Ocaso e esplendor nos humedais

1 Setembro de 2010
Img en imagenes listado 137

Ocaso e esplendor nos humedais

As táboas de Daimiel son a metáfora da saúde dos humedais do mundo. Superados anos agonizantes nos que só dez das súas 1.600 hectáreas estaban encharcadas, hoxe pódese contemplar un horizonte inundado. O seu exemplo ilustra o desgaste case mortal que sofren os considerados riles do Planeta, pero tamén é modelo de como poden rexurdir cun esplendor que evidencia a necesidade de coidalos.

Humedais: lamazais, marismas, pantanos, turbeiras e manglares

Coa auga como sustento, un abano de hábitats comparte a rareza de conformar ecosistemas híbridos entre o acuático e o terrestre. Estas superficies teñen a particularidade de que de xeito regular se inundan por moito tempo, ou por un período breve pero con insistencia abonda como para saturar o solo e desprovelo de osíxeno. Conforman un espazo onde o nivel freático -o subsolo que acumula a auga subterránea- é moi superficial, o que altera as propiedades xeolóxicas e procura unha rara, particular e en ocasións única natureza.

En delicado equilibro

Ata que en 1971 a comunidade internacional non tomou conciencia e evidenciou na Convención de Ramsar a necesidade de protexer o uso dos humedais, as terras que periodicamente desaparecían debaixo da auga eran marxinadas. Equivocouse a súa importancia ata tal punto que durante séculos se fixeron esforzos por recuperalas co propósito de mellorar as condicións sanitarias enrarecidas pola humidade, a mellor escusa para que hectáreas deshidratadas pasasen a formar parte de campos agrícolas ou de zonas urbanizables.

Patrimonio biolóxico mundial

Unha ave en migración busca no seu periplo o humedal que sempre atopou no camiño, no que bebeu e aniñou, se cadra nunha taraxe, a árbore única que medra en Daimiel. Os humedais proporciónanlle recursos naturais ao seu contorno próximo e forman parte do equilibrio de longas distancias. Os seus ecosistemas permiten procesos hidrolóxicos e ecolóxicos e sustentan unha gran diversidade biolóxica.


Axentes activos no ciclo da auga

Ecosistema único e hábitat para moitos seres vivos, os humedais tamén actúan como filtradores naturais. As súas plantas hidrófitas almacenan e liberan auga para cumprir unha función vital de recarga de acuíferos. Esta facultade de descender ata as capas subterráneas mitiga as inundacións. Ademais, a súa facultade de reter, transformar e eliminar sedimentos, nutrientes e contaminantes xoga un papel fundamental nos ciclos da materia e na calidade das augas.

A súa relación coa sociedade

O Infante don Juan Manuel, referencia da literatura do século catorce, dedicou páxinas a gabar a grandeza das Táboas de Daimiel. Felipe II probou as súas bondades cinexéticas. Os terratenentes do XIX sinalábanas como destino favorito para a pesca. E a agricultura serviuse da súa riqueza acuática para sementar os campos. Ata que se abusou. E os abusos, unidos co cambio climático, fan perigar unha xoia, un ril do Planeta, un humedal. Este, e todos os que se distribúen polo mundo, son hoxe espazos fráxiles que se resisten ao seu destino de desaparecer e que se aferran ás oportunidades de manterse e de cumprir os seus múltiples labores.