Analizados 5 xeles e 4 escumas de afeitar

Con escuma sae máis barato ca con xel e o afeitado é igual de bo

A escuma sae moito máis barata en prezo por litro ca o xel e o produto está só un 30% menos concentrado. En eficacia son semellantes: as nove mostras están ben formuladas e superaron a proba de uso
1 Outubro de 2009
Img analisis

Con escuma sae máis barato ca con xel e o afeitado é igual de bo

Analizáronse en laboratorio e sometéronse a proba de uso cinco xeles de afeitar e catro escumas de afeitar; nove mostras envasadas en aerosol que se vendían en envases de 200, 250 e 250 +50 mililitros, das cales tres eran “refrescantes” e seis “para peles sensibles”. As escumas de afeitar saían (non se teñen en conta as cantidades extra ofrecidas como promoción) entre os 9,60 euros o litro de Williams e os 16,10 euros o litro de Nivea, se ben as outras dúas quedaban arredor dos 12 euros/litro; os xeles, pola súa banda, custaban 14,44 euros o litro (Williams) o máis barato e 22,75 euros o litro (Gillette Fusion Pel Sensible) o máis caro, aínda que dous dos outros tres saían a 20 euros o litro e o outro superaba os 18 euros o litro. As escumas custan de media 12,44 euros o litro e os xeles, 19,19 euros o litro, un 54% máis caros ca as escumas. Ademais, ás veces a media pode confundir: tres xeles dos cinco estudados custan máis do dobre ca a escuma máis barata, Williams Ice Blue. Cómpre preguntarse se os xeles, notablemente máis caros, son mellores ca as escumas.

A teor dos datos da análise e da proba de uso de CONSUMER EROSKI, a aptitude para a función é similar en ambos os dous produtos: axudan de modo semellante a acadar un afeitado rápido e confortable. Pero podería acontecer tamén que durase moito máis o xel ca a escuma de afeitar e así se compensase ese maior prezo. E de feito iso pasa, pero só en certa medida, xa que a diferenza non é tanta. Os xeles teñen unha concentración superior de materia activa (os tensioactivos ou substancias escumantes), que neles supón de media o 13,4% do produto, fronte ao 10,4% das escumas. Polo tanto, coa mesma cantidade de produto un xel pode crear aproximadamente un 30% máis de escuma e permitir así un maior número de afeitados. Pero como os xeles poden chegar a custar o dobre en prezo por litro,afeitarse con escuma sae bastante máis económico que facelo con xeles.

Volvendo ao produto en si, a textura característica das escumas de afeitar proporciónalla ao xabón un gas propelente cando estas dúas substancias pasan asemade pola válvula do aerosol. Pola súa banda, os xeles de afeitar son mesturas xabonosas que conteñen un gas licuado que, ao entrar en contacto coa pel -pola diferenza de temperatura- entra en ebulición e converte o xel en escuma. Un afeitado en húmido (a outra opción é o afeitado en seco, coa maquiniña eléctrica) pon en relación o produto (escuma ou xel, neste caso), a folla de afeitar máis ou menos sofisticada, a auga, o pelo da barba e o seu folículo piloso, e a capa córnea e a derme do rostro do usuario. Canto máis difícil resulte o afeitado, maior cantidade de pel arrastrará. Humedecer o pelo da barba fai diminuír moito a forza de corte necesaria na coitela de afeitar para eliminar o pelo. Débese saber que a hidratación previa ao afeitado require o seu tempo (mellora notablemente unha vez transcorridos uns minutos dende a aplicación) e unha temperatura da auga duns 40 ºC. A lubricación que achegan escumas e xeles reduce a fricción con respecto á pel seca e permite que a folla de afeitar escorregue con suavidade sobre as irregularidades do relevo da pel e que o faga evitando cortes e logrando un afeitado sinxelo e cómodo.

Escuma ou xel?

Escumas e xeles de afeitar son produtos similares (o seu ingrediente principal é o mesmo: un xabón de trietanolamina) e igualmente aptos para a súa función. Decantarse por un ou polo outro é cuestión de gustos persoais. Dado que o prezo de ambos os dous produtos xa foi tratado neste informe, vexamos agora outros aspectos. A escuma de afeitar pódese utilizar inmediatamente na cara e a súa aplicación é directa, mentres que o xel de afeitar hai que o aplicar facendo movementos circulares sobre a pel. Cada usuario elixe. A trietanolamina é un composto con carácter básico, polo que é lóxico que o pH destes produtos sexa superior ao da pel sa (pH 5,5). As mostras estudadas tiñan un pH entre 8,3 e 9 axeitado para este tipo de produto en todos os casos. Este pH elevado favorece a humectación do pelo da barba e axuda a amolecelo para que a súa eliminación sexa máis sinxela, pero convén eliminar minuciosamente os restos de escuma da pel e así restablecer tras o afeitado o pH cutáneo, ao que tamén axuda a utilización dun after-shave.

Extractos vexetais e principios activos

Os xeles e mais as escumas de afeitar poden conter extractos vexetais; neste comparativo, só un produto (La Toja, xel Pel Sensible) non indica a súa incorporación. O extracto máis común é o aloe vera (dise que é rexenerador celular e cicatrizante) que aparece en seis mostras. A escuma e mais o xel de Williams recorren ao ginseng, e a escuma Gillette Series usa unha alga, o mofo de Irlanda. A escuma de Nivea é a única referencia con extractos vexetais (declara algodón, aguacate, soia e macela) e sen aloe vera.

Os principios activos tamén axudan ao afeitado. O xel La Toja Pel Sensible, con tres (alantoína, pantenol e bisabolol) é o que contén maior variedade deles, mentres que cinco das nove mostras non incorporan ningún. A escuma Nivea (acetato de tocoferilo, precursor da vitamina E) e os xeles Nivea (bisabolol) e Gillette Fusion Pel Sensible (acetato de tocoferilo) conteñen cadanseu principio activo. Vexamos que é o que lle achegan ao afeitado, tendo en conta que se entra no terreo da información-publicidade da industria cosmética, un campo no que as propiedades que os fabricantes lles atribúen aos principios activos (algúns patentados polos propios fabricantes) poucas veces se sustentan en evidencias científicas publicadas, contrastadas e consensuadas pola comunidade científica. A alantoína, ao parecer, hidrata a pel e potencia a escamación das capas celulares externas ou células mortas; ademais, afírmase que suaviza a pel e que favorece a proliferación celular e a cicatrización e que proporciona efectos calmantes, antiirritantes e protectores da pel. O pantenol é a provitamina B5 e úsase en cosmética como humectante, emoliente e hidratante. Ten unha boa penetración cutánea, e é por iso que se emprega xunto coa alantoína para o tratamento de lesións cutáneas leves. Ademais, dise que mellora a hidratación, que reduce o proído e que acelera e mellora a cicatrización. O acetato de tocoferilo é precursor da vitamina E, co que proporciona protección fronte á radiación ultravioleta; ademais, tería efecto cicatrizante. E do bisabolol predícanse propiedades antiirritantes, antiinflamatorias e antimicrobianas. Sempre é mellor que os produtos carezan de alérxenos, substancias que lles poden causar alerxias a certas persoas. Destes 9 produtos de afeitar, tres (os dous de Nivea e mais o xel de La Toja) carecían deles. E os que os incorporan, ata os que o facían en maior medida (os tres produtos Gillette, dous xeles e unha escuma) cumprían co esixido pola lexislación: declaralos sempre que se atopen en concentración superior a 100 ppm ou partes por millón.

Conclusións e táboa comparativa

Conclusións

A análise de laboratorio comprobou que os nove son, dende un punto de vista químico, produtos ben formulados. Entre as escumas destaca a composición de Nivea, cun “excelente”, mentres que entre os xeles non destaca ningún, pero catro dos cinco logran un “moi ben”.

Só a escuma Gillette Series Pel Sensible e mais o xel Williams Ice Blue non deron chegado ao “moi ben”, pero acadaron un “ben”. Na proba práctica, que constaba de nove apartados (valoración global, olor, difusor, esponxosidade da escuma, facilidade para aplicar e para cubrir o rostro, protección da pel, consistencia da escuma e facilidade para retirar os restos do afeitado), os mellores foron: nas escumas, Williams Ice Blue, La Toja Pel Sensible e Gillete Series Pel Sensible, e, nos xeles, Gillette Series Pel Sensible, Williams Ice Blue e Gillette Fusion.

A mellor relación calidade-prezo é a escuma Williams Ice Blue, por ser o produto máis barato, a escuma con máis extracto seco e materia activa e polo seu comportamento na proba de uso. Para quen prefira o xel, unha boa opción (aínda que nin é barata nin destacou na proba de uso) é Nivea: o xel con máis materia activa, contén acetato de tocoferilo e carece de alérxenos.

Marca WILLIAMS NIVEA LA TOJA GILLETTE SERIES NIVEA
Tipo de produto Escuma Escuma Escuma Escuma Xel
Mencións da etiquetaxe
  • Ice Blue
  • Aloe Vera
  • e Mentol
  • Sensitive
  • Camomila
  • e Vitamin Care
  • Pel sensible.
  • Con sales minerais e Aloe Vera
  • Pel sensible
  • Con Aloe Vera
  • Refrescante
  • Extractos de menta,
  • ISO-magnesio e Vitamin Care
Contido neto declarado (ml) 250 + 50 200 + 50 250 + 50 250 200
Prezo (Euros/quilo) 9,60 16,10 11,47 12,40 20
Peso relativo envase (g/ml) 1 0,28 0,22 0,27 0,29 0,30
Composición
Extracto seco (%) 2 19,5 13,6 18,5 12,8 24,5
Materia activa (%)3 12,7 10,1 12,3 6,5 17,3
pH ao 1% 8,4 8,5 8,4 8,3 9,0
Extractos vexetais4
  • Aloe Vera
  • Ginseng
  • Algodón
  • Aguacate
  • Soia
  • Macela
Aloe Vera
  • Musgo de Irlanda
  • Aloe Vera
Algodón
Alantoína (%)5
Pantenol (%)5
Acetato de tocoferilo (%)5 0,42
Bisabolol (ppm)5 120
Alérxenos (ppm)6
  • Alcohol bencílico (41)
  • Lilial (11)
Non contén Alcohol becílico (11)
  • Limoneno (186)
  • Alcohol bencílico (21)
  • Salicilato bencílico (45)
Non contén
Calidade de composición Moi ben Excelente Moi ben Ben Moi ben
Proba de uso (de 1 a 9) 6,6 6,1 6,6 6,6 6,2
Marca GILLETTE SERIES WILLIAMS LA TOJA GILLETTE FUSION
Tipo de produto Xel Xel Xel Xel
Mencións da etiquetaxe
  • Pel Sensible
  • Con Aloe Vera
  • Ice Blue
  • Aloe Vera
  • Pel Sensible
  • Con sales minerais
  • e axentes protectores
  • Pel Sensible
  • Con Aloe Vera e Vitamina E
Contido neto declarado (ml) 200 200 200 200
Prezo(Euros/quilo) 20,21 14,44 18,36 22,75
Peso relativo envase (g/ml) 1 0,40 0,46 0,39 0,40
Composición
Extracto seco (%) 2 19,3 25,8 23,3 20,1
Materia activa (%)3 11,9 12,7 13,2 11,9
pH ao 1% 8,9 8,6 8,8 9,0
Extractos vexetais4 Aloe Vera
  • Aloe Vera
  • Ginseng
No declara Aloe Vera
Alantoína (%)5 0,23
Pantenol (%)5 0,29
Acetato de tocoferilo (%)5 0,10
Bisabolol (ppm)5 420
Alérxenos (ppm)6
  • Limoneno (103)
  • Salicilato bencilico (19)
  • Alcohol bencílico (12)
Alcohol bencílico (14) Non contén
  • Alcohol bencílico (5540)
  • Limoneno (89)
  • Lilial (18)
  • Leral (10)
Calidade de composición Moi ben Ben Moi ben Moi ben
Proba de uso (de 1 a 9) 6,8 6,6 5,1 6,6

1. Peso envase. É o peso do envase baleiro dividido entre o contido neto declarado.

2. Extracto seco. Residuo seco logo de estar dúas horas sometido o produto a estufa a 105 ºC. Un maior extracto seco indica menor contido de auga e máis ingredientes activos.

3. Materia activa. É a materia soluble en alcohol. Un maior contido en soluble en alcohol suxire unha maior cantidade de axentes escumantes.

4. Extractos vexetais. Extractos vexetais declarados na listaxe de ingredientes.

5. Ingredientes activos. Substancias ás que se lles atribúen efectos relacionados coa función de facilitar o afeitado. A algúns destes ingredientes asígnanselles efectos hidratantes, calmantes, antiirritantes; a outros, propiedades antiinflamatorias, antimicrobianas, humectantes, cicatrizantes, de redución do proído, suavizantes, protectores da pel, emolientes (abrandar), etc. Aínda que hai mostras que conteñen un ou varios ingredientes activos, das nove non incorporan ningún dos catro que se buscaron.

6. Alérxenos. Substancias con potencial alerxénico; algunhas son habituais en produtos perfumados como os que nos ocupan. É obrigatorio declaralos na etiqueta sempre que o seu contido sexa superior a 100 ppm (partes por millón). Buscáronse, mediante análises específicas, os alérxenos máis frecuentes neste produto e comprobouse que en todos os casos se cumpría o esixido pola norma. Aínda que varias mostras tiñan ata tres ou catro alérxenos, algunhas carecían deles e iso é eloxiable.

Un a un

Un a un, 5 xeles e 4 escumas de afeitar

Williams Ice Blue

  • Escuma de afeitar. 250 +50 ml.
  • Sae a 9,6 euros/litro, a máis barata.
  • Mellor relación calidade-prezo de todo o comparativo, incluíndo os xeles de afeitar.
  • Na etiqueta indica:”Ice blue. Aloe vera. Mentol”.
  • Calidade de composición: Moi ben.
  • Destaca por ser a escuma de afeitar de maior extracto seco (o que queda logo de eliminar a auga; ten o 19,5%). Contén Aloe Vera e Ginseng. Carece de ingredientes activos (alantoína, pantenol, acetato de tocoferilo e bisabolol), ao igual ca dúas das outras tres escumas analizadas. Ten dúas substancias alérxenas, en cantidades ínfimas: respecta a norma ao respecto.
  • Proba de uso: 6,6 puntos. Foi a escuma de afeitar máis preferida. Destacou en esponxosidade da escuma, na capacidade para cubrir o rostro e na facilidade para eliminar os restos do afeitado.

La Toja Pel Sensible

  • Escuma de afeitar. 250 +50 ml.
  • Sae a 11,47 euros/litro. Unha opción interesante.
  • Na etiqueta indica: “Pel sensible. Con sales minerais e aloe vera”.
  • Calidade de composición: Moi ben. Contén Aloe Vera. Carece de ingredientes activos (alantoína, pantenol, acetato de tocoferilo e bisabolol), ao igual ca dúas das outras tres escumas analizadas. Contén, aínda que en cantidade ínfima e respectando a norma, unha substancia alérxena.
  • Proba de uso: 6,6 puntos. A segunda escuma de afeitar máis preferida polos usuarios. Destacou en esponxosidade da escuma e na capacidade para cubrir o rostro.

Nivea For Men Sensitive

  • Escuma de afeitar. 200 +50 ml.
  • Sae a 16,10 euros/litro, a escuma máis cara, e con diferenza: a máis cara das outras tres sae a 12,40 euros/litro.
  • Na etiqueta indica: “Sensitive. Camomila. Vitamin Care”. O seu envase, de aluminio, é o máis lixeiro.
  • Calidade de composición: Excelente, a mellor composición dos nove produtos analizados. A escuma con maior pH (8,5). Incorpora o ingrediente activo bisabolol (atribúenselle propiedades antiirritantes, antimicrobianas e antiinflamatorias). Non contén ningún dos alérxenos máis comúns en produtos perfumados, que si apareceron en seis das outras oito mostras.
  • Proba de uso: 6,1 puntos. Foi, en xeral, a escuma de afeitar menos preferida polos usuarios, se ben -das oito medidas- só levou peor cualificación ca as outras escumas nun parámetro: facilidade para cubrir o rostro.

Gillette Series Pel Sensible

  • Escuma de afeitar. 250 ml.
  • Sae a 12,40 euros/litro.
  • Indica: “Pel sensible. Con aloe vera”.
  • Etiquetaxe mellorable: o seu número de lote non era lexible.
  • Calidade de composición: Ben. A de menores extracto seco (12,8%) e materia activa (6,5%). A de pH máis baixo (8,3). Carece de ingredientes activos (alantoína, pantenol, acetato de tocoferilo e bisabolol), como acontece con dúas das outras tres escumas analizadas. Contén tres dos alérxenos máis comúns en produtos perfumados, pero cumpre co que a norma establece ao respecto.
  • Proba de uso: 6,6 puntos. Non foi a mellor en ningún parámetro pero tampouco destacou negativamente en nada; valorouse a súa capacidade para cubrir o rostro.

Nivea For Men Refrescante

  • Xel de afeitar. 200 ml.
  • Sae a 20 euros/litro. A opción máis interesante para quen prefiren o xel á escuma.
  • Indica: “Refrescante. Extractos de menta. ISO-magnesio e Vitamin Care”.
  • O envase (de aluminio), o máis lixeiro dos xeles de afeitar.
  • Calidade de composición: Moi ben. O de máis materia activa de todo o comparativo (17,3% do produto) e o segundo de maior extracto seco (24,5%). Contén un ingrediente activo (acetato de tocoferilo), precursor da vitamina E. É unha das unicamente tres mostras (dun total de nove estudadas) que carecían dos alérxenos máis comúns en produtos perfumados.
  • Proba de uso: 6,2 puntos. Posición intermedia: non foi o mellor en ningún parámetro, pero tampouco destacou negativamente en nada.

Gillette Series Pel Sensible

  • Xel de afeitar. 200 ml.
  • Sae a 20,21 euros/litro.
  • Indica: “Pel sensible. Con aloe vera”.
  • Calidade de composición: Moi ben. Un dos dous xeles con menos materia activa (11,9%) e o de menos extracto seco (19,3%), se ben ambas as dúas son cantidades correctas para a función. Carece de ingredientes activos (alantoína, pantenol, acetato de tocoferilo e bisabolol), como acontece cun dos outros catro xeles de afeitar. Contén tres dos alérxenos máis comúns en produtos perfumados, pero cumpre coa norma.
  • Proba de uso: 6,8 puntos. O produto que maior puntuación xeral obtivo de todo o comparativo. Os usuarios valoraron ben o seu difusor e a consistencia da súa escuma.

Williams Ice Blue

  • Xel de afeitar. 200 ml.
  • Sae a 14,44 euros/litro; con moita diferenza, é o xel de afeitar máis barato destes cinco.
  • Indica: “Ice Blue. Aloe vera”.
  • Calidade de composición: Ben. O xel de maior extracto seco (25,8% do produto). O pH máis baixo (8,6). Declara aloe vera e ginseng. Carece de ingredientes activos (alantoína, pantenol, acetato de tocoferilo e bisabolol), como acontece cun dos outros catro xeles de afeitar. Contén un dos alérxenos máis comúns en produtos perfumados, pero cumpre a norma.
  • Proba de uso: 6,6 puntos. Un dos mellores xeles de afeitar. Os usuarios cualificárono como un dos dous mellores en cheiro e valoraron a súa facilidade de aplicación.

Gillette Fusion Pel Sensible

  • Xel de afeitar. 200 ml.
  • Sae a 22,75 euros/litro, o máis caro.
  • Indica: “Pel sensible. Con aloe vera e vitamina E”.
  • Calidade de composición: Moi ben. Un dos dous xeles con menos materia activa (11,9%) e extracto seco (20,1%), se ben ambas as dúas son cantidades correctas para esta función. Contén un ingrediente activo (acetato de tocoferilo), precursor da vitamina E. Comprobouse que, dos nove comparados, era o produto con máis alérxenos (catro distintos), pero cumpre a norma.
  • Proba de uso: 6,6 puntos. Un dos mellores xeles de afeitar, en xeral. Máis en concreto, un dos dous mellores en cheiro. Valorouse tamén, neste xel, a súa facilidade de eliminación dos restos do afeitado.

La Toja Pel Sensible

  • Xel de afeitar. 200 ml.
  • Sae a 18,36 euros/litro.
  • Indica: “Pel sensible. Con sales minerais e axentes protectores”. O único que non declara extractos vexetais.
  • Calidade de composición: Moi ben. O de máis ingredientes activos (alantoína, pantenol, e bisabolol) e ademais carece de alérxenos ( buscáronse os máis comúns en produtos perfumados).
  • Proba de uso: 5,1 puntos. O peor xel, e único mediocre dos cinco comparados. De feito, quedou o peor en cinco parámetros (difusor, cheiro e consistencia do xel, facilidade para aplicar e capacidade para cubrir) dos oito medidos nesta proba práctica.