Enquisadas 1050 persoas de 9 comunidades autónomas sobre os seus hábitos de consumo de medicamentos e o seu uso racional

Medicamentos: os consumidores gárdanos, reutilízanos e aconséllanos

  • Ao 77 % dos entrevistados sóbralles parte do medicamento e, unha vez rematan o tratamento prescrito polo médico, e un de cada dous consérvaos na casa
  • O 72 % tomou algunha vez medicinas por iniciativa propia e sen acudir ao médico
  • Nalgunha ocasión, o 19 % aconsellou a familiares ou amigos que tomasen medicinas que necesitaban receita médica
1 Setembro de 2014

Medicamentos: os consumidores gárdanos, reutilízanos e aconséllanos

Medicarse está á orde do día. Tratamos cada dor ou cada molestia cunha pastilla ou cun xarope, tanto por iniciativa propia coma pola dun experto sanitario ou farmacéutico. Así o cre a Organización Mundial da Saúde (OMS) quen asegura que máis do 50 % dos medicamentos se prescriben, dispensan ou venden de forma pouco apropiada e que a metade dos pacientes non os toman correctamente. É a época do ?a pill for every ill?; é dicir, aquela na que case todo pode tratarse con medicamentos.

Malia que é certo que cando unha medicina se usa de forma correcta e racional pode facer moito ben na saúde, tamén o é que podemos facernos dano se ese uso é excesivo ou se se realizou cando non se debía. E en que consiste o uso racional dos medicamentos? Segundo a OMS, en que os pacientes reciban a medicación axeitada ás súas necesidades clínicas, nas doses correspondentes aos seus requisitos individuais, durante un período de tempo axeitado e ao menor custo posible para eles e para a comunidade.

Ante este panorama, EROSKI CONSUMER quixo coñecer os hábitos de consumo de medicamentos entre os consumidores e se realizan un uso racional destes. Por iso, durante o mes de xullo, fíxoselles unha enquisa telefónica a 1050 persoas orixinarias de 9 comunidades autónomas: Andalucía, Illas Baleares, Castela-A Mancha, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia, Madrid, Navarra e País Vasco.

Percepción e realidade

En liñas xerais, os consumidores consultados non son conscientes de que realizan un mal uso dos medicamentos. No último ano, só un 14 % recoñeceu abandonar un tratamento prescrito polo médico antes de tempo, xeralmente porque se sentía ben. Non obstante, apenas o 54 % confirma que le sempre o prospecto antes de tomar unha medicina.

Ao 77 % dos enquisados habitualmente sóbralles parte do medicamento unha vez rematado o tratamento e a maioría deles (o 63 %) confesa que o garda na casa. De feito, no momento da enquisa, o 70 % tiña na casa medicamentos sobrantes doutros tratamentos con prescrición médica. Principalmente, analxésicos, antiinflamatorios, anticatarrais ou antigripais e antibióticos.

Tamén o 72 % dos enquisados recoñece que toma algún medicamento por iniciativa propia e sen acudir ao médico. Xustifícano porque consideran que son problemas de saúde menores e acoden á farmacia para que os aconsellen. Pero o peor é que o 19 % recoñece que lles ten aconsellado a familiares ou amigos un determinado medicamento que necesitaba prescrición médica. Un costume moi perigoso.

Quen era?

Do total de entrevistados, o 51 % eran mulleres. Todos se atopaban entre os 18 e os 65 anos, aínda que o grupo de persoas máis numeroso era aquel de entre 25 e 44 anos (supoñían o 49 % do total de entrevistados). A media de idade está nos 46 anos. O 34 % tiña formación universitaria ou posgraos e o 18 % formación profesional. Outro 19 % rematara a educación secundaria posobrigatoria voluntaria e o 27 % a obrigatoria. Só un 2 % non tiña estudos.

En canto á súa saúde, un de cada tres entrevistados tiña unha enfermidade crónica (en maior proporción, as mulleres e as persoas de entre 45 e 65 anos) que os obrigaba a tomar pastillas ou a seguir algún tipo de tratamento. Tratábase na súa maioría de enfermidades cardiovasculares, hipertensión, diabetes e trastornos relacionados coa glándula tiroide.

Erros frecuentes

Antes de tempo

Segundo a OMS, a metade dos pacientes non toman os medicamentos correctamente. Por iso, a institución advirte de que usalos de xeito indebido pode ter efectos nocivos para o paciente, ademais de constituír un desperdicio de recursos.

Non obstante, a poboación entrevistada considera que a súa utilización e o seu consumo de medicamentos é a correcta. De feito, durante a enquisa, o 90 % dos consumidores consultados aseguran que cando o médico lles prescribe un medicamento, sempre toman exactamente as doses que lles recomenda e durante o tempo que el establecese. Só un 6 % admite que só o fai ás veces e outro 4 % nunca (neste punto, destacan os mozos de entre 18 e 24 anos). O centenar de persoas que o confesaron esgrimiron un único motivo principal: ?Sempre o deixo cando me atopo ben?.

Neste sentido, preguntouse concretamente se no último ano abandonaran algunha vez un tratamento estipulado polo médico antes do indicado e sen consultalo. O 14 % dos entrevistados confesa que si, unha actitude máis propia entre os homes (o 17 %) e os mozos de entre 18 e 24 anos (nada menos que o 29 %). De novo, o seu argumento principal é que se sentían ben.

Prospecto: lectura obrigada

Antes de tomar un medicamento, é aconsellable ler o prospecto, xa que un consumidor desinformado inflúe negativamente no uso dos medicamentos.

Na enquisa, só o 54 % dos entrevistados aseguraron lelo sempre. En maior medida, eran as mulleres, as persoas de entre 25 e 44 anos e aquelas con formación profesional. Outro 22 % confesaba que só o facía en ocasións e un 24 % nunca. Estes últimos eran en maior proporción homes, de entre 45 e 65 anos e sen estudos ou con educación obrigatoria. Entre as 800 persoas que dixeron ler (sempre ou ás veces) o prospecto dos medicamentos antes de tomalos, o 81 % fixábase habitualmente nos efectos secundarios e o 78 % na dose recomendada (a posoloxía). O nome comercial e a preparación eran os dous datos nos que nunca poñían atención, a pesar de que a recomendación é lelo todo.

Sempre sobran

O Sistema Nacional de Saúde (SNS) apunta a que unha boa prescrición é aquela que se consegue cando o profesional receita a dose adecuada durante o período de tempo apropiado (entre outros criterios, como estar ben informado para realizar unha boa selección do medicamento). Tamén a OMS se refire a este aspecto cando di que os pacientes deben recibir as doses correspondentes aos seus requisitos individuais para falar dun uso racional do medicamento.

Non obstante, na enquisa comprobouse que ao 77 % dos enquisados habitualmente lles sobra parte do medicamento unha vez remataron o tratamento. Así o aseguran especialmente os menores de entre 18 e 24 anos entrevistados, os consumidores cataláns consultados, aqueles con formación profesional e os que non teñen enfermidades crónicas.

E que fan cos restos deses medicamentos? O 63 % confesa que os garda na casa. En maior proporción, os mozos de ata 24 anos, os enquisados no País Vasco e aqueles con estudos universitarios ou posgraos.

Outro 55 % lévaos a un punto de recollida para a súa reciclaxe. Un costume máis habitual entre os enquisados de 45 a 65 anos, os cataláns e as persoas sen estudos ou con educación obrigatoria. Pola súa banda, algún dos enquisados confesou mesmo que llos entregara a outra persoa.

Coidado coas sobras

Na casa

No momento da entrevista, un 70 % dos consumidores consultados tiña medicamentos que lle sobraran doutros tratamentos con prescrición médica. Desas 568 persoas, o 85 % tiña analxésicos e antiinflamatorios, o 45 % anticatarrais e antigripais e o 35 % antibióticos.

Habitualmente, gárdanos na cociña ou no baño. É máis, o 75 % revisa a data de caducidade deste tipo de medicamentos con frecuencia menores a un mes. E un 13 % non o fai nunca.

Imos ao médico?

Por iniciativa propia

Aínda que cada persoa acode ao médico unha media de entre 5 e 7 veces ao ano, a automedicación é un hábito frecuente na nosa sociedade (aínda que despois se vaia ao médico). O SNS defínea como o consumo de medicamentos, herbas e remedios caseiros por propia iniciativa ou por consello doutra persoa, sen consultar co médico.

Na enquisa, comprobouse que un 72 % dos enquisados tomaron algún medicamento por iniciativa propia e sen acudir ao médico. Esta actitude é máis frecuente entre os menores de 44 anos, que en xeral dispoñen dun menor tempo polas súas actividades laborais ou de estudo. Tamén entre os cataláns e os navarros e aqueles cun título universitario ou de posgrao.

Para facelo, esgrimen dous motivos principais. En primeiro lugar, porque consideran que na maioría das ocasións son problemas menores e acoden á farmacia para que os aconsellen. En segundo lugar, porque son problemas de saúde repetidos.

Neste sentido, a OMS advirte que unha das situacións que pode cualificarse como uso incorrecto dos medicamentos é cando se realiza un uso empírico deste baseado en situacións anteriores. Cando un médico recomenda un tratamento, o SNS resalta a necesidade de advertir o paciente sobre a súa non reutilización e almacenamento salvo autorización expresa (entre outras advertencias). E é que un dos mecanismos máis habituais da automedicación consiste na nova toma de medicamentos prescritos anteriormente por un médico.

A última vez

Das 760 persoas consultadas que admitiron tomar medicamentos por iniciativa propia e sen consultar o médico, o 13 % asegura que é un costume habitual. O 40 % fíxoo hai menos dun mes e, polo xeral, inxeriron un só tipo de medicina.

Sufriron principalmente tres doenzas: dores de cabeza, xaquecas ou cefaleas, síntomas catarrais e gripais e dores osteomusculares. E, na súa maioría, usaban analxésicos e antiinflamatorios para tratar de curalas e tamén anticatarrais e antigripais para as dúas primeiras.

Por último, o 86 % recoñeceu que aproveitara medicamentos que gardaba na casa e só o 12 % acudira á farmacia a por eles. A outro 3 % recomendoullo un familiar, un amigo ou un coñecido. O 93 % dixo que finalmente resolvera o problema de saúde sen ter que acudir ao médico.

Os antibióticos son o terceiro tipo de medicamento que máis utilizaron os entrevistados para tratar os seus problemas de saúde sen acudir ao médico. Principalmente para infeccións, molestias estomacais, problemas na pel e dor de moas. En 2009, a UE realizou unha campaña contra a automedicación e a dispensación en farmacias de medicamentos sen receita. Este último, segundo a organización de consumidores Facua, é un problema común en España. E é que os expertos aseguran que o noso país é un dos territorios europeos con maiores taxas de resistencias a antibióticos, así como cos maiores índices de consumo deste tipo de fármacos.

Sen o consello do médico

Na enquisa, comprobouse que un 13 % dos enquisados sempre trata de solucionar os seus problemas de saúde sen acudir ao médico e o 59 % ás veces. Esta actitude realízana en maior proporción os homes, os menores de 44 anos e os que viven en Cataluña.

Fano porque consideran que o seu problema de saúde é leve, confían nos medicamentos e tratamentos que xa coñecen, e tamén porque teñen dificultades para acceder á consulta. O 28 % asegura que nunca leva a cabo este hábito.

A pesar dos riscos que leva consigo automedicarse, o 99 % dos enquisados di que nunca tivo problemas de saúde por facelo. Só o 12 % os tomou algunha vez caducados por erro e o 85 % non teme aos efectos secundarios que poidan empeorar a súa saúde. Non obstante, non son conscientes de que existen problemas asociados ao mal uso dos medicamentos, como a resistencia aos antimicrobianos (medicamentos utilizados para tratar as infeccións causadas por bacterias, fungos, parasitos e virus), o desperdicio de recursos, a perda de confianza do paciente e as reaccións adversas con outras substancias e dependencias.

Ademais, o 19 % recoñece que lles aconsella aos familiares ou amigos un determinado medicamento que necesitaría prescrición médica. Xa en 2006, o Ministerio de Sanidade lanzou unha campaña na que instaba a poboación para que non recomendase antibióticos e outros medicamentos que necesitasen prescrición médica por supoñer un risco para a saúde.

Poñer remedio

Os medicamentos poden salvarnos a vida, pero sempre se se fai un uso racional e correcto deles. Estes son algúns consellos da Consellería de Saúde do Goberno das Illas Baleares durante o tratamento e sobre a automedicación:

Durante o tratamento…

Consellos:

  • Tomar a medicación receitada polo seu médico e seguir as súas recomendacións sobre como e cando hai que tomala.
  • Coñecer a enfermidade e a medicación que se toma.
  • Para evitar esquecementos: facer unha lista dos medicamentos que hai que tomar e cando e asociar as tomas a unha actividade diaria (comer, ir durmir etc.)
  • Seguir os consellos sobre a alimentación e a actividade física.
  • Ante posibles dúbidas, solicitar información dun profesional sanitario.

Recomendacións:

  • Non abandonar o seu tratamento antes do indicado.
  • No caso de esquecer unha dose, non se debe tomar o dobre a seguinte vez.
  • Ao viaxar, levar a medicación para todos os días da viaxe, xunto a un informe da enfermidade e o tratamento.

Automedicación

Os medicamentos poden causar efectos non desexables na saúde e poden ser incompatibles con outros medicamentos que xa se estean a tomar. Por iso, é importante evitar a automedicación. Antes de tomar un medicamento por iniciativa propia, débese consultar co médico ou co farmacéutico.

Uso racional dos antiobióticos:

  • Só son útiles se se usan ben.
  • Sempre baixo prescrición médica.
  • Na dose correcta e durante o tempo prescrito.
  • Nunca ante un arrefriado ou unha gripe. Os antibióticos non os curan.

Uso racional dos analxésicos ou calmantes:

  • Para o tratamento da dor, febre ou síntomas do arrefriado pode usar os que xa tomou con anterioridade. Se non mellora aos poucos días, debe consultar co médico ou co farmacéutico.
  • Se se necesitan de forma habitual, consulte co seu médico ou farmacéutico.

Falar co médico ou co farmacéutico se…

  • Hai dificultades na toma ou administración dos medicamentos.
  • Hai sospeitas de que o medicamento non mellora o problema de saúde.
  • Se percibe que o medicamento está a producir molestias ou efectos adversos.

Non somos médicos:

  • Non lles aconsellar medicamentos á familia, aos amigos nin aos coñecidos.
  • Non se deixar aconsellar por ninguén que non sexa persoal sanitario.