Análise documental para coñecer a situación da fame no mundo e como lles afecta aos nenos

Unha de cada nove persoas no noso planeta ten fame

No mundo hai 795 millóns de persoas que non contan con suficientes alimentos para levaren unha vida saudable e activa, 216 millóns menos ca en 1990
1 Novembro de 2015
Img tema de portada listado 170

Unha de cada nove persoas no noso planeta ten fame

O obxectivo que se impuxeron 189 nacións no ano 2000 para reducir á metade a proporción de persoas desnutridas non se cumpriu

A fame é o principal risco relacionado coa saúde, ao que se enfronta gran parte da poboación mundial. Cada ano, mata máis persoas que a sida, a malaria e a tuberculose xunta, segundo datos recentes do Programa Mundial de Alimentos (WFP, nas súas siglas en inglés).

A Organización das Nacións Unidas (ONU) lembra que a fame e unha nutrición pouco apropiada contribúen á morte prematura das nais, lactantes e nenos pequenos, e tamén ao desenvolvemento físico e cerebral deficiente dos mozos. Para Mans Unidas, a fame mata, mutila, obstaculiza o desenvolvemento, rebaixa os salarios, reduce a asistencia escolar e dificulta o crecemento económico.

Malia todo, impresiona saber que o mundo si é capaz de producir o suficiente para alimentar toda a poboación mundial de 7 mil millóns de persoas. E tamén que, ao mesmo tempo que hai xente que non ten nada que levar á boca, se producen outras formas de malnutrición que son completamente opostas á fame, como é a alimentación excesiva. Ano a ano, aumentan as taxas mundiais de sobrepeso e obesidade e, como consecuencia, tamén a prevalencia de enfermidades crónicas relacionadas, como a diabetes ou as doenzas cardiovasculares.

Entón, cal é o problema? Que é o que causa a fame? A pobreza, a falta de investimento agrícola, a inestabilidade dos mercados, o clima e os desastres naturais, as guerras e os desprazamentos, e o desperdicio de alimentos. Estes son os seis principais factores que, interrelacionados, explican por que existe a fame no mundo.

EROSKI CONSUMER quixo coñecer a situación da fame no mundo e a súa afección entre os máis pequenos. Para iso, realizou unha análise documental e utilizou diversas fontes: a Organización das Nacións Unidas (ONU), a Organización Mundial da Saúde (OMS), o Programa Mundial de Alimentos (WFP nas súas siglas en inglés) e a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO).

Balance: compromisos e realidade

Compromisos internacionais

Neste ano 2015 farase balance e comprobarase se se cumpriron os dous compromisos internacionais na loita contra a fame.

O primeiro concretouse en 1996 en Roma, no Cume Mundial sobre a Alimentación (CMA). Representantes de 182 gobernos comprometéronse a “erradicar a fame en todos os países, co obxectivo inmediato de reducir á metade o número de persoas desnutridas, non máis tarde do ano 2015”.

O segundo refírese ao primeiro obxectivo de desenvolvemento do milenio (ODM 1), acordado en 2000 por 189 nacións. Entre as súas metas estaba a de “reducir á metade a proporción de persoas que padecen fame para o ano 2015”.

Obxectivos incumpridos

Arredor de 795 millóns de persoas no mundo non contan con suficientes alimentos para levaren unha vida saudable e activa. Isto significa que unha de cada nove persoas pasa fame no noso planeta. Velaquí unha das conclusións principais do informe “Estado da inseguridade alimentaria no mundo 2015”, publicado pola FAO, a WFP e a FIDA (Fondo Internacional de Desenvolvemento Agrícola).

En liñas xerais, non se cumpriron os obxectivos internacionais establecidos. No ano 1990, había máis de 1000 millóns de persoas que pasaban fame, e esta cifra diminuíu en 216 millóns. Ademais, se se deixa a un lado o dato bruto e se se ten en conta a porcentaxe, a proporción de persoas subalimentadas respecto da poboación (o que chaman prevalencia da subalimentación) reduciuse do 19 % en 1990 ata o 11 % das estimacións entre 2014 e 2016.

Os factores que, segundo o informe, impediron uns resultados mellores teñen que ver con cuestións económicas (a volatilidade dos prezos dos produtos, o encarecemento xeral dos alimentos e da enerxía, as crecentes taxas de desemprego e as recesións económicas globais de finais da década de 1990 e dos anos posteriores a 2008), climáticas (fenómenos meteorolóxicos extremos e catástrofes naturais cada vez máis habituais) e políticas (a inestabilidade política e os conflitos civís provocaron un aumento sen precedentes de persoas desprazadas).

Aínda así, hai que ter en conta que, a pesar do aumento da poboación mundial en 1900 millóns de persoas, a prevalencia da subalimentación reduciuse un 42 % en todo o mundo e un 45 % nos países en desenvolvemento.

Neste sentido, merecen unha mención destacada a China e a India, como países grandes e moi poboados. Por si sós, representan o 81 % da redución total do número de persoas subalimentadas das rexións en desenvolvemento entre 1990 e 2015. E só a China supón case dous terzos do total, xa que pasou dos 289 millóns de persoas famentas entre 1990 e 1992 aos preto de 134 millóns das estimacións entre 2014 e 2015.

Mapa da fame no mundo, 2015

MapaGA

El hambre de los países en desarrollo

En desenvolvemento

A gran maioría das persoas que pasan fame no mundo viven en países en desenvolvemento; é dicir, naqueles lugares cunha menor esperanza de vida, unha menor educación e menos diñeiro, pero cunha taxa de crecemento superior aos países desenvolvidos. Concretamente, calcúlase que nestas zonas hai ao redor de 780 millóns de persoas subalimentadas, o 13 % da poboación mundial.

Aínda así, un total de 72 países dos 129 considerados en desenvolvemento, e que foron obxecto de seguimento, reduciron á metade a proporción das persoas con fame entre 1990 e 2015

Nenos desnutridos e con problemas de crecemento

Os nenos son especialmente vulnerables á fame. Segundo Mans Unidas, os nenos subnutridos non crecen de forma tan rápida coma os nenos saudables e, mentalmente, poden desenvolverse máis lentamente. Ademais, a organización lembra que a fame constante debilita o sistema inmunolóxico e, polo tanto, fai que sexan máis vulnerables a enfermidades e infeccións.

As organizacións humanitarias calculan que a nutrición deficiente causa case a metade das mortes en nenos menores de cinco anos (3,1 millóns de nenos ao ano e preto de 8500 ao día). Salientan tamén que un de cada catro menores no mundo padece atraso no crecemento, porcentaxe que nos países en desenvolvemento se pode elevar a un de cada tres.

Ademais, Unicef estima que o 20 % dos nenos máis pobres do mundo teñen ao redor do dobre de probabilidades ca o 20 % dos máis ricos de sufriren atraso no crecemento debido á mala alimentación, e de morrer antes dos cinco anos.

Por último, para complementar esta amálgama de cifras impresionantes, segundo o Programa Mundial de Alimentos, 66 millóns de nenos en idade escolar primaria asisten á escola con fame nos países en desenvolvemento. E estiman que só en África hai 23 millóns.