Analizada a limpeza viaria de 30 rúas en 10 cidades do país

Residuos no chan e mobiliario urbano sucio nunha de cada catro rúas analizadas

Todas se situaban na Coruña, Bilbao e Sevilla e a maioría dos residuos eran cabichas, papeis ou plásticos
1 Setembro de 2013
Img tema de portada listado

Residuos no chan e mobiliario urbano sucio nunha de cada catro rúas analizadas

Imaxine por un momento unha cidade coas rúas ateigadas de lixo. Moreas e moreas de distintos tipos de residuos polas beirarrúas e polas calzadas sen xeito nin traza. Sería a imaxe do colapso, unha situación á que chegariamos se non existise un sistema organizado de limpeza viaria e recollida de residuos.

Cada persoa xera ao ano máis de 500 quilogramos de residuos urbanos, unha cantidade difícil de esconder debaixo da alfombra. Por iso, a limpeza nas cidades é unha verdadeira necesidade hixiénica e de protección ambiental, e non só nunha cuestión estética.

EROSKI CONSUMER quixo coñecer o estado da limpeza de 10 cidades: A Coruña, Barcelona, Bilbao, Logroño, Madrid, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia e Vitoria. Para iso, durante unha semana, e entre os meses de xuño e xullo, examináronse 3 rúas situadas en 3 puntos diferentes de cada cidade: o centro, o ensanche (entre o centro e a periferia) e os arrabaldes.

En total, realizáronse 180 visitas distribuídas no tempo e na xeografía española. Pola mañá e pola tarde do luns, do xoves e do sábado, os técnicos da revista analizaron palmo a palmo un tramo de cada unha das rúas.

As 30 vías seleccionadas responden a unha serie de características. En primeiro lugar, as céntricas son peonís e con comercios, mentres que as do ensanche e as dos arrabaldes son residenciais e con calzadas polas que transitan vehículos.

Sucidade: A Coruña, Bilbao e Sevilla

Ningunha das rúas analizadas tiña tal grao de sucidade que lles impedise aos seus cidadáns transitar por elas. Aínda así, advertíronse residuos no chan, colectores co lixo fóra, mobiliario urbano (farois, bancos, papeleiras…) sucio e con pintadas e comportamentos incívicos nunha de cada catro rúas examinadas nas 180 visitas.

Tratábase dunha rúa céntrica (rúa Tetuán, na capital sevillana), de tres do ensanche (rúa Juan Flórez na Coruña, rúa Autonomía en Bilbao e rúa Arroyo en Sevilla) e de tres dos arrabaldes (rúa Xeneral Sanjurjo na capital galega, rúa Fray Juan na capital bilbaína e avenida Emilio Lemos na capital sevillana).

Malia que o resto das arterias mantiveron un grao de limpeza superior durante a semana de inspección (o 43 % estaban limpas e o 33 % moi limpas), tamén se comprobou que a sucidade era algo maior os xoves (pola mañá, seis vías estaban sucias de media en cada visita e, pola tarde, sete) e nas arterias do ensanche (unha media de tres rúas deste tipo, fronte a dúas dos arrabaldes e unha céntrica).

Limpeza permanente: dúas rúas de Madrid

Moi poucas rúas analizadas no estudo se mantiveron completamente limpas durante toda a semana de observación. Soamente dúas: rúa Velázquez (do ensanche) e rúa Fermín Caballero (dos arrabaldes) de Madrid.

Pola contra, era algo máis habitual atopar rúas sen residuos no chan durante todo un día: das 30 visitadas, soamente cinco. O luns e o xoves mantivéronse así as dos arrabaldes Sierra de Aralar en San Sebastián e Madre de Dios en Logroño. Na mesma situación atopáronse tamén o xoves as vías céntricas Estafeta de Pamplona e Portales da capital rioxana. Esta última mantívose limpa tamén o sábado de observación, ao igual que a rúa Urbieta do ensanche da capital guipuscoana.

Residuos no chan: cabichas, papeis, plásticos

Malia a limpeza das arterias mencionadas, noutras si se atoparon residuos tirados no chan. En concreto, en cada visita viuse lixo no chan nunha media de tres de cada catro rúas. Esta situación produciuse especialmente nas vías céntricas e durante as visitas do sábado pola mañá e do luns pola tarde. Por cidades, en todas as vías analizadas na Coruña, Bilbao, Sevilla, Valencia e Vitoria se atopou algún residuo tirado no chan.

O máis habitual era atopar residuos inorgánicos (cabichas, papeis, plásticos soltos, envoltorios, paquetes de tabaco…); é dicir, produtos inertes, inodoros e non susceptibles de descomposición rápida, que se detectaron no 90 % das rúas en cada momento da inspección. Tamén se atoparon con frecuencia -unha media de dúas de cada tres rúas en cada visita- residuos pegados ao pavimento.

Por último, os tipos de residuos achados con menor asiduidade foron follas e/ou pólas de árbores, plantas e flores (en dúas de cada cinco rúas en cada visita), residuos líquidos e excrementos de animais (nunha de cada tres, respectivamente) e residuos orgánicos (nunha de cada cinco).

Por tipo de vía, os residuos inorgánicos observáronse en maior proporción nas rúas do ensanche e nos arrabaldes, así como os excrementos de animais. Pola súa banda, nas rúas céntricas víronse en maior medida residuos pegados ao pavimento e residuos líquidos (normalmente, ouriños de can).

Ocasionais ou repítense?

Para concretar, entre os inorgánicos, o máis común foi atopar papeis, cabichas, plásticos e envases tirados no chan. Pola súa banda, os pegados ao pavimento eran na súa maioría gomas de mascar, pero tamén se viu pintura, cemento, graxas diversas e mesmo vómitos. Tamén entre os líquidos había restos de bebidas, pero o máis común foron ouriños de can. E, entre os orgánicos, o normal era ver pipas e outros restos de comida, como froita ou verdura. Normalmente, eran grupos de residuos pequenos.

Pero non só importa o que se ve, senón cantas veces se viu durante o tramo observado. Os residuos que con maior asiduidade se observaron durante as visitas realizadas foron os pegados ao pavimento e os líquidos, que se distribuían ao longo de toda a rúa.

Pola súa parte, os residuos inorgánicos, as follas e ramas das árbores e os excrementos de animais atopábanse cada momento da análise cunha asiduidade media de entre 2 e 5 ocasións. O lixo que con menor frecuencia se viu era o orgánico e as poucas veces en que aparecía facíao de forma ocasional, unha soa vez.

Papeleiras sucias e colectores con lixo fóra

O estado das papeleiras e dos colectores é fundamental para realizar unha recollida eficiente dos residuos. O seu correcto uso por parte dos cidadáns é unha necesidade básica.

As situacións que máis habitualmente se observaron foron papeleiras sucias que necesitaban un lavado a fondo (en cada visita acontecía nunha media do 30 % das rúas examinadas) e colectores con residuos fóra rodeándoos (en cada inspección, viuse no 38 % das vías analizadas).

En ambos os dous casos, estes problemas de limpeza acontecían en maior medida nas rúas dos arrabaldes analizadas. A diferenza é que as papeleiras sucias se encontraban ao longo da rúa, mentres que atopar un colector con residuos fóra rodeándoo era máis ocasional e atopar un colector con residuos fóra rodeándoo acontecía unha soa vez.

Polo demais, só no 13 % das arterias estudadas en cada visita se viron papeleiras nas que sobresaíse lixo da boca do recipiente, nun 10 % tiñan residuos fóra e o recipiente roto. Pola súa banda, nun 13 % das vías examinadas había colectores sucios e nun 9 % sobresaía o lixo da boca do recipiente.

Sinais sucios e edificios con pintadas

O resto do mobiliario urbano achado durante os 6 paseos realizados en cada rúa tamén presentaba algunhas deficiencias; en especial, sucidade e pintadas.

A sucidade afectaba sobre todo os sinais e as escavas das árbores (lugar no que se encaixan) e repetíase nunha de cada catro rúas en cada visita. As pintadas observáronse nos edificios e nas fachadas de case a metade das rúas examinadas en cada exploración.

Por tipo de vía, a sucidade das escavas das árbores e dos sinais era máis frecuente no ensanche e nos arrabaldes, mentres que as pintadas nos edificios ou nas fachadas se viron con maior asiduidade (en tres de cada cinco rúas en cada visita) tamén nos arrabaldes.

Por último, en ningún momento se percibiu po suspendido nas 30 rúas seleccionadas para o estudo durante as inspeccións realizadas. É máis, apenas se percibiron malos olores, só en tres ocasións e sempre nos arrabaldes. En concreto, apreciáronse o luns pola tarde na rúa Sierra de Aralar de San Sebastián (pola marea baixa), o xoves pola mañá na avenida de Gaspar Aguilar de Valencia (polos ouriños de can) e o sábado pola tarde na rúa Xeneral Sanjurjo da Coruña (desprendíao un colector de residuos orgánicos).

Máis conciencia, menos sucidade

Para calquera cidadán, a limpeza urbana e a recollida de residuos urbanos é unha prestación básica e necesaria. Por iso, esíxeselles ás administracións públicas certos niveis de calidade á hora de proporcionar este servizo. Pero os mesmos cidadáns que esixen tamén teñen uns deberes que cumprir. E é que perduran os comportamentos incívicos entre os cidadáns. Ese mesmo cidadán que lles pide ás administracións públicas tamén debe estar concienciado e educado.

Tan só se observaron in situ condutas incívicas nun 8 % das rúas examinadas durante as exploracións. Non obstante, é evidente que a maior parte dos residuos detectados se deben a comportamentos incívicos dos cidadáns que viven e transitan polos tramos examinados: un grande exemplo son os excrementos de animais e o lixo colocado fóra das papeleiras e dos colectores.

En concreto, durante a observación presenciáronse os seguintes comportamentos incívicos: tirar ao chan cabichas, papeis, cascas de pipas e bolsas de plástico, deixar o lixo xunto a un poste de sinal e chuspir.

O momento máis sucio

Os niveis de sucidade de cada rúa analizada por EROSKI CONSUMER variaban en función do día e do momento en que se realizase a visita. Ao igual que a rutina dos cidadáns varía, con ela tamén o fai a limpeza da cidade. E é que non é o mesmo unha rúa un luns pola mañá ca un sábado pola tarde. A continuación, repásanse os momentos menos limpos das arterias analizadas:

  • A Coruña: rúa Juan Flórez, xoves pola tarde. Atopáronse cabichas, plásticos, excrementos de gaivota, gomas de mascar e ouriños de can. Ademais, había papeleiras sucias ao longo da rúa e nunha ocasión unha tiña os residuos fóra. Tamén as escavas das árbores estaban sucias.
  • Barcelona: carrer de la Diputació, luns pola mañá. Durante o paseo, o técnico atopou botellas e papeis, follas e excrementos de animal. Así mesmo, un colector tiña os residuos fóra.
  • Bilbao: rúa Autonomía, luns pola mañá. Atopáronse area, papeis, cabichas, plásticos, envases e ata unha bombona de butano. Así mesmo, víronse cascas de pipas, verdura, manchas de pintura, gomas de mascar e manchas líquidas, como ouriños de can. Tamén había unha papeleira e un colector dos que sobresaía lixo. Ademais, observouse un comportamento incívico: tirar cabichas ao chan.
  • Logroño: rúa Jorge Vigón, sábado pola tarde. Observáronse residuos orgánicos no chan, en concreto, restos de froita pisados na beirarrúa. Ademais, tamén había un colector con caixas de cartón fóra.
  • Madrid: rúa Fuencarral, xoves pola mañá. Atopouse unha bolsa de lixo xunto a unha fachada ateigada de residuos orgánicos e tamén manchas de gomas de mascar pegadas ao longo de toda a rúa. Así mesmo, unha das papeleiras do tramo estudado tiña residuos fóra e había bancos con adhesivos por todas as partes.
  • Pamplona: rúa Estafeta, luns pola mañá. En tres ocasións víronse caixas de cartón ben amoreadas nos arredores dos comercios que posteriormente recolleu un camión. Tamén había pintadas nas fachadas.
  • San Sebastián: rúas Loiola, San Marcial e Arrasate, xoves pola tarde. Acháronse cascas de pipas e plásticos e papeis no chan e nas escavas. Ademais, observouse un comportamento incívico: tiraron unha bolsa de plástico ao chan.
  • Sevilla: avenida Emilio Lemos, xoves pola tarde. Observáronse latas, envases de cartón e plásticos no chan e tamén graxa, vómito e goma de mascar pegada no pavimento, ademais dun tomate e excrementos. Por outra parte, o técnico foi testemuña dun comportamento incívico dun home que tirou un papel ao chan.
  • Valencia: rúa Micer Mascou, xoves pola mañá. Durante o paseo, observáronse restos de roupa, lixo, papeis, cabichas, restos de froitas e excrementos de animal. Ademais, as zonas próximas ás árbores e aos aparcadoiros tamén tiñan residuos. Por último, dun colector sobresaía lixeiramente lixo.
  • Vitoria: rúa Pamplona, luns pola tarde. Víronse papeis, plásticos e envoltorios na base das árbores e ao longo da rúa. Tamén había unha papeleira sucia, bancos rotos e colectores con residuos fóra.