Analizados 103 centros de adelgazamento de toda España

Centros de adelgazamento: unha gran falta de rigor e unha información moi liviá

O 68% dos centros suspende, o 46% PROPÓN tratamentos con "produtos estrela", un de cada tres propón perdas de peso pouco saudables e en máis do 30% os clientes non son atendidos nin por médicos nin por expertos en nutrición
1 Maio de 2007
Img temap 283

Centros de adelgazamento: unha gran falta de rigor e unha información moi liviá

/imgs/20070501/img.tema-portada.01.jpg A operación bikini xa comezou para moitas persoas. As farmacias, parafarmacias, herbolarios, centros de dietética e establecementos similares ofrecen unha morea de produtos destinados á redución do peso corporal. Segundo os últimos estudos, no 2003 os españois gastamos máis de 2.000 millóns de euros en todo tipo de tratamentos adelgazantes. Anuncios que prometen perdas de peso decontado e case sen esforzo, dietas personalizadas para cada cliente e primeiras consultas gratuítas, remiten aos destinatarios desta publicidade centros que, como se comprobou, non sempre dispoñen de persoal cualificado en nutrición.

A pregunta que xorde é se estes establecementos informan ou aconsellan correctamente aos seus usuarios. E a resposta que achegan os datos recollidos neste estudo é concluínte: non. Lonxe de mellorar os paupérrimos resultados dun estudo semellante realizado hai cinco anos, as conclusións do novo informe de CONSUMER EROSKI describen un panorama nada prometedor. Non se pode catalogar doutro xeito o feito de que dous de cada tres establecementos analizados (o 68%) suspendan o exame realizado por esta revista e de que, entre eles, o 84% reciba un “moi deficiente”. Só o 18% aproba folgadamente.

Os defectos máis comúns: a maioría non identifica de maneira axeitada o problema, e explica mal e detalla aínda peor o tratamento que lle propón ao usuario. Un de cada tres centros de adelgazamento propón perdas de peso excesivamente rápidas para que resulten saudables e duradeiras, proporción que coincide coa de centros nos que os clientes non son atendidos por médicos especializados ou expertos en nutrición. Ademais, o 46% recomenda tratamentos con “produtos estrela” (produtos ou suplementos dietéticos no canto dunha dieta personalizada que teña en conta os hábitos alimentarios e estilos de vida do paciente).

/imgs/20070501/img.tema-portada.02.jpg Esta é a inquietante radiografía que obtiveron os técnicos de CONSUMER EROSKI que, facéndose pasar por clientes interesados en perder peso, realizaron unha visita a 103 establecementos repartidos en 18 cidades do país: 10 en Madrid e Barcelona, 7 en Valencia e Bilbao, 6 en Málaga, Sevilla e Zaragoza, 5 na Coruña, Alacante, Córdoba, Murcia, San Sebastián, Valladolid e Vitoria e 4 en Granada, Oviedo, Pamplona e Santander. Dos 22 técnicos que visitaron os centros, a metade deles non necesitaban adelgazar, cinco padecían un lixeiro exceso de peso (un problema esencialmente estético) e o resto, 6 persoas, eran obesos de distinto grao.

Establecéronse, contando coa colaboración de expertos en dietética e nutrición e co asesoramento médico pertinente, os criterios que poderían determinar se un centro deste tipo lle permite ao cliente perder peso dun xeito eficaz e saudable. Os resultados destas visitas teñen un denominador común: as súas promesas para perder peso e os tratamentos que propoñen suscitan a desconfianza dos expertos en dietética e nutrición, por fixar metas imposibles de conseguir con dietas saudables.

Mesmo nome, diferente servizo

Os técnicos de CONSUMER EROSKI visitaron 103 establecementos representativos da ampla tipoloxía de negocios especializados en tratamentos de adelgazamento e estética corporal. Entre eles, analizáronse herbolarios, parafarmacias, locais de dietética, consultas en domicilios particulares e tamén centros que desenvolven o seu labor co mesmo nome en diferentes cidades.

Non obstante, a pesar de compartir denominación e de pertencer a unha mesma franquía (modo de funcionamento máis común), o tratamento e a información que lle facilitan ao cliente difire segundo os centros, polo que non se considerou pertinente valorar de modo conxunto o funcionamento, xa sexa positivo ou negativo, de cada unha das franquías ou establecementos que operan baixo unha mesma marca. Entre as estudadas atópanse Corporación Dermoestética (analizáronse once centros), Naturhouse (visitáronse trece centros), Herbolife (catro centros) e Corposan (cinco centros).

Só un de cada catro centros pertencentes a estas franquías aproba con folgura o exame formulado por CONSUMER EROSKI, mentres que un 12% obtén un mediocre “regular” e o resto de centros con franquía (ata un 64%) suspende con valoracións situadas entre o “deficiente” e o “moi deficiente”. Polo tanto, os resultados son moi similares aos obtidos polos demais centros.

Necesita realmente perder peso?

/imgs/20070501/img.tema-portada.03.jpg Un dos aspectos criticables máis comúns destes centros é que se identifica o problema do paciente con lixeireza, ben porque non se pesa nin mide o cliente, ben porque non sempre o atende un profesional cualificado en dietética e nutrición.

Para efectuar un correcto diagnóstico, é imprescindible elaborar un informe exhaustivo, que inclúa medicións antropométricas, Índice de Masa Corporal (IMC), hábitos de alimentación e antecedentes patolóxicos, entre outros. Non obstante, o 42% dos centros non realizou unha axeitada medición destes parámetros, erro que imposibilita o deseño dun tratamento idóneo. Os datos son concluíntes: só un 58% lle efectuou unha exploración física ao paciente, mentres que apenas a metade lle preguntou ao cliente se se fixera recentemente unha analítica de sangue, aspectos ambos os dous indispensables para un bo diagnóstico. Unicamente o 37% dos centros indagou acerca de tres ou máis antecedentes patolóxicos persoais ou familiares do paciente (problemas hormonais, dixestivos, vasculares, intolerancias, etc.), mentres que un de cada tres non lle solicitou información ao paciente sobre a inxestión de fármacos, un aspecto fundamental que pode condicionar o tratamento e aumentar os seus riscos. Máis do 65% dos centros nin se interesou nin revisou a tensión arterial do cliente.

Os resultados non son tan negativos se se avalía o exame de datos antropométricos, fundamentais para identificar o posible exceso de peso, a distribución e a cantidade da graxa corporal, etc. Non obstante, chama poderosamente a atención que o 13% dos centros visitados non tomasen nin sequera o dato do peso, e un 17% non apuntasen o talle. Ademais, só un de cada tres mediu os perímetros de cintura, cadeira, etc. do paciente e unicamente unha cuarta parte dos profesionais tomaron a molestia de medir a cantidade de graxa total do corpo, fundamentalmente mediante impedancias (máquinas que serven para cuantificar a cantidade de graxa, de auga e de masa libre de graxa de xeito rápido e eficaz).

A penas a metade dos centros se interesou pola evolución do peso do paciente no tempo, necesaria para coñecer a orixe do seu posible exceso de peso, e só en dous de cada tres centros preguntaron sobre os hábitos nocivos do paciente (por exemplo, o consumo de alcohol e tabaco) e sobre o grao ou clase de actividade física que practicaba. Os aspectos psicosociais (comportamento ante a comida, preferencias e aversións fronte aos alimentos, estado de ánimo, etc.) só foron correctamente analizados nun 30% dos centros.

Case 1.400 euros de media: un modo moi caro de adelgazar

Dos centros de adelgazamento estudados, o 21% poñía como condición pagar o tratamento completo, en lugar de cobrar por consulta. A media por tratamento ascende ata os 1.396 euros, aínda que os prezos se moven entre os 350 euros dos dous máis “económicos” ata os 3.879 euros do máis caro, centro localizado en Sevilla. En canto ao cobramento por consulta e/ou polos produtos que venden (fíxose unha estimación considerando a frecuencia de visitas e o uso de produtos suxeridos en cada centro) a media fixouse nos 163 euros mensuais. Os prezos oscilan entre os 600 euros ao mes do establecemento máis caro ata os 40 euros do máis barato.

Información insuficiente

/imgs/20070501/img.tema-portada.04.jpg Os técnicos acudiron principalmente a centros de adelgazamento que ofrecían unha primeira consulta gratuíta. A maior parte dos centros estudados utilizan a mensaxe de “primeira consulta gratuíta” como gancho comercial, pero comprobouse que esta visita non lle proporciona ao cliente información abonda para decidir se lle convén comezar co tratamento ou se este resultará efectivo no seu caso concreto. Máis ben, unicamente o 30% dos profesionais facilitou unha información aceptable sobre as posibles solucións. Considérase estimable cando o tratamento se adapta ás necesidades do paciente (personalización da dieta logo dun estudo completo previo) e cando se propón unha perda de peso de 0,5 a 1 quilo por semana.

Outro dato que non invita ao optimismo é o que reflicte que o 46% dos centros, moi por riba do 14% do estudo do 2002, recorre ao que se coñece como tratamentos baseados en “produtos estrela””, o que directamente os descualifica, xa que nin ensinan hábitos alimenticios correctos nin serven para manter a longo prazo a redución de peso. Así, o cliente debe extremar as precaucións nestes casos, xa que a suposta “dieta personalizada” que ofrecen moitos destes centros é, na maior parte das ocasións, un simple gancho para vender os seus propios produtos supostamente adelgazantes. Polo tanto, estes centros adoitan obter un dobre beneficio: cobran polo tratamento e as visitas e polos produtos que lle aconsellan adquirir ao paciente no propio establecemento.

Só un 56% dos centros sometidos a estudo suxeriu revisións de mantemento, cando sempre deben incluír seguimentos periódicos, fundamentais para manter o peso marcado ao cliente como obxectivo tras a finalización do tratamento, de modo que haxa menor risco de recuperar o peso perdido.

Tampouco foron positivos os resultados sobre a duración do tratamento. A perda de máis dun quilo á semana é desaconsellable e cada individuo reacciona de maneira distinta aos tratamentos, polo que sinalar unha data fixa é incorrecto, algo que, non obstante, fixo o 36% dos centros visitados (no 2002 esta proporción era do 60%).

Non todos os profesionais eran tales

Unicamente os médicos especializados en Nutrición e os diplomados e técnicos superiores en Dietética están cualificados para establecer valoracións nutricionais e para facer recomendacións dietéticas. Non obstante, en case un de cada catro establecementos visitados comprobouse que os profesionais que atenden na primeira visita a este tipo de centros non posuían a cualificación axeitada para exercer este labor. Así, comprobouse que nalgúns centros as persoas que atendían eran amas de casa, biólogos, naturistas, psicólogos ou comerciais. Esta falta de profesionalidade ten, como é lóxico, consecuencias. De feito, constatouse que nove de cada dez dos centros que contaban con persoal de atención ao público non cualificado en dietética e nutrición suspenderon a análise.

Cando debemos desconfiar dun centro de adelgazamento?
  • Todo tratamento de perda de peso esixe un estudo previo das circunstancias de cada persoa (medidas antropométricas como peso e talle, antecedentes persoais e familiares de problemas de saúde, datos sobre o seu estilo de vida, etc.), para que sexa personalizado, eficaz e sen riscos. Se este estudo non se ofrece, é mellor pensar noutro centro de adelgazamento.
  • Se nos ofrecen un tratamento baseado unicamente en “produtos estrela” ou ben este inclúe unha dieta que é gratis, pero ao mesmo tempo nos aconsellan diversos produtos de venda no propio establecemento que deberemos pagar dende un principio, é un motivo de desconfianza. A razón: non educan a persoa nuns axeitados hábitos de alimentación, que é o que realmente funciona e serve para o mantemento da perda de peso.
  • Outro punto que cómpre ter en conta é o ritmo de perda de peso que nos garanten co tratamento; se este é superior a 3-4 quilos ao mes, é motivo de desconfianza, posto que perdas de peso superiores implican unha perda de auga e electrólitos, á par que masa muscular e, en menor proporción, de graxa.
  • Debemos ter clara a premisa de que “nada se consegue sen esforzo”, xa que a implicación da persoa nun tratamento de adelgazamento é fundamental para conseguir o obxectivo sen riscos para a saúde.
  • Aínda que estamos moi afeitos a oír a frase “o meu exceso de peso débese á retención de líquidos”, hai que desmitificar esta crenza popular, xa que é moi pouco frecuente que esta sexa a causa dos quilos de máis. Calquera tratamento que suxira a toma de diuréticos, sen a realización previa dun estudo detallado, é incorrecto.
  • O uso indiscriminado que se fai dos diuréticos (substancias que aumentan a produción de ouriños) e mais dos laxantes (aumentan o número de defecacións) constitúe un risco para a saúde.
  • A duración dun tratamento de adelgazamento depende das particularidades de cada individuo, xa que o ritmo de perda de peso varía notablemente dunhas persoas a outras. Polo tanto, desconfíe de calquera oferta de tratamento de adelgazamento na que establezan “a priori” unha data fixa.

O peor dos centros, cidade por cidade

Velaquí os principais erros (que non os únicos) observados no centros de cada unha das cidades.

  • A Coruña: nun dos centros advertíuselle ao paciente de que, xa que non tiña exceso de peso, iniciar un tratamento sería iniciar unha “anorexia”. Unha afirmación tan tallante resulta totalmente inadecuada.
  • Alacante: nun dos centros suxeríronlle ao técnico de CONSUMER EROSKI que lle sobraban 5 quilos, cando non presentaba ningún tipo de exceso de peso. Noutros dos centros alacantinos, sen examinar o paciente e determinar que ten un peso saudable, dixéronlle que lle sobraban ata 10 quilos.
  • Barcelona: son varios os centros que chamaron a atención polo seu mal facer: nun asegurábase que os inxectables de alcachofa axudan a eliminar a graxa corporal (algo que carece de toda base científica); noutro, sen realizar un estudo detallado da persoa, comentóuselle ao técnico que tiña un problema linfático e de edema (retención de líquidos). Noutro centro suxeríronlle ao paciente cambiar certas comidas ao día por batidos como se tal cousa, aínda cando o paciente presentaba un peso axeitado.
  • Bilbao: observáronse erros importantes, como o emprego de aceite de parafina como aderezo de comidas, cando en realidade é un laxante que produce un mal aproveitamento dos nutrientes da dieta e carrexa efectos secundarios. Noutro dos centros aseguráronlle ao paciente que o metabolismo cambia aos tres anos se se toma auga nas comidas. Ademais, recomendaron unha dieta (non personalizada) na que propoñían almorzar un bisté.
  • Córdoba: a maior parte dos centros baseábanse en tratamentos con “produtos estrela” (pingas, cápsulas de piña, etc.). Nalgúns centros propuxeron unha perda de peso esaxerada, sen unha boa identificación do problema e cunha dieta non personalizada.
  • Granada: en dous dos centros visitados recorreron unicamente a unha análise de detención de intolerancias fronte a alimentos. Se en algo están de acordo os expertos é que a base de todo tratamento de peso está no fomento dunha dieta axeitada e do exercicio físico. Só despois se deberían considerar outros aspectos como as posibles intolerancias a certos alimentos.
  • Madrid: nun dos centros ofreceron un tratamento baseado en tres fases: tecidos “quitagraxas” mediante frío-calor, catro meses para reafirmar a pel e tres meses de mantemento. Estas técnicas poden mellorar o aspecto físico, axudar a reducir volume, pero de ningún modo fan perder quilos de graxa. Noutros establecementos propuxeron reducir entre seis e oito quilos ao mes, cando o saudable é entre 3 e 4.
  • Málaga: nun dos centros baseábanse, sen lle facer ningunha proba ao técnico, en aparatoloxía, é dicir, en sistemas orientados cara á estética que pretenden mellorar o aspecto físico reducindo volume, reafirmando tecidos, etc., pero que non conseguen baixar quilos, senón unicamente volume.
  • Murcia: nun dos centros, a pesar de que o paciente tiña unha obesidade evidente, o profesional que o atendeu díxolle “só con miralo” que padecía simplemente algo de exceso de peso. Ademais, afirmou que sen os produtos que eles venden, a dieta non serve para nada. Noutro centro, propuxéronlle ao paciente meterse nunha máquina co corpo envolveito en plástico (calor) e noutra cunhas placas sobre as zonas fofas e aseguráronlle que perdería así medio quilo por sesión. E sen dieta.
  • Pamplona: nun dos centros propúxose facer unha única comida ao día, complementándoa con complementos e batidos. O tratamento dura o que se queira pagar e quen atendía era unha ama de casa no seu propio domicilio. A pesar de que o paciente estaba no seu peso, aconselloulle perder ata 12 quilos.
  • San Sebastián: nun dos centros suxeriuse un tratamento con produtos substitutivos de comidas que achegaban menos calorías ca os alimentos comúns, sen facer referencia ningunha á reeducación dos hábitos alimenticios.
  • Santander: nun dos establecementos visitados comentáronlle ao paciente que se debía someter a unha liposucción como primeira fase do tratamento, cando en realidade se atopaba nun peso axeitado para a súa idade, sexo e talle.
  • Sevilla: nun dos centros da cidade diagnosticóuselle ao cliente un exceso de peso, cando en realidade padecía unha obesidade importante.
  • Valencia: un dos centros analizados propuxo unha dieta moi estrita acompañada da toma de “produtos estrela””. Noutro dos establecementos desta cidade o tratamento baseouse en produtos que substituían comidas, o que non é un tratamento personalizado nin correcto. Ademais, obviouse a reeducación dos hábitos alimentarios.
  • Valladolid: nun establecemento comentouse que con sesións de crioterapia a persoa podía chegar a queimar ata 1.500 calorías por sesión, algo que carece de todo fundamento. Outro dos centros baseaba o seu tratamento en infiltracións, que, en teoría, desfán os nódulos de graxa que se expulsan polos ouriños. Isto carece de todo rigor científico. Ademais, suxeríronlle perder 29 quilos en só 10 semanas, un ritmo excesivo e prexudicial para a saúde.
  • Zaragoza: nun dos centros diagnosticaron “retención de líquidos” sen realizar estudo ningún.

Táboas comparativas

Como podemos saber se nos sobra peso?

O Índice de Masa Corporal (IMC) é a referencia máis utilizada para determinar onde se sitúa o límite do exceso de peso. Só é válido para adultos de máis de 25 anos de idade. Deriva de aplicar a seguinte fórmula:

IMC (Kg/m2) = PESO (Kg) / [ TALLE (m) x TALLE (m)]

IMC Resultados
< 18,5 Peso insuficiente
18,5 – 24,9 Peso axeitado (Normopeso)
25,0 – 26,9 Exceso de peso grao I
27,0 – 29,9 Exceso de peso grao II (Preobesidade)
30,0 – 34,9 Obesidade tipo I (Leve)
35,0 – 39,9 Obesidade tipo II (Moderada)
40,0 – 49,9 Obesidade tipo III (Mórbida)
> 50 Obesidade tipo IV (Extrema)

EXEMPLO: O IMC dunha muller de 35 anos, que mide 1,66 metros e que pesa 64 quilos, obtense así:

64/1,66 x 1,66= 23,19

Polo tanto, e a teor dos parámetros da táboa, estaría dentro do peso axeitado. En calquera caso, hai que recalcar que este método non se pode empregar de maneira illada para o diagnóstico.

Considérase que existe exceso de peso cando a cantidade de graxa do corpo é superior ao desexable. E posto que esta fórmula non considera a graxa, debe contrastarse con outras medicións para valorar se efectivamente o paciente necesita ou non perder peso, así como a cantidade total de quilos.