Gozar da praia

Sol e mar, unha combinación explosiva

1 Xullo de 2003

Sol e mar, unha combinación explosiva

Un ano máis, millóns de turistas, nacionais e estranxeiros, visitarán algunha das 3.000 praias que zarrapican os preto de 8.000 quilómetros do litoral español. E é que ante os ardentes raios do sol do verán, a praia é un dos destinos favoritos para gozar das vacacións, e boa mostra diso son os case 50.000 visitantes que reciben a cotío algunhas das nosas praias. Pero a miúdo, frecuentar lugares tan concorridos ten os seus inconvenientes. O exceso de auga e de sol, a masiva afluencia de bañistas e unha chea de contratempos (insolacións, cortes de dixestións, picaduras, etc.) confabúlanse nesta época do ano para provocar accidentes e imprevistos que poden dar ó traste coas vacacións máis idílicas. E o que é máis importante, cómpre non esquecermos que o mar é traizoeiro e impredicible, e unha actividade tan sinxela coma xogar coas ondas pode resultar perigosa se non se toman precaucións.

Cada ano, desde 1987, a Fundación Europea de Educación Ambiental (FEEE) e a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) valoran a calidade das nosas praias e portos, e premian cunha Bandeira Azul as que axuntan as condicións que garanten a seguridade, a saúde e o benestar de tódolos usuarios das nosas costas. Este ano, o afundimento do “Prestige” acabou coas aspiracións de 17 praias da Cornixa Cantábrica, que perderon tan prezado galardón. Sen embargo, non hai que baixa-la garda, polo que a FEEE estableceu unhas rigorosas condicións de seguimento nas praias afectadas, entre as que destacan que o propio Concello debe arria-la bandeira azul de xeito temporal e comunicarllo á ADEAC se observa unha volta ou aumento da contaminación por hidrocarburos. Se se volve producir unha segunda vez, o galardón débese retirar definitivamente. Con todo, España, con 420 praias e 97 portos premiados, segue á cabeza no contexto internacional en número de bandeiras azuis globais (entre praias e portos), xa que unha de cada seis que ondean en todo o mundo o fai en España.

Precaución nos baños

Cada ano, a prensa e as televisións fanse eco de afogamentos. O perfil dos afogados en praias está bastante definido: homes, deportistas e con idades entre 18 e 25 anos ou que superan a idade de xubilación. Estes datos responden a un tipo de persoa que confía nas súas posibilidades e no seu coñecemento do medio, e que ignora os sinais de advertencia sobre os perigos de determinados puntos ou sobre o estado do mar: baños e práctica de deportes náuticos preto de escollos ou con bandeira vermella.

Os mergullos tamén comportan un bo número de problemas médicos. Desde infeccións, como otite e conxuntivite, ata situacións moito máis graves como fracturas craniais, de vértebras cervicais, ósos, etc. Segundo datos da Organización Mundial da Saúde, as inmersións imprudentes son a causa do 6% das lesións medulares. Non en van, o 80% dos ingresos que se producen no Centro Especial de Paraplexía de Toledo durante os meses de verán proveñen de accidentes por mergullos bruscos.

Bañistas e embarcacións

Para ter unhas vacacións completas tamén hai que saber compatibiliza-los dereitos dos bañistas e dos usuarios de embarcacións. En liñas xerais, calquera embarcación (iates, táboas de surf, etc.) debe navegar a máis de 200 metros da costa no caso das praias, e a máis de 50 metros no resto do litoral. Dentro desa zona de 200 metros, as embarcacións que se teñan que achegar para alcanza-la beira non o poderán facer a máis de 3 nós e só pola canle especialmente habilitada para a súa entrada.

O problema das embarcacións en zonas próximas a bañistas tivo un importante efecto no verán do 2001, cando se produciron varios accidentes con motos acuáticas. A inexperiencia na conducción deste tipo de vehículos e as altas velocidades foron os detonantes. De aí que exista unha lexislación específica, de marzo do 2002, que regula o uso de motos acuáticas. Esta norma establece as titulacións necesarias en función da potencia da moto e a idade mínima para conducila, que pasou de 16 a 18 anos.

Vixiados de preto

En España, as autoridades locais son as encargadas da dotación de socorristas e vixiantes a través de convenios que asinan con diferentes entidades (Cruz Vermella, Federación de Salvamento Marítimo, etc….), que son as que proporcionan os profesionais cualificados.

A seguridade da praia é un dos puntos valorados á hora de conceder unha Bandeira Azul. As aspirantes a este galardón deben contar con socorristas dotados de equipo suficiente de rescate para responder a un posible accidente. Tamén deben contar con posto de socorrismo, ambulancia, torre de vixía e salvamento, megafonía, balizamento, carteis, sinalización e coa existencia de plans de emerxencia en conexión con Protección Civil. Nas praias totalmente seguras está prohibida a circulación de vehículos non autorizados, e os accesos deben ser doados e seguros. Ademais, os xogos e as actividades lúdicas deben ter un espacio diferenciado e non amolar a quen toma o sol.

No tocante á seguridade cidadá nas praias, esta é competencia da policía local. Por iso non é estraño ver polas praias parellas de policía en motos, quads ou mesmo en bicicleta. Tódolos anos, os bañistas denuncian furtos de cousas que quedan na area, e tiróns de bolsos e roubos nos paseos marítimos. Un xeito de evitar sustos e contratempos desagradables é acudir á praia co imprescindible para o baño, con documentación, pero sen tarxetas de crédito nin demasiados cartos en efectivo, nin xoias ou utensilios de moito valor como reloxos.

Pautas para un baño seguro
  • Non entre de súpeto na auga se tomou o sol ou vai moita calor. Pode sufrir un síncope debido á diferencia de temperatura da pel e da auga.
  • Se se vai somerxer ou internar no mar, consulte as táboas de mareas ou pregúntelles ós paisanos do lugar, para evita-las horas previas á preamar e á baixamar, cando as correntes da marea son máis fortes.
  • Extreme as precaucións no uso de flotadores e colchóns. A resaca pódeo arrastrar mar para dentro.
  • Non se mergulle de cabeza, sobre todo se descoñece a profundidade da zona.
  • En xeral, a zona de baño intérnase uns 200 metros cara ó mar. Arrédese das embarcacións e siga as normas de seguridade das instalacións acuáticas (tobogáns, trampolíns…). Teña coidado coas ondas ocasionadas polo paso dos barcos se a praia se atopa preto dun porto.
  • Procure non se internar no mar nadando se vai só.
  • Se é arrastrado por unha corrente permaneza tranquilo e non intente nadar contra ela. Nade paralelamente á praia, e unha vez fóra da corrente nade directamente cara á beira. Faga sinais de auxilio se non pode saír da corrente.
  • Se sofre unha cambra nade cara á beira sen forza-lo membro afectado. Alivie o espasmo estirando o músculo cara adiante.
  • Os días de praia evite os alimentos con alto nivel de graxas, de dixestión pesada, que reducen a capacidade do sangue para transportárlle-lo osíxeno ós músculos e ó cerebro, e que os fai máis propensos a sufrir cambras e esvaecemento. Pola contra, os hidratos de carbono como o arroz ou os cereais, así como a froita e as verduras, constitúen unha boa fonte de enerxía.

Evite insolacións

  • Beba moito líquido, nunca alcohol, antes e durante a exposición ó sol, para evita-la deshidratación. Non son recomendables diuréticos tales como o té, o café ou o alcohol, posto que alteran a cantidade de líquido no torrente circulatorio.
  • Móllese a miúdo con auga fresca, sobre todo a cabeza.
  • Alterne as exposicións ó sol con paseos por lugares frescos.
  • Evite actividades físicas extenuantes a pleno sol.
  • Extreme as precaucións con persoas sensibles (nenos, anciáns, cardiópatas, obesos).
  • Se malia a todas estas precaucións ten dor de cabeza, febre, respiración axitada, sede, vómitos ou trastornos da visión, pódese deber a unha insolación. Suspenda calquera actividade física, déitese nun lugar fresco coas pernas en alto, aplíquese na pel compresas de auga fría e beba a miúdo pequenas cantidades de líquido.

Máximo coidado cos nenos

  • Antes de lle pór un flotador ó seu fillo comprobe que está equipado cunha válvula de seguridade para evitar que se desinche axiña en caso de picada. Se o neno é pequeno faga que leve sistematicamente mangos inchables. Reserve as lanchas e os demais elementos acuáticos para os máis vellos, e non os deixe sos neles nin un segundo.
  • Evite que o seu fillo se perda na praia dándolle puntos de referencia: amóselle os obxectos, visibles de lonxe, que arrodean o lugar onde están instalados (parasoles, cabinas, casetas, etc.).
  • Indíquelles ónde se atopa o posto de socorro e póñalles un brazalete ou algo semellante que indique o seu nome e os seus datos.
  • Nunca cubra de area a un neno: nin en posición deitada, nin en posición vertical. Xamais cave un burato da súa talla. O peso da area sobre o seu peito é demasiado elevado para que poida respirar.
  • A sesión de praia para os nenos non debe durar en total máis de dúas horas, que non serán nunca as de máxima incidencia solar (de 12 a 16 horas).
  • Non os expoña ó sol antes dos tres anos, utilice protectores solares especiais para nenos de alto índice (máis de 25) e resistentes á auga.
O sol, sempre con moderación
  • Evite exporse ó sol entre as 12h e as 16h, cando os raios chegan verticalmente e, polo tanto, a radiación UVA e a UVB (a ultravioleta) é máis forte.
  • Lembre que a auga e a area reflicten os raios solares un 50% e un 35% respectivamente, aumentando os seus efectos nocivos sobre a pel.
  • Non se pulverice con auga para refrescarse mentres toma o sol, xa que as pingas actúan como lupas sobre a súa pel e poden acelera-la aparición de queimaduras.
  • Se lle gusta bañarse a miúdo, utilice productos resistentes á auga. Os waterproof garanten a protección indicada no envase logo de 80 minutos de inmersión na auga. Os water resistant, unicamente 40 minutos.