Análise documental para coñecer a situación dos enfermos crónicos en España e da evolución dos seus factores de risco

Un de cada catro consumidores sofre unha ou varias enfermidades crónicas

Respecto dos factores de risco, convén salientar que o 45 % da poboación española é inactiva, un 29 % non consome froitas e verduras a diario, o 27 % fuma e o 10 % das persoas entre 15 e 64 anos consome bebidas alcohólicas a diario
1 Xuño de 2015
Img tema de portada listado 155

Un de cada catro consumidores sofre unha ou varias enfermidades crónicas

Trinta e oito millóns de persoas morren no mundo cada ano por mor dunha enfermidade crónica. A Organización Mundial da Saúde (OMS) defíneas como afeccións de longa duración, cunha progresión xeralmente lenta. O 46 % desas defuncións débense a trastornos cardiovasculares (17,5 millóns de persoas cada ano), un 22 % ao cancro (8,2 millóns), un 10 % a enfermidades respiratorias (4 millóns) e un 4 % á diabetes (1,5 millóns).

Hoxe en día, as enfermidades crónicas son unha das grandes preocupacións nos países desenvolvidos. Convertéronse na primeira causa de morte e discapacidade e prevese que o número de casos continúe crecendo. Este mesmo ano, por exemplo, a OMS estima que dúas de cada tres persoas falecerán por unha doenza deste tipo.

Esta situación afecta a calidade de vida das persoas e tamén os custos sanitarios dos países. Por este motivo, EROSKI CONSUMER quixo realizar unha análise documental para coñecer a situación dos enfermos crónicos e a evolución dos seus factores de risco. Para iso, consultou investigacións e datos publicados recentemente pola Organización Mundial da Saúde (OMS), o Instituto Nacional de Estatística (INE), o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e as federacións de enfermos crónicos.

Así mesmo, utilizouse un avance dos datos do Estudo Nutricional da Poboación Española (ENPE), elaborado pola Fundación EROSKI e dirixido polo Dr. Javier Aranceta, profesor asociado do Departamento de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Navarra, director científico da Fundación para a Investigación Nutricional (FIN) e presidente do Comité Científico da Sociedade Española de Nutrición Comunitaria (SENC). Malia que a investigación aínda non rematou, tomáronse os resultados proporcionados por 4800 persoas de todo o país.

O problema

Segundo o Estudo ENPE, o 28 % da poboación enquisada sofre unha ou varias enfermidades crónicas. Por sexos, un 25 % dos homes padece este tipo de doenzas, fronte ao 31 % das mulleres. Pero as maiores diferenzas danse por idade. Mentres apenas un 7 % dos nenos de entre 3 e 8 anos enquisados sofren un trastorno crónico, esta proporción é do 9 % entre os adultos de 9 a 18 anos, do 23 % entre os que contan entre 19 e 64 anos e do 61 % entre os maiores de 65 anos.

Aínda así, a OMS lembra que, malia que as enfermidades crónicas adoiten asociarse aos grupos de idade máis avanzada, máis de 16 millóns das mortes no mundo atribuídas a este tipo de doenzas prodúcense en persoas menores de 70 anos. É máis, a organización insiste en que tanto os nenos coma os adultos e os anciáns son vulnerables aos factores de risco que favorecen este tipo de trastornos: as dietas insás, a inactividade física, a exposición ao fume de tabaco ou o consumo excesivo de alcol.

Cales son os factores de risco das enfermidades crónicas?

Cambios metabólicos

En concreto, estes catro hábitos insáns poden producir hipertensión arterial, sobrepeso e obesidade, hiperglicemia (niveis elevados de glicosa no sangue) e hiperlipidemia (niveis altos de lípidos no sangue). A OMS denomínaos “cambios metabólicos ou fisiolóxicos”.

Entre eles, a organización internacional destaca o aumento da presión arterial como o principal factor de risco metabólico de enfermidade crónica no mundo (atribúenselle o 18 % das defuncións), seguido do sobrepeso e da obesidade, e tamén do aumento da glicosa sanguínea.

Neste sentido, os consumidores enquisados no Estudo ENPE salientan o colesterol alto e a tensión arterial alta como os seus problemas crónicos máis frecuentes. En función da idade, a alerxia e a enfermidade celíaca é o máis común entre os máis novos con trastornos crónicos, mentres que a partir da maioría de idade prevalecen o colesterol alto e a hipertensión. Entre os maiores de 65 anos, estes problemas afectan un 30 % e un 26 %, respectivamente, da poboación enquisada con esa idade.

Pola súa banda, o INE, na última Enquisa Nacional de Saúde de 2013, observou que as principais enfermidades crónicas e os factores de risco mostran unha tendencia ascendente entre a poboación española. En concreto, a hipertensión arterial aumentou do 11 % ao 18 % desde 1993 e o colesterol elevado subiu do 8 % ao 16 %.

Sen cambios na rutina alimentaria

Os problemas de saúde crónicos están moi relacionados co patrón de alimentación, de modo que o habitual é pensar que as persoas que padecen un problema crónico de saúde modifican a súa dieta como parte do tratamento ou para previr problemas asociados.

Nada máis lonxe da realidade. Segundo o Estudo ENPE, só o 11 % dos enquisados afirma que cambiou a súa dieta habitual nos últimos 6 meses como consecuencia de problemas crónicos de saúde. As mulleres fano en maior medida ca os homes, aínda que non hai grandes diferenzas (o 12 % no caso das mulleres, fronte ao 10 % no caso dos homes). Por idade, destacan os maiores de 65 anos, xa que o 24 % cambia o seu patrón de alimentación.

E que cambios son eses? Se se ten en conta que a variación de hábitos nutricionais vai en consonancia cos problemas de saúde máis prevalentes (tensión arterial alta e colesterol alto), a maior parte das persoas entrevistadas asegura que reduciu os alimentos ricos en graxas, así como a inxestión de sal. Tamén reducen os alimentos ricos en azucres e a cantidade de alimentos consumidos en xeral.

Por idade, mentres os enquisados máis novos (de 3 a 18 anos) apenas realizan ningún cambio na súa dieta, os maiores de idade si a modifican dalgunha maneira. Principalmente, os que contan entre 19 e 64 anos reducen os alimentos con graxas, mentres que os que superan a barreira dos 65 anos reducen a inxestión de sal.

Os riscos

O estilo de vida da poboación cambiou moito cos anos e estendéronse algúns hábitos non moi apropiados no coidado da saúde, como adoptar dietas insás, o sedentarismo, fumar e consumir alcol en exceso. A OMS achega unha serie de datos sobre as consecuencias de adoptar este tipo de rutinas que falan por si sós:

  1. O tabaco mata case 6 millóns de persoas cada ano no mundo (pola exposición ao fume alleo) e prevese que esa cifra creza ata os 8 millóns en 2030.
  2. Aproximadamente 3,2 millóns de defuncións anuais poden atribuírse a unha actividade física insuficiente.
  3. Máis da metade dos 3,3 millóns de mortes anuais polo mal uso do alcol débense a enfermidades crónicas.
  4. En 2010, 1,7 millóns de mortes debéronse a causas cardiovasculares relacionadas coa inxestión excesiva de sal ou sodio.

Evolución dos factores de risco

Malos hábitos en España

O Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade quixo valorar como evolucionaron este tipo de comportamentos tan pouco saudables entre a poboación española na última década e, para iso, en 2014, elaborou o informe “Tendencia dos principais factores de risco de enfermidades crónicas. España, 2001-2011/12”.

En primeiro lugar, o consumo de tabaco continúa a ser a principal causa evitable de morte e enfermidade. En España, algo máis de 50.000 persoas morren cada ano por afeccións relacionadas co tabaquismo. Con todo, a pesar destes datos, o consumo de tabaco diminuíu, xa que entre 2011 e 2012 fumaba en España o 27 % da poboación, fronte ao 34 % do 2001.

En segundo lugar, a inactividade física causa o 6 % das mortes en todo o mundo, segundo a investigación do Ministerio de Sanidade. O 45 % dos españois era inactiva entre 2011 e 2012, un 2 % por debaixo da proporción de 2001. Con todo, aínda que no conxunto da década diminuíse a porcentaxe, ao realizar unha análise ano por ano obsérvase que aumentou o número de persoas inactivas desde 2006.

En terceiro lugar, estimouse que a obesidade é a responsable do 80 % dos casos de diabetes nos adultos, do 55 % dos casos de hipertensión arterial e do 35 % dos casos de enfermidade coronaria. Segundo a análise realizada polo Ministerio de Sanidade, entre 2011 e 2012, a prevalencia da obesidade na poboación adulta española era do 17 %. Esta proporción foi crecendo ininterrompidamente desde 2001, ano no que un 13 % da poboación adulta española foi considerada obesa.

En cuarto lugar, a poboación consome froitas e verduras de forma insuficiente, cando está demostrado que este tipo de produtos reducen o risco de enfermidade cardiovascular. Concretamente, se se tomasen a diario 5 ou máis racións de froitas e verduras, reduciríase o risco de enfermidade coronaria nun 17 %. Neste sentido, mentres en 2001 un 30 % confesaba que consumía froitas e verduras cunha periodicidade inferior á diaria, entre 2011 e 2012 esta proporción apenas caeu a un 29 %.

Por último, segundo a OMS, a rexión europea é unha das zonas do mundo con maiores niveis de consumo de alcol e tamén de danos relacionados con ese consumo. Ademais de que ao alcol se lle atribúen entre o 30 % e o 50 % dos accidentes de tráfico, tamén é o responsable da aparición de enfermidades crónicas, como doenzas do fígado (fundamentalmente, hepatite alcohólica e cirrose hepática), cardiomiopatía alcohólica e diversas localizacións de cancro no tracto respiratorio superior e no aparello dixestivo.

Por fortuna, a proporción de bebedores de risco para a saúde (no caso dos homes, un consumo diario de máis de 40 gramos de alcol e, no caso das mulleres, un consumo diario de máis de 30 gramos) diminuíu en España. Mentres que en 2003 o 4 % da poboación consumía alcol en cantidade de risco para a saúde, esa porcentaxe en 2011 e 2012 era do 1,2 %. Segundo a Enquisa Domiciliara sobre Alcol e Drogas realizada periodicamente pola Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, a porcentaxe de persoas de 15 a 64 anos que consome diariamente bebidas alcohólicas reduciuse do 16 % en 2001 ao 10 % entre 2011 e 2012.

O custo sanitario

Custo sanitario das enfermidades crónicas

En España, as enfermidades crónicas están detrás de oito de cada dez consultas de atención primaria e de seis de cada dez ingresos hospitalarios. E é que as enfermidades crónicas non só teñen un custo persoal, tamén supoñen un gasto económico considerable.

Segundo o “Informe Cronos: cara ao cambio de paradigma na atención a enfermos crónicos”, elaborado por The Boston Consulting Group en 2014, os afectados por este tipo de doenzas consumiron durante o ano 2011 o 75 % dos recursos do Sistema Nacional de Saúde, fundamentalmente a través de hospitalizacións.

Para afrontar as prestacións sanitarias públicas necesarias, en 2020 necesitaríanse en España arredor de 28.000 millóns de euros, para sumar aos 50.000 millóns de euros xa destinados en 2011 á xestión de pacientes crónicos.

Porén, a pesar da amálgama de cifras astronómicas, os enfermos crónicos non teñen unha boa opinión do Sistema Nacional de Saúde. Consonte a segunda edición do Barómetro Escrónicos, elaborada por 19 federacións de enfermos crónicos (representan 350.000 pacientes), a atención sanitaria que reciben apenas logra un aprobado, unha nota media do 5,2. De feito, ao preguntarlles como ven o sistema sanitario, o 46 % dos pacientes crónicos opina que funciona ben, pero que necesita algúns cambios.

Aínda así, os profesionais sanitarios están moi ben valorados. O 80 % dos enfermos crónicos consultados está moi satisfeito co seu médico de familia e o 79 % co seu especialista.

Como conclusión, o Barómetro Escrónicos realiza unha serie de recomendacións:

  • Reducir os tempos de espera.
  • Dar máis e mellor información sobre os tratamentos.
  • Mellorar a coordinación de servizos.
  • Reformar e optimizar as Urxencias.
  • Eliminar as barreiras administrativas, como protocolos e normas que dificultan o acceso aos tratamentos.
  • Eliminar diferenzas entre as comunidades autónomas.