Anciáns na casa

O labor dos coidadores, pouco valorada

Unha das características demográficas máis significativas das sociedades desenvolvidas é o progresivo avellentamento da poboación. As causas deste fenómeno residen no aumento da esperanza de vida en tódolos países desenvolvidos (en España as mulleres viven unha media de case 82 anos e os homes, máis de 74 anos) e nun acusado descenso da natalidade
1 Febreiro de 2001

O labor dos coidadores, pouco valorada

Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), no 2000 había uns 600 millóns de persoas maiores de 60 anos, o que representa o 10% da poboación do planeta. En Europa e en América, concretamente, a poboación de máis de 60 anos supera xa o 20% do total. E dentro do noso vello continente, a española é unha das sociedades máis avellentadas, con preto de 7 millóns de persoas maiores de 65 anos, o que supón máis dun 17% da poboación. E as previsións son moi pouco optimistas: segundo o IMSERSO, dentro de 25 anos esta porcentaxe aumentará ata acadar case unha terceira parte da poboación. Pero detrás de todas esas cifras agáchase o día a día dos nosos vellos, principalmente dos que xa non se valen por si mesmos, e das súas familias ou coidadores, que os acollen e se enfrontan a unha vida organizada ó redor deles. Vivir cun ancián que require atención constante resulta duro, e na maioría das ocasións pouco gratificante. Aínda así, é unha opción elixida por moitas familias e aceptada con resignación por outras tantas, debido a que as infraestructuras xerontolóxicas do noso país resultan insuficientes.

Lembremos, de tódolos xeitos, que algúns anciáns gozan dunha saúde envexable, tan só minguada por pequenos achaques, e que a súa contribución nos fogares resulta fundamental, pois fanse cargo dos netos ou realizan pequenos quefaceres domésticos. Ademais, alcánzanse cada vez idades máis avanzadas en mellor estado de saúde, e moitos maiores non desexan renunciar á independencia de viviren pola súa conta. Tamén se percibe un lento pero imparable cambio de mentalidade na sociedade, e ó igual ca noutros países europeos, cada vez máis avós optan por viviren sos ata que requiran asistencia ininterrompida. O medo á soidade desaparece na medida na que son autosuficientes, gozan dun estado de saúde aceptable para a súa idade e atopan actividades ás que se dedicaren. É por iso que os fogares de xubilados, polideportivos municipais e asociacións de diversa índole realizan un labor fundamental para eles.

A familia, piar básico do ancián

Segundo un estudio de 1998 da Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía, un 30% dos nosos vellos reside coa súa familia. Esta porcentaxe é alta se a comparamos con outros países europeos, nos que a maior parte dos anciáns optan por outro xeito de vida, como residencias e vivendas tuteladas. Estas diferencias cos nosos veciños explícanse en boa parte pola escaseza de prazas residenciais (non chegan ás 3 prazas por cada cen persoas maiores de 65 anos), e na maior influencia da familia nunha sociedade tradicional nestas cuestións como é a española. A maioría (84%) dos cidadáns pensa no noso país que coida-los maiores é obriga dos fillos, aínda que só un 24% está convencido de que, no futuro, a atención ós anciáns seguirá correndo a cargo dos fillos. Sen embargo, cando a necesidade de asistencia dos avós se volve permanente, un 29% dos enquisados estima que a axuda debe prestala a propia familia, un 37% opina que é competencia dos servicios sociais e un 29% coida que debe ser proporcionada por ámbalas partes.

As tres idades dos anciáns e as súas necesidades

As necesidades das persoas de ata 70 anos e os coidados que requiren son os mesmos cós das persoas integradas no grupo dos xubilados: enche-lo seu tempo libre, sentirse útiles, relacionarse, transmitir coñecementos e entreterse, divertirse. Unha vez cumpridos os 70-75 anos de idade aparecen outras necesidades, como a de superar con bo ánimo a soidade, a de afrontar con realismo e certa resignación a inevitable diminución de ingresos ou a de soluciona-las actividades cotiás. Demandan profesionais da saúde e infraestructuras para a prevención xerontolóxica e precisan coidadores, amais de equipamentos domésticos que faciliten a súa autonomía e relacións humanas.

A realidade, lamentablemente, é que as infraestructuras xerontolóxicas existentes en España non poden hoxe ofrece-las prestacións que este sector da poboación precisa. A gran repercusión destas carencias, sobre todo nas persoas máis lonxevas (máis de 80 anos de idade) semella empeñarse en pór de manifesto a necesidade de aumenta-los fondos públicos e privados destinados á poboación maior.

Enfermidades máis comúns

A xeriatría establece tres idades, tres grupos de anciáns que poden ter doenzas diferentes. Os maiores de 65-75 anos reciben o nome de anciáns novos. Trátase de persoas que acaban de xubilarse, pero con capacidades motrices e intelectuais a pleno rendemento. Entre os 75-85 anos chámaselles anciáns. E os de máis de 85 anos adquiren o rango de moi anciáns.

As enfermidades propias dos anciáns, e ás que se enfrontarán os seus coidadores, divídense en catro grupos. Entre o 60% e o 80% dos maiores padecen problemas osteoarticulares, principalmente artrose e artrite, mentres que as enfermidades cardiovasculares afectan ó 50%-70% e case un 40% sofre trastornos do sistema nervioso-cerebral. Para rematar, están as doenzas do aparato urinario. Non obstante, as relacionadas co sistema nervioso-cerebral, a demencia e o Alzheimer, son as que máis lles preocupan ós expertos e familiares.

Estas clasificacións de enfermidades e idades derivan nunha gran variedade de situacións a medida que aumenta a esperanza de vida. Increméntanse as enfermidades do sistema nervioso-central, como a demencia e o Alzheimer, e as enfermidades cardiovasculares. Por iso, o obxectivo é que os dous primeiros grupos de idade manteñan durante o máximo tempo posible o seu bo estado de saúde.

Alzheimer, o mal que máis preocupa

As previsións auguran un incremento espectacular dos casos de Alzheimer para o ano 2025, debido ó avellentamento da xeración do baby boom, nada nos sesenta, que traerá consigo un aumento da doenza, xa que a incidencia da enfermidade medra a ritmo exponencial. Así, a partir dos 65 anos o número de demencias dispárase ata o punto de duplicarse cada cinco anos. Segundo os expertos, entre un 5 e un 10 por cento dos españois, 700.000 maiores de 65 anos, padece algún tipo de demencia. No tocante ó xeito no que a enfermidade afecta ás relacións coidador-paciente, hai imposicións por parte do coidador, sobre todo nos primeiros meses despois do diagnóstico: prohíbeselle conducir e que manipule diñeiro ou cartillas. Ademais, procúrase que nunca permaneza só. Resulta difícil para os familiares comprende-la enfermidade porque non hai unha repercusión física que poidan ver. E unha das primeiras reaccións é o “dó anticipado”: para eles prodúcese unha morte psicolóxica do enfermo. O momento do falecemento por Alzheimer é especialmente duro para a familia. Significa unha certa liberación para os coidadores que atenderon durante anos ó paciente, pero tamén xorde un enorme baleiro emocional, xa que durante unha media de 10 anos estiveron durante as 24 horas ó coidado doutra persoa.

Perfil do coidador

Xeralmente, é o cónxuxe quen se fai cargo da persoa que precisa coidados, como acontece no 60%-70% dos casos de Alzheimer. Pero se quen require asistencia é a esposa, a situación complícase porque os nosos maiores varóns non asumen doadamente o seu novo rol de coidador, de amo da casa. Cando non é o cónxuxe, son as fillas quen asumen o papel de coidador. Para iso, abandonan o seu traballo e en moitos casos desatenden a súa relación cos seus propios cónxuxe e fillos, o que pode levar a situacións de desestructuración familiar.

Os psiquiatras avogan pola creación de centros asistenciais que acollan temporalmente ós enfermos para que os familiares-coidadores poidan tomar folgos. Non é unha cuestión banal: o coidado destes pacientes acaba causando tensión e depresións entre as persoas que se encargan da súa protección e custodia.

Opinión do experto

“As familias non están ensinadas”
Na opinión do Dr. José Mercé, médico adxunto en xeriatría do Hospital Dr. Peset (Valencia), o problema de coidar un ancián na casa é que “as familias non están ensinadas. Somos a sociedade máis avellentada de Europa pero ninguén nos ensina a tratar ós maiores. Non hai profesionais sanitarios abondos e sería preciso un plan integral para ensinar a coidar ós nosos maiores”. Considera que aprender a coidar dos maiores suporía un aforro en cartos e recursos, xa que o descoñecemento motiva que ante calquera eventualidade os familiares acudan ás urxencias dos hospitais. Para o doutor Mercé, un dos problemas para os avós é “a perda de identidade e de autoridade, porque xa non son eles os que poñen as normas, son os seus fillos quen mandan sobre eles. Prodúcese unha perda de autonomía e un traslado do cabeza de familia: ou é o fillo ou o director da residencia”. Na súa opinión, “o sistema sanitario debería favorecer un sistema tendente a que vivan no seu propio domicilio ou nun próximo ó dos seus familiares. Tamén existe a posibilidade de que haxa pisos ou bloques tutelados con moderada dependencia. É un erro levar un ancián a unha residencia. Considera errado, para rematar, o uso que se fai dos Centros de Día, xa que “a súa utilidade debería se-la dun hospital de día, unha unidade médico asistencial rehabilitadora. Actualmente o que hai son garderías de avós”.

Síndrome do coidador

Problemas musculares: lumbalxias, hernias e dores polo esforzo que require mover a unha persoa de idade avanzada e en ocasións de peso elevado. -Infartos, debido á tensión e sobrefatiga.

Problemas psicolóxicos, como a depresión, xa que non son capaces de asumiren por si mesmos a asistencia ós maiores durante tanto tempo. Ademais, o seu esforzo non é recoñecido polos anciáns, que non son conscientes del. E ós desgustos causados polas patoloxías que aparecen en idades avanzadas, engádese a espera do desenlace final.

Ansiedade por unha sobrecarga de factores psicolóxicos, incluído o desexo de que todo remate canto antes.

Illamento social, problemas coa parella cando é unha filla a coidadora, e absentismo laboral. Isto provoca unha rutina na que só se pensa no benestar do enfermo; o coidador esquécese de si mesmo e vai perdendo o seu equilibrio emocional.

Problemas para acepta-la enfermidade e a deterioración que leva consigo. A nova situación é máis difícil de aceptar para o cónxuxe-coidador que para os seus fillos ou outros familiares, e dáse afrontado amosando o mesmo afecto e o mesmo cariño día a día, asumindo que non ten cura e explicándollela de maneira axeitada a veciños, amigos e familiares.

Alternativas á permanencia no fogar

Nos últimos anos buscáronse alternativas e creáronse servicios para evita-la institucionalización dos nosos maiores. Os gobernos amosan un crecente interese en proporcionar sistemas de apoio á familia para que esta coide ós seus maiores e non deba recorrer a institucións. É por iso que, co fin de favorece-la permanencia dos anciáns no fogar familiar, se están impulsando fórmulas de axuda e compensación a quen dedique o seu tempo ó coidado e atención dos mesmos, e adoptaranse medidas compensatorias para quen teña persoas maiores ó seu cargo en situación de dependencia. Algúns países mesmo adoptaron medidas de estímulo económico para as familias de baixos ingresos que desexen coidar ós seus avós, tales como préstamos a baixo interese e rebaixa de impostos.

Sen embargo, numerosas familias non poden ou non desexan afronta-la enorme responsabilidade que o coidado dun ancián comporta, e moito menos cando require asistencia permanente. As familias que optan por outra fórmula diferente á de asumir sen ningunha axuda o coidado dos anciáns ou os maiores que non desexan vivir cos seus familiares dispoñen de diversas opcións: centros de día (nos que o ancián pasa o día e regresa á súa casa á noite), residencias públicas ou privadas, vivendas tuteladas, fogares do xubilado, teleasistencia e a posibilidade de que o ancián comparta o seu fogar cun mozo (frecuentemente un estudiante que está lonxe da casa).

Algúns programas de axuda ás familias con anciáns na casa.

Axudas “Coidamos ós que coidan” é o nome do programa posto en marcha en 1997 pola Cruz Vermella de Cataluña e a Fundación “La Caixa” nas tres capitais catalanas. O obxectivo deste programa é proporcionarlles un fin de semana de descanso ó mes ás familias, especialmente ás mulleres, sobre as que recae decote esta responsabilidade, que atenden de maneira permanente a persoas maiores incapacitadas na súa casa, e que non contan con recursos abondos para pagaren un servicio privado. Ata a data, este acordo permitiu atender a 227 familias en Cataluña. Cruz Vermella proporciona o persoal, integrado por terapeutas, enfermeiras, fisioterapeutas, traballadores familiares e voluntarios, coordinados por un psicólogo, e fai o seguimento da iniciativa. A Fundación “La Caixa”, pola súa banda, asume as custas do proxecto, que ascenden a 75 millóns de pesetas. O programa inclúe, ademais, unha serie de servicios complementarios, como axudas técnicas para determinadas doenzas, detectores de fumes ou a instalación dunha terminal de teleasistencia nos domicilios.

A Generalitat Valenciana, a través da súa Consellería de Benestar Social, tamén conta cun plan de axudas para as amas de casa que teñen ó seu cargo e coidado a anciáns, co obxecto de presenta-la estancia domiciliaria como unha alternativa ás residencias. Desde a súa posta en marcha no ano 1996, beneficiáronse destas axudas 29.124 persoas, que percibiron entre 15.000 e 30.000 pesetas mensuais, en función do nivel da renda familiar. Segundo as previsións, durante o 2001 destinaranse a este fin preto de 2.150 millóns de pesetas.

Outros Gobernos Autonómicos e Deputacións son tamén conscientes das cargas económicas, sociais e emocionais que comporta o coidado dun ancián dentro do medio familiar, sobre todo se o avó ten problemas físicos ou mentais. A Deputación de Biscaia, por citarmos algunha, concede axudas para facilita-lo acceso a Centros de Día a persoas maiores que padezan demencia ou discapacidade física. A contía destas axudas é de 6.000 e 5.547 pesetas por día, respectivamente.