Tensiómetros domésticos

Por apenas 30 euros pódese adquirir un tensiómetro doméstico fiable

Os seis equipos para medir a tensión analizados son fiables e seguros, pero hainos que custan catro veces máis ca outros
1 Abril de 2009
Img analisis 2 listado 200

Por apenas 30 euros pódese adquirir un tensiómetro doméstico fiable

A evolución da tecnoloxía médica vive un paradoxo. Xurdiu toda unha liña de aparellos cada vez máis complexos, pero que utilizan esta complexidade para simplificar o seu uso e que calquera (ata quen atopa dificultades á hora de programar un vídeo) poida utilizalos. Un bo exemplo son os tensiómetros, que lles permiten aos pacientes hipertensos controlar acotío e dunha maneira sinxela a súa tensión e pulso sen saíren da casa. Non son un substituto da medición experta dun médico, pero si un bo complemento: se un hipertenso acode á consulta cunha listaxe de medicións de tensión diarias dende a última consulta, facilitaralle ao facultativo o seu diagnóstico e tratamento. Ademais, ofrécelle ao especialista máis información se o paciente sofre a chamada “síndrome da bata branca”, é dicir, se son pon nervioso e a medición que lle fan na consulta ofrece uns datos que non son representativos do seu estado de saúde. Pero estes equipos non son para todo o mundo: o uso dos tensiómetros está contraindicado en personalidades obsesivas e en pacientes con arritmias cardíacas.

Analizáronse no laboratorio e sometéronse a unha proba de uso seis aparellos domésticos para medir a presión arterial (tensiómetros) que custan dende os 29,90 euros de Oregon Scientific BPW 120 ata os 112,18 euros de Omron M6 Confort. A mellor relación calidade-prezo é o equipo máis barato, Oregon Scientific, xa que se trata dun tensiómetro de pulso fiable e seguro, ofrece suficientes opcións para un usuario convencional, o seu prezo é entre un 50% e un 75% máis barato ca o resto e, aínda que foi o que menos lles gustou aos consumidores, acadou un notable nesa proba de uso. Para quen busque un tensiómetro de brazo (máis profesional ca os de pulso), Tensoval Duo Control é unha opción interesante, xa que se pode enchufar á rede eléctrica (e polo tanto non depende das pilas) e ofrece o “modo invitado”, que non memoriza os resultados obtidos.

O único tensiómetro que se limita a ofrecer os dous anos de garantía obrigatorios é Oregon Scientific, o resto dan tres anos de garantía. Todos os tensiómetros analizados levan rotuladas as advertencias esixidas pola norma e ademais fano de modo lexible. Comprobouse fregando enerxicamente cun pano enchoupado en auga e outro en gasolina, sen que se chegasen a borrar.

Características técnicas

Para un uso doméstico, non resulta esencial que sexan pequenos e liviáns. Os aparellos de brazo son sensiblemente máis grandes e pesados ca os de pulso. O máis voluminoso e de maior peso é Omron M6 Comfort e os máis pequenos e liviáns son Tensoval Mobil e Oregon Scientific. Aposán foi o único que non ofrecía a necesaria cartilla na que anotar os sucesivos valores de tensión arterial. Todos os tensiómetros inclúen unha funda para gardalos e funcionan a pilas, pero estas son de duración moi diferente: en Omron R3 Intellisense esgotáronse ás 570 medicións, mentres que Oregon Scientific aguantou seis veces máis: 3.200 medicións. Os seis aparellos miden a presión sistólica (“a tensión alta”), a diastólica (“a tensión baixa”) e o pulso (o número de latexos por minuto) e amosan nas súas pantallas a data, a hora e o estado das pilas. O inchado e desinchado imprescindible para facer a medición é automático e pódese deter cun botón de seguridade. Aposán e Omron M6 Comfort amosan a carón do resultado numérico se se pode considerar hipertenso segundo a Organización Mundial da Saúde. Aposán, amais da pantalla, conta cunha voz sintética que le os resultados, polo que é idóneo para persoas con problemas de visión. Omron M6 Comfort é o que máis resultados permite almacenar na súa memoria: 90 rexistros, seguido de Aposán, con 60 rexistros. Os dous tensiómetros de Tensoval tamén almacenan 60 rexistros, pero de maneira máis óptima, porque poden ser compartidos por dous usuarios (30 rexistros para cada un). Oregon Scientific é o peor neste apartado porque só garda 30 rexistros. Tensoval Duo ofrece un útil modo invitado que efectúa medicións sen que os resultados queden memorizados.

Son seguros

En ningún dos seis é posible alcanzar cos dedos ningunha parte activa (cargada electricamente) e están axeitadamente illados fronte a correntes de enerxía perigosas, o que se comprobou aplicando unha corrente alterna. No tocante á resistencia, soportaron os ensaios nos que se aplica unha bóla de presión a 75 ºC durante unha hora e as tres marteladas de 0,5 xullos. É importante que en caso de fallo tampouco sexan perigosos, para o que se simularon tres tipos de accidentes: bloqueouse a bomba de inchado, provocouse un curtocircuíto nas pilas e cambiouse a súa polaridade. Ningún destes fallos simulados os danou.

Precisión

A proba máis importante que deben superar estes equipos é a de precisión: isto é, se cumpren axeitadamente a súa función de medir a presión arterial e o pulso do usuario. Para comprobalo, fixéronse unha proba analítica e outra clínica. Na primeira enviáronse os tensiómetros a un laboratorio que xerou unha tensión moi alta e outra moi baixa (280 mmHg e 30 mmHg ou, de xeito coloquial, “28, 3”) e simulou un pulso de 65 latexos por minuto. Todos os equipos aprobaron con nota, porque os resultados que ofreceron apenas diferían do real.

Agora ben, estes equipos tamén deben demostrar a súa capacidade lonxe do laboratorio, en medicións sobre pacientes de carne e óso que poden ser obesos, ter brazos e pulsos moi grosos ou moi finos, mostrar diferentes viscosidades sanguíneas… A norma EN 1060 establece cando un tensiómetro é clinicamente fiable. Unha das probas para comprobalo consiste en realizar con cada equipo tres medicións a 85 pacientes. Aposán, Oregon Scientific e os dous Tensoval locen este distintivo. CONSUMER EROSKI realizou unha proba clínica cos seis tensiómetros analizados. Unha enfermeira utilizou os equipos con 12 pacientes e cotexou estes resultados cos obtidos co sistema de medición “tradicional” (esfingomanómetro conectado a unha columna de mercurio calibrada e un fonendoscopio).

Oregon Scientific obtivo o mellor dato en “tensión alta”, só se desviaba da referencia en 2,8 milímetros de mercurio (mmHg), é dicir, para unha tensión de 130 mmHg de tensión sistólica (o que comunmente se coñece como “13 de tensión alta”), de media amosaría entre 132,8 mmHg ou 127,2 mmHg). Tensoval Mobil foi o mellor en “tensión baixa”, con 3,8 mmHg de desviación media, pero foi o que máis se desviou na “tensión alta” (5,7 mmHg). O peor ao medir a “tensión baixa” foi Omron R3 Intellisense, con 6,8 mmHg de desviación. Agora ben, alén dos resultados parciais, os equipos que menos se desvían nas dúas medicións son Oregon Scientific e Tensoval Duo Control.

Tendo en conta todas estas probas de laboratorio, o tensiómetro de maior calidade é Tensoval Duo Control, que alcanza o “moi ben”. Oregon Scientific, Aposán, Tensoval Móvil e Omron M6 quedaron no “ben” e Omron R3 Intellisense foi o peor e non pasou do “suficiente”.

Proba de uso

Oito usuarios probaron estes tensiómetros e valoráronos do un ao dez co fin de saber, máis alá de probas de laboratorio, que impresión subxectiva xeran nos consumidores. O deseño que máis gustou foi o de Omron M6 Comfort (7,9 puntos sobre 10), mentres que a embalaxe mellor presentada foi a do outro equipo de Omron (R3 Intellisense, con 8,1 puntos). O mellor manual de instrucións e o máis sinxelo de pór en marcha foi Tensoval Duo Control. O máis incómodo foi Tensoval Mobil (6,1 puntos). Todos foron doados de utilizar (a peor nota foi un 7,6). O menos claro á hora de amosar o resultado na pantalla foi Oregon Scientific (7 puntos).

En definitiva, a proba de uso non deparou grandes diferenzas: os que máis gustaron (Tensoval Duo Control e Omron M6 Comfort, os dous con 7,8 puntos sobre 10) apenas se desmarcaron fronte ao peor valorado, que tamén chegou ao notable: Oregon Scientific (7,3 puntos).

Os tensiómetros domésticos poden medir a tensión arterial no brazo ou no pulso. Os primeiros son máis precisos, porque no brazo hai unha única arteria mentres que no pulso esta se bifurca. Ademais, canto máis lonxe do corazón se faga a medición, máis inflúen outras variables e menos exacto é o dato recollido (por iso non son recomendables os tensiómetros “de dedo”). Ademais, unha postura incorrecta do pulso durante a medición (por exemplo, excesivamente estendida ou que non estea á altura do corazón) pode falsear os datos. A pesar destes inconvenientes, moitos usuarios prefiren os tensiómetros de pulso porque son máis cómodos (non é preciso arremangarse) e máis baratos: dos seis tensiómetros analizados, os dous de brazo eran máis caros ca os catro de pulso (112 euros de media fronte a 66 euros de media), algo a considerar se se ten en conta que moitos dos usuarios son anciáns e que a pensión media de xubilación en España se sitúa por baixo dos 850 euros. Pero, son os de brazo máis precisos ca os de pulso? A clave para unha boa medición non está na calidade dos aparellos, como demostrou esta análise comparativa (as diferenzas entre modelos eran mínimas), senón no seguimento escrupuloso dos manuais de uso: o brazo debe estar inmóbil apoiado no peito.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

Analizáronse seis tensiómetros automáticos para uso doméstico, catro de pulso e dous de brazo. O seu prezou vai dende os 30 euros de Oregon Scientific ata os 113 euros de Omron M6 Comfort.

  • A medición da tensión arterial na casa axuda ao control da hipertensión, pero nunca debe substituír o control médico. É conveniente anotar as medicións domésticas con data e hora ou ben almacenalas na memoria do tensiómetro e levalas á consulta para que o especialista as revise.
  • Todos os tensiómetros analizados foron precisos e seguros. Os seis funcionaban a pilas e os dous de brazo tamén se podían conectar á rede eléctrica, pero non incluían o cable.
  • Apenas houbo diferenzas na proba de uso: os dous de brazo foron os mellores, con 7,8 puntos sobre 10 e Oregon Scientific, o peor valorado con 7,3 puntos.
  • O tensiómetro de maior calidade é Tensoval Duo Control, que alcanza o “moi ben”. Oregon Scientific, Aposán, Tensoval Móvil e Omron M6 quedaron no “ben” e Omron R3 Intellisense foi o peor e non pasou do “suficiente”.
  • A mellor relación calidade-prezo é para o equipo máis barato, Oregon Scientific, porque é fiable, seguro e acada un notable na proba de uso. Tensoval Duo Control é unha opción máis profesional, xa que mide a tensión no brazo, se pode enchufar á rede eléctrica e ofrece o “modo invitado” que non memoriza os resultados obtidos. Aposán é unha opción interesante para persoas con limitacións visuais, pois unha voz sintética le o resultado.
Marca Oregon Scientific Tensoval Aposán
BPW 120 Duo Control AP-CP2392
Tensiómetro de pulso Tensiómetro de brazo Tensiómetro de pulso
Prezo (euros) 29,90 110 77,84
Información ao consumidor
Contido da etiqueta Correcto Correcto Correcto
Durabilidade do marcado Correcto Correcto Correcto
Garantía 2 años 3 años 3 años
Especificacións técnicas
Consumo (amperios) 0,35 0,45 0,45
Tipo de baterías 2 pilas “AAA”
  • 4 pilas “AA”
  • Adaptador de red
2 pilas “AAA”
N.º de medicións ata esgotar as baterías 3200 2100 850
Accesorios
  • Estoxo
  • Ficha de medida
  • Pilas
  • Estoxo
  • Ficha de medida
  • Pilas
  • Estoxo
  • Ficha de medida
Dimensións en mm (longo x ancho x profundidade) 72 x 72 x 30 138 x 153 x 48 83 x 81 x 34
Peso (g) 135,7 394,4 160,2
Funcións non comúns 30 medidas en memoria.
  • 2 x 30 medidas en memoria.
  • Modo invitado
  • Altofalante.
  • 60 medidas en memoria.
  • Indicación de estado segundo OMS.
Seguridade eléctrica Correcto Correcto Correcto
Precisión e validación
Desviación analítica en presión a 30 mmHg (mmHg) Menos 0,1 Menos 0,1 Menos 0,1
Desviación analítica en presión a 280 mmHg (mmHg) 0,9 0,9 Menos 0,1
Desviación analítica en pulso (pulsos/minuto) 0,1 0,1 Menos 0,1
Desviación clínica sistólica (mmHg) 4,2 4,0 6,0
Desviación clínica diastólica (mmHg) 2,8 3,3 4,6
Declaración de conformidade coa norma EN 1060
NOTA DE CALIDADE GLOBAL Ben Moi Ben Ben
Proba de uso (del 1 al 10) 7,3 7,8 7,7
Marca Tensoval Omron Omron
Mobil R3 Intellisense M6 Comfort
Tensiómetro de pulso Tensiómetro de pulso Tensiómetro de brazo
Prezo (euros) 82,05 75,79 113,18
Información ao consumidor
Contido da etiqueta Correcto Correcto Correcto
Durabilidade do marcado Correcto Correcto Correcto
Garantía 3 años 3 años 3 años
Especificacións técnicas
Consumo (amperios) 0,39 0,15 0,44
Tipo de baterías 2 pilas “AAA” 2 pilas “AAA”
  • 4 pilas “AA”
  • Adaptador de red
N.º de medicións ata esgotar as baterías 2700 570 1550
Accesorios
  • Estoxo
  • Ficha de medida
  • Pilas
  • Estoxo
  • Ficha de medida
  • Pilas
  • Estoxo
  • Ficha de medida
  • Pilas
Dimensións en mm (longo x ancho x profundidade) 72 x 56 x 42 72 x 56 x 43 127 x 155 x 83
Peso (g) 135,4 147,1 443,8
Funcións non comúns 2 x 30 medidas en memoria. 42 medidas en memoria.
  • 90 medidas en memoria.
  • Indicación de estado OMS
Seguridade eléctrica Correcto Correcto Correcto
Precisión e validación
Desviación analítica en presión a 30 mmHg (mmHg) Menos 2,1 Menos 0,1 Menos 0,1
Desviación analítica en presión a 280 mmHg (mmHg) Menos 2,1 3,9 Menos 3,1
Desviación analítica en pulso (pulsos/minuto) Menos 0,1 0,7 0,2
Desviación clínica sistólica (mmHg) 3,8 6,8 6,6
Desviación clínica diastólica (mmHg) 5,7 3,8 4,5
Declaración de conformidade coa norma EN 1060 No No
NOTA DE CALIDADE GLOBAL Ben Suficiente Ben
Proba de uso (del 1 al 10) 7,4 7,5 7,8

Un a un

Un a un, seis tensiómetros domésticos

Oregon Scientific BPW120

  • Tensiómetro de pulso
  • A mellor relación calidade-prezo.
  • Prezo: 29,90 euros.
  • Nota de calidade: Ben.
  • O máis barato. O único que ofrece dous anos de garantía e non tres. Un dos dous máis pequenos e lixeiros. O que menos rexistros memoriza.
  • As pilas que máis duran (3.200 medicións). Un dos máis precisos. Declara ser conforme coa estrita norma EN 1060.
  • Proba de uso: 7,3 puntos sobre 10, o que menos gustou. Moi incómodo para sacar e gardar o manual, pilas difíciles de cambiar.
  • A imaxe da pantalla oscila, polo que as persoas maiores poden ter dificultade para lela.

Tensoval Duo Control

  • Tensiómetro de brazo
  • Unha opción interesante para quen busque un equipo semi profesional.
  • Prezo: 110 euros.
  • Nota de calidade: Moi ben.
  • O segundo máis caro. Un dos dous con maior consumo eléctrico. Amais de con pilas, pode funcionar enchufado á rede eléctrica. O único con modo “invitado”, para facer medicións sen que queden memorizadas. Garda 60 rexistros para dous usuarios. Un dos máis precisos analiticamente. O segundo que menos se afastaba do patrón nas medicións clínicas. Declara ser conforme coa estrita norma EN 1060.
  • Proba de uso: 7,8 puntos sobre 10, un dos dous que máis gustou. Axústase ben ao brazo, se ben a súa funda é pequena

Aposán CP2392

  • Tensiómetro de pulso
  • Unha opción interesante para persoas con limitacións visuais.
  • Prezo: 77,84 euros.
  • Nota de calidade: Ben.
  • Un dos dous que máis electricidade consume. O único no que unha voz sintetizada informa do resultado da medición. Clasifica a tensión rexistrada segundo a escala da OMS. O máis preciso analiticamente.
  • Proba de uso: 7,7 puntos sobre 10, o mellor dos de pulso e un dos mellores en xeral.
  • Os usuarios valoraron moi positivamente a voz sintetizada que le o resultado.

Tensoval Mobil

  • Tensiómetro de pulso
  • Prezo: 82,05 euros.
  • Nota de calidade: Ben.
  • Un dos dous máis pequenos e lixeiros. Almacena ata 60 medicións para dous usuarios diferentes.
  • O que mostrou unha maior desviación analítica a 30 mmHg. Declara ser conforme coa estrita norma EN 1060.
  • Proba de uso: 7,4 puntos sobre 10. Os usuarios láianse de que aperta demasiado cun pulso groso, de que non se adapta ben e de que a súa funda protexe pouco ante os golpes. Funda branda sen protección aos golpes. A tapa das pilas axústase con dificultade.

Omron R3 Intellisense

  • Tensiómetro de pulso
  • Prezo: 75,79 euros.
  • Nota de calidade: Suficiente.
  • As baterías que menos duran (570 medicións).
  • O que máis se afasta do patrón nas medicións de presión sistólica, aínda que a desviación é aceptable.
  • Proba de uso: 7,5 puntos sobre 10. Os usuarios láianse de que non é cómodo e se “chanta” no pulso. O seu inchado é lento e pode chegar a magoar algo. A tapa das pilas axústase con dificultade.

Omron M6 comfort

  • Tensiómetro de brazo
  • Prezo: 113,18 euros.
  • Nota de calidade: Ben.
  • O máis caro. Pode funcionar enchufado á rede eléctrica. O máis grande e pesado. Indica cando se superaron os niveis de tensión óptimos fixados pola OMS.
  • Proba de uso: 7,8 puntos sobre 10, un dos dous mellor valorados. Gustou que se axustase ben ao brazo e mais a súa pantalla clara e grande, pero non convenceu a súa funda nin a tapa das pilas.