Deterxentes para lavadora líquidos e en po

En po lavan mellor, pero contaminan máis

Tódolos deterxentes fallan ante tódolos tipos de mancha, pero en medida ben distinta
1 Setembro de 2003

En po lavan mellor, pero contaminan máis

Analizáronse oito deterxentes para lavadora (catro líquidos e catro en po) que custan desde os 20 céntimos de euro por lavado de Dixan e Colon líquidos ata os 27 céntimos de euro de Ariel en po. A mellor relación calidade-prezo é Dixan en po, o máis barato dos “en po” (0,23 euros) que obtén un ben en calidade de lavado, a súa etiqueta é completa e é dos menos contaminantes. Outra boa opción é Wipp po, unha migalla máis caro (0,25 euros por lavado), pero o de mellor calidade global. Entre os líquidos, a mellor opción é Dixan, un dos máis económicos e cunha calidade de lavado discreta pero aceptable.

Os deterxentes líquidos son máis sinxelos de dosificar e poden resultar máis cómodos polo seu menor peso e tamaño. Dixan e Wipp líquidos son máis espesos (tipo xel), e, xa que logo, máis difíciles de verter accidentalmente. Os catro deterxentes en po ofrecen 54 lavados, mentres que tres dos líquidos inclúen 44 doses. Ariel líquido quédase en 40 lavados, malia a ter medio litro máis có resto (4,5 litros fronte a 4 litros).

Para avalia-la calidade de lavado de cada deterxente xulgouse a súa eficacia ante diferentes tipos de manchas nun tecido de algodón e outro de mestura sintética. En tódolos casos as lavadoras foron da mesma marca e modelo, a auga estivo a 30º centígrados e a dureza da auga foi media (35º franceses). Utilizáronse en cada caso as doses de producto recomendadas polos propios fabricantes na etiquetaxe (110 gramos para os deterxentes en po e 90 mililitros para os líquidos, agás Ariel que recomenda 112 mililitros).

Probas de lavado

O poder de deterxencia mide a eliminación de manchas graxas e pigmentarias. Sobre o algodón aplicáronse aceite mineral, aceite vexetal, sebo, maonesa e manteiga, e o tecido sintético lixouse con barra de labios, aceite vexetal, aceite de cacahuete, graxa animal, sebo e maquillaxe. Os deterxentes en po ofrecen un poder de deterxencia superior ós líquidos en ámbolos tecidos (41% de eficacia en algodón e 51% en sintético dos “en po”, fronte a un 33% de manchas eliminadas en algodón e 34% en sintético dos líquidos).

A actividade encimática mide a eliminación de manchas proteínicas e amilasas. Ó combater manchas de sangue, cacao, leite, herba, cacahuete, aliño e amidón, o único deterxente que alcanza o “moi ben” é Ariel líquido (o mellor en cinco das sete manchas, cun 50% de eficacia). Ariel e Wipp en po alcanzaron o “ben” ó obteren unha valoración media en tódolos casos. Dixan (po e líquido), Colon po e Wipp líquido só alcanzaron o “aceptable”, mentres que Colon líquido suspendeu esta proba.

A eficacia de branqueo indica a capacidade para quitar manchas oxidables, neste caso, café, té, viño e froita. Os deterxentes líquidos parten en desvantaxe neste test, xa que non poden introducir na súa formulación axentes branqueantes oxidantes (non son estables nun medio acuoso). Por iso, os catro líquidos suspenden este apartado. Entre os “en po” tamén houbo diferencias: os mellores son Dixan e Wipp (moi ben), cunha media de 44% e 46% de manchas eliminadas. Ariel e Colon só acadan un “ben”, cunha eficacia do 40%.

A cor abrancazada da roupa conséguese mediante os azulantes ópticos, substancias que absorben as radiacións ultravioletas substituíndoas por luz azul. O seu efecto mídese sometendo un tecido de algodón branco non azulado a tres lavados en condicións estándar (30º centígrados de temperatura e 25º franceses de dureza da auga) e comprobando a súa cor cun espectrofotocolorímetro. Wipp (po) e Colon (po e líquido) son os tres deterxentes que lavan máis branco.

Coidado das cores

Para valora-lo efecto que os deterxentes exercen sobre as cores realizáronse dúas probas. Na de destinxido mídese a transferencia de cor entre prendas. Para iso lávanse dúas roupas iguais con deterxente e sen deterxente para coñecer cánta “cor” transfiren en cada caso (mídese nunhas condicións máis agresivas: 60º centígrados de temperatura e unha dureza da auga de 40º franceses). O que máis limita a transferencia de cores é Ariel líquido (“moi ben”), seguido dos líquidos Dixan e Wipp (“ben”). O deterxente líquido Colon e os catro en po son os máis agresivos coas cores.

Na proba de degradación de matiz, mediuse a perda de cor durante os lavados. Lávase cada prenda vinte veces a 60º centígrados e os resultados compáranse cos resultados obtidos nas mesmas condicións de lavado pero sen deterxente. Dixan e Wipp líquidos obteñen a valoración máis alta (“moi ben”) mentres que os outros dous líquidos (Ariel e Colon) suspenden esta proba (“insuficiente”).

De tódolos elementos que compoñen os deterxentes en po, os máis perigosos para o medio natural son os fosfatos, especialmente os tripolifosfatos. Utilízanse nos deterxentes para lavadoras polas súas propiedades anticalcarias; é dicir, neutralizan o cal da auga, que favorece a fixación das manchas e reduce a acción dos responsables da deterxencia, os tensioactivos. Pero, os fosfatos, amais deste efecto beneficioso, provocan a “eutrofización” da auga, un exceso de substancias nutritivas en lagos e encoros, que estimula a proliferación de plantas acuáticas, que xeran un déficit de osíxeno para a fauna subacuática.

Axente alternativo

Un axente alternativo ós fosfatos, e menos contaminante, son as ceolitas. As súas propiedades anticalcarias son menos eficaces, polo que tamén se lles engaden ós deterxentes policarboxilatos que non son inocuos, xa que resultan difíciles de biodegradar. As ceolitas son unha solución máis ecolóxica, pero son insolubles á auga e acumúlanse no fondo de lagos e ríos, cos conseguintes prexuízos á hora de potabiliza-la auga (téñense que tratar máis lodos). Outro compoñente tóxico dos deterxentes en po son os axentes de branqueo osixenados, que inhiben o crecemento das plantas acuáticas.

Os deterxentes líquidos non poden incluír axentes antical nin axentes de branqueo osixéneos, por non seren estables nun medio acuoso. Para superar este lastre, os deterxentes líquidos introducen nas súas formulacións tres ou catro veces máis cantidade de axentes tensioactivos que os mais deles se biodegradan, pero non son inofensivos.

Colon en po é o único deterxente dos analizados que utiliza fosfatos (tripolifosfatos, os máis contaminantes), e ademais en gran cantidade (24%). Os outros tres deterxentes en po utilizan ceolita como axente anticalcario, pero en moi diferente porcentaxe: Dixan (4,1%), Wipp (1,5%) e, a moita distancia, Ariel (18%).

Tódalas etiquetaxes foron correctas, aínda que houbo diferencias apreciables entre eles. Wipp e Colon (po e líquido) e Dixan xel non indicaron as temperaturas recomendadas para o lavado. Dixan e Colon líquidos non indicaron o tipo de roupa que se pode lavar. Colon líquido tampouco incluíu as recomendacións do Código de Boas Prácticas Ambientais.

Tipos de manchas

Cada tipo de mancha é distinto e require dun compoñente do deterxente diferente para ser eliminado.

  • Manchas graxas e pigmentarias: o poder de deterxencia é a capacidade para eliminar manchas graxas como as provocadas pola manteiga, a maonesa, o aceite de coche e a barra de labios. Os axentes encargados deste labor son os tensioactivos, que disolven a sucidade para que se desbote coa auga do aclarado.
  • Manchas proteínicas e amilasas: son as producidas, entre outros productos, polo sangue, o leite, o aliño, a suor, o chocolate ou a herba e elimínanse mediante a actividade encimática, é dicir, pola acción duns encimas (proteasas e amilasas) que cortan as cadeas de proteínas e amidón que compoñen a mancha para que poida ser expelida mediante a auga do aclarado.
  • Manchas oxidables: para eliminalas utilízanse branqueantes osixenados (como o perborato de sodio) que liberan o osíxeno das manchas para limpalas. Son deste tipo os “lamparóns” de café e té (os máis difíciles de eliminar, polos seus potentes taninos) e os da froita e do viño. A capacidade para acabar con este tipo de sucidade mide no deterxente a eficacia do branqueo.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse catro deterxentes en po e catro deterxentes líquidos para lavadora, que custan desde 0,20 euros por lavado a 0,27.
  • Os ‘en po’ son máis caros, pero limpan máis. Ningún líquido obtén máis ca un ‘aceptable’ en calidade de lavado, porque non poden engadir axentes antical e branqueantes osixenados. Por iso, os líquidos son tamén máis ecolóxicos.
  • Colon en po, o único que incorpora fosfatos (e en gran cantidade), é o máis contaminante. Ariel, Dixan e Wipp en po substitúen os fosfatos por ceolitas, menos efectivas pero máis respectuosas co medio natural.
  • Wipp en po é o único que alcanza o “moi ben” en calidade de lavado. Ariel, Colon e Dixan en po acadan un “ben”. Os líquidos Ariel, Dixan e Wipp quedan nun aceptable, e Colon líquido suspende cun “insuficiente”.
  • Para a roupa de cor, os mellores son Dixan e Wipp líquidos. Os “en po” son mellores para a roupa branca.
  • A mellor relación calidade-prezo é Dixan en po; por se-lo máis económico do seu tipo, contaminar menos e lavar “ben”. Wipp é un chisco máis caro, pero mellor. A mellor opción entre os líquidos é Dixan.
Marca DIXAN WIPP ARIEL COLON
Estado físico Polvo Polvo Polvo Polvo
Formato 5886 kg 5886 kg 5940 kg 5905 kg
Número de cacitos1 54 54 54 54
Dose utilizada 110 gr 110 gr 110 gr 110 gr
Prezo (euros/ quilo ou litro) 2,13 2,31 2,49 2,28
Prezo (euros/ cazo) 0,23 0,25 0,27 0,25
Etiquetaxe Ben Aceptable Ben Aceptable
Resultados analíticos
Contido en fosfatos (% tripoli-
fosfatos)2
Ausencia Ausencia Ausencia 24,4
Contido en ceolitas (% anidra) 3 4,1 1,5 17,9 Ausencia
Resultados do lavado
Eficacia de lavado
– Poder de deterxencia
– En algodón (%)4 41,9 43,0 37,6 40,3
– En sintético (%)4 52,7 53,3 48,8 49,2
– Valoración Moi ben Moi ben Moi ben Moi ben
– Actividade encimática (%)4 42,7 46,4 45,4 42,4
– Valoración Aceptable Ben Ben Aceptable
– Eficacia de branqueo (%)4 43,6 45,5 40,5 39,2
– Valoración Moi ben Moi ben Ben Ben
Eficacia global do lavado Moi ben Moi ben Ben Ben
Grao de brancura Ben Moi ben Ben Moi ben
Efecto sobre as cores
– Degradación do matiz Ben Ben Ben Ben
– Destinxido global Aceptable Aceptable Aceptable Aceptable
Calidade global Ben Moi ben Aceptable Aceptable
Marca DIXAN WIPP ARIEL COLON
Estado físico Líquido (xel) Líquido (xel) Líquido (xel) Líquido (xel)
Formato 4 L 4 L 4,5 L 4 L
Número de cacitos1 44 44 40 44
Dose utilizada 90 ml 90 ml 112 ml 90 ml
Prezo (euros/ quilo ou litro) 2,16 2,30 2,22 2,17
Prezo (euros/ cazo) 0,20 0,21 0,25 0,20
Etiquetaxe Aceptable Aceptable Ben Aceptable
Resultados analíticos
Contido en fosfatos (% tripoli-
fosfatos)2
Ausencia Ausencia Ausencia Ausencia
Contido en ceolitas (% anidra) 3 Ausencia Ausencia Ausencia Ausencia
Resultados do lavado
Eficacia de lavado
– Poder de deterxencia
– En algodón (%)4 31,5 31,6 35,4 33,9
– En sintético (%)4 30,8 31,1 35,3 37,0
– Valoración Aceptable Aceptable Ben Ben
– Actividade encimática (%)4 43,1 40,5 50,1 33,3
– Valoración Aceptable Aceptable Moi ben Insuficiente
– Eficacia de branqueo (%)4 17,7 16,3 18,3 16,7
– Valoración Muy Insuficiente Muy Insuficiente Muy Insuficiente Muy Insuficiente
Eficacia global do lavado Insuficiente Insuficiente Aceptable Insuficiente
Grao de brancura Ben Ben Aceptable Moi ben
Efecto sobre as cores
– Degradación do matiz Moi ben Moi ben Insuficiente Insuficiente
– Destinxido global Ben Ben Moi ben Aceptable
Calidade global Aceptable Aceptable Aceptable Insuficiente

1 Cazos: Número de doses, que equivalen ó número de lavados que se poden realizar con ese deterxente para unha roupa medianamente lixada e con auga de dureza media.

2 Fosfatos: Axentes anticalcarios que neutralizan o cal da auga. Contaminan en exceso o medio natural.

3 Ceolitas: Axentes anticalcarios, aínda que de menor eficacia cós fosfatos e menos contaminantes.

4 Resultados expresados en porcentaxe media de eliminación das manchas a 30º C.

Unha a unha

Un por un, oito deterxentes para lavadora

DIXAN

  • Deterxente en po.
    0,23 euros/lavado, o “en po” máis barato.
  • A mellor relación calidade-prezo dos oito deterxentes estudiados. Unha das etiquetaxes máis completa. Un dos contidos máis baixos (4,1%) de ceolitas (contaminantes). Sen fosfatos (moi contaminantes). En eficacia de lavado, moi ben: salienta polo seu elevado poder de deterxencia e eficacia de branqueo. Proporciona un bo grao de brancura. Non é especialmente agresivo coas cores da roupa. Sen ningún punto feble.
  • Calidade global do lavado: Ben.

WIPP

  • Deterxente en po.
    0,25 euros/lavado.
  • O contido máis baixo (1,5%) de ceolitas (contaminantes). Sen fosfatos (moi contaminantes). En eficacia de lavado, moi ben: salienta polo seu elevado poder de deterxencia e eficacia de branqueo. Proporciona un moi bo grao de brancura. Non é especialmente agresivo coas cores da roupa. Sen ningún punto feble.
  • Calidade global do lavado: Moi ben.

ARIEL

  • Deterxente en po.
    0,27 euros/lavado, o máis caro dos 8 estudiados.
  • Unha das etiquetaxes máis completas. O de maior contido (17,9%) de ceolitas (contaminantes). Sen fosfatos (moi contaminantes). En eficacia de lavado obtén un “ben”: salienta polo seu elevado poder de deterxencia. Non é especialmente agresivo coas cores da roupa. Sen ningún punto feble.
  • Calidade global do lavado: Ben.

COLON

  • Deterxente en po.
    0,25 euros/lavado.
  • O máis contaminante dos oito: o único con fosfatos, e en gran cantidade (24,4%) e do tipo máis contaminante (tripolifosfatos). En eficacia de lavado, ben: salienta polo seu poder de deterxencia. Proporciona un moi bo grao de brancura. Non é especialmente agresivo coas cores da roupa. Sen ningún punto feble.
  • Calidade global do lavado: Ben.

DIXAN

  • Deterxente líquido (xel). 0,20 euros/lavado, o máis barato dos oito.
  • A mellor relación calidade-prezo dos líquidos. Ó igual cós outros líquidos, sen ceolitas nin fosfatos (substancias contaminantes). Eficacia de lavado insuficiente. Salienta negativamente en eficacia de branqueo (“moi insatisfactorio”). Proporciona un bo grao de brancura. Dos que máis protexen a cor das prendas. Cómpre mellorar nalgúns puntos.
  • Calidade global do lavado: Aceptable.

WIPP

  • Deterxente líquido (xel)
    0,21 euros/lavado.
  • Ó igual cós outros líquidos, sen ceolitas nin fosfatos (substancias contaminantes). Eficacia de lavado insuficiente. Salienta negativamente en eficacia de branqueo (“moi insatisfactorio”). Proporciónalles un bo grao de brancura ás prendas. Dos que máis protexen a cor das prendas. Cómpre mellorar nalgúns puntos.
  • Calidade global do lavado: Aceptable.

ARIEL

  • Deterxente líquido.
    0,25 euros/lavado, o máis caro dos líquidos.
  • Das etiquetaxes máis completas. Ó igual cós outros líquidos, sen ceolitas nin fosfatos (substancias contaminantes). Eficacia de lavado aceptable. Salienta positivamente pola súa elevada actividade encimática, pero negativamente na eficacia de branqueo. O único que soamente lles proporciona ás prendas un grao de brancura discreto. A menor transferencia de cor, pero perda de cor elevada logo de 20 lavados. Cómpre mellorar nalgúns puntos.
  • Calidade global de lavado: Aceptable.

COLON

  • Deterxente líquido.
    0,20 euros/lavado, o máis barato dos oito.
  • Ó igual cós outros líquidos, sen ceolitas nin fosfatos (substancias contaminantes). Eficacia de lavado “insuficiente”. Salienta negativamente en actividade encimática e eficacia de branqueo. Elevado grao de brancura ás prendas (“moi ben”). É o máis agresivo coas cores. Cómpre mellorar en varios puntos.
  • Calidade global de lavado: A peor, insuficiente.