Zonas peonís: estudadas 57 das principais rúas peonís de 13 cidades

Máis da metade suspenden

As infraccións ás restricións para vehículos son frecuentes, a maioría falla en sinalización e en accesibilidade, e o equipamento é escaso en moitas rúas
1 Maio de 2004
Img temap 191

Máis da metade suspenden

/imgs/20040501/img.tema-portada01.jpg
Case sete de cada dez españois viven en cidades de máis de 20.000 habitantes cun denominador común: sufrir as consecuencias do excesivo tráfico de vehículos de motor. As zonas peonís, polo que significan de mellora da calidade de vida dos seus residentes, adoitan ser ben acollidas pola poboación, pero sen que iso signifique unanimidade social, xa que hai persoas e sectores económicos que entenden que esta iniciativa os prexudica.

Agora ben, o cidadán pódese preguntar se as zonas peonís teñen a calidade urbanística necesaria para cumpriren o seu cometido, se pagan a pena as molestias que causa non poder circular no coche e aparcalo en rúas nas que antes podía facerse, ou se na práctica se respectan as restricións á circulación e estacionamento de vehículos.

A revista CONSUMER intentou responder a estas cuestións, e fíxoo mediante o estudo -durante os primeiros días de abril- de 57 rúas peonís de 13 cidades de todo o país. O informe dividiuse en tres apartados: mobiliario e equipamento urbano, sinalización e accesibilidade, e, para rematar, o grao de cumprimento da restrición de circulación e aparcamento de vehículos. Segundo os resultados desta investigación, a situación é ben distinta segundo a cidade da que se trate, o equipamento polo xeral é só aceptable, outro tanto acontece coa sinalización e a accesibilidade (especialmente, para usuarios discapacitados) e, para rematar, o grao de infraccións ás normas que restrinxen a circulación rodada é superior ó desexable.

O informe conclúe, xa que logo, que moitas rúas peonís das nosas cidades non o son totalmente, ó non cumpriren as características que as definen e ó non se respectaren suficientemente as restricións (nalgunhas cidades, normas específicas) que as preservan do tráfico indiscriminado de coches. En concreto, o 54% das rúas peonís analizadas suspenden o exame de CONSUMER. E só A Coruña, Oviedo e San Sebastián aprobaron con folgura o exame ó que se someteron as súas principais rúas peonís. Pamplona, Bilbao, Alacante e Vitoria acadaron un simple “aceptable”, mentres que o resto suspenderon. Madrid achegouse ó aprobado, sen conseguilo, e as cinco cidades con rúas peonís que mereceron un claro suspenso foron, de mellor a peor, Valencia, Murcia, Málaga, Almería e Barcelona.

As conclusións, polo miúdo

/imgs/20040501/img.tema-portada02.jpg A sinalización específica que distingue estas zonas como peonís e que informa da restrición para a circulación e estacionamento de vehículos e a accesibilidade para os cidadáns en xeral (e, en especial, para os discapacitados) é claramente mellorable. Neste apartado suspende nada menos có 60% das rúas estudadas, e só aprobaron, e cun mediocre “aceptable”, A Coruña, Oviedo, San Sebastián, Bilbao e Valencia. Tres cidades (Alacante, Pamplona e Vitoria) quedaron nun “regular” e o resto (Madrid, Murcia, Málaga, Almería e Barcelona) suspenderon rotundamente este exame. Todo iso revela que este é o apartado máis manifestamente mellorable das rúas peonís estudadas.

Ademais, comprobouse que as infraccións ás restricións que garanten que as zonas peonís se vexan libres do tráfico rodado son demasiado frecuentes. Case a metade das rúas peonís suspende neste apartado, se ben só as de Valencia, Barcelona e Vitoria non o aproban se son tomadas conxuntamente coas outras rúas estudadas na súa cidade, o que dá unha idea do comúns que son as infraccións e da lasitude existente no control do cumprimento da normativa. Destacaron positivamente as zonas peonís visitadas en Madrid e Murcia, e quedaron ben as de Pamplona, A Coruña e Málaga, mentres que as das outras cinco cidades tiveron que conformarse cun mediocre “aceptable”. Tomouse nota, nesta proba, da existencia de vehículos en horario distinto do autorizado para carga e descarga e, por outra banda, intentouse acceder en coche (cometendo unha irregularidade, claro está) a cada unha destas 57 rúas, e mesmo estacionalo durante 15 minutos, comprobando, en primeiro lugar, a existencia ou non de bolardos, valados, pivotes ou testos con plantas que impedisen o paso, e, despois, a presenza ou non de policía que velase polo cumprimento da normativa. Comprobouse que en moitas destas zonas peonís hai vehículos estacionados (non autorizados) fóra do horario permitido, e que os horarios de carga e descarga -demasiado amplos en moitas cidades- non se cumpren.

No tocante ó mobiliario e equipamento urbano (bancos para sentar, papeleiras, iluminación nocturna, aseos públicos, fontes de auga potable, árbores, testos con plantas e flores, esculturas e outras obras de valor estético-artístico, estado do pavimento, limpeza e conservación de todos os elementos), os resultados tampouco foron satisfactorios: suspendeu o 37% das rúas peonís. Destacaron moi positivamente as visitadas na Coruña, Oviedo e San Sebastián, seguidas de preto polas de Pamplona. Tamén mereceron boa nota as de Bilbao, Alacante, Vitoria e Madrid. As rúas peonís analizadas en Valencia obtiveron un “aceptable”, mentres que o “regular” das visitadas en Barcelona comeza unha franxa de suspensos que representan con gran nitidez (un “moi mal”) as estudadas en Murcia, Málaga e Almería. Neste sentido, en moitas rúas peonís falta mobiliario urbano case imprescindible, como papeleiras ou bancos, mentres que outras teñen o pavimento lixoso ou con irregularidades (baldosas rotas, gabias, gretas, pozas, etc.) que dificultan o discorrer peonil.

Doutra banda, o esforzo en facer rúas peonís dista moito dunha cidade a outra. Os viandantes téñeno moito mellor en Vitoria (2,49 m2 de zona peonil por habitante), San Sebastián (1,1 m2), Bilbao (0,96 m2) e Barcelona (0,92 m2), ca en Alacante (0,08 m2 por habitante), Murcia ou Valencia (en ambas as dúas, 0,5 m2), sempre segundo as respectivas fontes municipais. Os concellos de Almería, Madrid, A Coruña, Málaga e Oviedo non proporcionaron este dato.

Multas moi distintas segundo as cidades

As sancións (mínimas, porque poden ser maiores en determinados casos) por estacionar indebidamente en zona peonil (deixando á marxe as custas da grúa) son moi distintas entre as cidades estudadas: a máis forte é a que rexe na Coruña (96 euros), seguida de Málaga, Barcelona e Almería (arredor dos 90 euros). As máis liviás son as de San Sebastián e Valencia (30 euros) e Vitoria (case 46 euros).

No tocante ás multas por circulación de vehículos non autorizados en zona peonil, van desde os moi persuasivos 150 euros de Barcelona ata os 30 euros da Coruña e os 60 euros de Pamplona e Málaga. Son tamén onerosas as sancións en San Sebastián, Bilbao (100 euros), Murcia (96 euros), Vitoria, Oviedo e Valencia (arredor dos 90 euros).

Agás en Málaga e na Coruña, a contía das multas é superior cando a infracción consiste en circular indebidamente en zonas peonís que cando se trata de estacionar nelas. En Pamplona e Madrid a sanción é a mesma nos dous casos (60 e 84 euros respectivamente).

Naturalmente, o establecemento destas sancións económicas exerce un efecto disuasorio, pero tan importante coma a súa implantación normativa é que os infractores sexan multados cando así procede.

O equipamento das zonas peonís

/imgs/20040501/img.tema-portada03.jpg Un aspecto esencial é o seu correcto estado de limpeza e mantemento. Foi satisfactorio comprobar que só o 10% das rúas analizadas tiña o pavimento lixoso (excrementos, lixos, papeis, desperdicios). Doutra banda, só no 16% das rúas visitadas o pavimento presentaba irregularidades ou lousas e lastros soltos ou con buratos que propician a formación de pozas ou que supoñan un risco de caída para os peóns. No tocante ás papeleiras, en 3 de cada 4 rúas peonís presentaban un bo estado de uso, pero só nun 40% das rúas visitadas o número de papeleiras era o adecuado. Outra cuestión importante (por seguridade e comodidade) é a iluminación: case o 95% das rúas estudadas conta coa suficiente, tal e como se puido comprobar coa visita nocturna que se realizou a cada rúa. Ademais, tres de cada catro destas rúas dispoñen de farois específicos para as zonas peonís, na súa maioría de estilo clásico (nas zonas vellas) ou de deseño moderno acorde co resto do mobiliario urbano. Tamén se agradece que as zonas peonís conten con árbores, pero máis da metade non os teñen, debido nalgúns casos á estreiteza dalgunhas rúas, situadas as máis delas nas zonas vellas das cidades. Comprobouse que practicamente todas as árbores destas rúas se atopaban en bo estado de conservación. Con todo, tan só a metade dispuñan de enreixados na súa parte inferior para evitar tropezos e facilitar a conservación do espazo no que están plantados. Outra vez en positivo, estimouse que en case o 90% das rúas con árbores o número delas era adecuado.

Non todo é andar: de vez en cando convén descansar, e para iso os bancos son fundamentais. O malo é que o 56% das rúas peonís visitadas non dispoñen de bancos e que nunha de cada 8 das que os teñen, algúns víanse lixosos ou estragados. Agora ben, en todas as rúas con bancos habíaos en número abondo. Ó igual ca co resto do mobiliario urbano (agás con papeleiras e farois, sempre imprescindibles), a inexistencia de bancos nalgunhas zonas peonís pode desculparse pola carencia do espazo preciso para colocalos de xeito que non dificulten ou entorpezan o tránsito dos peóns.

Haberá quen coide que os testos con plantas ou flores son un luxo innecesario nas cidades, pero tamén quen argumente que lle achegan natureza, vida, beleza e ledicia ó contorno urbano. Este informe estudou este aspecto nas zonas peonís, e comprobouse que na metade das rúas visitadas non había testos con plantas, e que onde se vían, na terceira parte dos casos o seu estado de conservación e mantemento non era o adecuado. Doutra banda, andar non só cansa senón que tamén dá sede. Malia iso, tan só no 23% das rúas peonís estudadas había fontes de auga potable. E das existentes, unha de cada 13 non funcionaba. Teno moito peor o cidadán que precise darlles resposta ás súas necesidades fisiolóxicas: só nunha das 57 rúas peonís se atopou un aseo público que, ademais, estaba fóra de servizo.

Para rematar, queda o apartado cultural e estético das rúas peonís: só no 20% das analizadas existía polo menos unha obra de arte, se ben todas elas se atopaban en perfecto estado de conservación.

Sinalización e accesibilidade

/imgs/20040501/img.tema-portada04.jpg
Nunha de cada seis rúas peonís púidose comprobar a inexistencia de sinais que lles prohibisen o acceso e a circulación ós vehículos. E tan só o 35% das rúas contaban con sinais específicos (figuras humanas sobre fondo azul) que informasen de que se trata dunha rúa ou zona peonil. Destes sinais un de cada seis estaban deteriorados ou non cumprían a súa función, ó non se poder apreciar claramente o sinal desde un vehículo.

Tamén decepciona que só o 18% das rúas peonís conte con paneis cun plano desa zona da cidade ou dos lugares próximos de maior interese (monumentos, museos, edificios públicos…). Pero máis importante aínda é que en máis da metade das rúas peonís se atoparon elementos que interrompían o normal desprazamento dos peóns (estadas de obras, coches ou motos mal estacionados, carteis publicitarios de comercios, contedores de obras, terrazas de establecementos hostaleiros demasiado amplas) ou que, nalgúns casos, comprometían a súa seguridade.

Tamén se mirou se había escaleiras nestas zonas peonís (habíaas nunha de cada dez) e se cumprían os requisitos de accesibilidade para usuarios que se desprazan en cadeira de rodas. Pois ben, en só o 4% das zonas en que se viron escaleiras, estas estaban en mal estado (buratos, lousas rotas, chanzos desnivelados…), non tiñan varanda ou non contaban con rampla. Continuando coa seguridade, reparouse en elementos de risco para a integridade física dos usuarios (vehículos circulando fóra do horario de carga e descarga a velocidade excesiva, lousas rotas, chans moi esvaradíos, lousas ou lastros soltos, buratos no pavimento, pozas de auga, irregularidades importantes no firme…) nunha de cada tres rúas visitadas.

Horarios de carga e descarga

Difiren moito, pero o habitual é que sexan amplos (non menos de tres horas ó día, e nalgúns casos 4, 5 ou máis horas pola mañá, amais das vespertinas), o que significa que a zona é realmente peonil (é dicir, sen coches, motos, furgonetas nin camións) menos horas do desexable cada día. Trátase dun conflito de intereses: dunha banda, os peóns que prefiren -por comodidade e seguridade- zonas peonís sen tráfico; doutra, os profesionais que precisan cargar e descargar en comercios e noutros establecementos e edificios situados nesas rúas preservadas do tráfico. A permisividade considerouse excesiva en Barcelona, Murcia, Almería e Alacante, porque amais dun amplo horario de mañá para carga e descarga, permítese o acceso destes vehículos profesionais tamén pola tarde, chegando nas catro cidades citadas ata as oito da tarde. En Pamplona, o deseño destes horarios estimouse “regular”, porque aínda que permiten cargar e descargar pola tarde só se pode facer desde as 14 ata as 16.30 horas, intervalo no que o tránsito peonil non adquire a intensidade que acada a partir das seis da tarde. A mellor situación viuse en Málaga: o acceso de vehículos non está permitido e a carga e descarga debe facerse mediante carros manuais. Tamén se pode considerar boa a situación en Bilbao: nunha das zonas (Gran Vía) non se permite a carga e descarga, e nas outras catro só están autorizadas desde as 8 ata as 11 da mañá. Para rematar, son só aceptables (catro ou máis horas, sempre pola mañá) os horarios de carga e descarga nas zonas peonís estudadas da Coruña, Oviedo, Vitoria, San Sebastián e Madrid (cidade esta onde, nas rúas “El Carmen” e “Preciados”, o horario de carga e descarga é exclusivamente nocturno).

Infraccións ás restricións do tráfico

/imgs/20040501/img.tema-portada05.jpg Se hai algo que distingue unha zona peonil de calquera outra da cidade é a case inexistencia de vehículos circulando e estacionados. Pero unha cousa é a teoría e outra a práctica: os técnicos desta revista tiveron ocasión de comprobalo mentres ollaban o día a día destas 57 rúas peonís durante varias horas e cando intentaron entrar co coche nestas zonas preservadas do tráfico para despois, cando o conseguían, estacionalo nelas. O informe de CONSUMER revela que nunha de cada tres rúas peonís había coches estacionados en franxas horarias non autorizadas para carga e descarga. Tan só nas zonas peonís visitadas na Coruña, Oviedo, Bilbao e Murcia non se viron vehículos estacionados en horario non permitido. Nesta proba práctica, naturalmente, non se tiveron en conta os vehículos autorizados: taxis, coches de policía, de obras ou de limpeza, ambulancias e vehículos de minusválidos, entre outros. Na totalidade das rúas estudadas en Valencia existían vehículos estacionados, que se viron no 60% das rúas de Vitoria e Barcelona e na metade das de Almería e San Sebastián. O número de vehículos aparcados que se anotaron nas rúas peonís foi moi variable, aínda que destacan as rúas “Getaria” de San Sebastián -17 coches estacionados- e “Monduber” en Valencia, na que había 6 vehículos aparcados. No resto de rúas, o número de vehículos estacionados foi menor, aínda que seguían entorpecendo, nos máis dos casos, o libre tránsito peonil. Para rematar, cómpre salientar que ningún dos vehículos mal estacionados nestas cidades tiña multa ningunha.

Co fin de comprobar o control imperante, os técnicos desta revista intentaron acceder -fóra do horario de carga e descarga, para que as conclusións fosen máis indiscutibles- a todas estas rúas peonís e, cando puideron, aparcaron o coche durante 15 minutos dentro da rúa peonil. Os resultados desta proba práctica indican que na metade dos casos foi posible o acceso en coche, xa que non se atopou impedimento ningún (como pivotes, bolardos levadíos, testos para plantas ou valados), nin había presenza policial que o impedise. As rúas peonís peor valoradas nesta proba foron as de Barcelona e Valencia, xa que na inmensa maioría das analizadas se puido acceder e aparcar sen ningún problema. En Oviedo, Bilbao e Vitoria púidose acceder e estacionar no 60% das rúas estudadas. En Vitoria foi posible o estacionamento en tres rúas mentres que noutras dúas non foi posible acceder pola existencia de bolardos e pivotes. En San Sebastián, Almería e Alacante púidose acceder e estacionar na metade das rúas peonís nas que se intentou. Na Coruña, Pamplona e Málaga foi posible o acceso tan só nunha das rúas peonís visitadas. Para rematar, as mellores: as únicas cidades nas que non se puido entrar co coche en ningunha das rúas peonís estudadas foron Madrid e Murcia. Nesta última cidade, o acceso foi impedido -en todas as rúas estudadas- pola policía municipal. Para rematar, cómpre salientar que en 6 de cada 10 rúas peonís ás que non se puido acceder co vehículo a causa foi a presenza da policía municipal, que lles impedía o acceso ás rúas peonís ós vehículos que non tivesen autorización para entrar.

A zona peonil case perfecta

Só unha de cada seis das 57 rúas peonís estudadas mereceu unha cualificación global excelente (só unha rúa) ou moi boa (8 rúas). Procede preguntarse cales son as características e prestacións destas zonas peonís irreprochables, tendo sempre en conta que algunhas non poden acadar esa excelencia pola súa estreiteza (habitual nas rúas das zonas vellas das cidades), situación ou outras limitacións dificilmente mellorables.
En opinión dos urbanistas consultados e desta revista, unha zona peonil que cumpra coas características que seguen pode considerarse impecable:

  • Espazo abondo para que a xente camiñe cómoda e tranquilamente.
  • Un bo equipamento, adecuadamente situado e correctamente mantido, de elementos esenciais do mobiliario urbano, como papeleiras, bancos, farois e fontes de auga potable.
  • Un pavimento de calidade e ben conservado.
  • Árbores, testos con plantas e flores en número abondo e ben coidados.
  • Algunha obra de arte (escultura ou similar) ou outros elementos ornamentais.
  • Adecuada sinalización da zona peonil, que informe os automobilistas de que a circulación está restrinxida. Mapas para situarse na cidade.
  • Ausencia de elementos que impliquen obstáculo ou risco para os viandantes: coches a velocidade excesiva, escaleiras sen varandas, lousas ou lastros rotos ou erguidos, firme esvaradío, con buratos ou pozas de auga, obxectos que comporten perigo, papeleiras con bordos oxidados ou rotos, etc.
  • Ausencia de barreiras arquitectónicas para usuarios discapacitados.
  • Control eficiente do acceso de vehículos non autorizados ás zonas peonís mediante valados, bolardos, pivotes, testos para plantas, etc., e vixilancia policial.
  • Horarios de carga e descarga limitados: por exemplo, non máis de tres horas ó día e nunca a partir das cinco da tarde.
  • Control exhaustivo de que estes horarios se respecten.
  • Normativa específica para zonas peonís, con sancións para os infractores.