Acollemento temporal de menores

Unha medida de transición

Consiste en proporcionarlles acollida temporal ós menores que non poden convivir coa súa familia
1 Xuño de 2004

Unha medida de transición

Entre 8.000 e 10.000 nenos e adolescentes entran cada ano en acollemento transitorio residencial ou familiar en España. Esta modalidade de tutela infantil é un mecanismo de protección social que ten como finalidade proporcionarlles amparo temporal en pisos, centros institucionais ou en familias ós menores que, por diversas razóns, non poden convivir coa súa propia. O obxectivo é que o neno ou a nena se integren e participen de cheo na vida da familia de acollida, ou que fagan unha vida o máis normal posible cando viven en residencias tuteladas. Esta figura de axuda ós nenos é un tránsito cara a medidas de protección definitivas, como volver á familia de orixe ou acceder a outra familia en adopción, se ben, como contempla a Lei de protección xurídica do menor 1/1996, as medidas de acollemento transitorio pódense enfocar cunha perspectiva a medio ou longo prazo. Isto significa que un menor pode permanecer en acollemento transitorio durante meses ou anos. Segundo o Instituto de Benestar Social de Aragón, que recompilou datos de diversas institucións españolas, no 70-75% dos casos a medida protectora de acollemento transitorio é de tipo residencial (centros de acollida, pisos tutelados, fogares funcionais, minirresidencias) e no 25-30% é de tipo familiar (preadoptivo ou non preadoptivo). As principais razóns que levan ó acollemento transitorio dun menor son, no 65-70% dos casos, a existencia de malos tratos, neglixencias ou abandono por parte da súa familia; os comportamentos disruptivos ou conductas infractoras, especialmente en adolescentes, supoñen o 15-20%; e a incapacidade ou imposibilidade permanente ou temporal para o seu coidado por parte da familia o 10-15%. No tocante ás características socio-familiares dos menores que entran en acollemento transitorio, entre o 50 e o 60% proceden de familias denominadas “de risco social”; entre o 25 e o 30%, de familias con problemática de drogodependencia e/ou alcoholismo; preto do 15% vén de familias con problemática de saúde mental, e arredor do 40%, de familias multiproblemáticas que combinan dúas ou máis das problemáticas devanditas.

Que é acollemento de menores?

O acollemento é unha figura pola que familias e persoas se fan cargo de xeito temporal da crianza e educación de nenos en situacións de desamparo ata que as súas familias biolóxicas, coas que seguen mantendo encontros, poidan asumir ese labor. O acollemento non rompe os vínculos coa familia biolóxica e non supón un paso previo para a adopción. Trátase de coidar dun menor durante o tempo en que a súa familia, por diversas cuestións “económicas, legais, saúde, etc.” non pode facerse cargo del.

Cantos tipos de acollemento hai?

En función de quen se fai cargo do coidado do menor e da duración do acollemento, este pode ser simple se non supera os dous anos. Dentro desta modalidade distínguese entre o acollemento por familia extensa e o acollemento en familia allea, dependendo de se existe vínculo familiar entre o menor e os acolledores. Ten prioridade o primeiro porque evita a separación do menor do seu medio familiar. Outro tipo de acollemento é o permanente, que pode durar anos, mesmo ata que o neno acade a maioría de idade. Esta situación prodúcese cando o regreso cos pais biolóxicos se complica (problemas por adiccións, psicolóxicos, condenas longas en prisión, etc.). O acollemento residencial fai referencia á situación dos menores cando viven en pisos e centros institucionais. Outros tipos de acollemento son o administrativo (cando está supervisado pola administración por exemplo, cando os pais van traballar ó estranxeiro durante un período determinado) e o acollemento de fins de semana e vacacións, onde a familia recibe o nome de familia colaboradora. Este tipo de acollemento é o que se produce ano tras ano coa chegada de nenos procedentes do Sáhara e de cidades como Chernobil. O acollemento especializado, para rematar, ofrece un ambiente familiar a nenos con necesidades específicas de educación ou con certas particularidades que requiren unha atención máis especializada (discapacidades físicas, psíquicas, sensoriais, trastornos de comportamento, enfermos crónicos, etc.).

Quen pode acoller a un menor?

Calquera persoa, solteira, divorciada, con ou sen fillos, ou grupo familiar que desexe participar nos programas que poñen en marcha as Comunidades Autónomas. A persoa ou familia que desexe acoller a un menor debe presentar unha solicitude na correspondente consellería de Benestar Social ou de Familia. A partir dese momento, os responsables da área realizan un proceso de selección, formación e valoración para poder realizar con éxito o acollemento.

Que formación reciben as familias de acollida?

Estas familias experimentan, igual có neno, unha situación nova á que se enfrontaren, de aí que durante todo o tempo que dura o acollemento reciban apoio técnico e unha supervisión do proceso, sobre todo nos momentos máis sensibles, como pode ser ó comezo do acollemento, as primeiras visitas, as visitas á familia biolóxica ou outras eventualidades que se poden dar ó longo do acollemento. Algunhas CCAA ofrecen un curso de formación teórico-práctico sobre a propia figura do acollemento.

Que menores poden acollerse a esta medida?

Todos os menores entre 0 e 18 anos de idade. A partir dos 18 anos a persoa en réxime de acollida pode elixir entre volver coa súa familia biolóxica ou quedar no seo da familia de acollida.

Que vantaxes ten o acollemento temporal de menores?

As vantaxes para un neno van desde a organización das rutinas cotiás propias da súa idade, máis flexible nun ambiente familiar ca nun centro asistencial, ata un maior desenvolvemento das súas habilidades sociais. Nun medio familiar, o menor ten un maior contacto coa sociedade e coa comunidade que o arrodea no seu conxunto, unha maior participación na toma de decisións dun núcleo familiar, vive nun medio psicosocial máis cálido, dáse un maior número de contactos espontáneos nas relacións tanto familiares coma amigables, veciñais, etc. Ademais, aprende a valorar o clima social e apóiase na súa familia acolledora.

Que desvantaxes ten?

As desvantaxes comezan precisamente no carácter de provisionalidade do acollemento. Neste sentido, os especialistas recoñecen que non se establecen relacións paterno-filiais; trátase dunha relación tutelar establecida por unha Entidade Pública. Esta temporalidade pode provocar no neno sentimentos de inseguridade e ansiedade, impedindo en moitos casos que chegue a integrarse no seo da súa familia acolledora. Tamén se pode provocar no neno un conflito entre a súa familia acolledora e a súa familia biolóxica, e ata pode que o acollemento interfira na relación do menor coa súa familia biolóxica.

Que acontece se o acollemento temporal non funciona?

Cando a relación entre o neno e a familia de acollida non funciona, ambos contan con asesoramento das institucións que tratan de encarrilar a relación. Se, malia todo, non se pode manter o acollemento, o neno ou nena volve ó centro residencial á espera doutra familia de acollida.

O acollemento é remunerado?

O acollemento dun neno é un acto de xenerosidade e solidariedade. Para que a situación económica da familia de acollida non se vexa reducida, e para que todo tipo de familias (con máis ou menos recursos) poidan acceder ó acollemento, hai axudas e compensacións que cada autonomía xestiona e distribúe en función das necesidades da familia acolledora. Entre outras, téñense en conta os gastos derivados da especial atención sanitaria ou educativa que poida requirir o menor acollido.

Amais das familias, que outras posibilidades teñen os menores?

Os menores que non son acollidos por familias permanecen durante o tempo necesario en centros residenciais tutelados pola administración autonómica. Estes asumen a responsabilidade sobre o desenvolvemento integral do menor e deben garantirlle a adecuada satisfacción das súas necesidades biolóxicas, afectivas e sociais, nun ambiente de seguridade e protección. A atención residencial tamén cobre as necesidades básicas dos nenos en atención sanitaria, necesidades materiais, escolarización, reforzo e corrección da aprendizaxe escolar e acceso ás necesidades propias dos nenos da súa idade. Durante a estancia nestes lugares, a administración trata de que o neno, se é moi noviño, poida manter durante o maior tempo posible unha relación afectiva coa súa familia.

Hai un perfil de neno predisposto ó acollemento familiar e outro ó residencial?

Efectivamente, non todos os nenos e adolescentes teñen as mesmas características e necesidades, e, polo tanto, é interesante ofrecerlles solucións diferentes. Os nenos que mellor se adaptan a un contorno familiar temporal son os nenos ata 10 anos ou preadolescentes, sempre que non presenten problemas que requiran unha atención especializada. Pódense acoller a esta modalidade nenos que xa recibiran tratamento para solucionaren os seus problemas emocionais ou que xa se atopaban en acollemento antes da adolescencia. Tamén se aposta por esta opción para nenos que se prevé que sairán beneficiados da experiencia, malia as primeiras dificultades para adaptarse a un medio familiar, como menores con deficiencias ou trastornos, que cunha axuda especial poden adaptarse á familia. Doutra banda, o acollemento familiar non é recomendable no caso de adolescentes que tratan de emanciparse ou de nenos cuns vínculos moi grandes coa súa familia de orixe, o que lles impide adaptarse e responder de maneira adecuada ó seu novo contorno. Tampouco é aconsellable para nenos con determinadas minusvalías psíquicas que requiren un contorno educativo concreto nin para nenos que precisan un ambiente totalmente estruturado por problemas de conduta. Para rematar, non se recomenda nos casos en que os pais biolóxicos non acepten a relación coa familia de acollida, sempre que esta actitude poida interferir no bo desenvolvemento do acollemento.

Fases do acollemento en familia dun menor

Unha vez que unha familia ou persoa foi seleccionada para acoller a un menor recibe un curso teórico-práctico sobre os diferentes aspectos do acollemento: información legal, modalidades desta tutela infantil, implicacións da separación do neno da súa familia biolóxica, pautas do proceso de adaptación do neno ó seu novo medio, como canalizar as visitas da familia de orixe e, por suposto, unha clara explicación da posibilidade de retorno do neno á súa familia. Nunha segunda fase, chamada de encaixe, a familia é informada sobre as características do menor e da súa propia familia, así como das adaptacións que a súa familia debe realizar para acoller o rapaz. Na seguinte fase, no acollemento, faise un seguimento do menor e da familia, que reciben apoio e supervisión do equipo de técnicos da administración para resolver e anticipar axeitadamente as posibles situacións problemáticas que se produzan.