Iogures desnatados edulcorados, con anacos de froita

Saudables e ben elaborados

A (escasa) presenza de froita aumenta lixeiramente o valor enerxético do iogur, pero non inflúe na achega de vitaminas, minerais e fibra
1 Maio de 2004

Saudables e ben elaborados

O iogur é un produto de leite callado, obtido por fermentación láctica mediante a acción de Lactobacillus bulgaricus e Streptococcus thermophilus a partir de leite pasteurizado, con ou sen adición doutros ingredientes. Ambos os microorganismos produtores da fermentación láctica deben ser viables e atoparse no produto rematado nunha cantidade mínima total de 107 colonias por gramo ou mililitro. A presenza destes microorganismos vivos é a principal diferenza dos iogures cos “iogures pasteurizados despois da fermentación”, que non os conteñen. Os iogures naturais e os de sabores teñen un valor enerxético e nutritivo semellante, e só se diferencian en que os primeiros non empregan aditivos. Nos iogures con froitas, estas inflúen pouco no valor calórico do produto e practicamente nada na achega de vitaminas, minerais e fibra, salvo que estean enriquecidos con estes nutrientes.

Analizáronse 7 iogures desnatados edulcorados que incorporan anacos de froita, catro deles de amorodo e 3 de pexego, todos eles en formato de 125 gramos. O prezo ía desde 2,82 euros/quilo en Sveltesse Nestlé con pexego ata 3,08 euros/quilo en Kaiku con amorodo.

Cumpren as normas

Estes sete iogures desnatados edulcorados conteñen anacos de froita natural. A cantidade de froita, facilmente perceptible polo consumidor, pode influír en que repita ou non a compra do produto. A porcentaxe de froita que se indica nas etiquetas alude á cantidade que engade o fabricante. Segundo as súas etiquetas, varía desde o 7,6% de Kaiku ata o 10,5% dos dous de Sveltesse Nestlé. O laboratorio comprobou que o contido en froita visible (anacos de froita que quedan unha vez retirada a masa de iogur) é notablemente menor ó declarado. Iso non significa que os fabricantes engadan menos froita da que anuncian: nos tratamentos mecánicos de mestura coa masa do iogur, a froita pártese aínda máis e pode quedar, en parte, en forma de filamentos, de xeito máis acusado en froitas brandas como o amorodo. Os tres con pexego presentaron contidos semellantes en froita visible (media: 5,8%) e superiores ós de con amorodo. Sveltesse Nestlé amosou un 6% de amorodo visible, e no resto variou desde o 2,1% de amorodo de Kaiku ata o 3,8% de Central Lechera Asturiana.

O contido en iogur supón un 94% de media nos iogures con pexego e desde un 94% ata un 98% nos de amorodo. Todos superaron o mínimo legal (70%). Doutra banda, para a obtención do iogur o leite debe sufrir unha fermentación láctica que supón a acidificación do medio. A norma establece para todos os iogures un pH igual ou inferior a 4,6. As mostras estudadas situáronse entre 4,1 e 4,3 de pH, polo que cumpren co esixido ó respecto. A norma indica tamén que nos iogures desnatados a materia graxa da parte láctea debe representar menos do 0,5%. Ningún se achegou a este límite: ían desde menos do 0,1% de Sveltesse Nestlé (con amorodo) e Vitalinea Danone (con amorodo) ata o 0,2% de Sveltesse Nestlé (con pexego). O extracto seco magro lácteo, o que queda do iogur tras eliminar auga e graxa, debe representar como mínimo o 8,5%; desde o 14,7% de Sveltesse Nestlé con amorodo ata o 18,3% de Central Lechera Asturiana con pexego, todos cumpren amplamente ese mínimo.
En resumo: os sete iogures estudados cumpren coa normativa en todos os aspectos fundamentais.

Iogures e nutrición

Para a obtención do iogur, o leite do que se parte sofre transformacións por acción dos microorganismos engadidos. Así, parte da lactosa (azucre do leite) transfórmase en ácido láctico e outros compoñentes de doada asimilación. A formación de ácido láctico produce unha acidificación do medio que fai que proteínas e graxas sufran unha predixestión, transformándose en substancias máis sinxelas e dixeribles para o noso organismo. Ademais, o leite calla, o que lle confire ó iogur as súas características nutricionais e determina o seu aroma, sabor e consistencia. Malia a que os iogures conteñen algo de lactosa (3%-5%), son ben tolerados polas persoas con intolerancia a este azucre. Doutra banda, o consumo de iogur alonga o tempo de tránsito intestinal, aliviando a diarrea. Tradicionalmente pensouse que os microorganismos vivos do iogur exercen un efecto positivo, máis alá do estritamente nutricional, na saúde de quen o consome. Pero estudos científicos recentes poñen en dúbida que se produza no intestino a colonización por bacterias vivas precisa para que o iogur exerza ese efecto que durante décadas se lle atribuíu.

O compoñente maioritario dos iogures analizados, “desnatados edulcorados, con anacos de froita” é a auga, que supón de media o 83% do produto. Os hidratos de carbono, que representan o 10% de media, proceden principalmente do azucre do leite (lactosa) e do da froita (frutosa). As proteínas variaron, segundo as mostras, entre o 4,3% e o 5%.

O contido en graxa total é esencial nun desnatado, xa que os consumidores os elixen porque son pouco graxos, e, xa que logo, achegan menos calorías: un iogur non desnatado ten un 1,8% de graxa e achega unhas 82 calorías cada cen gramos. Nestes iogures desnatados, a proporción de graxa variou desde o 0,14% de Sveltesse Nestlé (amorodo) ata o 0,26% de Central Lechera Asturiana (amorodo) e o poder enerxético medio é dunhas 60 calorías cada cen gramos: o máis enerxético foi Central Lechera Asturiana (pexego), con 69 calorías cada cen gramos e o menos calórico foi Sveltesse Nestlé (pexego), con 52 calorías cada cen gramos.

Pola súa banda, os iogures desnatados sen froita achegan 40 calorías cada cen gramos. A froita engadida, aínda que -como se pode comprobar- aumenta un chisco o valor calórico do produto, non ten incidencia na achega de vitaminas e minerais.

Os iogures, doutra banda, son unha fonte excelente de calcio de doada asimilación: un iogur cobre preto do 20% das necesidades diarias deste mineral esencial para o noso organismo. No iogur destacan as vitaminas do grupo B (especialmente, B2, B1 e ácido nicotínico) e as liposolubles A e D. Certas vitaminas pérdense na elaboración, polo que algúns fabricantes producen iogures “enriquecidos”, con vitaminas engadidas. Este é o caso dos de Vitalinea Danone (engade 6 vitaminas) e Central Lechera Asturiana (engade vitamina A e D).

Para proporcionarlle o sabor doce ó iogur, engádeselle azucre común (sacarosa), pero estes sete son “edulcorados”, o que significa que se substituíu o azucre por edulcorantes artificiais, acesulfamo K (E-950) e aspartamo (E-951). O primeiro é un edulcorante “non nutritivo”: torna doces os alimentos (é entre 130 e 200 veces máis doce cá sacarosa) sen engadir calorías, non provoca caries e tampouco inflúe nos niveis de azucre no sangue. O organismo é capaz de dixerilo e non se acumula, polo que se elimina axiña por vía renal. A inxestión diaria máxima de acesulfamo é de 9 miligramos por quilo de peso corporal do consumidor. O aspartamo, pola contra, é un edulcorante “nutritivo”, xa que achega 4 calorías cada cen gramos, as mesmas cá sacarosa. Pero ó ser entre 150 e 200 veces máis doce có azucre común, engádense cantidades moi inferiores. Fórmase a partir de fenilalanina e ácido aspártico, carece de resaibo e é inocuo agás para as persoas con fenilcetonuria (niveis de fenilalanina elevados en sangue); por iso, é obrigatorio que os produtos con aspartamo exhiban a mención “Contén unha fonte de fenilalanina”. A inxestión diaria máxima de aspartamo que se recomenda é de 40 mg por quilo de peso corporal. Mentres que nun iogur normal o contido en azucre é de 9 gramos por 100 gramos de produto, os contidos de aspartamo nesta análise roldan os 10 miligramos cada cen gramos de produto. De acelsufamo K utilízanse 8 miligramos cada 100 gramos. Os iogures que menos edulcorantes empregaron son Sveltesse Nestlé con amorodo e Vitalinea Danone con pexego.

Algúns fabricantes engaden sorbato potásico (E-202) como conservante da froita. Este aditivo, que evita o desenvolvemento de balor e lévedos, considérase inocuo para o noso organismo. Os dous de Vitalinea Danone e o de Kaiku (amorodo) non o empregan, mentres que o resto engaden arredor de 50 ppm (partes por millón), dose razoable. Salvo os de Central Lechera Asturiana, todos empregan colorantes.

Outras comprobacións

O iogur é leite callado obtido pola fermentación de Lactobacillus bulgaricus e Sterptococcus thermophilus, microorganismos que se deben atopar viables nun contido mínimo de 10 000 000 colonias por gramo durante toda a vida útil do produto. Comprobouse no laboratorio que as sete mostras superan folgadamente este mínimo. Tamén se realizaron análises microbiolóxicas, co fin de avaliar o seu estado hixiénico-sanitario. Os resultados foron satisfactorios en todo os casos. Doutra banda, estes iogures poden conter ingredientes modificados xeneticamente, ben sexa nos de función espesante ou emulxente, nos conservantes, etc. Logo de someter as sete mostras a unha análise específica comprobouse que ningunha contiña ingredientes transxénicos.

Para rematar, as sete mostras indican nas súas etiquetas toda a información obrigatoria, se ben os dous de Vitalinea Danone e o de amorodo de Sveltesse Nestlé incumpren a norma ó non indicaren no mesmo campo visual a denominación de venda, o peso neto e a data de caducidade. Tamén a incumpren os dous de Vitalinea Danone, ó indicaren na súa lista de ingredientes só 5 de 6 vitaminas coas que anuncian na súa etiqueta o enriquecemento do produto. En ambos os dous casos, trátase de incumprimentos de escasa transcendencia.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse 7 iogures desnatados edulcorados que incorporan anacos de froita, catro deles de amorodo e 3 de pexego, todos eles en formato de 125 gramos.
  • O prezo ía desde 2,82 euros/quilo en Sveltesse Nestlé con pexego ata 3,08 euros/quilo en Kaiku con amorodo.
  • O escaso contido graxo lácteo (inferior ó 0,5%, por norma) e o uso de edulcorantes explican a súa modesta achega enerxética: entre 52 e 70 calorías cada cen gramos. Un dos edulcorantes utilizados é o aspartamo, que non debe inxerir quen padeza fenilcetonuria.
  • As características nutricionais das sete mostras son moi semellantes. O contido en froitas é tan escaso que, aínda que aumenta lixeiramente a achega de calorías, practicamente non ten importancia nutricional.
  • Agás os dous de Central Lechera Asturiana, todos engaden colorantes. Os de Vitalinea Danone e o de Kaiku (amorodo) son os únicos que non usan sórbico como conservante da froita.
  • Dos iogures con cachos de amorodos, Kaiku (6,3 puntos) foi o mellor valorado e Sveltesse Nestlé o peor (4,6 puntos). Entre os de anacos de pexego, salienta Central Lechera Asturiana (6,9 puntos).
  • A mellor relación calidade-prezo de todo o comparativo é Central Lechera Asturiana con anacos de pexego. Para quen prefira o iogur con amorodos, a mellor elección é Kaiku.
Marca Denomi- nación CENTRAL LECHERA ASTURIANA
“Iogur desnatado edulcorado con anacos de pexego”
SVELTESSE NESTLÉ
“Iogur desnatado con pexego. Con azucres e edulcorantes”
VITALINEA DANONE
“Iogur desnatado edulcorado con pexego e frutosa”
KAIKU
“Iogur con amorodos desnatado edulcorado”
Prezo (¬/quilo) 2,88 2,82 3,05 3,08
Etiquetaxe Correcta Correcta Incorrecta Correcta
Contido en iogur (%) 94,3 94,1 94,2 97,9
Contido en froita visible (%) 1 5,7 5,9 5,8 2,1
pH 4,2 4,2 4,3 4,3
Materia graxa láctea (%)2 0,14 0,21 0,19 0,17
Extracto seco magro lácteo (%)3 18,3 15,3 15,3 16,9
Extracto seco (%) 17,9 13,6 15,5 16,9
Hidratos de carbono (%) 11,7 8,2 9,9 11,4
Proteína (%) 5 4,3 4,4 4,3
Graxa (%) 0,22 0,21 0,17 0,2
Cinzas (%) 1 0,9 1 1
Valor calórico (kcal/100 g) 68,78 51,89 58,73 64,6
Aspartamo (E-951) (ppm)4 153 131 90 70
Acesulfamo K (E-950) (ppm) 5 88 101 52 102
Sórbico (E-202) (ppm) 6 50,3 53,3 ND ND
OXM Ausencia Ausencia Ausencia Ausencia
Estado microbio- lóxico Correcta Correcta Correcta Correcta
Cata (1 a 9) 6,9 5,5 5,2 6,3
Marca Denomi- nación VITALINEA DANONE
“Iogur desnatado edulcorado con amorodo e frutosa”
CENTRAL LECHERA ASTURIANA
“Iogur desnatado edulcorado con anacos de amorodo”
SVELTESSE NESTLÉ
“Iogur desnatado con amorodo. Con azucres e edulcorantes”
Prezo (¬/quilo) 3,05 2,90 2,85
Etiquetaxe Incorrecta Correcta Incorrecta
Contido en iogur (%) 97,4 96,2 94
Contido en froita visible (%) 1 2,6 3,8 6
pH 4,1 4,1 4,2
Materia graxa láctea (%)2 0,09 0,15 0,08
Extracto seco magro lácteo (%)3 15,1 17,3 14,7
Extracto seco (%) 15,1 17,3 14,6
Hidratos de carbono (%) 9,1 11 9,2
Proteína (%) 4,7 4,8 4,3
Graxa (%) 0,18 0,26 0,14
Cinzas (%) 1,1 1 1
Valor calórico (kcal/100 g) 56,82 65,54 55,26
Aspartamo (E-951) (ppm)4 77 104 66
Acesulfamo K (E-950) (ppm) 5 75 82 73
Sórbico (E-202) (ppm) 6 ND 55 51,9
OXM Ausencia Ausencia Ausencia
Estado microbio- lóxico Correcta Correcta Correcta
Cata (1 a 9) 5,9 5,3 4,6

N.D.: Non detectado.

1 Contido en froita visible: cantidade de froita visible no produto, unha vez eliminada a masa do iogur.

2 Materia graxa láctea: cantidade de graxa que se atopa na parte láctea do iogur. Nos iogures desnatados debe ser inferior a 0,5%

3 Extracto seco magro lácteo: cantidade de sólidos lácteos non graxos. A norma establece un contido mínimo de 8,5%.

4Aspartamo (E-951): edulcorante artificial calórico. O seu poder edulcorante é entre 150 e 200 veces maior ó do azucre. Non debe ser consumido por fenilcetonúricos.

5>5 Acesulfamo K (E-950): edulcorante artificial non calórico. O seu poder edulcorante é entre 130 e 200 veces maior ó do azucre.

6 Sórbico: aditivo conservante da froita. Os valores detectados son razoables e correctos.

Un a un

Un por un, sete iogures desnatados con anacos de froita

Central Lechera Asturiana "Iogur desnatado edulcorado con anacos de pexego"

  • Sae a 2,88 euros/quilo. A mellor relación calidade-prezo deste comparativo.
  • Contido en pexego visible: 5,7%. Engade sórbico como conservante da froita. A maior cantidade de edulcorante.
  • Na cata, 6,9 puntos, o mellor dos sete: gabado por “doce”, “cremoso”, “cor”, “cantidade de froita” e “tamaño dos cachos”, recibe algúns comentarios desfavorables por “demasiado doce”.

Sveltesse Nestlé "Iogur desnatado con pexego. Con azucres e edulcorantes"

  • Sae a 2,82 euros/quilo, o máis barato dos sete.
  • O menos calórico (52 calorías cada cen gramos). Contido en pexego visible: 5,9%. Engade sórbico como conservante da froita.
  • Na cata, 5,5 puntos: gusta o seu “sabor agradable”, pero é criticado por “insípido”, “acedo”, “líquido” e “pouca froita”.

Vitalinea Danone "Iogur desnatado edulcorado con pexego e frutosa"

  • Sae a 3,05 euros/quilo.
  • Etiquetaxe incorrecta, deficiencia non grave. Dos de menos materia graxa láctea (0,09%). Cantidade de amorodo visible: 2,6%. Sen conservantes.
  • Na cata, 5,9 puntos: gusta polo seu “sabor agradable”, “cor”, “cantidade de anacos”, “tamaño dos anacos”, pero desagrada por “acedo”, “pouco sabor” e “cor artificial”.

Central Lechera Asturiana "Iogur desnatado edulcorado con anacos de amorodo"

  • Sae a 2,90 euros/quilo.
  • Contido en amorodo visible: 3,8%. Emprega sórbico como conservante da froita (55 ppm).
  • Na cata, 5,3 puntos: gusta por “sabor agradable”, “cantidade de froita”, pero é criticado por “demasiado doce”, “cor clara” e “tamaño dos anacos”.

Sveltesse Nestlé "Iogur desnatado con amorodo. Con azucres e edulcorantes"

  • Sae a 2,85 euros/quilo.
  • Etiquetaxe incorrecta, deficiencia non grave. O de menos materia graxa láctea (0,08%) e o de máis amorodo visible: 6%. Engade sórbico como conservante da froita. Emprega a menor cantidade de edulcorante.
  • Na cata, 4,6 puntos, o peor: gabado por “cantidade de anacos” e “tamaño dos anacos”, pero non gusta polo seu “pouco sabor” e “cor clara”.