Análise documental para coñecer o panorama internacional e nacional sobre a obesidade infantil

Obesidade infantil: retrospectiva dun problema de peso

Corenta e dous millóns de nenos en idade preescolar padecen sobrepeso ou obesidade no mundo e, en España, dous de cada cinco nenos de entre 7 e 8 anos sofren exceso de peso
1 Maio de 2015
Img tema de portada listado 149

Obesidade infantil: retrospectiva dun problema de peso

Hai tempo que a OMS fala de epidemia global de sobrepeso e obesidade ou, máis ben, de globesity, un termo que en inglés xunta os conceptos de global e obesidade. Os expertos sinalan que o exceso de peso entre os nenos é un dos problemas de saúde pública máis importantes do século XXI. Esta situación resulta paradoxal, xa que coexiste con outro dos grandes problemas de saúde totalmente oposto, a desnutrición. Por este motivo, EROSKI CONSUMER quixo coñecer de primeira man cales son os datos estatísticos que debuxan o panorama da obesidade infantil e que permiten realizar unha retrospectiva do problema. Para iso, achegouse aos estudos publicados por varias entidades internacionais e tamén nacionais, como a Organización Mundial da Saúde (OMS), a Oficina Estatística da Unión Europea (Eurostat), o Instituto Nacional de Estatística (INE) e a Axencia de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aecosan), entre outras. A conclusión principal é que a obesidade infantil se converteu nun problema grave que terá consecuencias na saúde dos adultos do futuro se non se toman as medidas oportunas de maneira urxente. Desde hai décadas, as cifras de nenos con exceso de peso foron engordando pouco a pouco sen que ningunha das iniciativas postas en marcha para loitar contra a epidemia da obesidade e do sobrepeso dese resultado. O futuro preséntase pouco prometedor se esta tendencia á obesidade continúa crecendo.

Dúas décadas de excesos no mundo

Corenta e dous millóns de lactantes e de nenos en idade preescolar (entre 0 a 5 anos) padeceron sobrepeso ou obesidade no mundo en 2013. Segundo Census Bureau, o centro estatístico estadounidense, a poboación infantil con esa idade supoñía hai dous anos case 760 millóns de persoas. Por tanto, case o 6 % dos nenos que en 2013 tiñan entre 0 e 5 anos sufrían sobrepeso ou obesidade. En pouco máis de dúas décadas, a OMS detectou un forte incremento da obesidade entre os máis pequenos. En concreto, desde 1990 e ata 2013, a cifra aumentou en 32 millóns de nenos e lactantes con exceso de peso, unha subida do 290 % que non resulta en absoluto desprezable. Un dos exemplos máis salientables atópase na Rexión de África da OMS (unha das seis rexións nas que a organización divide os seus estados membros), onde o número de nenos con sobrepeso ou obesidade aumentou de 4 a 9 millóns entre 1990 e 2013; é dicir, un 125 %. Nesta radiografía sobre o impacto da obesidade no mundo, a economía tamén intervén. Segundo a OMS, nos países en desenvolvemento con economías emerxentes (clasificados polo Banco Mundial como países de ingresos baixos e medianos), a prevalencia de sobrepeso e obesidade infantil entre os nenos en idade preescolar supera o 30 %.

Obesidade infantil en Europa e en España

En Europa, os quilos tamén pesan

No territorio europeo, a situación non é moito mellor. Ata hai uns anos, a OMS estimaba que ao redor do 20 % dos nenos e adolescentes europeos sufría obesidade. Detectábanse enormes diferenzas entre países, pero as comparacións non eran fieis porque os métodos para obter os datos eran moi diferentes (deseños de mostraxe, proporcións de resposta etc.). Ademais, cada Estado definía o sobrepeso e a obesidade cos seus propios parámetros. Ante esta situación, a Oficina da OMS na Rexión Europea formulou a Iniciativa COSI (Childhood Obesity Surveillance Initiative), co obxectivo principal de realizar un seguimento das cifras de sobrepeso e obesidade en escolares de educación primaria (de entre 6 e 9 anos) entre países. Para iso, estableceuse unha metodoloxía fixa de deseño, época de realización, grupos de idade, protocolos de toma de datos etc. Así, na primeira fase do estudo (entre 2007 e 2008), participaron un total de 12 países europeos: Bélxica, Bulgaria, República Checa, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Malta, Noruega, Portugal, Eslovenia e Suecia. Comprobouse que entre un 19 % e un 46 % dos nenos e nenas de entre 6 e 9 anos tiñan sobrepeso. Ademais, entre o 6 % e o 22 % padecían obesidade. Na segunda fase (entre 2009 e 2010), tres dos doce países iniciados na primeira fase non proporcionaron datos (Bulgaria, Malta e Suecia). No entanto, uníronse outros catro países europeos: Grecia, Hungría, España e a República de Macedonia. Así, nesta ocasión, padecían sobrepeso entre o 18 % e o 54 % dos nenos europeos de entre 6 e 9 anos e, entre o 5 % e o 26 %, obesidade. O movemento de países nas dúas fases e a falta de datos por idades dificulta moito as comparacións. Porén, en liñas xerais, comprobouse que hai un nivel superior de sobrepeso nos países do sur de Europa: mentres Italia e Grecia contan coas proporcións máis altas de sobrepeso e obesidade, Bélxica presenta valores moito máis reducidos. Por exemplo, na primeira fase, case o 44 % dos nenos italianos de 9 anos tiñan sobrepeso e o 21 % obesidade. Na segunda fase, os nenos gregos desa mesma idade con sobrepeso eran case o 54 % e, con obesidade, preto do 26 %. No outro extremo, con cifras máis reducidas, destacaban en ambas as fases os nenos belgas tamén de 9 anos: o 27 % tiña sobrepeso e o 10 % obesidade.

Obesidade infantil en España

Ata hai pouco, as dúas únicas fontes que proporcionaban datos sobre a obesidade infantil en España eran o Estudo enKid e a Enquisa Nacional de Saúde. O primeiro realizouse entre 1998 e 2000 para avaliar os hábitos alimentarios e o estado nutricional da poboación infantil e xuvenil española. Constituíron a mostra ao redor de 3500 individuos de entre 2 e 24 anos. En liñas xerais, o Estudo enKid concluíu que a prevalencia de obesidade en España era do 14 % e a do sobrepeso do 12 %. En total, un de cada catro nenos e mozos españois sufrían exceso de peso. Por sexos, era algo máis frecuente entre os homes e, por idades, a obesidade era superior en idades máis novas (de 6 a 13 anos). Por zonas xeográficas, destacaban Canarias e Andalucía por encima da media e a zona noroeste da península por debaixo. Por último, o Estudo enKid engadía que a obesidade era maior en niveis socioeconómicos e de estudos máis baixos, e tamén entre aquelas persoas que non almorzaban ou que facían un almorzo de baixa calidade. Pero pasou o tempo e os resultados do Estudo enKid quedaron antigos. A última Enquisa Nacional de Saúde, realizada entre 2011 e 2012, detectou que o 28 % dos nenos españois de entre 2 e 17 anos tiñan un exceso de peso: o 18 % sobrepeso e o 10 % obesidade. Por idades, os pequenos de entre 5 e 9 anos presentaban unha maior prevalencia (o 37 % sufría un exceso de peso), aínda que a obesidade era máis frecuente entre os menores de 2 a 4 anos. Por sexo, os datos eran similares, malia que os nenos sufrían este problema en maior medida: un 29 % deles tiña exceso de peso, fronte ao 26 % das nenas. En canto á comunidade autónoma, máis do 30 % dos menores de entre 2 e 17 anos das Illas Baleares, Galicia, Canarias, Andalucía e País Vasco tiñan un exceso de peso. Pola contra, en Cantabria e en Aragón, esa proporción reducíase ata o 12 % e o 16 %, respectivamente. A pesar de todo, os expertos consideran que estas cifras tampouco son hoxe unha referencia indiscutible, posto que son os propios enquisados os que proporciona as respostas (é dicir, son autorreferidos), polo que se consideran estimacións baixas respecto da realidade.

Estudo Aladino

Unidos na metodoloxía

Debido a que ningunha das dúas fontes de información mencionadas ofrecían unha visión fidedigna do impacto da obesidade na poboación infantil, España comezou a colaborar na Iniciativa COSI (Childhood Obesity Surveillance Initiative), promovida pola Oficina para a Rexión Europea da OMS. A estimación da obesidade infantil supón grandes problemas metodolóxicos porque non existe un consenso acerca de que puntos de cortes ou valores de referencia han de empregarse á hora de definila. Coa Iniciativa COSI, fanse coincidir as metodoloxías na avaliación da obesidade infantil en todos os estados membros participantes. Así pois, Aecosan levou a cabo en España o Estudo Aladino en 2011, baseado na metodoloxía europea. E comprobouse que dos case 8000 alumnos de 6 a 9 anos que participaron na investigación, o 26 % tiñan sobrepeso e outro 19 % obesidade. En total, o 45 % sufrían un exceso de peso. Así mesmo, púxose de relevo unha maior prevalencia de sobrepeso e obesidade nos homes, especialmente a partir dos 7 anos de idade. Ademais do sexo, había outros factores asociados co exceso de peso:

  • Menor nivel de estudos dos pais.
  • Baixos ingresos familiares.
  • Que os proxenitores fosen fumadores.
  • Que o neno non almorzase habitualmente.
  • Que o pequeno durmise menos de 8 horas ao día.
  • Que o menor tivese medios de lecer pasivo no seu propio cuarto.
  • Que as instalacións deportivas estivesen lonxe do domicilio familiar.

En conclusión, en España, había un problema grave de saúde pública e que estaba moi estendido na infancia. Ademais, se se miraba ao futuro, vaticinábase unha carga de obesidade importante e unha grande afección de enfermidades crónicas asociadas, como a diabetes, a hipertensión, outras doenzas cardiovasculares e o cancro.

Na actualidade, o problema mantense

En 2013, actualizáronse os datos do Estudo Aladino. Nesta ocasión, participaron case 3500 nenos de entre 7 e 8 anos en 71 centros escolares. Comprobouse que un 25 % deles tiña sobrepeso e o 18 % padecía obesidade. En definitiva, concluíuse que o 43 % dos nenos españois de entre 7 e 8 anos sofre un exceso de peso. Estes datos poñen de manifesto que a obesidade infantil continúa a ser un problema grave de saúde pública en España a pesar dos anos. Malia todo, móstrase unha lixeira tendencia á baixa, posto que os datos de sobrepeso e obesidade nos nenos e nenas de 7 e 8 anos son algo menores en 2013 respecto dos de 2011, nos mesmos grupos de idade e sexo. Son tendencias que deberán confirmarse no próximo estudo de 2015. Porén, en 2013, comprobouse que a prevalencia de sobrepeso é similar no sexo masculino e feminino, aínda que a de obesidade é maior nos nenos. Ademais, é máis frecuente o exceso de peso nos 8 anos ca nos 7. De entre os posibles factores asociados á obesidade, relacionáronse de forma significativa:

  • Non almorzar a diario.
  • Ter a televisión no cuarto.
  • Ver a televisión durante máis de 2 horas diarias.
  • Durmir menos horas.
  • Que os pais sexan fumadores (especialmente se fuman ambos).
  • O baixo nivel de ingresos económicos da familia.
  • O baixo nivel educativo dos pais.

Futuro e agravantes da obesidade infantil

O futuro non é prometedor

A preocupación polo grande incremento e pola prevalencia da obesidade no mundo non é insignificante. Os datos indican que, se se manteñen as tendencias actuais, o número de lactantes e nenos pequenos con sobrepeso aumentará ata os 70 millóns unha vez que se chegue ao ano 2025. A ONU asegura que, sen intervención, os pequenos en idade preescolar con obesidade manterán esta enfermidade crónica durante a infancia e a adolescencia e, tamén, na idade adulta. Por tanto, convén ter en conta as consecuencias. A obesidade infantil está asociada a unha ampla gama de complicacións de saúde graves e a un crecente risco de contraer enfermidades de forma prematura; entre elas, diabetes e cardiopatías. Ademais, os nenos obesos teñen máis probabilidades de desenvolver unha serie de problemas de saúde na idade adulta: cardiopatías, resistencia á insulina (con frecuencia é un signo temperán de diabetes inminente), trastornos osteomusculares (especialmente artrose, unha enfermidade dexenerativa moi discapacitante que afecta as articulacións), algúns tipos de cancro (endometrio, mama e colon) e discapacidade. Por tanto, para a ONU, afrontar o problema da obesidade infantil, ademais de axudar a mellorar a saúde dos nenos, tamén é unha oportunidade de reducir os efectos das enfermidades graves no futuro.

Os agravantes

Os agravantes do problema mundial de sobrepeso e obesidade non se reducen a un só. Segundo a OMS, cada aspecto concreto do ámbito en que os nenos se conciben, nacen e crecen pode empeorar os riscos de padecer este tipo de enfermidade crónica:

  1. Durante o embarazo, a diabetes xestacional pode dar lugar a un maior peso ao nacer e aumentar o risco de obesidade no futuro.
  2. A elección de alimentos saudables para os lactantes e os nenos pequenos é crucial, xa que as preferencias de alimentación establécense moi cedo na vida. A alimentación do lactante con alimentos hipercalóricos con altos contidos de graxa, azucre e sal é un dos principais factores que propician a obesidade infantil.
  3. A falta de información acerca de enfoques sólidos respecto da nutrición, así como a limitada dispoñibilidade e accesibilidade dos alimentos sans contribúen a agravar o problema.
  4. A promoción intensiva de alimentos e bebidas hipercalóricas para os nenos e as familias exacérbano máis aínda.
  5. Nalgunhas sociedades, certas pautas culturais moi arraigadas (tales como a crenza xeneralizada de que un bebé gordo é un bebé san) poden alentar as familias a sobrealimentaren os seus nenos.
  6. O mundo, cada vez máis urbanizado e dixitalizado, ofrece menos posibilidades para a actividade física. Ademais, o sobrepeso ou a obesidade reducen as oportunidades dos nenos para participar en actividades físicas en grupo. Por tanto, vólvense menos activos fisicamente, o que os predispón a ter cada vez máis sobrepeso.