Pólizas dentais

Dentes sans con franquía

Os seguros dentais poden supoñer un aforro entre o 40% e o 50% respecto ás tarifas dos dentistas convencionais
1 Novembro de 2007
Img informe listado 481

Dentes sans con franquía

A boca está a deixar de ser a cinsenta da nosa saúde. A preocupación por contar cunha dentadura sa e esteticamente perfecta vaise asentando aos poucos entre a cidadanía. Así e todo, as diferenzas con outros países europeos son aínda notables. As causas: a falta de conciencia de que o sorriso non é só unha cuestión estética, unida ao medo á dor e á carestía dos servizos dentais. Ter que pagar, e moito, por coidar a boca nun país no que o cidadán está afeito a que a sanidade sexa gratuíta é determinante no descoido das citas coas consultas de odontoloxía. As pólizas dentais que ofrecen algunhas aseguradoras amortecen en boa medida ese gasto e permiten acceder a todo tipo de probas diagnósticas e mais a tratamentos preventivos e de odontoloxía a uns prezos bastante axustados.

Practicamente a totalidade dos produtos dentais que se comercializan baséanse nunha cota mensual ou anual e nun custo determinado das distintas intervencións que sexan necesarias (o que as aseguradoras denominan franquías), e contrátanse de dúas maneiras: como póliza independente ou como “regalo” cando se subscribe unha cobertura de asistencia sanitaria. No primeiro caso o custo mensual oscila entre 5 e 10,81 euros. Se se trata dun complemento dun seguro xeral de saúde, o “regalo” pode custar ata 7,21 euros ao mes por persoa, logo do pagamento, iso si, da correspondente cota do seguro sanitario.

A cambio, ofrecen extraccións, limpezas, consultas ou revisións gratuítas, e un aforro nos tratamentos franquiados de ata o 50% con respecto ao prezo medio do mercado. Polas características do risco que cobren, e a diferenza dos seguros de saúde de índole xeral, os dentais non establecen diferenzas entre sexos na aplicación das súas primas, non teñen período de carencia, nin “penalizan” con cotas máis elevadas aos asegurados de máis idade, sempre e cando se contraten como pólizas independentes. A única variable que inflúe nas tarifas que algunhas aseguradoras (Oral Prima, Adeslas, Asisa e Mapfre) lles cobran aos seus clientes é o lugar de residencia. E todas elas lles ofrecen pólizas gratuítas aos menores de entre 5 e 15 anos, sempre que se subscriba un adulto.

Pólizas con polémica

Os que non están nada contentos coa aparición destes seguros dentais son moitos dos dentistas que non forman parte do negocio. Este colectivo ve danados os seus intereses ante o que eles consideran un «non-seguro», no que as aseguradoras soamente actúan como intermediarias entre cliente-paciente e profesional, directamente ou a través de empresas de servizos interpostas. Consideran o seu un traballo artesanal, que como tal non pode diminuír as marxes de beneficio a cambio de producir máis cantidade. Alertan de que os servizos dentais baseados en prezos baixos son servizos de baixa calidade. Dende a Fundación Dental Española aconséllanlles aos pacientes que desconfíen das gangas e das gratuidades, que consideran enganosas ou equívocas. Non obstante, a evidencia é que as pólizas dentais inclúen unha serie de servizos (revisións, limpezas, fluorizacións, radiografías, etc.) sen ningún custo para o asegurado, e outros cun custo máis reducido. O prezo dun empaste dentro do seguro oscila entre 14 e 38 euros, mentres que fóra deste ámbito o custo alcanza os 60 euros. A diferenza de tarifas faise máis evidente se falamos dunha endodoncia unirradicular, que pode alcanzar os 200 euros, mentres que dentro dunha póliza non supera os 75 euros. Non obstante, a clave para ter unha boca sanda sen deixarse niso o orzamento familiar son as revisións periódicas. Deixar a visita ao dentista para cando a saúde bucodental se resente non fai máis ca disparar o prezo.

Unha boca sa, pero non a calquera prezo

  • Non se deixe cegar por ofertas de primeiras visitas, limpezas e/ou radiografías gratis. O máis probable é que llas “cobren” nos tratamentos que lle realicen.
  • Pida sempre unha segunda opinión. A picaresca leva nalgúns casos ao sobretratamento; é dicir, a realizar máis tratamentos dos necesarios.
  • O prezo non debe ser o factor que inflúa na súa decisión á hora de elixir facultativo. O mellor odontólogo non ten por que ser aquel que teña os prezos máis elevados, nin tampouco o que ofreza uns servizos máis económicos; posiblemente co tempo resultaranos máis caro. O recomendable é esixir un bo servizo a prezos razoables.
  • Saiba que o mellor xeito de aforrar diñeiro no coidado da súa boca é unha limpeza axeitada e visitando o dentista polo menos unha vez ao ano. A prevención é a mellor forma de aforrar diñeiro no dentista.
  • Non se deixe levar polo “boca a boca”. Este é un criterio moi pobre para elixir un bo especialista.
  • Se a consulta non dispón na porta de entrada dunha placa identificativa instalada polo colexio de odontólogos e estomatólogos, comprobe que o dentista ten á vista do público o seu título oficial.
  • Na clínica ou consulta débense dar unhas óptimas condicións hixiénicas e de limpeza. Os profesionais deben utilizar máscaras e luvas.
  • O dentista ten que dedicar o tempo necesario para solucionar os problemas do paciente. Se percibe que traballa con présa e que os pacientes ateigan a sala de espera, posiblemente o obxectivo non sexa ofrecer un bo servizo senón obter maiores ganancias.

Dereitos dos pacientes

  • Dereito a ser explorado para poder descubrir calquera tipo de patoloxía detectable por medios incruentos e indoloros.
  • Dereito a ser informado e aconsellado sobre a posibilidade de beneficiarse de exploracións complementarias ou adicionais que permitan un diagnóstico máis preciso e conveniente, así como do seu rendemento, riscos e custo.
  • Dereito a recibir do dentista unha información detallada e clara sobre as posibilidades terapéuticas á súa patoloxía, xunto co seu prognóstico, expectativas, calidades alternativas, riscos e prezos.
  • Dereito a ser informado da eventual existencia doutras opcións clínicas que o seu dentista non poida facilitarlle pero que si lle poidan ser proporcionadas por outros.
  • Dereito a ser informado sobre as circunstancias, incidencias ou particularidades dun servizo clínico que poida modificar as expectativas ou custos inicialmente previsibles.
  • Dereito a ser informado sobre o plan de mantemento ou revisión máis adecuado ao seu estado clínico para optimizar a súa saúde futura e minimizar o seu custo.
  • Dereito a recibir unha factura polas prestacións facilitadas.
  • Dereito a coñecer o custo dos produtos sanitarios non adaptables de dispensa unitaria, e o dos produtos sanitarios á medida contratados polo facultativo como obra necesaria para proporcionar os seus servizos, coa súa correspondente declaración de conformidade, debidamente separados dos honorarios correspondentes á súa indicación, prescrición, proba, adaptación, implantación ou colocación.
  • Dereito a coñecer a marca e fabricante dos produtos sanitarios que se empregan no seu organismo como elementos aloplásticos (substancias inertes estrañas ao organismo humano).
  • Dereito á confidencialidade sobre a súa realidade clínica.
  • Dereito á confidencialidade das súas manifestacións, opinións e preferencias, así como de canta información persoal lle proporcione ao facultativo.