Enquisadas 1200 persoas de 65 a 80 anos para coñecer os seus hábitos e as súas dificultades no consumo de produtos alimenticios

Maiores, preocúpanse pola súa alimentación e coidan dela

  • Arredor do 90 % dos entrevistados consome pan, cereais e leite todos os días. O 85 % tamén consome froita. O 86 % non toma aperitivos, azucres nin bolería industrial e o 74 % tampouco produtos precociñados
  • O 51 % complementa a súa dieta con alimentos funcionais ou modificados para mellorar a súa calidade de vida e previr ou paliar as enfermidades
  • Só un 5 % di que ten problemas para seguir unha correcta alimentación, aínda que o 10 % admite que salta algunha comida
1 Xaneiro de 2015
Img tema de portada listado 134

Maiores, preocúpanse pola súa alimentación e coidan dela

O noso planeta envellece. E faino a pasos axigantados. No noso país, segundo o INE e o Imserso, o 17 % da poboación española ten 65 anos ou máis (un total de 7,5 millóns de persoas). Salvo que se produza unha forte inmigración, esas persoas supoñerán un 31 % da poboación nuns poucos anos (16,4 millóns de habitantes).

Haberá, por tanto, máis xente con 65 anos en plenas facultades físicas, mentais e cunha vida activa. Pero tamén se incrementará o colectivo de 80 anos, con autonomía reducida e dificultades físicas. En definitiva, en 2050, España será o segundo país do mundo coa poboación máis vella, só por detrás do Xapón.

Para non perder de vista esta poboación de futuro, Hispacoop (a Confederación Española de Cooperativas de Consumidores e Usuarios á que pertence a Fundación EROSKI) quixo achegarse a eles co fin de coñecer os seus hábitos e as súas dificultades e necesidades no consumo de produtos alimenticios.

Para iso, entre outubro e novembro, realizáronlles un total de 1200 entrevistas a persoas de entre 65 e 80 anos, situadas nos que hoxe en día se denomina a golden age (de 65 a 75 anos) e a grey age (de 75 a 90 anos). Todos eles vivían no seu propio fogar nas 17 comunidades autónomas do país (non se incluíu a poboación maior residente en unidades e centros asistenciais).

Quen son?

Un 54 % dos 1200 entrevistados son mulleres. O grupo de idade máis numeroso é o de 65 a 69 anos (supoñen un 40 %), mentres que un 30 %, respectivamente, ten de 70 a 74 anos e de 75 a 80 anos. Ademais, o 42 % ten un nivel de estudos primarios, o 34 % un nivel medio e só o 14 % un nivel superior. Só o 10 % carece de formación regrada, unha proporción que se incrementa a medida que se avanza na idade.

Por outra banda, o 53 % dos maiores consultados vive exclusivamente coa súa parella, un 26 % forma un fogar unipersoal e só o 16 % convive con fillos ou netos. Deles, catro de cada cinco sempre o fixo. Ao resto, esta situación sobreveulle nos últimos anos por mor da crise económica, da perda do cónxuxe ou por unha perda de saúde ou autonomía, entre outros motivos.

En canto ao nivel de renda, o 42 % dispón duns ingresos mensuais situados por debaixo dos 1000 euros, o 23 % restante sitúase na banda dos 1000 a 1500 euros, e o 15 % restante ingresa máis de 1501 euros. É destacable que dous de cada dez participantes da enquisa non quixesen achegar esta información.

Por último, o 54 % valora o seu estado de saúde como boa ou moi boa, aínda que o 38 % di que sofre achaques propios da idade que, con todo, non os invalidan para levar unha vida normal. Como é natural, a medida que se incrementa a idade, crece o volume de entrevistados que sofre achaques ou que valora a súa saúde como mala ou moi mala.

A alimentación importa

A crise económica tampouco non deixou indiferentes os maiores de 65 anos. Este colectivo tamén notou unha perda de poder adquisitivo nos últimos anos. Malia isto, a alimentación continúa sendo fundamental para eles e séguena coidando porque, por regra xeral, están convencidos de que facelo lles axuda a manter un bo estado de saúde. Así o afirma o 98 % dos maiores entrevistados.

Neste sentido, debido aos cambios na composición corporal e ao descenso xeral da actividade física, as persoas maiores deben tomar un menor número de calorías e tamén asegurar unha achega adecuada de proteínas de calidade para compensar a perda de masa muscular.

Así, nas comidas principais (almorzo, comida e cea) han de estar presentes alimentos enerxéticos coma o pan, o arroz, a pasta, as patacas e os legumes. Os alimentos ricos en proteínas de maior calidade son os de orixe animal (carnes, peixes, ovos e derivados). É preferible o corte máis magro e cociñado de maneira sinxela (prancha, forno, microondas, grella ou estufado con pouco aceite).

Entre horas, é aconsellable elixir froitas e lácteos sinxelos que axudan a equilibrar o menú diario coa súa achega de fibra, vitaminas, minerais e substancias antioxidantes. Tampouco se debe esquecer a auga, de seis a oito vasos ao día (sempre en función da época do ano e do exercicio que se realice).

Como se alimentan exactamente nosos maiores?

Pan, cereais, leite e froita cada día

Na enquisa, o 95 % das persoas maiores de 65 anos consultadas asegura que come pan e cereais diariamente e o 91 % tamén toma leite. Ademais, o 85 % incorpora froita á súa dieta diaria. No caso das verduras, das hortalizas e dos tubérculos, só o 57 % manifesta consumilos todos os días e o 29 % realiza tres ou catro tomas semanais.

Os legumes adoitan tomalos unha ou dúas veces por semana, tal e como indica o 79 % dos consultados. Pola súa banda, as carnes e os seus derivados e o peixe ou o marisco cómense preferentemente unha ou dúas veces por semana, como sinala o 61 % e 55 %, respectivamente. Así mesmo, os ovos consómense na súa maioría entre 1 e 2 veces á semana.

Por último, os produtos precociñados ou preparados non lles interesan. De feito, o 74 % asegura que non os toma. Tampouco os aperitivos ou os azucres e a bolería industrial forman parte da súa cesta da compra. O 86 % nunca os consome ou faino esporadicamente.

A dieta compleméntase

En ocasións, os maiores complementan a súa dieta con produtos funcionais ou modificados. O 51 % das persoas consultadas tómaos co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida e de previr ou paliar os síntomas de enfermidades.

Esta preocupación por complementar a dieta ten maior incidencia entre os máis novos, dos 65 aos 69 anos. Despois, a partir dos 70 anos, cae. Pola súa banda, as mulleres tamén son as máis interesadas neste consumo, así como quen dispón dun maior nivel de renda mensual.

E que tipo de produtos xeran máis interese? Os produtos baixos en sal (adquíreos o 25 % de quen complementa a súa dieta) e os baixos en graxas (o 23 %). Ademais, hai outro tipo de artigos que teñen relevancia para estes consumidores: os produtos enriquecidos con calcio, con omega-3, os que axudan a combater o colesterol e os que melloran as defensas.

Poucas dificultades

A gran maioría dos consumidores maiores consultados considera que non ten problemas para seguir unha dieta rica que combine diferentes grupos de alimentos. Só un 5 % dos consultados aprecia algún tipo de limitación.

O perfil da persoa maior de 65 anos que ten problemas para seguir unha correcta alimentación é máis feminino ca masculino, dispón dunha menor renda mensual (por debaixo dos 600 euros), valora o seu estado de saúde como malo ou moi malo, carece de estudos e vive en fogares formados por membros diversos, aqueles que non son descendentes directos ou que entrañan outras fórmulas de convivencia.

Entre os motivos principais que esgrimen as persoas maiores que non conseguen ter unha correcta alimentación, destaca o encarecemento do nivel de vida (así o suxire o 52 % das persoas entrevistadas con dificultades) ou a perda de apetito ou padecer anorexia (un 21 %).

Estes argumentos varían en función do sexo. Mentres os homes aducen principalmente falta de apetito ou perda de interese pola comida, así como o descoñecemento de como preparala, as mulleres refiren sobre todo dificultades económicas.

Xaxún

O déficit nutricional tamén pode provocalo o xaxún. Case un de cada dez entrevistados recoñece que salta algunha comida, un problema que ten unha maior incidencia a partir dos 70 anos.

Hai factores psicosociais que acompañan o feito de saltar unha das comidas principais do día, xa que se produce en maior medida entre as persoas que viven soas ou as que forman fogares con membros diversos. Tamén entre quen presenta unha maior deterioración da saúde.

Quen prescinde dalgunha inxestión básica faino na súa maioría de forma esporádica, aínda que un 15 % reduce a toma de produtos todos ou case todos os días. Este grupo de risco representa no conxunto de entrevistados un reducido 1,4 % da poboación maior de 65 anos.

Os motivos para saltar algunha comida teñen que ver, sobre todo, coa falta de apetito ou coa preguiza de cociñar só para unha persoa. Tamén os problemas dixestivos inciden na eliminación das ceas ou as dificultades para conciliar o sono, froito das malas dixestións.

Grandes superficies: máis accesibilidade e usabilidade

Entre os 65 e 75 anos, a compra complícase a medida que diminúen as capacidades visuais, de mobilidade e de forza. Os problemas están relacionados principalmente coa accesibilidade e coa usabilidade dos espazos comerciais. Por áreas, do total de maiores consultados:

Acceso á información ao cliente

  • O 43 % indica que ten problemas para ler a información sobre os produtos dispoñibles nos envases e un 41 % non é quen de ler as etiquetas dos prezos.
  • O sistema de etiquetaxe e os carteis de ofertas e promocións é, ao seu xuízo, cada vez máis complexo, o que provoca que un de cada catro entrevistados teña dificultades de comprensión nalgunha ocasión.

Espazo comercial

  • O 20 % sentiu a necesidade de utilizar o aseo e o 17 % de descansar mentres realizaba as súas compras.

Transporte e acceso aos produtos

  • O 25 % manifesta que lle foi imposible acceder a algún produto situado nos estantes inferiores dun establecemento e un 32 % tivo problemas nos superiores.
  • Un 24 % tivo problemas para transportar os produtos nos carros ou nas cestas do establecemento.
  • Un 20 % ten dificultades para colocar os produtos da cesta nas cintas da caixa, xa que supón elevar peso produto a produto.
  • O transporte das compras ao propio domicilio é outra das barreiras para o 22 %.

Envases de produtos

  • O 22 % manifesta problemas á hora de abrir algúns envases, como as conservas e as latas, por falta de forza e habilidade.
  • Un 15 % mencionou o inconveniente de coller determinados envases de superficie lisa que carecen de asas.
  • O 57 % non adquire produtos frescos en bandexas ou racións envasadas.