Taxis

Información ó usuario e comodidade do vehículo, o máis mellorable

A satisfactoria profesionalidade dos taxistas e as salientables diferenzas de tarifas nas 13 cidades, outras conclusións importantes
1 Maio de 2005
Img temap 228

Información ó usuario e comodidade do vehículo, o máis mellorable

/imgs/20050501/tema01.jpg
É normalmente o concello quen fixa o número de licencias de taxi que se conceden en cada municipio e as tarifas que se aplican, amais doutros aspectos que regulan o seu funcionamento e garanten a calidade do servizo. É de supor que estas medidas buscan o equilibrio entre a esixencia dos cidadáns dun transporte eficaz e a necesidade dos taxistas de acadar unha rendibilidade abonda na súa actividade profesional.

Co fin de estudar a calidade do servizo e as tarifas dos taxis españois, CONSUMER EROSKI realizou unha investigación sobre o terreo en 13 cidades: Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Málaga, Bilbao, A Coruña, Alacante, Pamplona, Vitoria, San Sebastián, Murcia e Oviedo.

A principal conclusión é que o servizo do taxi debe mellorar fundamentalmente en dúas cousas: unha, a información que se lles ofrece ós usuarios, deficiente sobre todo na exhibición das tarifas; e, dúas, na comodidade e limpeza dos vehículos, que en demasiados casos distaba de ser a axeitada para unha viaxe agradable. O mellor foi a profesionalidade dos taxistas, cunha conduta e actitude maioritariamente moi boa.

O peor foi a información facilitada ós usuarios, aspecto no cal un 31% dos taxis que se incluíron no estudo suspenderon. As deficiencias máis habituais foron de non ofrecer información sobre as tarifas, non ter nun lugar ben visible o taxímetro e a non exposición de datos sobre a identidade do taxista.

En limpeza e comodidade do vehículo, un de cada cinco taxis estudados suspenderon a proba (por estaren porcos, pareceren pouco coidados ou resultaren incómodos). A profesionalidade dos taxistas foi o mellor: a metade dos estudados mereceron unha nota excelente, se ben un de cada dez suspendeu neste apartado crucial. Os motivos? Os máis relevantes foron tres: baixar a bandeira antes de que o usuario lle comunicase o destino ó taxista, os excesos de velocidade e a tan coñecida coma temida argucia de facer un traxecto máis longo do necesario para chegar ó destino solicitado polo cliente. No tocante ós prezos, non é sinxelo comprender o porqué das avultadas diferenzas entre unhas e outras cidades nun servizo que, en principio, é semellante en todas elas. Na maioría das localidades aplícase a “baixada de bandeira” (agás en Pamplona e en San Sebastián). A tarifa móvese entre 1,02 euros (Sevilla) e 1,30 euros. Nese tramo sitúanse as baixadas de bandeira dos taxis da Coruña, Málaga, Alacante, Valencia, Oviedo e Barcelona. En Bilbao e Madrid cobran 1,6 euros, pero en Vitoria, a baixada supón 3,14 euros, se ben inclúe os dous primeiros quilómetros e unha espera de 5 minutos.

A carreira mínima (ou gasto mínimo que comporta montar nun taxi) rexe en dez das trece cidades; a excepción está en Vitoria, Barcelona e Madrid, que, en beneficio do usuario, non esixen un gasto mínimo. Pero tamén nesta carreira mínima hai salientables diferenzas: en San Sebastián custa 3,49 euros (laborables, horario diúrno), mentres que en Sevilla, na Coruña, en Alacante, en Oviedo, en Valencia e en Pamplona ese gasto mínimo queda entre os 2,8 e os 3 euros. En Bilbao, para rematar, significa pagar 3,15 euros.

Como se fixo o estudo

/imgs/20050501/tema02.jpg
Técnicos de CONSUMER EROSKI realizaron un total de 12 percorridos en cada unha das 13 cidades incluídas no estudo, ata completaren un total de 156 traxectos, sempre en vehículos diferentes. Os percorridos foron efectuados por persoas que se fixeron pasar por visitantes, a pesar de coñeceren moi ben cada cidade. Os itinerarios elixidos foron algúns dos máis comunmente realizados polos usuarios de taxis, tanto de ida coma de volta: do centro da cidade a un hospital, dun hotel céntrico ó aeroporto, dunha parada céntrica a unha estación de ferrocarril ou autobús e a un centro ou zona comercial, e mais outros itinerarios de curto percorrido, nos que só se dá pé a cobrar pola baixada de bandeira.

Ademais, realizáronse dous percorridos nocturnos (na madrugada do sábado ó domingo) para comprobar a dispoñibilidade de taxis nesas horas, motivo de queixa dalgúns usuarios. Nos traxectos de volta do aeroporto ó centro da cidade os técnicos de CONSUMER EROSKI fixéronse pasar por estranxeiros.

Profesionalidade do taxista

Tan só 1 de cada 10 taxistas se comportou dun xeito que se podería cualificar como pouco profesional ou inadecuado, mentres que o resto demostrou unha profesionalidade indubidable.

Baixada de bandeira: débese realizar unha vez que o usuario lle comunica ó taxista o lugar de destino (nos casos nos que non se pide un taxi por teléfono senón que se require nunha parada ou na rúa). Pero en máis de dous de cada dez percorridos nos que se tomou o taxi nunha parada ou na rúa a baixada de bandeira se fixo antes de tempo, o que prexudica o usuario.

Aseo persoal: o 4% dos taxistas non amosou un aseo e hixiene persoal adecuado. Víronse indumentarias pouco apropiadas (con gorra deportiva, en chándal, con camisetas excesivamente engurradas, en camiseta, con signos de abandono evidentes, etc.) ou un aseo persoal desleixado (sen afeitar, sen peitearse, con cheiros pouco agradables, etc.).

Amabilidade: para comprobala, os técnicos de CONSUMER EROSKI desprazáronse e volveron do aeroporto cunha maleta. O comportamento de todos os taxistas foi irreprochable: baixaron do vehículo e axudaron o usuario a colocar e mais a sacar a equipaxe no maleteiro.

Talante e educación do taxista: no 14% dos traxectos realizados o taxista queixábase continuamente do resto de condutores e utilizaba unha linguaxe non apropiada e mesmo malsoante, que en ocasións chegou a incomodar os usuarios.

Respecto ós sinais de circulación: no 5% dos percorridos os taxistas non respectaron os sinais de circulación e realizaron manobras que puñan en risco a seguridade viaria.

Velocidade: no 15% dos percorridos non se respectaron os límites de velocidade.

Fumar no taxi: aínda que non está permitido segundo as normativas municipais, en tres cidades os taxistas fumaron durante os percorridos. Nunha delas, chegouno a facer o 25% dos taxistas.

Realizar o traxecto máis curto posible: os taxistas están obrigados a optar polo traxecto máis curto (ben en tempo ou na distancia que se vaia percorrer). Non obstante, o 10% dos percorridos non foi o correcto ou aconsellable en función das circunstancias do tráfico. Levouse o cliente por rutas que non eran as máis curtas e directas ó lugar de destino ou por zonas nas que a intensidade do tráfico ou a existencia de obras desaconsellaban ese itinerario.

Limpeza e comodidade do vehículo

/imgs/20050501/tema03.jpg
Superan a análise case 8 de cada 10 taxis, aínda que as diferenzas na nota final son evidentes: mentres que a metade obtén valoracións situadas entre o “moi ben” (6% dos taxis) e o “ben” (43%), un 9% dos taxis obtén uns concluíntes “moi mal” ou “mal” en limpeza e comodidade.

Estado de limpeza: o 15% dos vehículos atopouse en deficiente estado de limpeza, con manchas (en especial en alfombriñas, tapicería e cristais) ou falta de ventilación.

Estado de conservación: o 11% dos taxis debe mellorar a súa conservación: aspecto exterior do coche, sucidade, golpes, raias, partes da chapa oxidadas, etc.

Comodidade dos pasaxeiros: o 15% dos taxis resultaron incómodos, eran demasiado vellos e amosaban certas carencias (prazas posteriores estreitas, amortecedores en mal estado, ruídos excesivos, asentos incómodos, etc.) que suxerían a necesidade de cambiar ese vehículo por outro en mellor estado de conservación.

Pagamento electrónico: o 10% dos taxis permite o pagamento con tarxeta electrónica, o que obriga os usuarios a levar sempre cartos en metálico. A excepción: os taxis de Murcia (o 92% dos taxis utilizados teñen instalado algún mecanismo que permite o pagamento con tarxeta).

Aire acondicionado: o 5% dos taxis utilizados non dispuña de aire acondicionado. Ademais, contaban con climatizador seis de cada dez vehículos.

Extintor á vista do usuario: só no 10% dos taxis incluídos nesta proba o extintor estaba á vista do cliente, que en caso de emerxencia podería facer uso del. A este respecto, as normativas municipais só obrigan a que no taxi haxa extintor, pero parecen evidentes as vantaxes de colocalo nun lugar visible tamén para o cliente.

Ventás electrónicas: máis da metade dos vehículos tomados polos técnicos desta revista carecían de ventás electrónicas, o que dá unha idea da antigüidade dalgúns dos coches que prestan este servizo.

GPS: só o 17% dispuña deste sistema de posicionamento, moi útil para orientarse. A excepción: os taxis de Vitoria (todos os usados dispoñen de GPS).

Prensa ou revistas: no 3% dos taxis había prensa ou revistas á disposición dos pasaxeiros.

Prancha de separación: existía só no 5% dos taxis que se colleron para esta investigación.

Información sobre a cidade: unicamente no 2% dos vehículos se viron folletos ou publicacións con información práctica da cidade.

Información ó usuario

Este é o apartado no que máis falla o servizo de taxis das nosas cidades. A información atopada no 31% dos taxis resultou totalmente insuficiente. O 29% aproba cun mediocre aceptable e o 22% acada un ben. Mereceu boa nota só o 18% dos taxis: concretamente, o 13% alcanzou o moi ben e un escaso 5% de taxis logrou a excelencia neste apartado.

Tarifas: esta información haina que ofrecer obrigatoriamente, pero no 55% dos taxis as tarifas non estaban expostas e no 9% estaban borrosas, víanse mal (en letra pequena) ou estaban colocadas en lugares pouco visibles para o pasaxeiro. É dicir, os técnicos de CONSUMER EROSKI non sabían o prezo que se lles ía cobrar (por baixada de bandeira, carreira mínima…) ou o prezo dos distintos suplementos no 64% dos taxis que utilizaron.

Taxímetro: debe estar colocado de xeito que sexa facilmente visible, para facilitarlle a súa lectura ó pasaxeiro, e debe marcar clara e exactamente as cantidades que hai que pagar. No 12% dos vehículos non se apreciaba ben o que marcaba o taxímetro, ben porque a panca de cambios ou a man do taxista tapaba o aparello ou ben porque tiñan adhesivos ou elementos que cubrían unha parte del. En contrapartida, algúns taxis lévano colocado no teito (10%), facilitando así a súa visión.

Número de licencia ou tarxeta de identificación do condutor: nun de cada tres taxis o número de licencia non está claramente exposto á vista do usuario, o que dificulta a súa identificación.

Matrícula do vehículo: o 48% dos taxis non leva exposta a matrícula do vehículo no seu interior.

O prezo dunha carreira

/imgs/20050501/tema04.jpg
Do centro da cidade ó aeroporto
As diferenzas de prezo son notables, debido en boa parte a que nunhas urbes o aeroporto queda máis preto ca noutras. Os traxectos realizáronse entre as 10:30 e as 12 horas en día laborable.

  • As carreiras máis caras: en Oviedo e en Murcia, entre 40 e 45 euros.
  • As máis económicas: Málaga (9 euros de media), Pamplona (10 euros) e Alacante (12 euros).
  • A maior diferenza no mesmo traxecto: en Valencia. A viaxe desde o centro da cidade ata o aeroporto custou 19,65 euros, mentres que outro taxi cobrou 27 euros polo percorrido inverso. No resto de cidades, as diferenzas de prezo non foron inferiores a 2 euros en todos os casos.

Dentro da cidade
Realizáronse 6 percorridos medios en cada cidade, de ida e volta, e sempre en diferente vehículo. Os destinos foron hospitais, estacións de autobús ou ferrocarril e centros ou zonas comerciais. O obxecto era coñecer se os traxectos realizados por cada taxista eran os mesmos ou polo menos semellantes na ida e na volta. A conclusión é clara: só en 7 das 78 carreiras realizadas o itinerario seguido non foi o máis axeitado. Aconteceu isto en dous percorridos dos realizados en Sevilla e nun en Pamplona, Valencia, A Coruña, Alacante e Málaga.

  • Prezos: un percorrido medio nas cidades analizadas custa entre 4 e 9 euros, sempre en función da hora, das circunstancias do tráfico e da distancia ó lugar de destino. As cidades nas que máis baratos foron os desprazamentos: Málaga, A Coruña e Bilbao. Pola contra, o desembolso foi maior en Valencia, Barcelona e Madrid.

Percorridos nocturnos
Para comprobar a dispoñibilidade dos taxis os sábados á noite (do que se laian a miúdo os usuarios nalgunhas cidades) intentouse coller un taxi entre a unha e as tres da madrugada dunha noite de sábado para realizar un traxecto moi curto dentro da cidade. Os resultados foron bos nas máis das cidades, pero en Pamplona resultou imposible conseguir un taxi entre a 1 e as 3 da mañá, a pesar de intentarse telefonicamente durante dúas horas.

  • Prezos: oscilaron entre os 3 e os 6 euros (as máis baratas foron A Coruña, Oviedo e Sevilla). Ademais, na maioría das cidades a diferenza de prezo entre o traxecto de ida e de volta ó mesmo lugar (en diferente taxi) non foi superior ó euro. As excepcións foron Valencia e San Sebastián: as diferenzas entre o traxecto de ida e o de volta foron de 1,45 e 1,90 euros, respectivamente.

Percorridos curtos
A finalidade destes percorridos era comprobar se o taxista estaba disposto a realizar unha carreira curta. O condutor non se pode negar a prestar o servizo, agás en situacións moi concretas (como que desexen montar máis persoas do número autorizado, que sexan individuos perseguidos pola policía, que os atavíos, equipaxes ou animais poidan causar danos ou que o servizo implique circular por vías intransitables). Ningún taxista se negou a efectuar estes traxectos, aínda que as reaccións dalgúns ó coñeceren o lugar de destino do usuario non foron demasiado amables.