Enquisados 1050 adultos de 9 comunidades autónomas sobre os hábitos alimentarios dos nenos que coidan entre 2 o 18 anos

Durante a infancia, cométense erros alimentarios que se agravan na adolescencia

Entre os máis graves, destacan que o 51 % dos nenos polos que se consultou non come verduras nin hortalizas a diario e o 29 % tampouco froitas
1 Novembro de 2014
Img tema de portada listado 127

Durante a infancia, cométense erros alimentarios que se agravan na adolescencia

O 33 % dos nenos españois de entre 2 e 17 anos padece sobrepeso e obesidade, segundo a Federación Española de Sociedades de Nutrición, Alimentación e Dietética (FESNAD). Son datos preocupantes, xa que está comprobado que padecer un exceso de peso ten un impacto negativo sobre a saúde, mesmo a longo prazo. Moitas doenzas que aparecen na idade adulta poden ter a súa orixe na infancia -enfermidades cardiovasculares, diabetes e mesmo algúns tipos de cancro-, ademais da predisposición a ser unha persoa adulta obesa (un 53 % da poboación adulta en España ten un exceso de peso).

Os expertos aseguran que a poboación infantil española presenta unha dieta que, en moitos casos, se afasta das recomendacións dietéticas, posto que é hiperproteica, hipergraxa e pobre en hidratos de carbono. EROSKI CONSUMER quixo coñecer como son os hábitos alimentarios dos máis pequenos dos nosos fogares. Para iso, entre finais de setembro e primeiros de outubro preguntoulles ao respecto a un total de 1050 proxenitores ou outros familiares que coidasen de nenos na familia. Residían en 9 comunidades autónomas: Andalucía, Illas Baleares, Castela-A Mancha, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia, Comunidade de Madrid, Navarra e País Vasco.

Perfil do adulto e do neno

Dos 1050 enquisados, tres de cada catro adultos entrevistados eran mulleres. O 35 % tiña estudos universitarios ou posgraos e o 23 % estudara formación profesional. Do resto, un 18 % tiña educación secundaria voluntaria, o 19 % obrigatoria e o 5 % non tiña estudos. Ademais, un 84 % eran pais ou nais e o 16 % correspondía a outro tipo de coidadores na familia (a maioría, avós).

Ademais das súas características demográficas, tamén se quixo coñecer os seus hábitos de vida. Os nenos aprenden o que ven e intentan imitar os comportamentos dos adultos que os rodean. De aí, a importancia de dar exemplo. EROSKI CONSUMER considerou que aínda que os hábitos de vida dun 74 % dos entrevistados eran bos, o 26 % tiña costumes pouco saudables. O 31 % admite que bebe alcohol, o 21 % que fuma e un 55 % que non realiza deporte a diario. Para analizar os hábitos dos nenos, preguntóuselles aos entrevistados polos hábitos nutricionais específicos dun dos menores ou adolescentes que houbese na casa. Así, un 57 % deles eran do sexo masculino e, por idade, o 31 % tiña de 2 a 6 anos, outro 36 % tiña entre 7 e 12 anos e o 33 % entre 13 e 18 anos.

Deseñar os menús e comer en familia

A conclusión

Aínda que nove de cada dez persoas consultadas por EROSKI CONSUMER consideran que os seus fillos teñen uns hábitos nutricionais equilibrados, a realidade é diferente. Na enquisa, constatouse que se cometen erros que, en ocasións, se agravan cando o neno se converte en adolescente.

O 41 % dos nenos e dos mozos polos que se consultou nunca inclúe froita no almorzo e o 57 % toma cereais azucrados ou con chocolate. Por regra xeral, o 51 % non come verduras nin hortalizas a diario e outro 29 % tampouco froitas. Non obstante, o 14 % deles toman cada día embutidos, o 12 % doces e o 9 % bolería industrial e refrescos. Ademais, cando comen, un 39 % dos nenos sempre ve a televisión.

Na adolescencia, algúns destes hábitos nutricionais empeoran; é dicir, non almorzan, non comen froitas a diario, consomen doces cada día e tamén beben refrescos. Ademais, aumenta 17 puntos porcentuais a proporción de mozos que ven a tele mentres comen.

Por outro lado, os coidadores (proxenitores, avós ou con outro parentesco familiar) tampouco seguen algunhas rutinas diarias de especial importancia para conseguir que o neno interiorice uns hábitos alimentarios correctos que lle permitan desenvolverse e ter unha boa saúde.

En primeiro lugar, un 30 % deles non planifican os menús dos nenos e o 8 % tampouco establecen un horario regular para as comidas. En segundo lugar, o 16 % non come a diario cos nenos e, cando comen xuntos, un 32 % utiliza a comida como incentivo (premio ou castigo). Por último, o 68 % adoita ter na casa bolería industrial, caramelos de goma, aperitivos e alimentos similares que poden tentar os nenos.

Planificar para regular

Durante a infancia, establécense unha serie de hábitos alimentarios que posteriormente serán difíciles de cambiar. Cunhas rutinas axeitadas, contribúese de forma positiva na construción e no modelado do corpo dos nenos e na mellora da súa saúde e no seu rendemento físico e intelectual.

A FESNAD recomenda planificar os menús dos fillos cunha periodicidade semanal para incluír neles a maior variedade posible de alimentos. Na enquisa, un 70 % dos adultos entrevistados con nenos ao seu cargo asegura que planifican os seus menús, en maior medida cando se trata dos pais e das nais. Cando os que os coidan son outros familiares improvísase máis e, se o neno é menor de 12 anos, a planificación é máis frecuente. Non obstante, ao preguntar con que frecuencia o fan, un 62 % di que diariamente e só o 37 % o facía semanalmente.

Se o neno vai ao comedor (acontece no 37 % dos casos, en especial, cando teñen entre 2 e 12 anos), tamén convén coñecer os menús escolares para poder deseñar dietas equilibradas. O 86 % das persoas entrevistadas que envían os nenos que coidan ao comedor téñeno en conta para deseñar as ceas e as merendas.

Precisamente, no deseño dos menús, a FESNAD tamén aconsella que os pequenos participen na preparación das comidas. É un xeito de que aumente o interese dos pequenos pola comida. Non obstante, só o fai habitualmente un 22 % dos adultos enquisados e, de maneira ocasional, o 38 %. A partir dos 7 anos é cando se lles deixa colaborar en maior medida.

Pero non hai que confundir este hábito co de lles preguntar aos menores que queren tomar. Segundo o programa Perseo da Estratexia NAOS, os adultos teñen a responsabilidade de elixir o menú, de comprar os alimentos e de deseñar unha dieta completa. E é que, se se lles ofrecese esta posibilidade aos pequenos, elixirían alimentos demasiado doces ou salgados. Porén, si é adecuado ofrecerlles aos nenos a posibilidade de elixir entre dous ou tres alimentos que as persoas adultas teñan xa previstos, pero dentro das opcións máis saudables.

Outro dos erros máis comúns e totalmente desaconsellados pola FESNAD é utilizar a comida como incentivo, alivio ao aburrimento ou castigo. O 32 % dos enquisados cométeno, especialmente os coidadores que non son os pais.

En familia

Un dos hábitos máis importantes é comer en familia sempre que sexa posible. Desta forma, mellórase a calidade da dieta do menor. Mesmo hai estudos que indican que estes hábitos poden evitar comportamentos de risco nos adolescentes.

Na enquisa, o 30 % dos enquisados aseguraba que come cos seus fillos tres veces ao día, un 25 % dúas veces ao día e outro 29 % unha vez ao día polo menos. O resto, un 16 %, facíao con frecuencias semanais e non diarias: entre 3 e 6 veces por semana e frecuencias superiores. Mesmo un 2 % recoñecía non comer nunca con eles.

Pero non só importa crear un ambiente familiar á hora de comer. A FESNAD tamén incide na importancia de dar exemplo no ámbito familiar e de adoptar hábitos alimenticios saudables. O 69 % dos adultos enquisados cre que os seus hábitos nutricionais predican co exemplo dunha dieta saudable (cando os coidadores son outros familiares e non os proxenitores, esta proporción alcanza o 82 %). Non obstante, outro 27 % admite que só dan exemplo ás veces e un 4 % nunca.

Cinco comidas ao día e un bo almorzo

Bos hábitos, mellor saúde

O ritmo de crecemento e desenvolvemento do organismo dos nenos vai cambiando cada día que pasa. As súas necesidades de enerxía e nutrientes varían en función da súa idade e, cando se van facendo maiores, tamén segundo o sexo. Por iso, a alimentación debe adaptarse ás súas características individuais, tendo en conta o seu ritmo de crecemento e desenvolvemento, o seu apetito, os seus gustos, o seu estado de saúde e a actividade física que realizan. Non obstante, existen unhas orientacións xerais que se traducen en frecuencia de consumo de alimentos e en cantidades aconselladas (racións) acordes a cada etapa.

En primeiro lugar, a recomendación xeral á hora de repartir os alimentos é facelo en 5 comidas ao día: almorzo, media mañá, comida, merenda e cea. Os nenos polos que se preguntou nesta enquisa comen unha media de 4 veces ao día.

Ademais, é importante establecer un horario regular para esas comidas do día. O 92 % dos adultos enquisados asegura que o fai habitualmente, especialmente cando o pequeno ten entre 2 e 12 anos.

O almorzo

Segundo EUFIC (European Food Information Council), comezar o día cun almorzo é básico porque, despois de pasar toda unha noite durmindo, os niveis de enerxía do corpo son baixos. Nunha semana normal, o 96 % dos nenos polos que se consultou almorzan todos os días, pero o 4 % só o fai entre 3 e 5 días á semana. Esta proporción aumenta ata o 9 % entre os adolescentes de 13 e 18 anos.

A FESNAD explica que un almorzo equilibrado para os nenos ha de estar composto por un lácteo (leite, iogur ou queixo), un cereal (pan, galletas ou cereais integrais) e froita (preferentemente enteira). Ocasionalmente, tamén se pode completar con aceite de oliva ou margarina, marmeladas ou xamón york ou pavo.

Malia a teoría, o 41 % dos nenos polos que se preguntou non inclúen froita nos seus almorzos e o 29 % só o fai ocasionalmente. Especialmente preocupante é a proporción referida aos adolescentes. O 41 % dos mozos entre 13 e 18 anos non inclúen nunca este alimento e un 30 % só ocasionalmente.

Neste sentido, o programa Perseo alerta de que, nos últimos anos, proliferaron preparados a base de cereais que se presentan como cereais de almorzo. Segundo explican, trátase de flocos elaborados a partir de trigo, arroz ou millo, que adoitan tomarse con leite. A miúdo, para facelos máis apetecibles, adoitan ir recubertos de azucre, mel ou chocolate. Isto aumenta de forma considerable a cantidade de calorías sen achegar nutrientes esenciais.

Na enquisa, un 15 % inclúe a diario cereais azucrados ou con chocolate e o 41 % faino ocasionalmente. Por idades, sobresaen os nenos de entre 7 e 18 anos como maiores consumidores deste tipo de alimentos cun alto índice de azucre. Neste punto, a recomendación é tomar cereais sen engadidos no almorzo, así como pan ou torradas. E, se son integrais, mellor.

O que convén comer e o que non

No equilibrio está a clave

Segundo o EUFIC, para gozar de boa saúde hai que inxerir a diario máis de 40 nutrientes distintos (como as vitaminas e os minerais). Ao non existir un só alimento que os conteña todos, é moi importante seleccionar a diario unha variedade equilibrada de alimentos. É importante conseguir un equilibrio entre a cantidade e o tipo de alimentos que se consomen.

Aproximadamente a metade das calorías da dieta dun menor debería provir de alimentos ricos en carbohidratos, como cereais, arroz, pasta, patacas e pan. Así pois, é recomendable incluír como mínimo un deles en cada comida.

Na enquisa comprobouse que arredor do 90 % dos nenos inxiren pan a diario e adóitase combinar arroz, pasta e patacas. Pero o que importa é o modo de cocción que se utiliza e se se inclúen alimentos integrais.

Na enquisa, as técnicas culinarias que máis usan os coidadores dos nenos polos que se consultou é a prancha, o cocido ou fervido, o forno, o guiso e tamén a fritura. De feito, cando os pratos se acompañan con patacas, o 50 % dos nenos cómenas fritas. En canto aos alimentos integrais, normalmente non é un opción que se inclúa nos menús dos máis pequenos. Só un 8 % come habitualmente pan integral (un 12 % os adolescentes), un 6 % pasta integral e un 4 % arroz integral.

Por outro lado, a froita e mais a verdura son os alimentos máis ricos en vitaminas, minerais e fibra. Todos (adultos e nenos) deberiamos comer, como mínimo, 5 porcións diarias. Non obstante, na enquisa reflectíronse proporcións sorprendentes. O 44 % dos nenos de entre 2 e 6 anos come verduras cunha periodicidade semanal e non diaria, unha cifra que se eleva ao 51 % cando teñen entre 7 e 12 anos e ao 53 % cando teñen de 13 a 18 anos. Un 2 % nin sequera as quere comer.

Algo similar, pero con proporcións algo máis baixas, acontece coas froitas. O 18 % dos nenos de entre 2 e 6 anos tómanas semanalmente, o 27 % cando teñen entre 7 e 12 anos e un preocupante 31 % cando son adolescentes de 13 a 18 anos. O 4 % non as quere comer.

Ademais, converteuse nun hábito substituír a froita natural por zumes comerciais envasados. Na enquisa, un 38 % dos menores faino ocasionalmente (en maior medida os que teñen de 7 a 12 anos). Ao eliminar a polpa nos zumes envasados e tamén nos caseiros, desaparece a fibra e parte das vitaminas, aínda que en ocasións se engadan posteriormente. Ademais, en proporción, achegan cantidades altas de enerxía procedentes dos hidratos de carbono (azucres) e, non obstante, carecen doutros nutrientes esenciais. Polo tanto, é preferible que os nenos coman a froita ao natural, mastigando e saboreando as distintas variedades.

Tamén adoita substituírse a peza de froita polo lácteo: faino habitualmente o 32 % dos nenos polos que se consultou e, ocasionalmente, o 60 %. Este hábito é pouco recomendable porque a froita contén fibra e vitamina C que axuda a que se asimile mellor o ferro do resto dos alimentos que se tomasen. Segundo o programa Perseo, aínda que os produtos lácteos son moi necesarios, algúns nenos toman cantidades excesivas de leite ou dos seus derivados (iogures, cremas, queixiños etc.).

Deberían ser ocasionais

Arredor do 14 % dos nenos polos que se consultou nesta enquisa come a diario embutidos, cando o seu consumo debería ser moito máis ocasional. E non só iso. Os adolescentes tamén comen doces, bolería e refrescos máis habitualmente do que deberían. Por un lado, un 17 % toma doces a diario, outro 15 % bebe refrescos todos os días e o 10 % inxire bolería industrial cada día.

Aínda que, en xeral, non se pode falar de alimentos “malditos”, este tipo de produtos deben tomarse con moderación. A frecuencia do seu consumo debe establecerse pensando nas peculiaridades do neno: obesidade, inapetencia etc. En xeral, débense comer poucas veces ao mes, non todos os días.

En canto aos refrescos, tamén deben consumirse en cantidades moderadas, especialmente porque poden desprazar outros alimentos (por exemplo, o leite) da alimentación do neno. Tamén poden contribuír a aumentar o consumo de azucre e mesmo alterar a relación calcio/fósforo da dieta. Ademais, convén saber que as bebidas doces non sacian a sede, senón que invitan a beber máis. Por iso, polo xeral, un neno debería beber auga.

Para evitar as tentacións, débese limitar a cantidade de alimentos insáns que hai na casa. Deste xeito, se o neno non ten á súa man alimentos cheos de calorías, pero faltos de nutrientes, ninguén terá que prohibirllos. Na enquisa, un 18 % dos adultos entrevistados acostuma a ter na casa bolería industrial, caramelos de goma, aperitivos e outros alimentos similares. O 50 % admite que os ten en ocasións e un 32 % di que nunca. Esta última proporción é superior entre os que non son os proxenitores do neno. Ademais, é necesario evitar que o neno ou a nena coma fronte ao televisor. Na enquisa, o 70 % dos adultos consultados admite que o menor do que coidan o fai, en maior medida, cando ten entre 13 e 18 anos.

Segundo a Consellería da Comunidade de Madrid, os menores máis sedentarios pasan máis tempo vendo a televisión e, como consecuencia, o seu gasto enerxético é menor e teñen maior risco de padecer sobrepeso. Ademais, as mensaxes publicitarias parecen modificar as eleccións de alimentos e as dietas destes nenos adoitan ter un maior contido de graxa e unha menor achega de fibra, vitaminas e minerais.

Por último, unha vez comprobados os hábitos dos nenos, nove de cada dez persoas enquisadas por EROSKI CONSUMER consideran que a alimentación dos fillos dos que coidan é equilibrada. Por idades, os que coidan de adolescentes teñen máis dúbidas ao respecto. Quizais porque o control adulto a estas idades se debilita.

Obesidade e sobrepeso

EROSKI CONSUMER tamén preguntou polo peso e pola altura dos nenos do estudo para calcular o índice de masa corporal ou IMC (que se obtén dividindo o peso pola altura en metros ao cadrado). Con este dato e tendo en conta os puntos de corte publicados nun estudo da revista científico-médica BMJ, concluíuse que o 80 % deles tiñan un peso normal, pero o 15 % sufría sobrepeso e o 5 % obesidade.

Por sexos, tanto o sobrepeso como a obesidade afecta máis os nenos da enquisa e, por idade, mentres o sobrepeso tiña unha maior presenza entre os mozos de 13 a 18 anos, a obesidade era máis frecuente entre os pequenos de 2 a 6 anos. Na comunidade onde se atoparon máis nenos cun exceso de peso foi nas Illas Baleares, o 43 % (un 26 % tiña sobrepeso e o 17 % obesidade). Despois, en Andalucía cun 23 % (17 % con sobrepeso e 6 % con obesidade) e en Galicia cun 22 % (15 % con sobrepeso e 7 % con obesidade). Con todo, o labor das institucións na concienciación tivo o seu efecto e a poboación é consciente da existencia deste problema. De feito, dous de cada tres adultos enquisados por EROSKI CONSUMER considera que son enfermidades crónicas.

Ademais, ao 87 % preocúpalle moito ou bastante este tema e consideran que os factores que máis inflúen á hora de que un neno sufra un exceso de peso son os hábitos familiares e tamén a herdanza xenética. É máis, nove de cada dez enquisados considera que ter sobrepeso durante a etapa infantil inflúe despois na saúde cando se converte en adulto.