Turrón duro calidade Suprema: analizadas sete mostras

Semellantes en todo menos no prezo

1 Decembro de 2003

Semellantes en todo menos no prezo

Turrón é a masa obtida por cocción de mel e azucres, con ou sen clara de ovo ou albumina; posteriormente, engádense améndoas torradas, estonadas ou con tona, e amásase todo. O mel pode substituírse por azucres e derivados (sacarosa, glicosa, xarope de glicosa…) e pódense engadir outros ingredientes (froitos secos, froitas, chocolate, etc.), auga e aditivos en función do tipo de turrón que se vaia elaborar: brando, duro, turróns con fécula ou turróns de diferentes ingredientes.

CONSUMER analizou sete mostras de turrón duro, o máis tradicional, de calidade Suprema, a máxima.
A Fama Línea Roja, Antiú Xixona Etiqueta Blanca, El Almendro, El Lobo e 1880 pertencen á denominación de orixe (D.O.) “Turrón de Alacante”; Delaviuda e Virginias non están suxeitos a esta denominación. Preséntanse en estoxos de cartón de 300 gramos con dúas libras de chocolate no seu interior, menos La Fama Línea Roja que se vende en formato de 200 gramos cunha soa libra. De media, saen a 12,56 euros o quilo, pero rexistrouse unha gran variedade de prezos: o máis barato, La Fama Línea Roja, sae a 9,23 euros o quilo, mentres que o máis caro, o turrón 1880, sae a máis do dobre, en concreto a 20,83 euros o quilo. Antiú Xixona Etiqueta Blanca sae a 12,8 euros o quilo mentres que Virginias e Delaviuda custan arredor de 11,5 euros o quilo e El Almendro, un pouco menos, cos seus 11,2 euros o quilo. Para rematar, El Lobo (10,93 euros o quilo) é o segundo máis barato.

A mellor relación calidade-prezo é El Almendro (11,2 euros o quilo), o mellor na cata. Outra opción interesante é El Lobo, máis barato (10,93 euros o quilo) pero inferior na cata. Dada a similar composición nutricional das mostras e tendo en conta que se trata dun producto de consumo ocasional no que o pracer gustativo que proporciona é, xunto co prezo, o criterio fundamental de elección por parte dos consumidores, na designación de mellor relación calidade-prezo ponderouse moito a cualificación xurdida da cata.

Ingredientes do turrón duro

Segundo indican, os turróns analizados están elaborados unicamente con améndoa, azucre, mel, clara de ovo e oblea. El Lobo e 1880 engaden xarope de glicosa. E Virginias, amais de xarope de glicosa, utiliza un xarope con mestura de fructosa e glicosa. Ningún di utilizar aditivos.

A améndoa, ingrediente que máis abunda (mínimo, un 60%) no turrón duro Suprema, é rica en graxas (53,5%) e proteínas vexetais (20%), coma a maioría dos froitos secos. Na améndoa predominan os ácidos graxos insaturados (monoinsaturados, un 33% do total do producto, e poliinsaturados, un 9%), mentres que os saturados, menos saudables, se atopan nunha proporción (4%) moito menor. Os dous primeiros considéranse cardiosaudables, pola súa capacidade de reduci-las cifras de colesterol sanguíneo, o que converte os turróns duros en máis axeitados ca outros doces ou pasteis para os consumidores con índices elevados de colesterol. Ademais, a améndoa é rica en ácidos graxos esenciais (linoleico e linolénico), que o noso organismo é incapaz de sintetizar e que resultan imprescindibles para a formación de membranas celulares, en particular nas células nerviosas ou neuronas. Ademais, as améndoas son responsables de que o turrón duro proporcione cantidades interesantes de minerais como magnesio, fósforo, potasio, calcio, ferro, cinc e selenio (estes últimos, con acción antioxidante). Pero parte da vitamina B1 e da E destrúese no torrado ó que se someten as améndoas. A fibra, moi abundante (14%) na améndoa, é outro compoñente destacado nos turróns.

O mel é outro ingrediente esencial no turrón duro, sendo o de azar ou laranxeira e o de romeo as variedades máis apreciadas para os turróns duros Suprema. A clara de ovo, que enriquece lixeiramente o turrón en proteínas de calidade, aclara a mestura de mel e de azucres -de cor parda escura- e proporciónalle esponxosidade á masa. E, para rematar, as obleas que recobren estes turróns elabóranse con fariña de cereais, xeralmente de trigo. Os celíacos (que sofren intolerancia ó glute, proteína de cereais como trigo, avea, cebada, centeo e triticale, híbrido de trigo e centeo) non deben consumir estes turróns, non sendo que se indique que o cereal utilizado non contén glute.

No laboratorio

Leváronse ó laboratorio estes sete turróns duros Suprema e a conclusión da análise é que os sete son moi semellantes na súa composición nutricional. A norma esíxelles ós turróns duros Suprema un máximo dun 5% de humidade e dun 2,2% de cinzas, e un mínimo do 11% para as proteínas e dun 32,5% para as graxas. Os sete cumpren sobradamente os baremos lexislados. A porcentaxe media de humidade é do 2,1%, e os valores movéronse entre o 1,4% de El Almendro e o 2,8% de 1880. O contido en cinzas, indicador do contido en minerais, variou moi pouco: desde o 1,9% ata o 2,1%. O contido medio de proteínas foi de case o 16% e as diferencias son pouco relevantes. O contido en graxa, que provén principalmente da améndoa, é do 36,5% de media. En El Almendro anotouse o menor contido en hidratos de carbono (40,5%) e o máximo en graxas (case o 40%), o que o converte no máis calórico, con 585 calorías cada cen gramos. No lado oposto sitúase Virginias, co menor contido proteico (14%) e graxo (35%) e o maior en hidratos (47%), o que o leva a se-lo menos calórico: 557 calorías cada cen gramos. En xeral, o valor enerxético do turrón duro é moi elevado: unha media de 566 calorías cada cen gramos, presentando as sete mostras analizadas valores moi próximos.

Máis sobre a améndoa

No turrón, a améndoa é decisiva: é o ingrediente que máis abunda e o que determina a calidade e o prezo do producto. Atendendo ás porcentaxes mínimas de contido en améndoa, os turróns duros clasifícanse en Suprema, que debe conter non menos do 60% de améndoa no producto final, Extra (un 46% de améndoa), Estándar (un 40%) e Popular, con só o 34% de améndoa. O producto final depende en boa parte da calidade da améndoa, da que hai moitas variedades: Marcona, Mollar, Mixer, Nonpareil, Valenciana e outras. A norma xeral de turróns non especifica variedade nin orixe das améndoas, pero a D.O. “Turrón de Alacante” (que ampara a La Fama Línea Roja, Antiú Xixona Etiqueta Blanca, El Almendro, El Lobo e 1880) especifica que o producto se ten que elaborar e envasar no termo municipal de Xixona (Alacante) e que se debe realizar exclusivamente con améndoas (mínimo, un 60%), mel puro de abella (mínimo 10%), clara de ovo, azucres e oblea, e que o mel e a améndoa deben proceder das zonas de producción e elaboración das comarcas de Alacante, Castellón e Valencia. Tódolos turróns con esta D.O. son Suprema e só poden utilizar améndoas Valenciana (Comuna), Mallorca, Marcona, Mollar e Planeta. Nos turróns analizados só se viron dúas variedades de améndoa: marcona (a máis cara e apreciada) e comuna. Ámbalas dúas están aceptadas pola D.O. “Turrón de Alacante”, polo que os cinco turróns suxeitos a esta D.O. respectan a norma. Non está demostrado que as marcona garantan un producto máis saboroso cás comuna, pero a marcona é a que mellor se comporta no proceso de elaboración dos turróns. El Almendro, 1880 e Virginias utilizan só améndoas marcona. Delaviuda emprega unha gran maioría de marcona, aínda que se identificou presencia de comuna. La Fama Línea Roja e Antiú Xixona Etiqueta Blanca utilizan só améndoas comuna, mentres que El Lobo utiliza maioritariamente comuna e unha cantidade menor de marcona.

Respecto á cantidade de améndoa, tódalas mostras superan o mínimo establecido pola norma (60% do producto final), cunha media do 62,5%. O de máis améndoa (65%) é 1880, que ademais presentaba o 95% delas enteiras, o que lle confire mellor aspecto ó producto. El Almendro e La Fama tiñan un 63% de améndoa. O menor contido anotouse en Antiú Xixona Etiqueta Blanca, cun 61% de améndoa, e foi tamén a mostra coa menor porcentaxe (64%) de améndoas enteiras.

A análise microbiolóxica

Realizáronselles análises microbiolóxicas ás sete mostras, co obxecto de avalia-lo seu estado hixiénico-sanitario. Seguindo a norma, efectuouse o reconto de enterobacterias, E.coli, Salmonela, S.aureus e mofos e lévedos. Só Antiú Xixona Etiqueta Blanca incumpriu a normativa, ó superar lixeiramente os valores máximos de enterobacterias, 100 ucf/g, ou unidades formadoras de colonias por gramo de producto.

Esta presencia de enterobacterias débese, con toda probabilidade, a unha deficiente hixiene na elaboración do producto. De tódolos xeitos, o consumo desta mostra non representa problemas sanitarios para os consumidores.
Ademais, as sete mostras sometéronse a unha análise específica, co obxecto de detecta-lo posible uso de ingredientes modificados xeneticamente. O resultado foi concluínte: ningunha mostra utiliza ingredientes transxénicos.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse sete turróns duros Suprema, a máxima categoría. Cinco pertencen á denominación de orixe “Turrón de Alacante”.
  • Preséntanse en estoxos de 300 gramos con dúas pranchas no seu interior, menos La Fama Línea Roja, en formato de 200 gramos cunha soa prancha.
  • O máis barato foi La Fama Línea Roja, que sae a 9,23 euros o quilo, e, o máis caro, 1880, a 20,83 euros o quilo. El Lobo custa 10,93 euros o quilo, e os demais entre 11,2 euros (El Almendro) e 12,8 euros o quilo (Antiú Xixona Etiqueta Blanca).
  • Elaborado a partir de améndoa (mínimo un 60%, nos Suprema), azucre, mel, oblea e clara de ovo, o turrón duro é moi enerxético (566 calorías cada cen gramos, de media).
  • A composición nutricional dos sete turróns é moi semellante e todos superan o mínimo de améndoas fixado pola norma. O de máis améndoa, cun 65%, é 1880.
  • El Almendro, 1880 e Virginias utilizan exclusivamente améndoa marcona, a variedade máis apreciada e cara.
  • Na mostra de Antiú Xixona Etiqueta Blanca o estado hixiénico-sanitario foi incorrecto: detectouse un contido lixeiramente superior ó admitido de enterobacterias, sinal dunha hixiene deficiente na elaboración do producto. O consumo desta mostra non representa risco sanitario ningún.
  • A cata non deparou diferencias significativas. O mellor valorado foi El Almendro, con 6,9 puntos, seguido de Delaviuda, con 6,3 puntos.
  • A mellor relación calidade/prezo é El Almendro. Outra opción: El Lobo.
Análise de turróns duros calidade Suprema
Marca Denomina
ción
Valores lexis- lados El Almendro “Turrón de Alacante” El Lobo “Turrón de Alacante” Virginias “Turrón duro Imperial” Delaviuda “Turrón de Améndoa duro” La Fama
Línea Roja “Turrón de Alacante”
1880
“Turrón de Alacante”
Antiú Xixona
Etiqueta Blanca “Turrón de Alacante”
Prezo (euros/ quilo) 11,20 10,93 11,40 11,54 9,23 20,83 12,80
Humidade (%) Máx. 5,0 1,4 2,0 2,3 2,2 2,3 2,8 2,1
Proteína (%) Mín. 11,0 16,1 16,7 14,0 15,8 16,8 15,7 16,1
Hidratos de carbono (%) 40,5 43,9 47,0 42,6 43,7 42,5 44,0
Graxa total (%) Mín. 32,5 39,9 35,4 34,7 37,4 35,3 37,0 35,7
Valor calórico (Kcal/100 g) 585,5 561,0 556,3 570,2 559,7 565,8 561,7
Cinzas (%) Máx. 2,2 2,1 2,0 2,0 2,1 1,9 2,0 2,1
Cantidade de améndoa (%)1 Mín. 60 63 62 62 62 63 65 61
Cantidade de améndoa enteira (%)2 75 76 88 83 87 95 64
Variedade de améndoa3 Marcona Comuna e algo de marcona Marcona Marcona e algo de comuna Comuna Marcona Comuna
OXM4 Ausencia Ausencia Ausencia Ausencia Ausencia Ausencia Ausencia
Estado micro
biolóxico
Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto Incorrecto
Cata (1 a 9) 6,9 6,2 5,9 6,3 5,5 5,8 5,5

(1) Cantidade de améndoa: é a cantidade de améndoa presente no producto acabado

(2) Cantidade de améndoa enteira: cantidade de améndoa enteira do total da améndoa. Considérase améndoa enteira aquela que presenta as 2/3 partes dunha améndoa enteira. Canto maior sexa a cantidade de améndoa enteira mellor aspecto ten o producto final.

(3) Variedade de améndoa: A denominación de orixe “Turrón de Alacante” só pode utilizar améndoas das variedades Valenciana (Comuna), Mallorca, Marcona, Mollar e Planeta e deben proceder das comarcas de Alacante, Castellón e Valencia. A marcona é a variedade máis apreciada. No resto de turróns duros non están restrinxidas as variedades de améndoa.

(4) OXM: organismos modificados xeneticamente

Un a un

Un por un, oito turróns duros

El Almendro

  • Denominación: “Turrón de Alacante”
  • Sae a 11,20 euros/quilo.
  • É a mellor relación calidade-prezo.
  • O 63% do producto é améndoa, toda ela da variedade marcona, a máis apreciada.
  • Na cata, o mellor, con 6,9 puntos: elóxiase a súa “dozura”, o “sabor das améndoas” e o “punto de dureza”.

El Lobo

  • Denominación: “Turrón de Alacante”.
  • Sae a 10,93 euros/quilo.
  • Outra opción interesante.
  • O 62% do producto é améndoa, das variedades comuna (maioritariamente) e marcona.
  • Na cata, 6,2 puntos: comentarios favorables polo “punto de dureza”·e desfavorables por “moi doce”.

Virginias

  • Denominación: “Turrón duro Imperial”.
  • Sae a 11,4 euros/quilo.
  • O 62% do producto é améndoa, toda ela da variedade marcona, a máis apreciada. Na cata, 5,9 puntos: gábase o seu “punto de dureza” e critícase pola súa “améndoa escura”.

Delaviuda

  • Denominación: “Turrón de améndoa duro”.
  • Sae a 11,54 euros/quilo.
  • O 62% do producto é améndoa, das variedades (moi maioritariamente) marcona, a máis apreciada, e comuna.
  • Na cata, 6,3 puntos: ben valorado en sabor, dureza e sabor residual, e eloxiado por “dozura”, “sabor das améndoas” e “punto de dureza”.

La Fama Línea Roja

  • Denominación: “Turrón de Alacante”.
  • Sae a 9,23 euros/quilo, o máis barato.
  • O 63% do producto é améndoa, toda ela da variedade comuna.
  • Na cata, só 5,5 puntos: criticado por “améndoas moi torradas”, “duro” e “groso”.

1880

  • Denominación: “Turrón de Alacante”.
  • Sae a 20,83 euros/quilo. É, con moita diferencia, o máis caro.
  • O maior contido en améndoa (65%), toda ela da variedade marcona (a máis apreciada e cara). Ademais, o 95% das améndoas están enteiras.
  • Na cata, 5,8 puntos: dos peores en sabor, dureza e sensación ó mastigar. Elóxiase a súa cor e cantidade de améndoas, pero criticouse o seu “pouco sabor”.

Antiú Xixona Etiqueta Blanca

  • Denominación: “Turrón de Alacante”.
  • Sae a 12,8 euros/quilo.
  • O seu contido en améndoas (ten só variedade comuna) é o máis baixo (61%) e só o 64% se atopaban enteiras.
  • Estado hixiénico-sanitario insatisfactorio, ó superar lixeiramente o reconto admitido de enterobacterias, pero sen repercusión ningunha na saúde do consumidor.
  • Na cata, só 5,5 puntos: dos peores en sabor, sensación ó mastigar e sabor residual, e é criticado por “améndoas moi torradas”.