Enquisadas máis de 1100 persoas que padecen alerxias ou intolerancias a algún alimento

Desconfianza e inseguridade entre alérxicos e intolerantes alimentarios

Unha de cada catro persoas pensa que os produtos nunca se etiquetan axeitadamente e máis da metade cre que nos establecementos hostaleiros non se toman as precaucións necesarias
1 Maio de 2013
Img tema de portada listado

Desconfianza e inseguridade entre alérxicos e intolerantes alimentarios

Comer é un acto pracenteiro. Non obstante, para algunhas persoas pódese chegar a converter en algo desagradable e mesmo perigoso. Son os alérxicos e os intolerantes aos alimentos. Aínda que é difícil concretar o número exacto de persoas que padecen estas enfermidades, os expertos aseguran que nos últimos 15 anos os casos se duplicaron.

De feito, hoxe en día, recoñécese que as alerxias e as intolerancias alimentarias son un tema fundamental na seguridade e na industria alimentaria. De aí que EROSKI CONSUMER queira coñecer cales son as dificultades que atopa este colectivo na súa rutina diaria á hora de facer a compra e de ir comer fóra da casa.

Para iso, a revista entrevistou entre finais de marzo e primeiros de abril a un total de 1107 persoas vía enquisa en liña. Todos eles procedían de 17 comunidades autónomas: Andalucía, Aragón, Asturias, Canarias, Cantabria, Castela e León, Castela-A Mancha, Cataluña, Comunidade de Madrid, Comunidade Valenciana, Estremadura, Galicia, Illas Baleares, A Rioxa, Murcia, Navarra e País Vasco. Un 88 % desas persoas sufría algunha alerxia ou intolerancia alimentaria (ou as dúas), mentres que o resto tiña algunha persoa ao seu cargo con algunha destas dúas doenzas (ou con ambas).

Retrato dunha doenza

Tres de cada catro persoas entrevistadas eran mulleres e tiñan unha idade media de 36 anos. Por grupos de idade, a maior proporción de enquisados tiña entre 40 e 49 anos (un 27 %), 30 e 39 anos (un 25 %), e 50 anos ou máis (un 20 %). Só un 11 % eran menores de 10 anos, un 5 % tiña entre 10 e 19 anos e outro 12 % de 20 a 29 anos.

A metade dos enquisados eran intolerantes a algún alimento (aluden especialmente á lactosa, ao glute ou á frutosa), o 31 % eran alérxicos (xeralmente mencionan o leite e os seus derivados, os froitos secos, as froitas ou o ovo) e o resto compartían as dúas enfermidades.

Comprobouse que as alerxias e as intolerancias afectan de distinta forma segundo a idade. Un 68 % dos menores de 10 anos declarábanse alérxicos, ao igual que o 47 % dos entrevistados con idades comprendidas entre os 10 e os 19 anos. Esta proporción diminúe coa idade, a diferenza das intolerancias, que aumentan: un 62 % das persoas enquisadas de 20 a 29 anos eran intolerantes a algún alimento, así como máis da metade dos maiores de 30 anos entrevistados.

Boas prácticas

A Fundación Vasca para a Seguridade Agroalimentaria (Elika) proporciona recomendacións para facer máis doado o día a día dun alérxico ou intolerante alimentario:

  • Na compra…

    • Ler a etiqueta e ter preto a listaxe de alimentos aos que se é alérxico ou intolerante.
    • Ante a dúbida, evitar a compra dese produto.
    • Se se é celíaco, buscar aqueles alimentos en cuxa etiqueta figure a lenda “sen glute” ou “apto para celíacos”.
  • Durante o cociñado e a manipulación de alimentos…

    • Cociñar primeiro a comida do alérxico/intolerante para evitar contaminacións cruzadas.
    • Manipular coidadosamente os utensilios e mellor se son exclusivos para o alérxico ou o intolerante.
    • Non usar aceite que se utilizase para fritir outros alimentos que poidan conter o alimento ou ingrediente ao que se é alérxico ou intolerante.
    • Hixienizar todas as superficies de traballo.
    • Almacenar hermeticamente os alimentos especiais na neveira e nos armarios.
  • Fóra do fogar…

    • Eliminar totalmente o alimento da dieta, tanto o alimento en si coma os distintos produtos que o poidan levar como ingrediente.
    • Non tomar o alimento se non se coñece con certeza se inclúe o alérxeno ou o ingrediente que provoca a intolerancia.
    • Coidado cos alimentos elaborados (masas, bechamel, caldos para sopas e sopas, pan relado etc.), xa que poden conter o que produce alerxias e intolerancias.

Á hora de compra...

Desconfianza e inseguridade

Na enquisa queda clara a desconfianza e a inseguridade dos participantes á hora de comprar e de saír a comer fóra da casa.

En primeiro lugar, un de cada cinco entrevistados sente que habitualmente non pode facer a compra con total seguridade en calquera establecemento e un 37 % só ás veces. É máis, un de cada catro pensa que os produtos nunca se etiquetan de maneira adecuada. Comprar resulta aburrido e difícil e reclaman unha información o máis detallada e lexible posible.

Así mesmo, para tres de cada cinco enquisados ir comer fóra supón un risco para a súa saúde. E é que, ao pedir o menú, máis da metade dos enquisados opinan que en hostalería nunca se toman as precaucións necesarias: avisar sobre a posible presenza de alérxenos nos pratos, detallar ao máximo os ingredientes nas súas cartas e menús, evitar a contaminación cruzada no almacenamento e manipulación dos produtos e dispoñer de útiles de traballo exclusivos para os menús infantís. De aí que esixan máis formación no ámbito da hostalería en materia de alerxias e intolerancias alimentarias.

A compra: máis cara e diversificada

Se para calquera somerxerse na xungla de marcas, prezos e tipos de produtos pode ser complexo, para os alérxicos e intolerantes alimentarios é moito peor e, segundo a súa opinión, suponlles un maior esforzo económico.

Un 90 % dos enquisados consideran que o carro da compra dun alérxico e intolerante alimentario é máis caro que o dunha persoa sen estas enfermidades. Creno en maior proporción os intolerantes (un 92 % deles, fronte ao 86 % dos alérxicos entrevistados). Dan mesmo unha estimación media: un 46 % máis caro.

Convén salientar que o 57 % dos alérxicos e intolerantes enquisados non poden facer a compra dos seus produtos alimenticios básicos nun mesmo comercio, senón que necesitan ir a varios para reunir todo o necesario. Isto é o que opinan, en maior medida, en Estremadura, ao contrario que os enquisados navarros. Tanto alérxicos coma intolerantes teñen o mesmo problema en similar proporción.

Así, o 77 % dos alérxicos e intolerantes enquisados di que fan a compra no supermercado e un 66 % no hipermercado. Outro 40 % opta tamén polas tendas especializadas e un terzo polo comercio ou polo mercado tradicional. Apenas hai diferenzas por tipo de enfermidade, pero si por comunidade. Aínda que en todas elas a maioría compra en supermercados e hipermercados, a segunda opción non sempre é o mercado ou o comercio tradicional; en Andalucía, Aragón, Asturias, Canarias, Castela e León, Comunidade de Madrid, Comunidade Valenciana, Estremadura e Galicia, prefiren as tendas especializadas.

Rutinas

Durante a compra, un 47 % dos enquisados asegura que no seu fogar compran por separado os produtos destinados á persoa alérxica ou intolerante. Ademais, outro 89 % afirma que comproba sempre se na etiqueta hai advertencias específicas. E é que a etiquetaxe é fundamental para o colectivo de alérxicos e intolerantes alimentarios porque é o lugar onde se proporciona a información máis importante. Sobre a etiqueta, establecéronse normas que obrigan os fabricantes a que indiquen a presenza nos alimentos de ingredientes que causan alerxias e intolerancias e a que eviten a súa contaminación accidental con alérxenos que estean presentes noutros produtos.

Non obstante, a este respecto, un de cada catro pensa que os produtos nunca se etiquetan do xeito adecuado e un 48 % opina que só ás veces. Consideran que as etiquetas non especifican o suficiente os aditivos, ingredientes, especias ou conservantes, nin tampouco as cantidades. Engaden que a frase “pode conter trazas” é unha xeneralidade e que non os saca de dúbidas. En ocasións, mesmo se viron obrigados a chamar o fabricante para determinar se o produto contiña o alimento en cuestión ou non.

Pero non só reclaman información máis detallada, senón tamén máis lexible porque a letra lles resulta pequena. Tamén insisten en que as traducións a outros idiomas xeran confusión. Por todo iso, ofrecen unha solución: incluír nas etiquetas un punto específico con información para alérxicos e intolerantes alimentarios doadamente identificable e o máis detallada posible.

Compra segura?

A seguridade alimentaria é fundamental para todos, pero unha de cada cinco persoas entrevistadas con alerxias e intolerancias alimentarias considera que nunca pode facer a compra con total seguridade en calquera establecemento. Outro 37 % di que só ás veces, pero un 41 % opina que sempre. Apenas hai diferenzas entre intolerantes e alérxicos, pero si por comunidades. Mentres nas Illas Baleares un 53 % cren que sempre poden facela totalmente seguros, a metade dos rioxanos dixeron que compraban habitualmente temerosos.

Neste sentido, un 57 % deles menciona o comercio tradicional como un tipo de establecemento que lles inspira maior inseguridade, para outro 41 % é o hipermercado e para, aproximadamente, un terzo é o supermercado. Por último, internet e as tendas especializadas en alimentos para alérxicos e intolerantes son inseguras para unha de cada cinco persoas entrevistadas.

Os enquisados inseguros, á hora de comprar, destacan varios motivos que xustifican o seu temor: a escasa variedade de produtos específicos para alérxicos e intolerantes ofrecidos, a falta de información existente, a falta de formación do persoal e a posible contaminación cruzada, especialmente entre os produtos frescos.

Case catro de cada cinco persoas entrevistadas opinan que as marcas non fan o suficiente por desenvolver alimentos libres dos principais alérxenos. E preto de sete de cada dez tamén cren que nin sequera as organizacións alimentarias se esforzan o suficiente por desenvolver normas e códigos alimentarios para protexer este colectivo.

Saímos a comer?

Cal é a sensación que ten este colectivo cando vai comer fóra? Dous de cada tres entrevistados por EROSKI CONSUMER cre que padecer unha alerxia ou unha intolerancia alimentaria os condiciona. É máis, a tres de cada cinco parécelles que facelo supón un risco para a súa saúde; en especial, aos menores de 10 anos (é así para os titores do 94 % deles). Neste sentido, hai diferenzas entre os alérxicos e os intolerantes: un 69 % dos primeiros sente que está en risco, mentres que entre os intolerantes a proporción baixa un pouco, e é do 54 %.

Tanto alérxicos coma intolerantes de todas as idades temen que non se exclúa o ingrediente daniño do prato malia que o requiran e que se produza unha contaminación cruzada no momento de elaborar o prato. Non obstante, os alérxicos tamén engaden outro temor (especialmente os menores de 10 anos e con idades comprendidas entre os 10 e os 19 anos): que a axuda médica non chegue a tempo ou que ninguén ao seu arredor saiba actuar en caso de que teñan unha reacción.

As persoas entrevistadas adoitan tomar as súas propias precaucións. En primeiro lugar, evitar certo tipo de establecementos: de comida rápida (un 47 % faino), de cociña asiática, italiana e mexicana (un 40 %, respectivamente) e de bufete (un 30 %).

Ademais, se finalmente se toma a decisión de saír fóra, hai quen non renuncia a seguir un procedemento. En primeiro lugar, un 34 % sempre reserva con anterioridade e, durante esta, un 52 % ten por costume explicarlle a súa enfermidade ao persoal do establecemento (máis común entre os alérxicos ca entre os intolerantes e entre os mozos de entre 10 e 19 anos).

Unha vez no restaurante, o 91 % dos entrevistados le coidadosamente as descricións dos pratos por se hai algunha mención sobre o alimento daniño e o 79 % verifica co camareiro os ingredientes que contén cada un deles. Por último, cando piden a comida, pouco máis da metade dos enquisados asegúrase de que o camareiro lle dá a mensaxe ao cociñeiro.

Mala atención ou desinformación?

Todos os entrevistados por EROSKI CONSUMER tiveron algunha vez unha mala experiencia ao saíren comer fóra. Só a un 13 % das persoas enquisadas se lles negou algunha vez a atención nun establecemento por padecer algunha alerxia ou intolerancia alimentaria. Non hai diferenzas por tipo de enfermidade, aínda que si por comunidade autónoma. Esta situación produciuse especialmente entre os enquisados en Estremadura, Madrid e Cantabria, onde entre un 37 % e un 20 % en cada un dos territorios afirma vivir esta mala experiencia.

Non obstante, esta outra é máis común: detectar o alimento daniño no prato malia que se avisa o persoal hostaleiro. Sucedeulles a máis da metade dos entrevistados por EROSKI CONSUMER. Nese caso, un 85 % informa o persoal, pero o 15 % restante non o fai e arríscase a comer o que conteña o prato (un 17 % dos intolerantes asegura que fai isto, fronte ao 9 % de alérxicos), en contra das recomendacións dos expertos. E entre o colectivo de persoas afectadas por alerxias ou intolerancias a alimentos escóitanse frases como: “Prefiro non molestar cos meus problemas a ninguén” ou “Vou parecer unha maniática e prefiro calar”.

Pola súa banda, entre as persoas que si informan o persoal, tamén se dan escenarios diferentes, pero o máis habitual é que lles cambien o prato e que se solucione o problema (así afirman que acontece o 84 % dos enquisados; un 88 % dos alérxicos, fronte ao 82 % dos intolerantes).

En definitiva, só un 25 % dos enquisados cre que os hostaleiros se preocupan habitualmente polo colectivo de alérxicos e intolerantes alimentarios, aínda que outro 40 % cre que polo menos o fan algunhas veces. Non obstante, practicamente todos os enquisados están de acordo en que os profesionais de hostalería deberían formarse en todo o relacionado coas alerxias e intolerancias alimentarias.

Ollo co que comes!

Segundo Elika, hai máis de 170 alimentos que poden causar alerxias ou intolerancias. Entre a poboación española, os máis habituais:

  • Cereais: o cereal que produce maior número de alerxias en España é o trigo. Ademais, o glute atópase no trigo, na cebada, na avea e no centeo.
  • Froitas e hortalizas: as que máis alerxias xeran son as rosáceas (mazás, peras, melocotóns, albaricoques, ameixas, cereixas e amorodos). En España, en nenos de 6 anos, as froitas supoñen un 11 % das alerxias e as hortalizas un 4 %. A partir dos 15 anos, o 85 %-90 % dos casos de alerxias corresponden ás hortalizas.
  • Froitos secos de casca: en España, son os responsable do 73 % dos casos de alerxias a partir dos 15 anos de idade. A améndoa e a noz son os que máis problemas ocasionan.
  • Legumes: a partir dos 6 anos, os legumes son os alimentos que causan alerxia con maior frecuencia, principalmente a lentella, seguida do garavanzo e do cacahuete.
  • Ovo: é a primeira causa de reaccións alérxicas na infancia. Adoita aparecer antes dos 2 anos de vida e desaparece nos primeiros 6 anos.
  • Leite de vaca: produce variedade de respostas anómalas, alérxicas e non alérxicas. Tamén fenómenos de intolerancia ás súas proteínas ou á lactosa. Afecta a un 2 % da poboación.
  • Marisco: o marisco é o terceiro alimento que maior número de alerxias provoca na poboación adulta, principalmente os crustáceos.
  • Peixes: en España, o bacallau, a pescada, o linguado e o galo son os que máis reaccións alérxicas adoitan dar. Son menos comúns as reaccións á sardiña e ao atún.
  • Soia: aumentou nos últimos anos porque se inclúe en numerosos produtos alimenticios transformados: produtos enfornados, atún enlatado, cereais, galletas, fórmulas infantís, salsas e sopas, entre outros.
  • Aditivos: estímase que entre un 5 %-10 % das urticarias crónicas na poboación adulta se deben, en parte, a algunha reacción adversa a certos aditivos, coma os sulfitos, glutamato monosódico ou benzoatos.

Estes engádense aos alimentos para mellorar as características dos alimentos (conservantes, colorantes, potenciadores do sabor etc.). Os procesos agudos están máis relacionados coas intolerancias que coas alerxias.