Aprender idiomas nas grandes academias

Horarios flexibles e cursos personalizados, pero tarifas pouco económicas

Aprender un novo idioma implica un considerable esforzo e unha considerable cantidade de tempo e cartos. A elección do método de ensino que condicionará que a aprendizaxe teña éxito.
1 Novembro de 2000
Img informe listado 146

Horarios flexibles e cursos personalizados, pero tarifas pouco económicas

/imgs/20001101/informe01.jpg
Ós tradicionais centros de ensino e Escolas Oficiais de Idiomas, hai que engadir outra maneira de familiarizarse cun idioma, baseada no emprego da tecnoloxía multimedia, que se imparte en grandes academias. Expertos na ensinanza de idiomas afirman que ningún método para aprender idiomas garante un éxito total con tódolos alumnos, xa que as calidades persoais e cognitivas do estudiante e a súa motivación influirán moito no resultado final. As persoas menos disciplinadas, por exemplo, requiren xeralmente que se lles obrigue a asistir ás clases e para elas as academias de sempre, con días e horarios fixos, poderían ser máis axeitadas. Pero características como a timidez, a sociabilidade, a memoria (visual ou auditiva), a capacidade de aprendizaxe e o nivel de estudios tamén determinarán o tipo de método que mellor se adapta a cada alumno.

As vantaxes das grandes academias radican na flexibilidade de horario (o alumno acode ó centro á hora que máis lle convén, xa que permanecen abertos do luns ó venres, desde as 8:00 deica as 22:00 da noite ininterrompidamente, e mesmo os sábados á mañá) e nos cursos ‘á carta’: avalíanse os coñecementos do estudiante mediante un exame e fíxanse os ciclos que debe aprobar para acada-lo nivel que desexa. Deste xeito, o alumno non depende dun grupo nin do seu progreso para cumpri-lo seu obxectivo, nin perde clases e queda atrasado se non asiste ás leccións. As desvantaxes destes centros fronte ás academias tradicionais son evidentes: á disciplina que esixen hai que engadirlle o prezo, moito máis alto (unha matrícula de ata 25.000 pesetas e mensualidades, en función da modalidade de pagamento, que andan arredor das 14.000) có das academias tradicionais (nas que a matrícula custa 4.000 pesetas e as mensualidades 7.000 pesetas) ou escolas oficiais de idiomas (nas que os cinco cursos anuais precisos ata alcanza-lo último nivel, aptitude, custan arredor das 31.000 pesetas en total).

No tocante ó método de ensino, estas grandes academias inclúen unha novidade entre as súas ferramentas de traballo fronte ás academias tradicionais: o contorno multimedia, que consiste en empregar ordenadores equipados con programas informáticos expresamente desenvolvidos para aprender idiomas. Mediante este sistema, o alumno realiza parte da aprendizaxe de xeito individual e o ordenador corrixe os seus erros. A vantaxe deste sistema é enorme para persoas tímidas, por exemplo, que prefiren aprender a pronunciar en privado para pasaren posteriormente ás clases de grupo. Ademais, o ritmo de traballo márcao o propio alumno. A desvantaxe vén dada pola monotonía que supón permanecer meses e meses nun ambiente que aburre ó estudiante: os cursos destes centros son xeralmente longos e o alumno debe pasar moitas horas diante do ordenador realizando sempre o mesmo tipo de exercicios. Á parte do contorno multimedia, todas estas academias organizan múltiples actividades para fomentaren o emprego do idioma que se está aprendendo: excursións, emisión de películas en versión orixinal, a hora do té, encontros informais nun pub irlandés… Por outra banda, estas academias multimedia tamén lles facilitan ós seus alumnos a posibilidade de prepararen exames de recoñecido prestixio, para responderen á demanda das empresas de posuír certificados que acrediten o nivel de coñecementos dun idioma.

A modalidade de pagamento destes grandes centros suscita numerosas dúbidas e é radicalmente diferente á empregada nas academias tradicionais: nas primeiras abóanse os cursos ó contado e por adiantado, en tres ou catro prazos (o primeiro ó inicia-lo curso e os seguintes dentro dos tres meses posteriores) ou se financia o pagamento a través dunha entidade bancaria que se encargará de descontarlle ó cliente cotas mensuais de aproximadamente 14.000 pesetas. Así, estes grandes centros aseguran os seus ingresos aínda que o alumno decida abandona-lo curso.

Bai n by

  • Idiomas: Inglés e éuscaro.
  • Horarios: De luns a venres, 8:00 a 22:00; sábados, de 10:00 a 14:00.
  • Métodos de aprendizaxe: Consta de cinco Cursos: Iniciación, Elemental, Intermedio, Avanzado e Top Level. O alumno aprende mediante un programa adaptado ás súas necesidades, diferente ó doutros estudiantes, combinando sesións multimedia, titorías especializadas e clases de conversa.
  • Non é preciso acudir á academia: existe a posibilidade da teleaprendizaxe, mediante o ordenador. A duración de cada curso é de entre 6 meses e 8 meses.
  • Tarifas: 195.000 pesetas por curso, matrícula incluída, que hai que pagar en 6-8 meses.
  • Modalidades de pagamento:
    • Ó contado.
    • Mediante financiamento bancario, que hai que devolver en cotas de entre 10.000 pesetas e 12.000 pesetas mensuais.
    • En tres prazos, cun recargo do 3,5%.
  • Garantía de resultados: Págase por resultados, non por número de horas. Se estudiando tres ou catro horas semanais o alumno non acada o obxectivo no prazo previsto, poderá seguir tódalas horas que precise ata conseguilo. Isto garántese mediante un contrato.
  • Descontos: Promocións puntuais cun 15% de desconto sobre a tarifa vixente. Unha semana de proba gratuíta sen compromiso para familiares e amigos de alumnos. Desconto do 10%-15% ós empregados de determinadas empresas e colectivos.

Bla Bla n Company

  • Idiomas: Inglés, francés, alemán, éuscaro e español para estranxeiros.
  • Horarios: De luns a venres, 8:00 a 22:00; sábados, de 10:00 a 14:00. Métodos de aprendizaxe: Hai cinco Cursos: Principiante, Elemental, Intermedio, Avanzado e Dominio, e cada un divídese en seis etapas. Avalíase o nivel do estudiante e este márcase un obxectivo. Recoméndase asistir á clase catro horas por semana: tres á sala multimedia e unha co profesor nativo. Así supérase cada curso no prazo estipulado, que é de oito meses. A duración dos cursos de éuscaro e alemán é superior nalgúns niveis.
  • Tarifas:
    • Matrícula: 20.000 pesetas.
    • Cursos: 155.000 pesetas cada un.
  • Modalidades de pagamento:
    • Ó contado por adiantado.
    • En tres ou catro prazos (nos tres primeiros meses do curso).
    • Mediante financiamento bancario.
  • Garantía de resultados: se non se acada o obxectivo acudindo á clase o número de horas mínimo indicado polo centro para eses oito meses, non se devolven os cartos, pero auméntase o prazo de aprendizaxe outros catro meses. Se tampouco tras este período se supera o curso, asistindo as horas recomendadas, o alumno pode continuar no curso ata que o aprobe. Garantido mediante contrato.
  • Descontos:
    • Desempregados: 20% (desconto permanente).
    • Carné Xove: 10% (desconto permanente).
    • Alumnos e persoal docente da Universidade do País Vasco: 15% (ata mediados de novembro).

Cambridge

  • Idiomas: Inglés.
  • Horario: De luns a venres, de 9:00 a 21:00; sábados, de 9:00 a 14:00. Método de aprendizaxe: Tras efectua-la proba de acceso para determina-los seus coñecementos, o alumno entra nun dos sete niveis. Combinan clases presenciais nas que profesores nativos explican a gramática, con sesións na sala multimedia e encounters ou clases de conversa. O prazo para superar cada nivel é de dous anos, aínda que se pode ampliar ata tres meses.
  • Tarifas:
    • Matrícula: 15.000 pesetas.
    • Curso: 238.000 pesetas.
  • Modalidades de pagamento:
    • Ó contado.
    • Mediante financiamento bancario, en 24 cotas de 9.916 pesetas.
  • Garantía de resultado: Hai un prazo de dous anos para acaba-lo curso, pero pódese ampliar ata tres meses.
  • Descontos: A peculiaridade desta academia reside nos seus descontos. Se varios alumnos comparten a conta bancaria na que se domicilia o pagamento do financiamento, aforran na matrícula e rebáixaselle-lo importe do curso e, polo tanto, das mensualidades. Cantos máis alumnos por conta, menor mensualidade. Pero se algún deles decide deixa-lo curso, aumenta a cota para as persoas coas que compartía a conta. Ademais, quen remata o curso antes dos dous anos previstos, pode traspasa-la súa praza a outra persoa. Esta non pagaría matrícula, só as mensualidades. E quen se beneficia destes descontos debe compartir parte do material que a academia lles entrega ós estudiantes. Trátase de descontos algo confusos, polo que cómpre informarse ben no centro.

Opening School of English

  • Idiomas: Inglés.
  • Horario: De luns a venres, de 8:00 a 22:00; sábados, de 10:00 a 14:00. Método de aprendizaxe: Hai catro Cursos: Beginners, Intermediate, Advanced e Master, con 15 niveis en total. Apréndese mediante sesións individuais nunha sala multimedia, titorías con profesores e clases en grupos reducidos.
  • Tarifas:
    • Matrícula: non hai matrícula propiamente dita, pero cando a persoa decide financia-lo curso adianta entre 20.000 e 30.000 pesetas.
    • Curso: 194.000 pesetas os cursos de 9 meses (tres niveis). 222.000 pesetas os cursos dun ano (catro niveis).
  • Modalidades de pagamento:
    • 5% de desconto nos pagamentos en efectivo por adiantado do importe completo.
    • Financiamento sen intereses mediante unha entidade bancaria, á que se lle aboan tantas cotas coma meses dure o curso.
  • Garantía de resultados:
    • 15 días de proba para tódolos novos alumnos, que poden optar por non continuar e daquela devólvenselle-los cartos.
    • Garantía total: Se asistindo ás clases o mínimo de horas recomendado para cada curso o alumno non o supera, devólveselle o diñeiro ou ofréceselle a opción de continuar ata que o logra. Garantido mediante contrato.
  • Descontos: Curso de seis niveis para desempregados, que se realizan en 24 meses, cun desconto de 50.000 pesetas e importe final de 253.000 pesetas. Condicións semellantes para posuidores da tarxeta Blue Joven (BBVA) menores de 26 anos. Se a través un alumno do centro se inscribe un novo, descóntanselle 25.000 pesetas ó novo estudiante e o alumno recibe un obsequio.

Wall Street Institute

  • Idiomas: Inglés.
  • Horario: De luns a venres, de 8:00 a 22:00; sábados, de 10:00 a 14:00. Método de aprendizaxe: Hai seis etapas, cun total de 17 niveis. As clases divídense en sesións individuais na sala multimedia e posteriormente en leccións en grupo cun profesor nativo. Cando un alumno acode ó centro, realiza un exame que establece o seu coñecemento de inglés. Despois, el mesmo marca un obxectivo e no centro indicaranlle cántos cursos deberá superar e o número de horas por semana que deberá acudir á clase. O prazo máximo para realizar un curso é de 12 meses. Os alumnos que o desexen poden realiza-lo exame TOIEC. Trátase dunha certificación externa ó centro para acredita-lo nivel acadado.
  • Cursos: 224.000 pesetas, matrícula incluída, cada etapa ou curso de tres niveis.
  • Modalidades de pagamento:
    • Ó contado, por adiantado. Facilidades para pagamento a prazos.
    • Financiamento bancario, mediante cotas que andan arredor das 14.000 pesetas.
  • Garantía de resultados: Comprométense, nun contrato, a devolvérlle-los cartos ás persoas que, despois de asistiren á clase o número de horas fixadas polo centro, non acadan o resultado previsto.
  • Descontos: Promocións puntuais, acordos con colectivos (colexios médicos e de avogados, posuidores da tarxeta Club Lector 10), acordos con empresas, funcionarios, universidades…