Como se reciclan os aparellos eléctricos?

1 Abril de 2011
Img informe listado 661

Como se reciclan os aparellos eléctricos?

Por lei, todos os aparellos electrónicos deben reciclarse en plantas autorizadas. Aquí despóxanse de elementos tan nocivos como o fósforo, o mercurio ou os gases refrixerantes. O resto de compoñentes (plástico, aluminio, cobre ou vidro) procésanse para fabricar novos produtos.

Do fogar ao Punto Limpo

Os vertedoiros ou os colectores de lixo non son o lugar idóneo para depositar electrodomésticos, televisores ou calquera outro aparello electrónico. O seu destino debe ser os Puntos Limpos. Os consumidores poden entregar tamén na tenda o vello aparello para a súa reciclaxe, sempre e cando merquen un produto de similares características.

O almacén e a planta de reciclaxe

Os aparellos trasládanse dende o Punto Limpo ata as plantas autorizadas para a súa reciclaxe. Á súa chegada, o transporte pésase na báscula. A lei esixe documentar e declarar a orixe e cada movemento e procesado dos residuos.

Oito horas reciclando televisores

Nas cadeas de reciclaxe, como a localizada en Osorno (Palencia), a chegada dos residuos activa un protocolo preciso de despezamento e reciclaxe. O persoal traballa parapetado tras máscaras e roupas de seguridade. A liña de televisores e monitores apenas descansa durante oito horas. Primeiro toca separar a carcasa da pantalla e despois o resto dos compoñentes eléctricos. Detrás da cadea hai colectores para cada tipo de peza onde se recompilan cables, bobinas de cobre, placas base, etc.

Chumbo, cadmio e fósforo

Da pantalla sepáranse o vidro de chumbo e o de cadmio. Estes materiais utilízanse despois como materia prima para a industria da porcelana. O elemento máis nocivo é o fósforo que recobre o interior da pantalla. Hai que aspiralo e envialo a un xestor autorizado para o seu correcto tratamento.

A taxa ecolóxica

Os roubos en Puntos Limpos e a xestión ilegal dos residuos tóxicos, como os contaminantes gases CFC presentes nos frigoríficos, provocan a liberación de grandes cantidades de dióxido de carbono á atmosfera. Estas prácticas delituosas atentan ademais contra os consumidores, xa que por cada aparello se paga unha taxa ecolóxica, incluída no prezo, destinada a cubrir as custas da súa posterior reciclaxe legal.