A un ano da chegada do euro, enquisa de CONSUMER

O euro encareceu os prezos e non estamos familiarizados con el

1 Xaneiro de 2003
Img temap 131

O euro encareceu os prezos e non estamos familiarizados con el

O euro leva xa un ano connosco como moeda oficial e exclusiva. Con este motivo, CONSUMER realizou unha enquisa monográfica entre 1.350 persoas de todo o país, que retrata con moita precisión o estado de opinión sobre os efectos que tivo na nosa vida cotiá a entrada en vigor da moeda comunitaria.

O estudio constata que é absolutamente xeral (sénteo así o 98% dos cidadáns) a percepción de que o euro encareceu os prezos e, nesta mesma liña, que está moi estendida (41%, fronte ó 10% que pensa que resultou beneficiosa) a opinión de que prexudicou a nosa economía persoal ou familiar. Ademais, compróbase que aínda non nos familiarizamos coa nova moeda, xa que seguimos pensando en pesetas e non sabemos facer de memoria cálculos sinxelos de euros a pesetas e viceversa cunha mínima precisión. Polo tanto, pódese dicir que o período transitorio de tres anos (desde o 1 de xaneiro de 1999 ata a mesma data do 2002), que consistía na utilización do euro escritural, un “euro virtual” que aparecía en contas correntes, nóminas, facturas, prezos de productos, etc., tivo menor efecto do desexado xa que a moeda nacional anterior, neste caso a peseta, segue prevalecendo na mente dos cidadáns.

Outra conclusión é que levamos hoxe máis cartos na carteira ca antes e que pensamos que a mesma cantidade nos rende menos.

E, no outro (pouco voluminoso, por certo) prato da balanza, o das constatacións positivas, compróbase que coñecemos bastante ben (con algunha excepción, coma o billete de 200 euros) as moedas e billetes que están en circulación e que nos parece correcta a actual disposición de billetes e moedas. Para rematar, a enquisa revela que nos amosamos moi confiados no futuro financeiro e político do euro: non en balde sete de cada dez persoas cren que é unha moeda forte que pode competir co dólar, e tamén nesa mesma proporción lle prognostican unha fortaleza crecente conforme pase o tempo.

Un ano é pouco tempo...

Malia ó longo período transitorio ó euro e a que a nova moeda completou todo un ano incorporada plenamente ó máis doméstico e rutineiro da nosa vida cotiá, as compras e a economía familiar, aínda non pensamos en euros: a peseta segue sendo a nosa referencia á hora de calcula-lo prezo de productos e servicios. E isto pódese dicir sen medo a errar, porque só un de cada catro cidadáns pensa en euros e non traduce a pesetas o importe dos productos para se facer unha idea do que realmente custan. E no tocante a isto as perspectivas son pouco prometedoras: a metade de quen segue calculando en pesetas cre que nunca chegará a pensar só en euros. Se ben esta última impresión é máis común nos maiores de 65 anos, un 15% dos mozos menores de 30 anos que seguen traducindo a pesetas os importes en euros din que nunca conseguirán pensar só en euros. Ademais, se nos fixamos exclusivamente nos cidadáns máis optimistas, os que confían en que algún día pensarán só en euros, en realidade non o son tanto: o grupo maioritario (45%) compóñeno os que calculan que tardarán dous ou máis anos en pensar só en euros, e só o 22% pensa que tardará menos dun ano.

Parece reinar, polo tanto, un certo pesimismo, contradictorio co feito de que só o 22% dos cidadáns recoñeza que manexarse con euros lle resultou difícil. Pero tamén hai datos alentadores ó respecto: case tres cuartas partes da poboación non usa conversores nin calculadoras á hora de realizaren a súas compras. E son maioría os que coñecen, polo menos, o prezo en euros dos productos máis recentemente adquiridos, especialmente se estes se mercan de maneira unitaria e se aboan en metálico (xornal, un café nun bar, unha barra de pan). Pero as grandes cifras expresámolas en pesetas, porque non somos capaces cos euros: se se lle pregunta ó cidadán medio se sabe o valor en euros dun soldo medio só o 14% sabe expresalo e se se trata do custo en euros dunha vivenda media na súa cidade, a ratio queda nun moi decepcionante 4%.

O euro prexudicounos máis do que nos beneficiou

Preguntóuselles ós usuarios a súa opinión sobre diversos aspectos relacionados coa nova moeda. Sobre tódalas opinións prevalece, pola súa importancia, unha: o euro encareceu os prezos de productos e servicios, introducindo un elemento nitidamente inflacionista na nosa economía. Non outra cousa indica o dato de que para o 98% dos cidadáns españois o euro aumentou os prezos, polo efecto do redondeo, aínda que para evitar esta “tentación” se amoedasen pezas de un, dous e cinco céntimos, que o tempo revelou como moi pouco usadas. Ademais, oito de cada dez persoas salientan que aumentaron moito os prezos e só o 18% pensa que o incremento foi moderado.

Por outra banda, máis dunha vez, en conversas con amigos ou familiares, antes da chegada do euro, preguntámonos se o euro ía beneficiar ou prexudica-la nosa economía persoal. A data de hoxe, case a metade dos cidadáns percibe que o impacto foi negativo, nocivo, e só un de cada dez cre que lle beneficiou.

Os efectos colaterais

A entrada en vigor do euro tivo tamén efectos colaterais. Sen irmos máis lonxe, volvémonos un pouco máis previsores: dúas de cada dez persoas que antes case nunca comprobaban que as voltas fosen correctas agora fano sempre. Outros efectos son o aumento (do 14%) no uso dos caixeiros automáticos, e o incremento da cantidade que se extrae deles cada vez que se usan; unha de cada tres persoas di que agora saca máis cartos dos caixeiros ca antes da chegada do euro.

Unha sensación moi asentada entre os consumidores é que o diñeiro dura hoxe menos tempo na carteira ca antes: nove de cada dez din que un billete de 50 euros dura menos có seu equivalente en pesetas antes da chegada da nova moeda. Por outra banda, o euro conduciu a moitas persoas (o 20% da poboación adulta) a cambiar de moedeiro, fundamentalmente porque o anterior non tiña espacio para moedas, aínda que hai quen aduce que os billetes en euros son máis grandes. Continuando coas repercusións do euro na nosa vida cotiá, a enquisa revela que o 37% dos cidadáns leva enriba máis cartos hoxe ca antes da entrada en vigor do euro. Todo sinala, sen dúbida, que o consumidor considera que o euro encareceu os productos e servicios e que é preciso máis diñeiro para mante-lo mesmo nivel de vida ca cando a moeda oficial era a peseta.

Non facemos ben a conversión

Unha das conclusións máis importantes do estudio é que aínda que a maioría dos cidadáns di que manexarse co euro non lle supón dificultades, só unha minoría sabe facer correctamente (sen desviacións superiores ó 3%) cálculos sinxelos de equivalencia entre euros e pesetas, e viceversa. Noutras palabras, que as conversións mentais de euros a pesetas facémolas aínda con pouca exactitude e isto orixina unha distorsión na percepción dos prezos que pode repercutir en que as decisións da compra non se adopten con precisión no tocante ós prezos. Afondando neste apartado, tan só o 44% da poboación sabe cántos euros son 3 millóns de pesetas e só o 3% é capaz de sinalar cun mínimo de exactitude cántas pesetas son 500 euros (aproximadamente, 83.000 pesetas), a pesar de que o cálculo é sinxelo (a metade de mil euros) e de que circula un billete por ese importe exacto en euros.

Por outra banda, aínda queda camiño para familiarizármonos co euro: aínda que boa parte da tarefa xa está realizada (case 9 de cada dez persoas sabe que hai billetes de 5, 10, 20, 50 e 100 euros, e practicamente ninguén cita billetes de cantidades distintas ás que circulan), catro de cada dez cidadáns non sabe da existencia do billete de 200 euros e a un de cada dez lle acontece o mesmo coa moi usada moeda de dous euros.

O euro ten futuro

No tocante ós aspectos políticos relacionados co euro, sen que se poida dicir que reina a ignorancia, a cultura sobre a moeda única é aínda mediocre: só o 56% dos cidadáns sabe que está en vigor en Irlanda e máis do 10% pensan que Turquía e Polonia (países non membros da UE) están na zona euro. E no tocante ó futuro financeiro e político que lle auguramos á nova moeda, reinan a confianza e o optimismo: case sete de cada dez persoas pensan que é unha moeda forte que pode competir de ti a ti co dólar. Ademais, nunha proporción semellante pénsase que o euro no futuro será máis forte ca hoxe.

Ficha técnica da enquisa
  • Universo: poboación xeral maior de idade
  • Mostraxe: aleatoria e estratificada
  • Mostra: 1.348 individuos
  • Erro de mostra: +- 2,7% para un nivel de confianza do 95%
  • Cotas: Por sexo, idade e hábitat
  • Traballo de Campo: realizado entre o 11 e o 20 de Novembro do 2002

Os aspectos menos brillantes do euro

  • Para o 98% dos cidadáns o euro supuxo un encarecemento dos prezos. Só o 1,4% cre que permaneceron iguais ca antes.
  • E dos que pensan que subiron os prezos, o 91% cre que subiron moito e o 18% cre que só aumentaron un chisco.
  • O 45% dos consultados percibe que, a nivel persoal, a chegada do euro lle prexudicou, e só o 10% pensa que lle beneficiou.
  • Case o 90% dos cidadáns asegura que un billete de 50 euros lle dura menos tempo có seu equivalente en pesetas cando aínda non entrara en vigor o euro. Só o 2% di que lle dura máis tempo. E mesmo dúas de cada dez persoas equiparan o ritmo de gasto de 50 euros co antigo billete de 5.000 pesetas, cando 50 euros representan 8.300 pesetas.
  • O 43%, cando se lles pregunta polo prezo dun determinado producto responden aínda en pesetas, e o 35% en euros. O resto descoñecían o prezo do producto. Un 0,3% soubo dicilo nas dúas moedas.
  • Para productos coma un iogur, un libro, ou un billete de bus, o coñecemento do prezo en euros anda arredor só do 25%-40%.
  • O soldo, só o 14% o expresa en euros. E o prezo da vivenda, o 5%.
  • Tan só o 44% sabe cántos euros son 3 millóns de pesetas.
  • Só o 3% é capaz de sinalar cun mínimo de exactitude cántas pesetas son 500 euros, aínda que é un cálculo sinxelo (a metade de mil euros) e que circula un billete por ese importe en euros.
  • Para o 22% da poboación, o manexo cos euros resulta difícil ou moi difícil. E só para o 42% resulta doado.
  • Unicamente o 63% dos cidadáns coñece a existencia do billete de 200 euros.
  • Só o 56% sabe que en Irlanda rexe o euro. O 10%, ademais, cre que Turquía ten euros, o 33% e o 15% que Polonia, cando en ningún circula a nova moeda comunitaria.
  • Só o 23% dos cidadáns non realiza mentalmente o cambio a pesetas dos prezos en euros; é dicir, pensa en euros e non precisa traducir a pesetas para saber cánto valen as cousas.
  • Dos que seguen traducindo a pesetas, un de cada catro recoñece que nunca pensará só en euros, e só dous de cada catro cren que algún día pensarán só en euros.
O que pensamos en positivo sobre o euro
  • Se se pregunta polo prezo do último producto adquirido, o 76% dos enquisados exprésao en euros.
  • Máis do 88% da poboación coñece con certa exactitude o prezo unitario do euro (166,386 pta).
  • Case o 90% da poboación sabe espontaneamente que hai billetes de 5, 10, 20, 50 e 100 euros.
  • Máis do 96% da poboación cita correctamente tódalas moedas existentes en circulación.
  • O 87% da poboación sabe que a cor do billete de 20 euros é azul-celeste.
  • O 71% non emprega conversores nin calculadoras á hora de realiza-las súas compras.
  • A actual disposición de billetes e moedas parécelle correcta ó 76% dos consumidores.
  • O 68% pensa que o euro é unha moeda forte que pode competir co dólar. E o 71% confía en que o euro será cada vez máis forte.

E tamén hai datos moi curiosos...

  • A moeda menos coñecida (91,5%) é a de dous euros.
  • Só o 39% dos consumidores sabe que os billetes teñen peculiaridades estéticas en cada país e que as moedas son idénticas en todos eles.
  • Son moitos os que lembran que nalgunha ocasión tiveron euros de Francia (50%), Portugal (38%) e Alemaña (30%).
  • O 20% dos cidadáns cambiou de carteira ou moedeiro debido á implantación do euro. Os motivos: o 66% di que porque a anterior carteira non tiña espacio abondo para moedas e o 12% porque os billetes de euro son máis grandes cós de pesetas.
  • O 37% dos consumidores leva hoxe máis cartos enriba ca antes da implantación do euro.
  • Os billetes de 200 e 500 euros case non se usan (só di usalos con frecuencia menos do 0,5% da poboación), e os de 100 tampouco aparecen a miúdo polas nosas carteiras (6,5%). Tampouco o de 50 euros é moi utilizado (63%). O billete máis familiar para o común da cidadanía é o de 20 euros (95%), seguido do de 10 euros (93%).
  • O 28% dos cidadáns non recorre ós caixeiros automáticos para facerse con cartos en efectivo.
  • O 14% da poboación fai agora maior uso dos caixeiros ca antes, e o 35% afirma que agora saca máis cartos do que o facía coa peseta.
  • Os países que mellor se coñecen como da zona euro (máis do 90% de coñecemento) son, nesta orde, Francia, Italia, Portugal e Alemaña.
  • Os que menos: Irlanda (56%), Austria (65%) e Luxemburgo (70%).
  • Son unha minoría irrelevante (menos do 0,5%) os que pensan que hai billetes por valor de cantidades que en realidade non existen.
  • A moeda menos coñecida (91,5%) é a de dous euros.
  • Practicamente ninguén cita moedas que non existan.
  • O billete peor recoñecido pola súa cor é o de 200 euros (amarelo, coñéceo o 16% da xente), seguido do de 500 euros (púrpura-violeta, o 26%) e do de 50 euros (laranxa-cabaza, o 28%).
Tampouco ante o euro somos todos iguais

Os mozos amósanse máis familiarizados co euro: conforme aumenta a idade, o número de respostas en euros ó prezo dos productos é menor. E tamén é menor a capacidade de conversión: un de cada dous menores de 30 anos acertaron ó afirmaren que 3.000.000 pesetas son uns 18.000 euros, mentres que nos maiores de 65 anos só atinou un de cada catro. E o 35% destas persoas maiores recoñecen que a adaptación ó euro lles resulta difícil, mentres que na xente nova esa proporción é do 15%.

  • As mulleres (para o 28%, difícil) din que lles resulta máis complicado manexarse co euro cós homes (16%).
  • Os homes coñecen máis os billetes grandes, de 100, 200 e 500 euros.
  • As mulleres (34%) tenden máis a utilizaren euroconversores cós homes (23%).
  • Os máis novos son os que en maior medida sacan agora máis cartos cada vez que fan uso dos caixeiros automáticos ca antes do euro.
  • Os mozos son os que máis aumentaron a cantidade de diñeiro que levan no peto: o 42% di levar máis cartos ca antes.
  • As mulleres (85%) cren en maior medida cós homes (75%) que os prezos aumentaron moito co euro.
  • O escaso número de homes (14%) que cren que a chegada do euro lles beneficiou persoalmente dobra ó de mulleres (7%).
  • Nas clases altas, aínda que non son tampouco moitas (16%) son tres veces máis as persoas que se consideran beneficiadas polo euro ca nas clases baixas (5%).
  • Os homes, a xente nova e as persoas de máis recursos económicos depositan máis confianza no presente e futuro do euro.