Seguros de coche e moto: analizados os prezos e coberturas de dez compañías aseguradoras logo de solicitar 540 orzamentos

O mesmo seguro de coche pode custar o dobre en función da cidade na que se contrate

O prezo dunha póliza a todo risco sen franquía para un mozo de 18 anos pode superar os 6.000 euros. Por un mesmo seguro, pódese pagar ata o triplo segundo a compañía que se elixa. As aseguradoras máis caras ofrecen as mellores coberturas
1 Xuño de 2009

O mesmo seguro de coche pode custar o dobre en función da cidade na que se contrate

Un mozo de 18 anos adquire un utilitario e desexa aseguralo a todo risco sen franquía. Solicítalles un orzamento ás dez principais compañías do país e comproba que catro nin sequera lle responden e que, das outras seis, a póliza máis económica supón 3.700 euros ao ano e a máis cara, nada menos que 6.160 euros. Estas cantidades non se deben a erratas. Son reais. Así o comprobou CONSUMER EROSKI logo de solicitar en seis cidades (A Coruña, Barcelona, Bilbao, Madrid, Sevilla e Valencia) 540 orzamentos con nove perfís de usuario diferentes en dez das aseguradoras con maior cota de mercado: Mapfre, Zurich, Liberty, Reale, Axa, Allianz, Groupama, Balumba, Linea Directa e Direct Seguros (estas tres últimas só operan a través de Internet).

A experiencia, a idade, o sexo do titular, o modelo de vehículo e o tipo de póliza inflúen no prezo final. Tamén o fai, e moito, a compañía elixida. Tanto que, como se puido comprobar, a cantidade desembolsada por un seguro similar pódese duplicar ou triplicar. Pero é que tamén o lugar no que se contrate marca, e de xeito decisivo, o custo da póliza. En 16 dos 31 supostos analizados, a variación dos prezos medios roldou o 20% entre a cidade máis barata e a máis onerosa, galla que supera o 50% en un de cada cinco e que chega ao 94% nun dos casos: no seguro a terceiros para unha condutora de 30 anos con cinco anos de experiencia e que conduce un vehículo compacto, o prezo medio en Madrid foi de 296 euros, mentres que a media en Bilbao ascendeu a 573 euros.

Para recompilar esta información, creáronse nove perfís con características diferentes: cinco mulleres e catro homes con idades comprendidas entre os 19 e 55 anos e distinto grao de experiencia ao volante. Os máis novos non tiñan ningún parte de sinistralidade, mentres que dous dos tres que levaban máis de 15 anos conducindo sufriran dous accidentes (un con culpa e outro sen culpa) e contaban con dous puntos menos no carné. Os dous perfís creados de entre 19 e 30 anos querían asegurar vehículos utilitarios e compactos, a diferenza dos maiores (con idades comprendidas entre os 40 e 55 anos) que eran propietarios dun monovolume ou dunha berlina media. Para rematar, un dos adolescentes tiña un ciclomotor e un adulto de 35 anos unha motocicleta de 125 centímetros cúbicos.

En cada unha das cidades escollidas, os técnicos da revista actuaron como futuros clientes interesados en coñecer os prezos que lles ofrecía cada entidade por aseguraren o seu coche, motocicleta ou ciclomotor nas modalidades de seguros a terceiros básico, ampliado e a todo risco con ou sen franquía. Dos 540 orzamentos solicitados (378 telefonicamente e 162 en Internet), en 92 casos non se facilitou ningún prezo debido ás características do vehículo ou á idade e inexperiencia das persoas que o solicitaban.

Constatouse que, en liñas xerais, a diferenza no prezo entre aseguradoras tamén se reflicte na calidade da cobertura e nas garantías. As compañías máis caras (Mapfre, Liberty) son as que ofrecen as pólizas máis completas, en contraposición coas que resultan máis baratas (Balumba, Direct Seguros e Linea Directa, que operan en Internet). Por cidades, as tarifas máis competitivas atopáronse en Valencia (ofrece unha das medias máis baratas en oito dos nove perfís de usuario estudados), Barcelona (en cinco perfís é unha das máis económicas) e Madrid (en tres perfís é unha das máis baratas). Na Coruña, Sevilla (dúas das máis caras en cinco dos perfís analizados) e Bilbao (coas tarifas medias máis onerosas en dous dos perfís) é máis caro asegurar un vehículo ou unha motocicleta. Cando a idade e a experiencia dos condutores é menor, comprobáronse dúas tendencias: por unha banda, aumenta a diferenza de prezo entre homes e mulleres, e, por outra, diminúe o interese das aseguradoras, xa que dous de cada tres orzamentos solicitados por menores de 25 anos non tiveron resposta das compañías.

Salvo cantidades relativamente pequenas (de non máis de 400 euros), que só se poden pagar de modo anual, o habitual é que o importe do seguro se poida fraccionar por trimestres ou semestres. Non obstante, a comodidade carrexa un encarecemento do prezo, en ocasións notable. Así acontece en compañías como Groupama, que encarece esas tarifas nun 24% e nun 19% se se opta por un pagamento trimestral ou semestral, respectivamente. Liberty e Balumba son outras dúas aseguradoras que aplican incrementos superiores ao 10%, entre o 12% e o 18%. Pola contra, firmas como Axa, Direct Seguros e Mapfre non reflicten máis dun 4% de suba se o desembolso se fai a prazos. A media do resto de compañías (Reale, Zurich, Allianz e Linea Directa) non supera o 8%.

Seguros a condutores noveis, cicloturistas e por sexos

Condutores noveis

As especiais características do primeiro dos condutores seleccionados (mozo de 18 anos que conduce un SEAT Ibiza e que nunca estivo asegurado) motivaron que nin sequera se lle facilitase un orzamento no 43% das 60 peticións realizadas. Os orzamentos que se puideron obter movéronse entre os 1.487 euros de media por un seguro a terceiros básico, 1.783 euros se é ampliado, preto dos 4.800 se se opta pola opción dunha póliza a todo risco sen franquía e arredor de 3.200 euros se co seguro a todo risco se fixa unha franquía de 214 euros de media. Por todo iso, se un mozo desa idade e experiencia desexa asegurar o seu automóbil, a opción máis práctica é incluír un dos seus proxenitores como titular.

Dificultades con ciclomotores e motos

Tamén se solicitou un orzamento para un ciclomotor, unha Yamaha modelo JOG de 50 centímetros cúbicos. Ao igual que aconteceu no anterior perfil, só se obtivo resposta positiva en 18 das 60 chamadas e consultas realizadas. Compañías como Balumba, Linea Directa, Direct Seguros, Liberty e Reale ou non aseguran ciclomotores ou, no caso de que si o fagan, poñen como condición que o condutor non teña menos de 25 ou 27 anos. Dentro das aseguradoras que ofrecen un orzamento, o prezo medio ascende a 824 euros ao ano por unha póliza a terceiros (a única modalidade que se contempla). Aínda que as diferenzas son abismais: dos 375 euros de Axa aos 1.230 de Mapfre.

Tamén se atoparon dificultades con outro dos perfís seleccionados, un varón de 35 anos con cinco anos de experiencia aos mandos dunha motocicleta de 125 centímetros cúbicos, un Tirafonda Passion. Nunha ducia de chamadas e consultas de Internet, só se ofrecen coberturas a terceiros (cun custo medio anual de 197 euros) e terceiros ampliado (40 euros máis caro ca a anterior opción).

Tarifas por sexo

É un lugar común a idea de que os prezos das pólizas baixan cando é unha muller a titular do seguro do automóbil. Comprobouse que as diferenzas si son rechamantes no caso dos condutores noveis e máis novos (o prezo dun seguro para unha rapaza de 25 anos con dous anos de experiencia que desexa asegurar un utilitario é tres veces inferior ao dun mozo de 18 anos sen experiencia que quere asegurar un utilitario) pero, a medida que aumentan os anos de condución, esa diferenza diminúe. Así se observou na comparación entre dous perfís idénticos (persoa de 55 anos con varias penalizacións, unha delas con culpa, e condutora dunha berlina media, un Volkswagen Passat) nos que a única variación era o sexo do titular. A galla de prezos vai dos 412 euros (a terceiros) aos 1.105 euros (a todo risco sen franquía) no caso de que titular sexa unha muller, e dos 493 euros aos 1.157 se é un home.

Coberturas e sinistros totais

Coberturas: que garantías inclúe o seguro contratado?

A redución do mercado pola crise na venda de automóbiles e mais a aparición de novas compañías avivaron a competencia entre aseguradoras, o que redundou nunha loita aberta de prezos. Pero o diñeiro, con ser crucial, non é o único elemento que se debe tomar en consideración. A cobertura que inclúe tamén cobra especial relevancia. CONSUMER EROSKI estudou as das dez principais compañías do país en catro tipos de pólizas: o seguro a terceiros básico, o de terceiros ampliado e o seguro a todo risco con franquía e sen ela. As compañías que mellores garantías ofrecen son Allianz, Groupama, Liberty, Mapfre e Reale. Para iso, prestóuselle especial atención ao seguro a terceiros básico e ao ampliado, os máis económicos e os que se dotan das coberturas imprescindibles.

No seguro a terceiros básico, todas inclúen a responsabilidade civil obrigatoria, que obriga as compañías a indemnizar a un terceiro polas perdas e danos causados polo uso e circulación do vehículo cando o asegurado sexa o responsable. O importe máximo de indemnización fíxao a Administración, cun máximo por vítima en caso de danos corporais e tamén por sinistro en caso de danos nos bens. Tamén engaden unha responsabilidade civil voluntaria, que amplía esta cobertura porque as indemnizacións ditadas polos tribunais son a miúdo superiores aos límites contemplados polo seguro de responsabilidade civil obrigatoria.

Os aspectos máis comúns nesta modalidade de seguros son a reclamación de danos e a defensa xurídica (gastos nos que poida incorrer o asegurado na súa defensa penal por un accidente co seu vehículo), incluídos en todas as aseguradoras estudadas. Algunhas compañías, amais da defensa xurídica, contan con asesoramento xurídico telefónico, concretamente en Groupama, Liberty e Axa. Zurich, Reale, Mapfre, Liberty, Groupama, Direct Seguros, Balumba, Axa e Allianz tamén engaden a cobertura dos danos persoais do condutor.

Entre os aspectos nos que se fixa o futuro cliente dunha aseguradora atópase a asistencia en viaxe, dada a súa importancia en caso de ter algún accidente na estrada, tanto polos danos que se poidan ocasionar no vehículo como, por suposto, os persoais. Esta cobertura, non obstante, é só opcional en Linea Directa, Reale e Balumba.

O seguro a terceiros ampliado engloba as mesmas coberturas que o básico e engade a posibilidade de que o cliente seleccione outras opcións para elaborar unha ‘póliza á carta’. As máis comúns que se ofrecen nas dez compañías estudadas son as de incendio, rotura de lúas e roubo (en ocasións tamén se inclúe o furto ou roubo sen violencia, pero noutras descoñécese se o fan, xa que tan só mencionan que se cubrirán os danos en caso de que se produza unha ‘subtracción ilexítima’) na súa forma básica ou ampliada, que se diferencian nos importes das indemnizacións e nos riscos excluídos da cobertura xeral. Cada compañía combina estas garantías ao seu xeito, pero as máis comúns son o seguro a terceiros máis lúas, terceiros máis incendio e lúas, terceiros máis roubo e incendio, e o terceiro máis lúas, incendio e roubo.

Dende que entrou en vigor o carné por puntos a mediados do 2006, as aseguradoras ofrecen algúns servizos relacionados con este cambio, ben un subsidio pola perda dos puntos (con cantidades que van dende os 1.350 euros de Reale aos 3.600 de Balumba) ou ben o pagamento da matrícula de cursos para a súa recuperación: atopáronse en Allianz, Balumba, Mapfre, Reale e Zurich. En seis das dez aseguradoras analizadas tamén se inclúe a defensa ou o recurso de multas (Balumba, Groupama, Mapfre, Reale e Zurich) e en Allianz e Liberty o asesoramento xurídico en multas.

A modalidade de seguro máis completa, e tamén a máis cara, é a da todo risco con ou sen franquía. É conveniente ler a letra pequena das pólizas que se contratan, xa que se recollen salvidades e excepcións que poderían representar unha desagradable sorpresa para o asegurado. Unha mostra: se se trata de danos producidos cando se circula por vías non aptas, algunhas aseguradoras non se fan cargo. Neste último caso, constatouse que Groupama, Zurich, Liberty e Linea Directa só cobren os danos causados en vías ordinarias “de acceso lícito e posible”, mentres que o resto amplía esta garantía a todos os tipos de vías, sempre e cando a grúa teña acceso e non supoña un perigo para os medios de asistencia.

No tocante ás coberturas dos seguros de moto e ciclomotor, as aseguradoras ofrecen xeralmente un seguro a terceiros básico, no que se inclúe a responsabilidade civil obrigatoria e voluntaria, a reclamación de danos, protección xurídica, accidentes do condutor e a asistencia en viaxe. Ademais, facilitan tamén a posibilidade de ampliar estas garantías en caso de roubo, incendio e perda total, así como incluír danos propios, o subsidio en caso de perda de carné de conducir polo sistema de puntos e o recurso de multas, entre outros aspectos.

Sinistro total

Se un vehículo é roubado, incendiado ou danado nun accidente grave, as aseguradoras declárano sinistro total cando o vehículo xa non é útil para o seu propietario. As garantías varían moito dunhas compañías a outras, aínda que a tendencia é a de valorar o vehículo como se fose novo durante o primeiro ano (tomando como referencia o ano de matriculación).

As dez compañías comprometíanse a indemnizarlle ao asegurado o 100% do valor do vehículo se a antigüidade do coche é inferior a un ano, agás Groupama e Balumba, que especifican que se o vehículo é usado ou de ocasión, o valor é o da compra no momento da adquisición. Axa, Direct Seguros, Liberty, Linea Directa, Reale e Zurich manteñen o mesmo criterio ata o segundo ano de matriculación (tamén Mapfre, pero hai que contratalo expresamente porque é unha opción ampliada). Balumba, mentres tanto, establece que a partir do segundo ano indemniza o vehículo co seu valor venal. Pola súa banda, Allianz cambia os criterios a partir dese segundo ano e establece que, dende o segundo ano e ata o quinto, o valor do vehículo será o do mercado mellorado, é dicir, o valor de novo do vehículo restándolle un 1% por cada mes transcorrido dende ese segundo ano. A partir do terceiro ou cuarto ano, todas as compañías se comprometen a indemnizar segundo o valor do vehículo no mercado ou do seu valor venal.

As entidades aseguradoras falan nas súas pólizas de indemnizacións de acordo co valor de mercado ou o valor venal do vehículo. O valor de mercado ou de reposición é o diñeiro que habería que pagar para mercar o vehículo no momento do sinistro, coas mesmas características e coa súa antigüidade en anos. O valor venal é o prezo que se obtería coa venda do vehículo no momento do sinistro, coas mesmas características e coa súa antigüidade en anos; non importan os quilómetros que teña, ou se o coche está máis ou menos coidado. A diferenza entre ambos os dous conceptos pode superar o 20%. A indemnización para o asegurado será maior se a súa póliza fala de valor de mercado. No estudo comprobouse que as compañías que toman como referencia o valor do mercado son só dúas, Allianz e Mapfre. O resto quedan no valor venal do vehículo.

Accesorios e extras, bonificacións, penalizacións e taboas comparativas

Accesorios e extras: hai que contratalos expresamente

Polo xeral, os seguros inclúen os artigos de serie do auto, pero se o condutor desexa agregar novos elementos (GPS, MP4…) debe comunicalo expresamente, o que incrementaría o prezo do seguro. Así acontece con Zurich, Reale, Direct Seguros, Linea Directa, Liberty, Mapfre e Balumba. Allianz, pola súa banda, si inclúe na cobertura eses accesorios. No caso de Axa, os obxectos só hai que declaralos de maneira expresa se o seu valor supera os 900 euros (180 euros en Groupama). Allianz, Axa, Direct Seguros, Groupama, Reale e Zurich destacan porque sinalan expresamente que a cobertura contratada inclúe a equipaxe e mais os obxectos persoais (é dicir, maletas, roupa de vestir, calzado e os artigos de aseo e cosmética, nunca cartos, títulos ou xoias). As dúas últimas compañías establecen un límite económico, ata 300 euros. Axa tamén sobresae por cubrir a perda das chaves do coche, aínda que sexa o único elemento subtraído.

Bonificacións e penalizacións

A bonificación (ou sistema bonus-malus) afecta ao prezo final da póliza. As aseguradoras sábeno e utilízano como ‘gancho’ para captar clientes. Este sistema consiste en premiar os condutores que non teñen sinistros e penalizar a quen si os teñen. É dicir, que cando vence a anualidade dunha póliza e na súa renovación non se presentou ningún parte de accidente, a compañía reduce o prezo da póliza. Se acontece o contrario, o seguro será máis caro, xa que lle aplicarán unha recarga por sinistralidade.

CONSUMER EROSKI comprobou durante o estudo que todas as compañías analizadas se moven entre o 55% e o 65% de bonificación máxima, sempre en función do perfil de condutor e o seu historial de sinistralidade. Os anos que deben transcorrer para alcanzar estas porcentaxes de desconto establécense, de media, entre os 5 e os 10 anos. En todas as compañías analizadas se respectan as bonificacións cando se cambia de compañía aseguradora. Convén ter en conta que cando se fala de bonificacións, en realidade a baixada de prezo débese, polo xeral, á perda de valor do vehículo.

No estudo recolleuse que nas dez aseguradoras as penalizacións só afectan a unha parte da bonificación, non á porcentaxe completa e, por regra xeral, a penalización aplícanse cando o sinistro en particular ten que ver coa responsabilidade civil obrigatoria, coa voluntaria e cos danos propios. Se se utilizan as garantías de roubo, incendio e lúas en Direct Seguros, Liberty, Linea Directa, Mapfre e Zurich tamén se penaliza, así como se o condutor é culpable en Balumba e Direct Seguros. //

O mellor e o peor de cada COMPAÑÍA ASEGURADORA (Proba realizada por CONSUMER EROSKI a 10 das aseguradoras máis importantes do país)

Allianz

O mellor: Os prezos atópanse na media. No seguro a terceiros básico inclúe o asesoramento en multas. Ademais, no caso de indemnización por perda total dun vehículo cunha antigüidade maior de dous anos, tómase como referencia o valor do mercado mellorado en vez do venal.

O peor: As subas de prezo no seguro en caso de que se pague a prazos supera a media nacional: un 10% cando o índice do resto de compañías é un 8%.

Axa

O mellor: As subas de prezo no seguro no caso de que se pague de modo trimestral ou semestral non supera o 4% (a media é o 8%). Na asistencia en estrada, se o guindastre tarda unha hora, a compañía indemniza con 60 euros e penalízase só polos accidentes nos que se aplique a responsabilidade civil e obrigatoria. O traslado do vehículo non ten límite de quilometraxe.

O peor: Algúns prezos ofertados superan a media do resto das compañías analizadas. Só manteñen a bonificación en caso de accidente sen danos a terceiros se se repara o vehículo nun taller da marca.

Balumba

O mellor: Unha das compañías máis baratas. Na modalidade de seguros a terceiros ampliado inclúe a defensa ou recurso de multas e un subsidio pola perda do carné por puntos ata unha cantidade máxima de 3.600 euros.

O peor: Para resolver algunha dúbida ou consulta, os clientes só poden facelo por teléfono, correo electrónico ou fax. Ademais, aplica un 12% de incremento cando o desembolso se fai de forma trimestral ou semestral. Non conta con seguro de motocicletas nin ciclomotores.

Direct Seguros

O mellor: Unha das entidades máis baratas. O aumento por pagamento fraccionado é un dos menores do informe (non supera o 3%). Cobre o rescate do coche en caso de xiro ou caída ata un límite de 1.000 euros, a maior cantidade do estudo.

O peor: Para resolver algunha dúbida ou consulta, os clientes só poden facelo por teléfono, correo electrónico ou fax.

Groupama

O mellor: Na asistencia na estrada, ofrece un servizo de busca de equipaxe, un anticipo de fianza xudicial no estranxeiro e gastos de defensa legal. Os seus prezos, na media.

O peor: As subas por pagamento fraccionado son as maiores do informe, un 19% se é por trimestres e un 24% por semestres.

Liberty Seguros

O mellor: En caso de sinistro total, o vehículo considérase novo ata o terceiro ano de antigüidade. Na modalidade de terceiros básico inclúe a garantía de defensa de multas.

O peor: Unha das aseguradoras máis caras do informe e unha das que máis penaliza o pagamento fraccionado (un 18% de máis se o desembolso é trimestral e un 10% se é semestral). Non conta cun sistema específico de bonificacións. En caso de sinistro, penalízase o condutor por dar parte de accidentes relacionados cunha gran cantidade de aspectos: a responsabilidade civil obrigatoria e voluntaria, danos propios, incendio, roubo, lúas, defensa xurídica, reclamación de danos, accidentes persoais e subsidio pola privación do carné por puntos.

Línea directa

O mellor: Unha das máis baratas. Na asistencia na estrada establece que, se non poden reparar en 30 minutos o coche no lugar da avaría, o trasladan ao taller ou lugar onde queira o asegurado.

O peor: Para resolver algunha dúbida ou consulta, os clientes só poden facelo por teléfono, correo electrónico ou fax. En caso de ter que rescatar un vehículo por xiro ou caída, só o faría ata un límite de 300 euros.

Mapfre

O mellor: O encarecemento por pagamento fraccionado non supera o 3%, unha das menores do estudo. No seguro a terceiros ampliado inclúe danos propios, empréstitos de reparación, seguro do condutor e defensa en multas, entre outros aspectos. Dispón dunha gran diversidade de modalidades de seguro.

O peor: É unha das entidades máis caras na gran maioría dos perfís de usuario, das modalidades de póliza e das cidades estudadas.

Reale

O mellor: Oferta un subsidio en caso de perda de carné por puntos dunha cantidade máxima de 1.350 euros. Ademais, en asistencia na estrada, cobre a reparación in situ ata 600 euros.

O peor: É unha das aseguradoras máis caras e aplica un 10% de incremento se se opta por un pagamento a prazos (a media do estudo é un 8%).

Zurich

O mellor: Cobre o rescate do vehículo por xiro ou caída ata unha cantidade máxima de 450 euros.

O peor: É unha das entidades máis caras das seleccionadas para a mostra.