Análise das novidades sobre información nutricional do Regulamento europeo sobre etiquetaxe de alimentos

Información nutricional de obrigado cumprimento

As etiquetas dos produtos alimenticios deberán incluír o seu valor nutricional a partir do 13 de decembro deste ano
1 Outubro de 2016
Img tema de portada listado 210

Información nutricional de obrigado cumprimento

Máis do 67 % dos compradores en España afirma ler a información da etiquetaxe dos produtos alimenticios que adquire, segundo o barómetro AECOC Shopper View (a asociación de fabricantes e distribuidores) que analizou en 2015 os hábitos de compra dos consumidores españois. Unha das informacións ás que máis atención se lle presta é á información nutricional.

En 2013, EROSKI CONSUMER tamén consultou respecto diso cun milleiro de persoas maiores de idade e, entre outras conclusións, puido verificar que o 81 % de quen afirmaba fixarse na etiquetaxe lía sempre a información nutricional.

Son datos que proban o interese dos consumidores polo valor nutricional de todos os alimentos que levan para a casa. Tanto é así que, a partir do 13 de decembro deste ano, o Regulamento europeo sobre etiquetaxe de alimentos (Regulamento (UE) 1169/2011, respecto da etiquetaxe, da presentación e da publicidade dos produtos alimenticios) obrigará a incluíla nas etiquetas dos produtos alimenticios, aínda que algúns fabricantes xa a incorporan de forma voluntaria.

EROSKI CONSUMER analizou a normativa en profundidade, co fin de lles proporcionar aos consumidores unha guía sobre o que atoparán en relación coa información nutricional nas etiquetas dos produtos alimenticios que adquiran a partir do último mes do ano. Para iso, utilizáronse diversas fontes: a Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aecosan); a Federación Española de Industrias da Alimentación e Bebidas (FIAB); a Fundación Vasca para a Seguridade Agroalimentaria (Elika) e a Confederación de Consumidores e Usuarios (CECU).

Exencións

En liñas xerais, os alimentos, tamén aqueles destinados a unha alimentación especial, deberán incluír información nutricional nas súas etiquetas.

Aínda así, a lei incorpora algunhas excepcións: as augas minerais e os complementos alimenticios, por dispoñer da súa propia normativa, e tamén as bebidas cun grao alcohólico volumétrico superior a 1,2 %. Velaquí outros alimentos exentos de incorporar a información nutricional obrigatoria:

  • Produtos sen transformar que inclúan un só ingrediente.
  • Produtos transformados cuxa única transformación consista en ser curados e que inclúan un só ingrediente.
  • Auga destinada ao consumo humano, incluída aquela á que se lle engadiu anhídrido carbónico ou aromas.
  • Unha herba aromática, unha especia ou unha mestura delas.
  • Sal e sucedáneos do sal.
  • Edulcorantes de mesa.
  • Extractos de café e de chicoria, grans de café enteiros ou moídos e grans de café descafeinados enteiros ou moídos.
  • Infusións de herbas e froitas, té, té descafeinado, té instantáneo ou soluble, extracto de té, extracto de té descafeinado e que non conteñan máis ingredientes engadidos que aromas que non modifiquen o valor nutricional do té.
  • Vinagres fermentados e os seus sucedáneos, incluídos aqueles cuxos únicos ingredientes engadidos sexan aromas.
  • Aromas. Aditivos. Encimas alimentarios. Coadxuvantes tecnolóxicos.
  • Xelatinas.
  • Compostos para espesar marmeladas.
  • Fermento.
  • Gomas de mascar.
  • Alimentos en envases cuxa superficie maior sexa inferior a 25 cm2.
  • Alimentos directamente fornecidos polo fabricante en pequenas cantidades ao consumidor final ou a establecementos comerciantes polo miúdo.

Pola súa banda, aínda que nas bebidas con contido alcohólico e nos alimentos non envasados a información nutricional non será obrigatoria, os fabricantes poderán incorporala se así o desexan. Mesmo se lles permite limitarse ao valor enerxético ou, no segundo caso, engadir a ese dato a cantidade de graxas, ácidos graxos saturados, azucres e sal.

Os datos

Cal será o contido obrigatorio?

A partir do 13 de decembro, será obrigatorio indicar o valor enerxético e tamén as cantidades de graxas, graxas saturadas, hidratos de carbono, azucres, proteínas e sal. Incluso os fabricantes poderán repetilo na cara frontal do envase (só o valor enerxético ou este e as graxas, os ácidos graxos saturados, os azucres e o sal).

Neste sentido, xa non se poderá indicar a cantidade de sodio, unicamente a de sal. Aínda que, se o contido do sal se debe exclusivamente á presenza de sodio naturalmente presente no alimento, os fabricantes poderán indicalo preto da información nutricional. Por exemplo, o leite, as hortalizas, a carne e o peixe; pero non o xamón, o queixo, as olivas ou as anchoas, aos que se lles engadiu sal durante o proceso de transformación.

Doutra banda, no caso de que se faga unha declaración nutricional ou de propiedades saudables, deberase incluír a cantidade desa substancia en cuestión, a condición de que non forme parte da lista de nutrientes obrigatorios ou voluntarios. Un exemplo poden ser os ácidos graxos omega-3 ou os betaglucanos. Iso si, non poderá incluírse na mesma táboa nutricional que os nutrientes obrigatorios e voluntarios, senón que deberá ir á parte.

Que poderá incluírse voluntariamente?

Ademais dos nutrientes obrigatorios mencionados, poderanse indicar de forma voluntaria as graxas monoinsaturadas e poliinsaturadas, os polialcohois, o amidón, a fibra alimentaria e algunhas vitaminas (A, D, E, K, C, tiamina, riboflavina, niacina, B6, ácido fólico, B12, biotina, ácido pantoténico) e minerais (potasio, cloruro, calcio, fósforo, magnesio, ferro, zinc, cobre, magnesio, fluoruro, selenio, cromo, molibdeno e iodo) que estean presentes en cantidades significativas.

Isto último significa que deberán supoñer o 15 % dos valores de referencia de nutrientes (VRN) especificados no regulamento por 100 g ou 100 ml no caso dos produtos que non sexan bebidas e o 7,5 % se son bebidas.

Como se calcularán os valores?

A normativa establece como deben calcularse tanto o valor da enerxía coma o dos nutrientes, e proporciona unha serie de factores de conversión. Por exemplo, nos hidratos de carbono (salvo os polialcohois) 1 gramo é igual a 17 kJ ou 4 kcal ou ben 1 gramo de graxas é igual a 37 kJ ou 9 kcal.

As unidades de medida que se utilizarán para a enerxía serán os quiloxulios (kJ) e as quilocalorías (kcal) e o peso irá en gramos (g), miligramos (mg) e microgramos (µg).

Sempre deberán indicarse os valores do produto tal e como se venda, tamén en produtos alimenticios en po ou deshidratados (como sopas), nas masas para facer pasteis ou pan e no té e infusións. Ademais, nestes exemplos poderase achegar información respecto do alimento xa preparado, sempre que se dean as instrucións de preparación con suficiente detalle e a información se refira ao alimento listo para o consumo. A este respecto hai que engadir que, en todos aqueles alimentos que necesiten preparación, é obrigatorio sinalar a forma de preparación.

As cifras declaradas deberán ser valores medios que se baseen nunha análise do alimento levado a cabo polo fabricante, nun cálculo efectuado a partir de valores medios coñecidos ou efectivos dos ingredientes utilizados ou en cálculos a partir de datos xeralmente establecidos e aceptados.

Como se expresarán os valores?

O valor enerxético e todos os nutrientes (obrigatorios e voluntarios) que se declaren deberán expresarse por 100 g ou por 100 ml. As vitaminas e os minerais terán que incluír ademais a porcentaxe dos valores de referencia de nutrientes (VRN) por 100 g ou 100 ml.

Os fabricantes tamén poderán indicar a porcentaxe das inxestións de referencia (IR) tanto do valor enerxético como dos nutrientes que son obrigatorios (mesmo se os repiten noutro lugar do envase). Nestes casos, incluirase por 100 g ou 100 ml e por ración.

Así, cando se inclúa a información sobre as inxestións de referencia (IR), deberá incluírse esta mención: “Inxestión de referencia dun adulto medio (8400 kJ/2000 kcal)”. As inxestións de referencia diaria son: 8400 kJ ou 2000 kcal de enerxía, 70 g de graxas totais, 20 g de ácidos graxos saturados, 260 g de hidratos de carbono, 90 g de azucres, 50 g de proteínas e 6 g de sal.

Será posible engadir o dato por ración?

Expresar os nutrientes por porción ou unidade de consumo será voluntario. Poderá facerse co valor enerxético, as graxas, as graxas saturadas, os azucres e o sal.

Se se inclúe, deberán cumprirse unhas condicións: que o consumidor recoñeza facilmente a porción ou unidade de consumo (por exemplo, un lisco ou rebanada, medio envase, cada barrita, etc.), que se cuantifique na etiquetaxe e que se indique o número de porcións ou unidades de consumo contidas no envase.

Cómo deben presentarse os datos?

Os nutrientes que deban declararse de forma obrigatoria e voluntaria deberán incluírse no mesmo campo visual. Tamén deberán presentarse nun formato claro e cunha orde concreta: primeiro o valor enerxético e logo as graxas, as graxas saturadas, os hidratos de carbono, os azucres, as proteínas, o sal, e as vitaminas e os minerais.

Os nutrientes de declaración obrigatoria deberán presentarse nunha táboa e só se permite un formato lineal nos envases reducidos.

Ademais, o valor enerxético e a cantidade de nutrientes poderán expresarse mediante formas ou símbolos gráficos, ademais de mediante textos ou números, a condición de que se cumpran estes requisitos:

  • Que se baseen en estudos rigorosos e válidos cientificamente sobre os consumidores e que non induzan a engano ao consumidor.
  • Que o seu desenvolvemento sexa o resultado da consulta dun amplo abano dos grupos traballadores.
  • Que estean destinadas a facilitar a comprensión do consumidor sobre a contribución ou a importancia dun alimento en relación coa achega enerxética e de nutrientes dunha dieta.
  • Que estean apoiadas por probas científicas válidas que demostren que o consumidor medio comprende tales formas de expresión e presentación.
  • Que, no caso doutras formas de expresión, estean baseadas nas inxestións de referencia harmonizadas ou, a falta delas, en ditames científicos xeralmente aceptados sobre inxestións de enerxía ou nutrientes.
  • Que sexan obxectivas e non discriminatorias.
  • Que a súa aplicación non supoña obstáculos á libre circulación de mercadorías.

Se o valor enerxético ou as cantidades de nutrientes son insignificantes (próximas a cero), en lugar de indicar a información sobre eses elementos poderase poñer: “contén cantidades insignificantes de…”.

Infoga