Analizamos a estrutura do gasto familiar en 17 comunidades autónomas

O gasto familiar derrúbase un 20 % en seis anos

Cada fogar desembolsou en 2012 máis de 28.100 euros de media e unha terceira parte dese desembolso destinouno ao mantemento e á conservación da vivenda
1 Marzo de 2014
Img tema de portada listado 105

O gasto familiar derrúbase un 20 % en seis anos

Segue sen ser o mellor momento para moitas familias en España. Segundo a Enquisa de Condicións de Vida do Instituto Nacional de Estatística (INE), un 17 % dos fogares españois manifestou chegar a fin de mes con moita dificultade en 2013 e outro 9 % tamén recoñece que se está a atrasar á hora de realizar pagamentos relacionados coa vivenda principal.

A crise golpea con forza dende o seu inicio, hai xa seis anos. Así, por exemplo, dúas de cada cinco familias non teñen capacidade para afrontar gastos imprevistos e menos aínda para marchar de vacacións fóra da súa casa polo menos unha semana ao ano. E o peor é que estes datos non deixaron de agravarse dende hai tres anos.

Ao coñecer esta situación, EROSKI CONSUMER quixo indagar canto e en que gastan as familias españolas, así como a evolución do seu gasto familiar dende 2006 a 2012, un período fundamental pola difícil etapa da crise económica. Tamén se analizaron os datos comunidade por comunidade. Toda esta información obtívose da Enquisa de Orzamentos Familiares que ano a ano publica o INE.

Gasto familiar anual de 28.100 euros

O gasto medio por fogar en España en 2012 ascendeu a 28.151 euros. Dá vertixe botar a vista atrás porque se observa unha caída libre dende 2007, ano no que se atinxiron os 32.000 euros de media. Con todo, en seis anos, a contracción foi do 12 %, unha situación que se agrava se se elimina o impacto do IPC anual. Nese caso, o gasto familiar derrúbase un 20 %.

Todo isto demostra moi claramente que a crise causou efecto nas carteiras das familias españolas. Esta situación difire en función das comunidades autónomas. Mentres que en Madrid, no País Vasco e en Navarra os fogares realizan un gasto medio por enriba dos 30.000 euros, en Canarias e en Estremadura non atinxen os 23.000. En todas as demais rexións o gasto contraeuse en seis anos, pero destaca o forte descenso no gasto dos canarios, que se sitúa nun 18 %.

Por tipo de fogar, os que máis gastan son as parellas con 3 ou máis fillos (máis de 38.000 euros), mentres que os máis aforradores son os fogares ou as familias unipersoais, as persoas que viven soas con 65 anos ou máis (arredor de 17.000 euros).

Pero, en que se vai o diñeiro? Vaise sobre todo no mantemento e na conservación da vivenda, así como noutros gastos como a luz ou a electricidade. O fogar é o que máis diñeiro leva do orzamento anual: arredor dos 9000 euros.

Despois, dedícanse máis de 4000 euros á compra de alimentos e de bebidas non alcohólicas. Séguenlle os transportes (3320 euros ao ano), a hostalería (2400 euros ao ano); o ocio, os espectáculos e a cultura (1600 euros ao ano); os artigos de vestir e o calzado; e, por último, o mobiliario e o equipamento do fogar. Por debaixo do millar de euros, gástase en saúde, comunicacións, bebidas alcohólicas, tabaco e narcóticos e ensino.

Baixa o gasto en roupa

En seis anos (dende 2006 a 2012), o panorama do gasto familiar variou moito. As familias non gastan tanto en artigos de vestir e en calzado, nin tampouco en mobiliario e en equipamento do fogar; de feito, en ambos os casos o gasto descendeu arredor do 30 %. Así mesmo, destaca a derruba do gasto medio en transporte: entre o 26 %. Pola contra, os fogares son incapaces de controlar o aumento do gasto en vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustibles. Proba diso é que, en 6 anos, creceu un nada desprezable 34 % se temos en conta a inflación.

Para manter o fogar é necesario 1 de cada 3 euros

Do peto de cada familia, de cada tres euros que saen, un está destinado ao pagamento da vivenda, da auga, da electricidade, do gas e doutros combustibles, así como ao mobiliario, ao equipamento do fogar e aos gastos correntes de conservación da vivenda. En total, a factura media ascende a 10.300 euros. Por suposto, non todas as rexións desembolsan o mesmo diñeiro. Os fogares madrileños e vascos gastan moito máis (por enriba dos 11.500 euros) que as familias estremeñas e canarias (arredor de 6700 euros). No transcurso destes seis longos anos, as familias españolas sufriron un crecemento do gasto malia a crise. Dos doce grupos de gasto analizados polo INE, é o correspondente ao de vivenda e á súa conservación o que máis aumentou. Nada menos ca nun 34 %, se se ten en conta o impacto do IPC anual.

Pero manter e conservar unha vivenda supón acometer importantes desembolsos: por un lado, o pagamento de hipotecas ou alugamentos, os impostos ligados á vivenda (IBI, limpeza, lixos, rede de sumidoiros etc.), gastos correntes de luz, auga e calefacción, reparacións e un longo etcétera.

A partida que creceu máis foi a dos servizos de subministración, como a distribución da auga, a rede de sumidoiros, os gastos comunitarios e a recollida de lixos. Partida que aumentou un 32 % en 6 anos.

Tamén o gasto en electricidade incrementou a súa participación nos gastos familiares dende 2006, especialmente coa aparición da crise: en 2009 o gasto creceu un 21 %, en 2010 un 35 % e en 2011 un 45 %.

E é precisamente a electricidade, a fonte de enerxía máis utilizada, a que supón un dos quebracabezas máis importantes para as familias. Aínda que en época de dificultades económicas a súa demanda caeu, non o fixo o prezo da factura da luz. En oito anos, o importe das facturas disparouse polo menos un 70 %. En 2001, por exemplo, o consumo reduciuse o 2 %, pero o custo doméstico do quilovatio sen impostos subiu preto do 13 %.

O básico: alimentos, vestido e saúde

Alimentarse, vestirse e coidar da saúde son necesidades básicas nas que cada fogar destina unha media de 6400 euros ao ano; é dicir, un de cada catro euros que entran na carteira de cada familia.

Por comunidades autónomas, os fogares galegos son os que máis gastan en alimentación (4600 euros ao ano) e en saúde (1070 euros), e os madrileños en artigos de vestir e en calzado (1660 euros). No extremo oposto, os estremeños son os que menos destinan a alimentos e bebidas non alcohólicas (3.500 euros) e a saúde (590 euros), e os canarios en artigos de vestir e en calzado (910 euros).

Nos últimos 6 anos, as tendencias variaron: o de-sembolso familiar en alimentos e bebidas non alcohólicas descendeu apenas un 4 %. E é que a crise provocou que os hábitos de consumo dos españois cambien; de feito, hoxe as familias buscan comprar alimentación de mellor prezo e a metade delas recoñece que prefire comprar alimentos máis baratos.

A caída que mostra a pendente máis pronunciada sufriuna o gasto en roupa e calzado, case o 32 %. En 2006, realizábase un gasto de máis de 2000 euros de media e, 6 anos despois, esa cifra reduciuse a 1400 euros.

Por último, o gasto medio por fogar en saúde aumentou en seis anos apenas un 2 %. Destaca que sexan os fogares formados por unha parella sen fillos os que máis gastan en saúde; son os nosos maiores. A diferenza de gasto en saúde entre Estremadura (a que menos gasta) e Galicia (a que máis) é do 81 %.

Máis crise, menos desprazamentos

Vivimos nunha sociedade que se desenvolveu porque se move. Somos suxeitos “móbiles”. Transportarse, comunicarse e formarse son elementos fundamentais. Todo iso supón un gasto nada desdeñoso para os fogares, posto que supón ao redor de 4500 euros, o 16 % do gasto familiar total.

Entre estes servizos, o transporte é o que máis peso e incidencia ten. Realizouse un gasto medio de 3320 euros ao ano en cada fogar. Por rexións, é especialmente alto en Cantabria (4200 euros) e na Comunidade de Madrid (3900 euros).

Malia a súa importancia, o diñeiro que se destina a trasladarse dun lugar a outro diminuíu en seis anos case un 26 %, aínda que foi entre 2007 e 2008 cando se produciu a maior caída, preto do 17 %.

E é que cada vez nos movemos menos e de forma diferente, utilizamos menos o vehículo privado e máis o transporte colectivo (autobús, metro etc.).

O lecer tamén se resente

O noso ocio inclúe acudir a espectáculos e gozar da cultura, frecuentar cafés e restaurantes, facer escapadas… Ademais, nos nosos actos sociais tamén intervén o consumo de bebidas alcohólicas e tabaco. Cada fogar gasta en todo iso uns 4700 euros, un 16 % do gasto familiar anual en 2012.

Neste aspecto, son os fogares do País Vasco, da Comunidade de Madrid e de Navarra os que máis gastan en lecer: 3000 euros en cafés, restaurantes e hoteis e ao redor de 2000 euros en espectáculos e cultura. De novo, Estremadura e Canarias están á cola no gasto (os fogares alí non alcanzan os 2000 euros de media). Os que máis desembolsan en bebidas alcohólicas, tabaco e outros consumos non legais son os fogares madrileños e andaluces (máis de 640 euros de media ao ano).

Comunidade por comunidade

Cada familia é un mundo e o territorio no que se encontra tamén inflúe á hora de realizar o seu gasto anual. Por iso, EROSKI CONSUMER quixo analizar a evolución do gasto medio por fogar en cada comunidade autónoma dende 2006 ata 2012 e sen ter en conta o impacto do IPC anual:

  • Andalucía: Os fogares andaluces gastaron en 2012 unha media de 25.615 euros, o que os sitúa á cola do resto das comunidades autónomas, xunto con Estremadura, Canarias, Castela-A Mancha e Castela e León. En seis anos, as familias andaluzas contraeron este gasto nun 23 %, unha tendencia que se leva producindo dende 2008.
  • Aragón: As familias aragonesas realizaron un gasto medio en 2012 de 28.003 euros, preto da media do estudo (28.151 euros). En seis anos, ese orzamento diminuíu un 17 %, aínda que a peor caída se produciu entre 2008 e 2009.
  • Asturias: O gasto medio por fogar en Asturias foi de 26.096 euros, por debaixo da media do estudo (28.151 euros) e só por enriba do gasto de sete comunidades autónomas. Dende 2006 e ata 2012, este desembolso caeu un 20 %, aínda que a peor caída se produciu entre 2010 e 2011.
  • Illas Baleares: Entre as rexións con maior gasto encóntranse os fogares baleares que en 2012 gastaron 28.459 euros, o que as sitúa por enriba da media do estudo. Non obstante, en 2006, o seu orzamento era de 32.181 euros, polo que en seis anos se contraeu un 23 %. E foi especialmente dura a caída entre 2008 e 2009.
  • Illas Canarias: Os fogares canarios teñen o segundo gasto medio máis baixo (22.793 euros), só por diante dos estremeños (22.218 euros). Un orzamento que foi en descenso practicamente dende 2006. Nos seis anos que transcorreron ata 2012, sufriu unha caída do 31 %, a máis significativa do estudo.
  • Cantabria: Os fogares cántabros gastaron unha media de 28.935 euros en 2012. Sitúanse por enriba da media (28.151 euros) e no quinto lugar dos que máis gastan. Entre 2006 e 2012, ese orzamento familiar caeu un 15 %, aínda que leva caendo dende 2009, momento no que gastou unha media de 32.270 euros.
  • Castela e León: Dende 2006 ata 2012, o gasto medio nos fogares castelán leoneses diminuíu un 19 %. Sitúase agora nos 25.444 euros, por debaixo da media nacional, e ocupa o cuarto posto pola cola das comunidades autónomas (só por enriba de Castela-A Mancha, Canarias e Estremadura).
  • Castela-A Mancha: Os fogares manchegos gastan un dos montantes máis reducidos do estudo, unha media de 24.320 euros. Tan só a superan Estremadura e Canarias. O descenso dende 2007 foi máis ou menos regular, aínda que houbo momentos de recuperación entre 2009 e 2010. Despois, entre 2011 e 2012, a caída foi máis forte.
  • Cataluña: Os fogares cataláns reduciron o seu gasto máis do 22 % durante seis anos. En 2008, alcanzaron a cifra máis alta de gasto medio por fogar -34.511 euros-, pero dende entón non parou de baixar ata os 29.960 euros de 2012.
  • Comunidade Valenciana: Dende o ano 2007, o gasto medio dos fogares valencianos non parou de caer. En total, un 22 % en seis anos. Dos 30.872 euros de 2006, pasaron a gastar unha media de 26.037 euros en 2012.
  • Estremadura: Os fogares estremeños son os que menos gastaron o pasado ano 2012, 22.218 euros de media ao ano. Sitúase moi por debaixo da media do estudo, 28.151 euros. En seis anos, a caída deste gasto foi dun 22 %, leva dende 2007 en descenso, aínda que o máis importante se produciu entre 2011 e 2012.
  • Galicia: Galicia encóntrase na media do estudo en gasto medio por fogar, mesmo algo menor. En 2012, esa cifra situouse en 27.205 euros, aínda que en 2008 (o seu momento álxido) chegou aos 30.149 euros. A pesar dunha pequena recuperación tres anos máis tarde, durante o período entre 2006 e 2012 o orzamento familiar diminuíu un 17 %.
  • A Rioxa: En seis anos, os fogares rioxanos diminuíron o seu gasto un 16 %. Ese orzamento familiar supuxo en 2012 unha media de 26.176 euros, por debaixo da media nacional (28.151 euros) e por detrás de dez comunidades autónomas.
  • Comunidade de Madrid: Cada fogar madrileño gastou de media uns 34.766 euros. É a cifra máis alta do estudo. Aínda así, a súa evolución en 6 anos foi decrecente, un 15 %. Non obstante, nese período sucedéronse varias caídas e recuperacións, e a peor caída foi entre 2008 e 2009.
  • Murcia: Os fogares murcianos gastaron en 2012 unha media de 27.372 euros, unha cantidade por debaixo da media xeral. En 6 anos, produciuse un descenso do 20 %, aínda que nos últimos (2011 e 2012) o desembolso familiar se recuperou lixeiramente (pero sen chegar a niveis de 2007, momento no que o gasto medio por fogar supoñía 32.219 euros).
  • Navarra: Os fogares navarros contraeron o gasto en 6 anos case o 20 % e non se recupera dende 2008, cando a cifra alcanzou os 36.036 euros. Agora é de 31.646 euros. Aínda así, sitúase entre as comunidades cun gasto maior, só por detrás de Madrid e do País Vasco.
  • País Vasco: Os fogares vascos gastaron en 2012 unha media de 33.118 euros, moi por enriba da do estudo e é a segunda comunidade cun orzamento maior. En seis anos, o gasto familiar descendeu un 13 %, aínda que se produciron varios altibaixos nese período.