Estudo documental para coñecer o estado de situación dos lixos mariños nas costas españolas

Lixo mariño, un perigo ameazador

Atopáronse unha media de 4 residuos mariños por cada metro lineal de praia ou zona acuática española e o material máis abundante é o plástico
1 Xullo de 2017
Img tema de portada listado 242

Lixo mariño, un perigo ameazador

Balsas flotantes ateigadas de plásticos, madeira, metais, vidro, goma, teas ou papel… É unha fotografía dos océanos que ningún turista querería ter no seu álbum de viaxe, pero o certo é que cada vez é unha imaxe máis habitual. O lixo mariño é un problema global que afecta a todos os países e tamén un dos maiores retos ambientais que debe afrontar a humanidade. Así o indica nun informe elaborado en 2016 a Asociación de Ciencias Ambientais (ACA).

Pero que é exactamente o lixo mariño? O Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA ou UNEP nas súas siglas en inglés) defíneo como “calquera sólido persistente de orixe non natural (manufacturado) que fose refugado, depositado ou abandonado en ambientes mariños e/ou costeiros”. Por tanto, nesta expresión inclúense unha gran diversidade de materiais -plásticos, madeira, metais, vidro, goma, teas, papel- derivados ou rexeitados das actividades pesqueiras.

Este tipo de residuos divídese en dous: macrolixo (aquel que aparece nas costas e nos océanos, procede dos produtos manufacturados e ten un tamaño superior aos 5 mm) e microlixo (ten un tamaño inferior aos 5 mm e tamén se chama microplástico, por ser o plástico o material maioritario).

No entanto, o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA) destaca o impacto económico e a ameaza á saúde e á seguridade humanas do lixo mariño e, ademais, insiste nos seus efectos negativos sobre os organismos e os hábitats mariños.

Métodos de medición e leis

Debido aos riscos que supón para a saúde o lixo mariño, EROSKI CONSUMER quixo coñecer o estado de situación deste tipo de residuos nas costas españolas.

Para iso, utilizáronse como fontes de información dous estudos que analizan as características do lixo mariño depositado e abandonado nas praias e nas zonas acuáticas do noso país. Por unha banda, o Programa de seguimento do lixo mariño nas praias, elaborado en 2016 pola Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, dependente do MAPAMA. E, por outra, unha análise estatística do lixo mariño, realizada tamén en 2016 no programa de posgrao “Análise, investigación e comunicación de datos”, da Universidade de Deusto, e baseado na limpeza de praias e zonas acuáticas españolas realizadas entre 2010 e 2015 por voluntarios da Asociación Ambiente Europeo (AAE).

A normativa

Ante este problema ambiental, España ratificou en 1994 o Convenio Ospar ou Convenio para a Protección do Medio Ambiente Mariño do Atlántico do Nordeste (entrou en vigor en 1998), a través do cal se comprometía a protexer os océanos fronte á contaminación e outros efectos adversos das actividades humanas.

Ademais, no noso país aplícase unha Directiva marco sobre a estratexia mariña e a Lei española 41/2010 de protección do medio mariño, que teñen como obxectivo lograr un bo estado ambiental do medio mariño. A iso engádese o Convenio de Barcelona para a protección do mar Mediterráneo, unha convención rexional para previr e diminuír a contaminación de buques, aeronaves e fontes terrestres no Mediterráneo.

2 metolodoloxías, 2 formas de analizar o lixo mariño

1. Estudo da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar (MAPAMA)

Durante 2016, inspeccionáronse un total de 26 praias nas catro estacións do ano. En cada unha das praias fíxose un reconto e a retirada de todos os obxectos visibles en dous transectos ou lonxitudes de praia:

  • En lonxitudes de 100 metros.
  • En lonxitudes de 1000 metros. Neste caso, tan só se consideraban aqueles obxectos que tivesen unha dimensión maior de 50 cm nalgún dos seus lados.

As 26 praias seleccionadas para o estudo dividíronse en cinco demarcacións:

  • Noratlántica: inclúe 9 praias de Guipúscoa, Biscaia, Cantabria, Asturias, Lugo, A Coruña e Pontevedra.
  • Suratlántica: 3 de Huelva e Cádiz.
  • Estreito e Alborán: 3 de Málaga, Málaga e Almería.
  • Levantino-Balear: 9 de Murcia, Alacante, Valencia, Castellón, Tarragona, Barcelona, Xirona e Illas Baleares.
  • Canaria: 2 de Tenerife e As Palmas.

2. Estudo da Universidade de Deusto e da Asociación Ambiente Europeo (AAE)

Entre 2010 e 2015, ao redor de 9000 de voluntarios da AAE realizaron un total de 249 limpezas de praias e zonas acuáticas das costas españolas, todas elas elixidas sen ningún tipo de criterio estatístico. En total, inspeccionaron 176.285 metros lineais.

Trátase dunha iniciativa enmarcada dentro do proxecto International Coastal Cleanup de Ocean Conservancy, no que participan cada ano máis de medio millón de voluntarios de máis de 100 países para recoller, clasificar e rexistrar os residuos presentes nas costas e nos fondos de mares, ríos, lagoas e canles de rega. En concreto, interveuse en praias e zonas acuáticas de 11 comunidades autónomas: Andalucía (onde se realizaron 58 limpezas), Asturias (2), Canarias (28), Castela-A Mancha (9), Cataluña (3), Galicia (4), Illas Baleares (23), Madrid (3), Murcia (54), País Vasco (7) e Valencia (53). Ademais de recoller o lixo, os voluntarios cubriron unha serie de formularios, clasificaron os residuos por tipo e medíronos por unidade e peso.

Cos datos obtidos, o programa de posgrao “Análise, investigación e comunicación de datos”, da Universidade de Deusto, realizou en 2015 unha análise para coñecer como evolucionou a presenza do lixo nas praias e ribeiras españolas, e en concreto as bolsas de plástico e o material procedente da agricultura intensiva.

Residuos mariños un a un

340 obxectos residuais por praia

A Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar recolleu un total de 34.055 residuos nos transectos de 100 metros e de 2660 nos de 1 km. Isto equivale a 341 obxectos residuais por praia e campaña de recollida e limpeza no primeiro caso e a 28 obxectos no segundo suposto.

Por tipo de demarcación, na noratlántica atopouse máis lixo no transecto de 100 metros -unha media de 417 obxectos por campaña e praia-, mentres que no de 1 km destacaba a suratlántica, con 39 obxectos por campaña e praia; a noratlántica non andaba moi lonxe, xa que se atoparon unha media de 37. As tempadas máis activas durante as inspeccións foron o outono para os transectos de 100 m e o inverno para os de 1 km.

E cales son as fontes deste lixo? Tendo en conta a metodoloxía aplicada polo Convenio Ospar, o 52 % do lixo mariño atopado é de orixe descoñecida ou correspóndese con máis dunha fonte. Despois, o 26 % procede das actividades turísticas e un 14 % do transporte marítimo. A orixe doutro 6 % é de instalacións sanitarias e un 2 % procede da actividade pesqueira.

Por demarcacións mariñas, en todos os casos é maioritaria a proporción de lixo de procedencia descoñecida ou que se corresponde con máis dunha fonte. Aínda así, a Canaria destaca porque o 44 % dos seus residuos procede do turismo e supera as proporcións das demais demarcacións. Neste sentido, convén salientar que este tipo de residuos se adoita recoller maioritariamente no outono.

4 residuos por metro lineal

PPola súa banda, os voluntarios da AAE recolleron un total de 47,682 kg de lixo mariño. Por comunidade autónoma, destaca Murcia, onde se recolleron 10,4 residuos por metro lineal, moi por encima da media nacional do estudo de 4,1 residuos por metro lineal. Pola contra, a media das praias vascas foi a máis baixa, de 0,5 obxectos por metro lineal, un 87 % menos que a media nacional.

O motivo polo que as praias murcianas sobresaen respecto do resto é porque alí se atopa a área con máis lixo mariño atopado por metro lineal: o parque rexional Puntas de Calnegre-Cabo Cope, onde se atoparon 21,77 residuos por metro lineal, cinco veces máis que a media do estudo.

Info ga

Plástico abundante

Por regra xeral, o plástico é o material máis abundante atopado no lixo mariño. De feito, o PNUMA calcula que, cada ano, terminan no mar máis de 8 millóns de toneladas deste material, o que equivale ao peso de 800 Torres Eiffel, segundo datos de Greenpeace.

Esta tendencia cúmprese tamén nas costas españolas, xa que entre o lixo recollido pola Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, o plástico era o material máis abundante. No transecto de 100 m, supoñía o 74 % do total de materiais atopados e no de 1 km a proporción era similar, do 73 %.

Neste sentido, entre os obxectos atopados na porción de 100 m, realizouse un Top X das tipoloxías máis frecuentes no conxunto das demarcacións mariñas, que representaban o 80 % dos obxectos atopados; para facer isto, seguíronse os códigos de clasificación do Convenio Ospar.

Así, as pezas de plástico, incluído o poliestireno, non identificables entre 0 e 2,5 cm foi o tipo de obxecto máis frecuente atopado no conxunto das 5 demarcacións mariñas. Supoñían o 25 % do total de lixo achado. A continuación, estaban os cabos/cordas/cordeis de plástico dun diámetro inferior a 1 cm (10 %); as cabichas (10 %); as pezas de plástico, incluído o poliestireno, non identificables entre 2,5 e 50 cm (9 %); as tapas, tapóns e cortizas de plástico (o 7 %) e os bastonetes de algodón (o 5 %). Entre todas, supoñían o 66 % das tipoloxías de obxectos atopados.

Menos bolsas de plástico

O consumo de bolsas de plástico de usar e tirar vén regulado desde hai anos polos diversos impactos ambientais que supón. E é que, ademais de necesitar grandes cantidades de enerxía na súa fabricación, este tipo de residuos componse de substancias derivadas do petróleo que poden tardar máis de medio século en degradarse.

Nos océanos, danan de maneira significativa a fauna e a flora mariña. Por exemplo, os efectos poden ser letais se animais como as tartarugas, as baleas ou os golfiños as inxiren. Ademais, as bolsas serigrafadas poden conter residuos metálicos tóxicos.

Por todo iso, a partir do 1 de xaneiro de 2018, a lexislación española obriga a calquera tipo de comercio en España a lle cobrar ao consumidor entre 5 e 30 céntimos por cada bolsa de plástico, en función das súas características.

Así, os voluntarios da AAE recolleron en 2015 nas praias e zonas acuáticas 0,10 bolsas de plástico por metro lineal, un 82 % menos ca en 2010, cando se xuntaron 0,52. Ademais, a análise elaborada pola Universidade de Deusto destaca o “marcado descenso do número de bolsas de plástico por habitante”. En concreto, o MAPAMA rexistrou unha diminución no seu consumo de aproximadamente un 50 % en 7 anos, ata situarse en 144 bolsas por habitante e ano.

Neste sentido, a investigación atopou un patrón de comportamento similar entre a evolución do número de bolsas atopadas nas praias e zonas acuáticas que se limparon e o consumo de bolsas por habitante (máis de 230 en 2010 e ao redor do centenar en 2015). E concluíron que “o paulatino cobro das bolsas de plástico nos supermercados parece estar na orixe desta tendencia, dado que a desaparición das nosas costas e ribeiras segue unha pauta similar”.

Influencia da agricultura intensiva

Así mesmo, os autores do estudo da Universidade de Deusto destacan a relación que existe entre a agricultura intensiva e o lixo mariño atopado nas costas españolas. E é que a partir de 2013 os voluntarios da AAE atoparon durante as súas limpezas (44 en 2013, 76 en 2014 e 62 en 2015) obxectos relacionados coa agricultura: teas e plásticos de invernadoiro, cordas de suxeición de estruturas de invernadoiros, cordas de nailon para a suxeición de tomateiras e outras plantas, bolsas de empaquetado de produtos, conectores de tubaxes e un longo etcétera.

En total, recolleron e contabilizaron 6429 residuos en 2013, 2667 en 2014 e 22.045 en 2015. Como se pode observar, aínda que entre os dous primeiros anos se produce unha caída, en 2015 os obxectos plásticos deste tipo de achados multiplicáronse en máis de oito. Segundo os autores do estudo, “os plásticos utilizados na agricultura intensiva en zonas costeiras convertéronse nun gran problema para as comunidades onde se practica”.

Neste sentido, a investigación relata que nas últimas décadas se expandiron os invernadoiros de plástico para lograr unha maior produtividade dos cultivos e máis eficiencia nos procesos. De feito, na conca mediterránea concentrouse preto dun 15 % dos invernadoiros do mundo e nesta proporción destacan as superficies cubertas de España e Italia.

No noso país, ese tipo de superficies cubertas concéntrase en tres comunidades autónomas: Murcia, Canarias e Andalucía. Nesta última sobresae Almería, que presenta a maior concentración de invernadoiros do mundo. Segundo o estudo, da superficie total baixo invernadoiro existente en España -53.800 ha-, o 88 % dedícase ao cultivo de hortalizas.