Sete xeados, catro de chocolate e tres de stracciatella

Poderían ser máis saudables: achegan moitas calorías e graxa saturada

Son nutritivos, saborosos e refrescantes pero, por mor do seu contido en graxa e azucres, resultan máis caloríficos ca outras sobremesas lácteas. E a súa graxa é maioritariamente saturada, a menos saudable
1 Xullo de 2009
Img analisis listado 205

Poderían ser máis saudables: achegan moitas calorías e graxa saturada

Os xeados de chocolate e de stracciatella (de nata con cachos de chocolate) están ben elaborados, véndense en correcto estado hixiénico-sanitario, carecen de ingredientes transxénicos, cumpren as normas de calidade e están ben etiquetados.

Os seus ingredientes fundamentais son leite, azucre, graxas vexetais, manteiga e pasta de cacao, emulxentes, espesantes, estabilizadores e aromas. No xeado, o pracer que proporciona o seu consumo ten un protagonismo superior ao doutros alimentos. De aí a importancia das súas características organolépticas (sabor, textura, olor, cor) que neste caso se comprobaron moi diferentes e nada ou pouco relacionadas co prezo do xeado. Pero os xeados non son unha lambetada refrescante, senón un alimento de gran valor nutritivo: achegan graxa, proteínas e hidratos de carbono en cantidade significativa.

Moderación no consumo

Deben ser consumidos con moderación, por dúas razóns. Unha é a súa achega enerxética: nos de chocolate e stracciatella o máis común é que sexa dunhas 210 calorías cada cen gramos, pero hainos de 150 (os sen azucre) e de máis de 260 calorías cada cen gramos (os de máis graxa). A achega calorífica dos xeados é moi superior á doutras sobremesas lácteas doces, como iogures, flans, arroz con leite ou batido de cacao, todos eles con preto de 100 calorías cada cen gramos. A outra razón para non se exceder no consumo destes xeados é que a maioría da súa -por outra parte, abundante- graxa é saturada, a menos saudable. Ademais, o seu gran contido en azucres convérteos en inadecuados para persoas con diabete, obesidade ou hipertrigliceridemia. Ademais, a adición de leite e derivados fai que os xeados estean contraindicados para quen sofre intolerancia á lactosa ou alerxia á caseína (proteína do leite). O xeado pode conter tamén ovo ou froitos secos (quen teña intolerancia a estes ingredientes debe evitalos) e aditivos espesantes que poden ser amidóns de trigo, polo que os celíacos deben permanecer alerta.

Estas son as conclusións xerais da análise comparativa e cata (diferenciada para cada tipo de xeado) á que foron sometidas 4 mostras de xeado de chocolate e 3 de stracciatella, as sete con cachiños de chocolate.

Dúas, ambas as dúas de chocolate, son distintas das demais: Ben & Jerry´s adquiriuse a granel nunha xeadería (o seu envase non ten denominación de venda nin lista de ingredientes) e Häagen Dazs é un “xeado de crema” (ten como mínimo un 8% de materia graxa, que debe ser láctea, e un mínimo do 2,5% de proteínas, tamén de orixe láctea), mentres que os outros cinco son simplemente “xeado”, polo que, atendendo á lexislación, terán polo menos un 5% de graxa, que pode non ser láctea; e as súas proteínas -sen obriga dunha cantidade mínima- serán de orixe láctea. No “xeado de crema” o ingrediente principal é a nata, mentres que os outros seis, os “xeados”, empregan fundamentalmente graxas vexetais, se ben algúns incorporan outras graxas: manteiga de cacao e manteiga.

A normativa establece, para os xeados, estoutras denominacións:

  • Xeado de leite: como mínimo, un 2,5% de materia graxa láctea e un 6% de extracto seco magro lácteo.
  • Xeado de leite desnatado: como máximo, un 0,30% de materia graxa láctea; e polo menos un 6% de extracto seco magro lácteo.
  • Xeado de auga: como mínimo, un 12% de extracto seco total.
  • Sorbete: polo menos, un 15% de froitas e un 20% de extracto seco total.

O xeado con menos aditivos, e neste sentido o máis natural, é o de Häagen Dazs. Presenta tamén o perfil lipídico máis saudable (a súa proporción de graxa saturada é a menor, o 67%), se ben a súa grande cantidade de graxa (a maior, o 20% do produto é graxa) relativiza esta virtude, xa que a súa cantidade total de graxa saturada (13 g/100 g) é a maior das sete mostras. Continuando con Häagen Dazs, as súas superiores calidade e prezo (sae a 12,28 euros o litro, máis do triplo ca La Lechera e o dobre ca Carte D´Or) non se ven correspondidas cunhas superiores cualificacións na cata: foi precisamente este o xeado de chocolate peor cualificado na análise sensorial. Mentres que o máis barato (sae a 3,35 euros o litro), La Lechera de chocolate, resultou un dos mellores na cata, o que unido a que é o menos graxo e o menos calorífico o fai merecente do galardón de mellor relación calidade-prezo entre os de chocolate.

Nos de stracciatella, o elixido é Carte D´Or, o mellor na cata e o máis barato (4,55 euros/litro), se ben as diferenzas de prezo foron pouco importantes.

Proteínas, graxa, azucres…

A auga é o compoñente maioritaria dos xeados, supón de media un 54% do produto. O de máis humidade é Royne (66%) e o de menos, Häagen Dazs (45%). Tamén abunda a graxa: de media representa o 11%, pero alcanza o 20% en Häagen Dazs e queda en menos do 8% no de chocolate de La Lechera e nos de stracciatella de Royne e de Carte D´Or. Esta graxa provén fundamentalmente da graxa vexetal, da manteiga de cacao e do leite desnatado, pero tamén da manteiga e do ovo, aínda que hai xeados que non conteñen estes dous últimos ingredientes. Häagen Dazs é o único xeado de crema, polo que a maior parte da súa graxa provén da nata. Máis xenerosa aínda é a presenza de hidratos de carbono, na súa maioría azucres engadidos para proporcionarlles aos xeados o seu sabor doce característico. Estes azucres representan de media o 23%, se ben a galla vai dende o 7% de Royne (usa edulcorantes en lugar de azucre) ata o 28% de La Lechera e o 35% de Carte D´Or, ambos os dous de stracciatella; o resto teñen entre o 20% e o 25% de azucres. O frío diminúe a percepción dos sabores e produce un efémero adormecemento das papilas gustativas; velaquí o motivo polo que se emprega tanto azucre na elaboración de xeados. Outros produtos lácteos igualmente doces pero non conxelados, como o arroz con leite (16% de azucre), a crema catalá (14%), o flan de vainilla (15%), o batido de cacao (11%) ou as cremas (10%) conteñen menos azucre ca os xeados.

Tamén é importante o contido en proteínas (entre o 3% e o 5,5%; os que máis, Häagen Dazs e Ben & Jerry´s), de alto valor biolóxico e que deben ser obrigatoriamente de orixe láctea. Todas as mostras cumpren o que a norma establece no tocante ás cantidades e orixe da graxa e proteína destes xeados. Para rematar, entre os minerais e vitaminas destes xeados destacan o calcio e o fósforo e as vitaminas B1, B2, B3, A e D.

En termos de achega enerxética, non é o mesmo consumir un ou outro xeado: entre estes sete hai un que só achega 148 calorías cada cen gramos (substitúe o azucre por edulcorantes), mentres que outro (Häagen Dazs chocolate) supera as 300 calorías e un terceiro (Ben & Jerry´s chocolate) chega ás 265 calorías. Os catro restantes proporcionan arredor de 210 calorías cada cen gramos.

Moita graxa saturada e táboa comparativa

Moita graxa saturada

Os xeados conteñen moita graxa, e iso é relevante cara á súa achega enerxética, pero dende a perspectiva da saúde e dos hábitos alimentarios cómpre preguntarse polo seu perfil lipídico, polo tipo de graxa que conteñen. A resposta é contundente: a maior parte (o 80%, de media) da súa graxa é saturada, a menos saudable por estar relacionado o seu consumo frecuente cunha maior incidencia de enfermidades cardiovasculares. O xeado con maior proporción de graxa saturada -malia a ser o menos graxo- é Royne (94%), debido probablemente ao emprego de aceite de coco, a graxa vexetal con maior grao de saturación. E o de mellor perfil lipídico -aínda que sexa o máis graxo- é Häagen Dazs, co 67% de saturados e único elaborado exclusivamente con graxa láctea (usa graxa vexetal só nos confeitos de chocolate). Os demais evidenciaron valores intermedios de graxa saturada, entre o 72% de Ben & Jerry´s e o 84% do Carte D´Or stracciatella. Paradoxalmente, a graxa con perfil máis saudable atópase no xeado máis graxo dos comparados, Häagen Dazs chocolate, o que emprega máis graxa láctea e único que non recorre á graxa vexetal.

Se se calcula a cantidade de graxa saturada de cada xeado, a listaxe queda encabezada por Häagen Dazs (13 g/100 g), seguido de Carte D´Or chocolate (10 g/100 g) e de Ben & Jerry´s chocolate (case 9 g/100 g). Nos mellores postos figuran La Lechera chocolate, e Royne e Carte D´Or stracciatella, arredor dos 6 g/100 g.

Marca La Lechera Häagen Dazs Ben & Jerry’s Carte D’or
Denominación de venda Xeado de chocolate con anacos de chocolate con leite (3%) e labras de chocolate amargo Xeado crema de chocolate belga negro con confeitos de chocolate Xeado de chocolate con anacos de auténtico brownie de chocolate Xeado sabor chocolate con salsa sabor chocolate(16%) e brownies (4%)
Formato (ml) 900 500 450 480
Alegacións nutricionais “menos grasa”
Prezo (Euros/litro) 3,35 12,28 11,8 6,55
Humidade (%) 55,7 44,8 47,5 55,6
Proteína (%) 4,4 5,4 5,3 4,1
Graxa (%) 7,3 20,1 12,1 11,8
Ácidos graxos saturados (%) 82 67 72 83
Ácidos graxos insaturados (%) 18 33 28 18
Carbohidratos (%) 31,2 28,6 33,8 27,3
Azucres totais (%) 21,3 22,4 25,5 20,5
Polialcohois (%)1
Valor calorífico (Cal/100g) 208 317 265 232
Cata (de 1 a 9) 7,1 5,8 6,8 6,8
Marca Royne La Lechera Carte D’or
Denominación de venda Xeado sabor stracciatella, con salsa de cacao, anacos de chocolate e edulcorantes Xeado sabor stracciatella con labras de chocolate (6%) e salsa de chocolate (5%) Xeado sabor nata con salsa de chocolate (23%) e cachiños de chocolate e chocolate con leite (6%).
Formato (ml) 4×140 900 900
Alegacións nutricionais “sen azucres engadidos” “menos graxa”
Prezo (Euros/litro) 4,81 4,77 4,55
Humidade (%) 66,4 55,9 51,3
Proteína (%) 3,9 2,8 3,2
Graxa (%) 6,7 9,3 7,8
Ácidos graxos saturados (%) 94 82 84
Ácidos graxos insaturados (%) 6,2 18,2 16,4
Carbohidratos (%) 22 31,2 36,7
Azucres totais (%) 6,9 28,4 34,6
Polialcohois (%)1 13,1
Valor calórico (Cal/100g) 148 209 217
Cata (de 1 a 9) 5,2 6,8 7,6

%: as porcentaxes corresponden a gramos por 100 gramos de produto (g /100g).

1. Polialcohois: trátase de edulcorantes, como sorbitol e maltitol..

Un a un

Un a un, 4 xeados de chocolate e 3 de stracciatella

La Lechera

  • “Xeado de chocolate con anacos de chocolate con leite (3%) e cachiños de chocolate amargo”
  • Envase de 900 gramos, sae a 3,35 euros/ litro, o máis barato, e con moita diferenza.
  • A mellor relación calidade-prezo de todo o comparativo.
  • Ingredientes: Leite desnatado, xarope de glicosa, azucre, soro de leite en po, cacao magro (5%), graxa vexetal, nata fresca, pasta de cacao, manteiga de cacao, inulina, leite en po, emulxentes (mono e diglicéridos de ácidos graxos, ésteres de propano -1,2-, diol de ácidos graxos), aroma, estabilizadores (goma garrofín, goma guar), frutosa, manteiga.
  • Alegacións nutricionais: “Menos graxa”.
  • Etiquetaxe: a declaración “Menos graxa” é aceptable, porque a redución de graxa (polo específico proceso de elaboración deste fabricante) fronte aos demais xeados de chocolate é superior ao 30%: ten só un 7,3% de graxa, fronte ao 12% de dous dos outros tres xeados e ao 20% do restante.
  • É o menos enerxético (208 calorías cada cen gramos, fronte ás 230, 265 e 317 calorías/100 g dos outros tres de chocolate).
  • Na cata acada 7,1 puntos e foi un dos preferidos entre os de chocolate. Gusta pola súa “cor”, “sabor” e “anacos” e non é criticado en ningún dos parámetros.

Carte D´Or

  • “Xeado de sabor chocolate con salsa sabor chocolate (16%) e brownies (4%)”
  • Envase de 480 gramos, sae a 6,55 euros/litro.
  • Ingredientes: Leite desnatado en po rehidratado, azucre, xarope de glicosa-frutosa, graxa vexetal, cacao en po desgraxado, lactosa e proteínas de leite, chocolate, cacao en po, leite desnatado en po, fariña de trigo, manteiga, ovo, azucre moreno, emulxente (E471), estabilizadores (E401, E410), fariña de millo, fibra de trigo, aroma, conservador (E202), maltodextrina, sal axente gasificante (E500).
  • É un dos máis graxos (11,8% de graxa). Entre os de chocolate, é o de maior proporción de graxa saturada (83%), o que, xunto co seu grande contido en graxa total, fai que a cantidade final de graxa saturada (case 10 g/100 g de xeado), sexa superior á do resto (agás Häagen Dazs: 13 g/100 g).
  • Entre os que engaden azucres, é o menos azucrado (20,5%), se ben por non moito (o que máis, ten o 25,5% de azucre). O único deste comparativo que utiliza aditivos conservantes. Contén ovo: os alérxicos a esta substancia débense abster de consumilo.
  • Na cata acada 6,8 puntos e foi un dos preferidos: gusta pola súa “cor” e “sabor” e non recibiu críticas en ningún dos parámetros.

Ben & Jerry´s

  • “Xeado de chocolate con anacos de auténtico brownie de chocolate”
  • Envase de 450 gramos e único mercado a granel nunha xeadería. Sae a 11,80 euros/litro, o segundo máis caro.
  • Ingredientes: O envase non indica ingredientes; é admisible, ao se mercar a granel.
  • Un dos máis graxos (12% de graxa) e enerxéticos (265 calorías cada cen gramos), pero á súa vez un dos de menor proporción de graxa saturada (case o 72%), se ben a cantidade final de graxa saturada (case 9 g/100 g) é superior á maioría por mor da súa abundante graxa total. Entre os de chocolate, é o de máis azucres (25,5%).
  • Na cata obtén 6,8 puntos e figura entre os preferidos de chocolate: gusta pola súa “cor”, “sabor” e polos “anacos” e non é criticado en ningún dos parámetros.

Häagen Dazs

  • “Xeado crema de chocolate belga negro con confeitos de chocolate”
  • Envase de 500 gramos, sae a 12,28 euros/litro, o máis caro; só Ben & Jerry´s, mercado a granel na xeadería, se lle achega no prezo.
  • Ingredientes: Nata, leite desnatado, azucre líquido (azucre, auga), chocolate belga negro (13%) (pasta de cacao, azucre, emulxente: lecitina de soia, aroma natural de vainilla), confeitos de chocolate (10%) (chocolate (azucre, pasta de cacao, manteiga de cacao, emulxente: lecitina de soia, aroma natural de vainilla) aceite de algodón, manteiga de coco), xema de ovo, cacao en po, azucre, extracto natural de vainilla.
  • É o único xeado crema, por ser elaborado con graxa láctea, mentres que os outros seis utilizan maioritariamente graxas vexetais.
  • É o único que non informa na etiqueta sobre a súa composición nutricional.
  • O máis graxo (20% de graxa) e enerxético (317 calorías cada cen gramos). Tamén é o de menor proporción de graxa saturada (67%), se ben a súa cantidade final de graxa saturada, 13 g/100 g, é moi superior á do resto.
  • En positivo, é o que menos aditivos utiliza e o de menos auga. Ten xema de ovo: os alérxicos a esta substancia deben absterse de consumilo.
  • Na cata quedou en 5,8 puntos e foi o menos preferido dos de chocolate. Non recibiu eloxios en ningún parámetro e criticouse a súa “cor”.

Carte D´Or stracciatella

  • “Xeado sabor nata con salsa de chocolate (23%) e cachiños de chocolate e chocolate con leite (6%)”
  • Mellor relación calidade-prezo dos de stracciatella.
  • Envase de 900 gramos, sae a 4,55 euros/litro, o máis barato dos de stracciatella, se ben non hai grandes diferenzas.
  • Ingredientes: Leite desnatado en po rehidratado, xarope de glicosa – frutosa, azucre, graxa vexetal, lactosa, proteínas de leite, cacao en po desgraxado (2%), pasta de cacao, manteiga de cacao, leite desnatado en po, leite en po, emulxentes (mono e diglicéridos dos ácidos graxos, fosfátidos de amonio, polirricinoleato de poliglicerol) estabilizadores (fariña de garrofín, goma guar, carraxenano) e aroma.
  • Un dos menos graxos (7,8%), pero o de máis azucres (case o 35%) e o máis enerxético (217 calorías cada cen gramos) dos de stracciatella.
  • Na cata logra 7,6 puntos, e foi o preferido dos de stracciatella.
  • Non recibiu gabanzas nin críticas en ningún parámetro.

La Lechera stracciatella

  • “Xeado sabor stracciatella con cachiños de chocolate (6%) e salsa de chocolate (5%)”
  • Envase de 900 gramos, sae a 4,77 euros/litro.
  • Ingredientes: Leite desnatado concentrado, xarope de glicosa, azucre, soro de leite en po, graxa vexetal, pasta de cacao, inulina, manteiga de cacao, cacao magro, emulxente (mono e diglicéridos de ácidos graxos, ésteres de propano, -1,2-diol de ácidos graxos, lecitina de soia) aroma, estabilizadores, (goma garrofín, goma guar), pasta de abelá, frutosa.
  • Alegacións nutricionais: “Menos graxa”.
  • Etiquetaxe incorrecta: A declaración “Menos graxa” non é aceptable, porque a redución de graxa fronte aos demais xeados de chocolate non só non chega ao 30% senón que mesmo o seu 9,3% de graxa é superior aos 7,8% e 6,7% de graxa dos outros dous xeados de stracciatella estudados.
  • É un dos máis azucrados (28%). Contén pasta de abelá: os alérxicos aos froitos secos débense abster de consumilo.
  • Na cata obtén 6,8 puntos e ocupa unha posición intermedia: gusta pola “aparencia”, “cor” e “sabor” e pola cantidade de “anacos de chocolate”; non é criticado en ningún parámetro.

Royne stracciatella

  • “Xeado sabor stracciatella, con salsa de cacao, anacos de chocolate e edulcorantes”
  • Paquete de 4 tarriños de 140 gramos, sae a 4,81 euros/litro e é o máis caro dos de stracciatella, se ben o máis barato sae a 4,55 euros/litro.
  • Ingredientes: Leite desnatado en po reconstituído, edulcorantes (sorbitol, xarope de maltitol, E951), salsa de cacao (8%: polidextrosa, auga, edulcorantes: xarope de sorbitol, aspartamo, E950, cacao en po, amidón modificado: E1442, acidulante: E270, aromas), aceite de coco hidroxenado, anacos de chocolate, emulxente: E471, estabilizadores: E410, E412, E407.
  • Alegacións nutricionais: “Sen azucres engadidos”. É o único do comparativo que non engade azucres: incorpora edulcorantes.
  • O de máis auga (66%), o menos graxo (6,7%) e o menos enerxético (148 calorías cada cen gramos). O de maior proporción de graxa saturada (case o 94% da graxa), se ben a cantidade final de graxa saturada (6 g/100 g) é inferior á dos outros xeados.
  • Na cata queda en 5,2 puntos e foi o menos preferido dos de stracciatella. Non mereceu gabanzas en ningún parámetro e recibiu críticas por “aparencia” e “poucos anacos de chocolate”.