Adaptación da casa para persoas maiores

Un fogar sen obstáculos

A seguridade e a eliminación de barreiras son indispensables para a autonomía dos anciáns
1 Abril de 2005

Un fogar sen obstáculos

/imgs/20050401/img.informe.01.jpgA calidade da vivenda constitúe un indicador relevante do nivel de vida e a súa importancia multiplícase na idade avanzada, cando as dificultades físicas e psicolóxicas mingúan. En España viven case 8 millóns de persoas maiores de 65 anos. Aínda que máis de dous millóns presentan algunha discapacidade, o 96,9% prefire seguir vivindo na súa casa. Agora ben, hai unha elevada proporción de vivendas que non axuntan as condicións de habitabilidade básicas (ascensor, calefacción), cando o adecuado sería que todas elas fosen accesibles e sen barreiras para poder entrar e saír, moverse e actuar dentro delas sen dificultades. Segundo a última enquisa sobre as condicións de vida das persoas maiores, elaborada polo IMSERSO no 2004, o 82,5% dos vellos vive en fogares da súa propiedade. As persoas que máis carencias de equipamento teñen son as que viven soas. Un 13,5% non ten teléfono, un 44% declara non dispor de calefacción, individual ou colectiva, e un 70,5% dos anciáns non dispón de ascensor. Pero o realmente alarmante é que un 26% deles ha de subir tres andares para chegar ó seu domicilio.

No tocante á adaptación de vivendas, as normativas que cómpre ter en conta son varias. Dunha banda, a Lei de propiedade horizontal, Lei 8/1995, do 6 de abril, establece na súa última modificación os requirimentos para a adopción de acordos dos propietarios para a realización de obras e adecuacións en portais e elementos comúns das vivendas. Doutra, a Lei 15/1995, do 30 de maio, marca os límites de dominio sobre inmobles para eliminar barreiras para persoas con discapacidade.

No ámbito autonómico regúlase a posibilidade de conceder créditos para a rehabilitación ou subvencións para a adecuación funcional do fogar ou para a eliminación de barreiras nas vivendas. Os interesados tamén se poden beneficiar de deducións fiscais a través do IRPF por adecuación da vivenda habitual a persoas con minusvalías. Estas deducións refírense a obras e instalacións en vivenda habitual, en elementos comúns do edificio (escaleiras, portais, ascensores) e á aplicación de dispositivos electrónicos que sirvan para superar barreiras de comunicación sensorial e promoción da súa seguridade.

Cambios xerais

Instalación eléctrica e luces

/imgs/20050401/img.informe.02.jpg

  • Os cables non deben estar en lugares de paso.
  • Os interruptores deben ser abundantes e estar situados en lugares estratéxicos:
    • Ó comezo e ó final dunhas escaleiras.
    • Na cabeceira da cama.
    • Ó comezo e ó final dun corredor.
  • Son preferibles os interruptores conmutados, que permiten acender e apagar as luces desde distintos lugares. Mellor se son fosforescentes ou cun indicador luminoso que permita localizalos na escuridade. Hai que situalos a 90 centímetros ou un metro do chan.
  • O número de enchufes debe ser abondo para evitar prolongadores. Deben estar situados á mesma altura dos interruptores ou, polo menos, a unha distancia do chan superior a 40 centímetros.
  • As fontes luminosas deben ser orientables para evitar que ceguen os ollos e de intensidade regulable, co fin de adaptar a luminosidade ás necesidades de cada momento.

Chans

  • Deben ser lisos, antiescorregantes, sen elementos que sobresaian (como acontece ás veces no acceso a terrazas e balcóns).
  • Evitar as alfombras.
  • Se hai chanzos, deben estar sinalizados e ter elementos que axuden a franquealos.
  • O mellor chan, se o ancián non se despraza en cadeira de rodas, é a moqueta de pelo curto. Está demostrado que con ela se producen menos fracturas do colo do fémur.
  • Os chans de madeira son máis seguros tratados con ceras antiescorregantes.

Mobiliario

  • Pór a un lado os mobles ou outros obxectos que dificulten o paso.
  • Evitar que obxectos como cables, xoguetes, etc. estean en lugares de paso.
  • Na medida do posible, os bordos dos mobles deben ser redondeados.
  • Se se precisa unha cadeira de rodas, hai que prever que se poida desprazar por toda a vivenda.
  • Os dispositivos eléctricos para subir e baixar persianas son máis cómodos e seguros.
  • As portas deben ser anchas, de polo menos 80 centímetros.

A adaptación, estancia por estancia

Baño

  • Os pavimentos plásticos antiescorregantes son os máis recomendables.
  • Para non esvarar na bañeira ou na ducha é indispensable a colocación de alfombriñas antiescorregantes.
  • O acceso ó prato de ducha debe ter o mínimo chanzo posible. É máis recomendable unha ducha ca unha bañeira.
  • As barras agarradoiras deben ser dunha cor que contraste coa da superficie da parede, e de plástico, xa que esvaran menos. Hai que elixir coidadosamente a súa colocación e fixalas ben na parede.
  • Unha billa de dobre vía, monomando e preferiblemente de panca, garantirá o seu mellor manexo.
  • O asento do retrete debe estar alto abondo: entre 45 e 50 centímetros.
  • As portas dos cuartos de baño deben abrir cara ó exterior, para que se cómpre se poidan desmontar desde fóra.

Salón

  • A cadeira de brazos é preferible ó sofá.
  • O asento debe ser alto abondo (45 centímetros). O seu respaldo debe ser recto dispor de brazos para facilitar a incorporación. Un respaldo reclinable e un repousapés engaden confort.
  • A televisión debe estar provista dun mando a distancia. Uns auriculares sen fíos permitirán escoitala sen elevar demasiado o volume no caso de dificultade auditiva.

Dormitorio

  • Na medida do posible, hai que evitar colocar un dos seus laterais xunto á parede.
  • Non é aconsellable orientar a cama cara á fiestra porque a luz da mañá pode cegar os ollos.
  • A altura mínima recomendable da cama é de 45 centímetros. Para adaptar a altura, pódense mudar as patas do somier ou empregar calzas.
  • O interruptor da luz, o teléfono ou a telealarma deben ser de fácil acceso desde a cama. A lámpada da mesiña debe ser o máis estable posible (o ideal sería substituíla por un aplique na parede).
  • A alfombriña do pé da cama debe estar fixada ó chan con adhesivo de dobre cara, aínda que o máis eficaz é suprimila.
  • Utilizar en persoas con grande inmobilidade un colchón de aire ou aqueles semellantes a unha colchoneta (tamaño colchón ou tamaño coxín). Alivia as costas e outras partes do corpo, e evita que se desenvolvan dores e as úlceras por decúbito (úlceras da pel que se producen ó apoiar durante moito tempo unha superficie do corpo). As colchonetas tamaño coxín tamén se poden empregar na cadeira de brazos ou na cadeira de rodas.
  • Empregar tamén protectores para a pel (pel de año). A súa función é a de diminuír ou evitar as consecuencias do rozamento daquelas partes do corpo que, por determinados motivos (ósos saíntes, posturas, etc.) poden chegar a producir chagas (úlceras por decúbito) e/ou dores. A pel de año tamén se pode utilizar na cadeira de brazos, na cadeira de rodas, etc.
  • Naqueles casos nos que a persoa sufra unha alta dependencia e non poida alternar os períodos de permanencia na cama con pequenos paseos ou descansos nunha cadeira de brazos, a cama articulada permitirá evitar a inmobilidade absoluta e facilitará o cambio de posicións, desde o decúbito ata a sedestación (postura de sentado).

Cociña

  • O vertedoiro non debe ser demasiado fondo, a billa con panca evita as torsións do pulso, e se é do tipo extraíble permite encher as potas sen necesidade de colocalas no fondo do vertedoiro.
  • A altura ideal dos estantes é de entre 40 centímetros e 1,5 m sobre o chan. Os utensilios de maior uso convén colocalos nos lugares máis accesibles.
  • Utilizar vasos e pratos de plástico, babeiros ou calquera obxecto que facilite o labor. Os servizos con maior superficie de agarre son máis doados de manexar. Non empregar garfos, culleres ou coitelos de plástico, xa que son fráxiles e, se rompen, poden resultar perigosos. Procurar que, na medida do posible, os útiles de cociña (vasos, cuncas, pratos, etc.) que se empreguen sexan de materiais difíciles de escachar.
  • Un dos principais perigos radica no risco de queimaduras causadas por diferentes fontes de calor.
  • O microondas permite quentar todo tipo de pratos e preparar infusións… Na actualidade é unha peza case imprescindible.
  • Unha mesa pequena con rodas, as coñecidas como “camareiras”, permite transportar sen riscos os pratos quentes e os máis pesados.
  • Empregar cadeiras ou banquetas estables.
  • Utilizar chan antiescorregante.

Claves para adaptar a vivenda

  • Prioridade ás solucións sinxelas. Se unha persoa non pode subir a escaleira para acceder ó seu dormitorio, pode ser mellor trasladar a súa habitación á parte baixa ca instalar un custoso sistema de remonte ou un ascensor.
  • Os sentimentos tamén contan. Algúns cambios, por razoables que parezan, poden non ser bos para a persoa dependente e non hai que llos impor. O mobiliario dunha casa pódenos parecer disparatado ou anticuado, pero hai mobles ou elementos da decoración cunha gran carga sentimental e estreitamente unidos ás lembranzas e á vida da persoa.
  • Realice as reformas ós poucos, conforme se vaia presentando a ocasión. Se ten que pintar o dormitorio aproveite para instalar os enchufes e o cambio de interruptores. Se reforma o baño, poña chan antiescorregante, cambie a bañeira por unha ducha, etc.
  • Non sempre é preciso acudir a un profesional. Hai pequenas obras que nós mesmos, alguén da familia ou un achegado pode realizar. Instalar unha varanda, colocar agarradoiras no baño ou fixar as alfombras ó chan con adhesivos para que non escorreguen son operacións sinxelas.
  • Dar explicacións. A persoa maior dependente debe recibir explicación e xustificación de todo e consentir libremente. Non o esquezamos: trátase da súa casa.
  • Adquira accesorios útiles. Hai tendas especializadas nas que pode atopar unha morea de accesorios útiles. Tamén é posible alugar material especial, como camas articuladas ou andadores.
Teléfono
  • Hai teléfonos adaptados para cegos e para persoas con deficiencias visuais (teclas con números grandes) e con deficiencias auditivas (con posibilidade de regulación do volume).
  • Os teléfonos sen fíos, que se poden transportar no peto por toda a casa, evitan que a persoa se precipite cara ó aparello cada vez que se produce unha chamada, co que diminúen os riscos de caídas. Ademais, permiten o seu uso en caso de caída, esvarón, esvaecemento, etc., pois ó levalos enriba o ancián pode acceder a eles máis facilmente.
  • É importante ensinalos a utilizar funcións útiles, como as memorias cos números máis frecuentes, para que non teñan que marcalos en cada ocasión, ou a función de mans libres para falar sen descolgar o teléfono.
  • Tamén se poden instalar varios terminais na casa de xeito que sexan facilmente accesibles.