Comercio Xusto 348 euros por cada 1.000 habitantes, a cifra máis baixa da Unión Europea -onde se concentran do 60 ao 70% das vendas mundiais-, a excepción de Portugal (36 euros). As diferenzas cos nosos veciños europeos tamén son salientables no número de tendas que ofrecen estes produtos e que en España son 80, fronte ás máis de 400 de Holanda.

Presente, pasado e futuro

/imgs/20061201/img.informe.02.jpg

Entre os anos 2000 e 2003, os produtos de Comercio Xusto que se consumían en España procedían basicamente de 34 países, distribuídos ao longo dos continentes africano e asiático e mais das rexións do Sur e Centro América. Durante o bienio 2004-2005, o circuíto de importación transformouse, especialmente a través de novas incorporacións que permitiron que o número de países dende os que se importa algún produto de Comercio Xusto aumente ata un total de 42.

No tocante ás nosas preferencias, a artesanía de Comercio Xusto xerou en España vendas por 3,9 millóns de euros no 2000, fronte aos 2,5 da alimentación, segundo o informe de SETEM. Non obstante, nun lustro, invertéronse as cifras e en 2005 a alimentación achegou 9,3 millóns de euros, o dobre da artesanía. É evidente que os alimentos, cun 62% das vendas, son os auténticos protagonistas do Comercio Xusto. Respecto ao futuro, os responsables de Comercio Xusto prevén o lanzamento de zumes de froita, arroz con cogomelos liofilizados ou cereais pouco coñecidos no noso país, como a quinoa, unha bomba de proteínas procedente de Bolivia que actualmente se utiliza para evitar a perda do cabelo.

Comercio, non axuda

A maior parte dos produtores véndenlle tan só unha pequena parte da súa produción ao Comercio Xusto. O resto distribúese no mercado tradicional. Agora ben, o simple feito de que unha parte, aínda que pequena da produción, se pague a un prezo máis alto ten a miúdo un efecto dominó no resto da produción. A parte mercada a bo prezo polas organizacións de Comercio Xusto reduce o volume de produtos dispoñibles e obriga a que os intermediarios ofrezan prezos máis altos para obteren as cantidades que queren. Así e todo, para moitos produtores, o aspecto máis importante do Comercio Xusto non é o prezo xusto, senón o prefinanciamento que lles aseguran as organizacións de Comercio Xusto. Esta vantaxe é crucial para os pequenos produtores, xa que así poden mercar os materiais necesarios para a produción e sobrevivir ata a colleita sen ter que acudir a un usureiro e caer no círculo vicioso do endebedamento.

Quen é quen na armazón do Comercio Xusto
  • Produtores. Poden ser familias, pequenas cooperativas, grupos de mulleres, talleres para minusválidos ou cooperativas, e empresas de maior tamaño que engloban a pequenos grupos produtores. Son maioritariamente de poboación das zonas máis empobrecidas de América Latina, África e Asia, aínda que cada vez é máis frecuente atopar tamén algúns produtos elaborados por grupos de poboación desfavorecidos do norte.
  • Importadoras. Pagan un prezo establecido de común acordo que lles permite aos produtores vivir en condicións dignas e acceder a novas oportunidades de educación e desenvolvemento económico e social. As importadoras tamén poden apoiar os produtores doutros xeitos: financiando por adiantado a produción, asesorándoos na mellora dos produtos ou con apoio técnico e de xestión, entre outros. Avalan a procedencia dos artigos e participan en campañas de sensibilización dirixidas a reivindicar a necesidade de introducir criterios éticos nas relacións comerciais.
  • Tendas. Amais de seren os puntos de venda, realizan labores de divulgación e de sensibilización sobre os principios do Comercio Xusto, con especial atención aos beneficios deste comercio para os produtores.
  • Clientes. Son o elo final que fai posible o comercio xusto. Co consumo responsable, non só axudan a mellorar as condicións de vida das comunidades produtoras, respectando o medio, senón que tamén fan presión para cambiar as condicións inxustas de intercambio no mercado convencional.
  • Organizacións internacionais e terceiro sector. O seu obxectivo é garantir o cumprimento dos criterios de Comercio Xusto e promover o desenvolvemento realizándolles auditorías aos actores do ciclo comercial.

Os principios do comercio xusto

Os principios:
  • Salarios e condicións laborais dignas. Os soldos que reciben os traballadores do Sur condénanos a ser escravos da pobreza.
  • Non á explotación infantil. Os nenos e nenas traballan como adultos en moitos países do Sur. Os xornaleiros son axudados polos seus fillos e fillas para así aumentaren os ingresos. Sen unha escola que lles facilite un mellor futuro, traballan demasiadas horas e viven en condicións insalubres e expostos a enfermidades. Ademais, cobran menos polo seu traballo e sofren trastornos que os afectan física e psiquicamente.
  • Igualdade entre mulleres e homes. É habitual que a muller cobre un salario inferior por realizar o mesmo traballo ca un home. O 70% das persoas que viven na pobreza absoluta son mulleres e hai un abismo entre a retribución que as mulleres reciben e o papel que desempeñan na sociedade.
  • Dereitos laborais. En moitos países de Suramérica e África, os capataces van armados; os temporeiros amoréanse en aloxamentos precarios; non hai ningunha cobertura sanitaria para previr enfermidades ou accidentes; as leis non permiten a asociación ou sindicación e, se a permiten, os sicarios encárganse de perseguir os activistas.
  • Relación comercial a longo prazo. Garánteselles continuidade.
  • Prefinanciamento. Pagamento dunha parte do produto por adiantado (ata un 60%).
  • Os produtores/as destinan parte dos beneficios ao desenvolvemento integral da súa comunidade.
  • Respecto polo medio. A sobreexplotación dos recursos naturais compromete o desenvolvemento dos países do Sur. Nos últimos anos intensificouse o uso de pesticidas e fertilizantes nas plantacións. Estímase que nos países do Terceiro Mundo se utilizan sen control unhas 400.000 toneladas anuais de pesticidas, moitos deles prohibidos nos países do Norte. Aínda que a curto prazo eliminan as pragas, estes produtos afectan á pel e ás vías respiratorias, e provocan a degradación do solo e a contaminación do medio, coa conseguinte recesión dos cultivos. Unha produción de café sen produtos químicos suporía un aforro de entre 10.000 e 20.000 pesetas por ano e hectárea, aínda que a produtividade das terras sería menor.

Fonte: Intermón Oxfam

Comercio xusto con selo

/imgs/20061201/img.informe.04.jpg

Dado o baixo volume de vendas de produtos solidarios no noso país, hai dous anos a Coordinadora Estatal de Comercio Xusto (CECX) impulsou a creación da Asociación do Selo de Produtos de Comercio Xusto, co obxectivo de ter a posibilidade de vender os produtos nos supermercados e mais nas Tendas do Mundo, posibilitando a distinción dos produtos de Comercio Xusto dos produtos convencionais a través do seu característico Selo de Comercio Xusto. Deste xeito asegurábaselle tamén ao consumidor o cumprimento dos criterios que contempla o Comercio Xusto establecidos internacionalmente, como son unhas condicións de traballo e salario dignos, a igualdade de condicións laborais entre homes e mulleres, a ausencia de explotación infantil, o respecto polo medio, as relacións comerciais a longo prazo, o pagamento dunha parte da produción por adiantado e produtos de calidade.

A Asociación únese ao traballo que outras entidades semellantes, reunidas na Federación Internacional (FLO é a súa sigla en inglés), desenvolven actualmente noutros 19 países de América do Norte, de Europa, de Australia-Nova Celandia e Xapón. Segundo a FLO, nestes 19 países (sen contarmos España) nos que está presente o Selo Fairtrade, máis de 100.000 hoteis, restaurantes e establecementos ofrecen estes produtos. No 2004 este tipo de comercio facturou case 1.000 millóns de euros, experimentando un crecemento do 43% con respecto a 2003.

Non obstante, o debate xurdido hai dous anos entre as organizacións membros da Coordinadora sobre se aprobar ou non o chamado Selo FLO rompeu o consenso no seo da Coordinadora e derivou, en febreiro deste 2006, na creación do Espazo por un Comercio Xusto, outra plataforma que aglutina unha trintena de tendas, importadores e ONG do sector.