Centros de día

Calidade asistencial mellorable e carencia de prazas

Os equipamentos de atención diúrna de persoas dependentes logran unha cualificación notable, pero o 60% teñen listas de espera e dous de cada dez suspende
1 Xaneiro de 2007
Img temap 267

Calidade asistencial mellorable e carencia de prazas

/imgs/20070101/img.tema-portada.01.jpg Un de cada seis españois, case sete millóns e medio de persoas, superan a barreira dos 65 anos, segundo os datos máis recentes do IMSERSO. O progresivo avellentamento dos cidadáns españois redundou nun crecemento progresivo da poboación dependente, que se estima en máis de 1.125.000 persoas que non se valen por si mesmas na vida cotiá por padeceren unha diminución severa ou total das súas capacidades físicas ou mentais, o que xera a necesidade de axuda constante de familiares ou coidadores para se vestiren, comeren, se desprazaren…

A opción das residencias está moi limitada pola escaseza da oferta. En España só hai 3,71 prazas en centros residenciais (privados ou públicos) por cada cen persoas maiores de 65 anos (dato do IMSERSO, 2006) e a maioría, especialmente as de carácter público, reciben ao solicitante con longas e desalentadoras listas de espera.

Os centros de día constitúen unha alternativa de atención cotiá aos maiores dependentes. Na actualidade, están rexistrados preto de 1.703 centros de día (dato do IMSERSO, ano 2005) para maiores dependentes que contan con preto de 40.000 prazas e que acollen a persoa dependente durante o día (normalmente de 8.00 a 19.00 horas), de luns a venres -nalgúns centros tamén fins de semana e festivos-. O servizo céntrase en coidados persoais, manutención, asistencia médica, rehabilitación, actividades físicas, de lecer e tempo libre e, na maioría dos casos, inclúe o transporte do domicilio ao centro. Este modelo de establecemento asistencial é un dos eixes sobre os que pivotará a recentemente aprobada Lei de Dependencia.

/imgs/20070101/img.tema-portada.02.jpg Debido á súa relevancia, CONSUMER EROSKI estudou 134 centros de día para persoas maiores dependentes situados na Coruña, en Álava, Alacante, Asturias, Barcelona, Cantabria, Córdoba, Granada, Guipúscoa, Madrid, Málaga, Murcia, Navarra, Sevilla, Valencia, Valladolid, Biscaia e Zaragoza. Ademais, fíxoselles unha enquisa aos responsables de cada centro co fin de obter a máxima información sobre os servizos e a atención asistencial, a información ao usuario, os prezos e a seguridade e accesibilidade dos centros. Destes, 46 eran públicos, 49 privados e 39 de titularidade concertada. Ademais, técnicos de CONSUMER EROSKI, en calidade de clientes ficticios -alegaban que querían ingresar a un familiar- visitaron, durante o pasado mes de outubro cada un dos centros de día para comprobar sobre o terreo o estado das instalacións e a súa conservación, a luminosidade, o espazo hábil dispoñible para os maiores (zonas de paseo, amplitude das dependencias do centro), a limpeza, a seguridade e accesibilidade das instalacións.

O balance dos resultados obtidos, tanto na observación directa como na recompilación da enquisa aos centros, é positivo, cunha cualificación media de 7,3 puntos sobre 10 e cunha mellora con respecto ao recollido nun informe similar elaborado por CONSUMER EROSKI no 2002. Así e todo, aínda se manteñen carencias importantes. Malia o bo nivel global, dous de cada dez establecementos suspende por unha dotación insuficiente de persoal médico e especialista e seis de cada dez centros de día acumulan listas de espera, especialmente nos de titularidade pública (un 87%) e nos centros con prazas concertadas (un 74%), fronte a un 22% entre os privados. Dos que sofren esta limitación, a media sitúase en 14 persoas, pero atopáronse nove centros con listas de máis de 30 persoas. Unha das conclusións máis relevantes do estudo é que os centros de día públicos, amais de seren moito máis baratos son algo mellores ca os privados (7,8 puntos fronte aos 7,4 puntos e 6,7 puntos dos concertados).

Calidade asistencial, materia pendente

/imgs/20070101/img.tema-portada.03.jpg Entre os principais elementos que cómpre mellorar, destaca a gran proporción de suspensos (un 33%) na súa calidade asistencial (a medible, porque a afabilidade, o respecto e o cariño no trato son dificilmente obxectivables nos máis dos casos), un dos aspectos cruciais destes centros e no que se constataron, a teor dos datos facilitados, deficiencias en dotación e cualificación de persoal.

Un parámetro que fala da calidade dun centro de día é a súa dotación en persoal de asistencia directa (médicos, psicólogos, enfermeiros, auxiliares, xerocultores, etc.). A dotación neste sentido é deficiente, xa que só seis de cada dez dispoñen dun profesional de atención directa para un máximo de seis usuarios, un grao de atención aconsellable segundo os especialistas entrevistados. Esta ratio cúmprese en maior medida nos centros públicos (74%), mentres que nos privados esta circunstancia só se dá en algo máis da metade dos centros consultados (56%) e na metade dos concertados. Só un de cada tres centros de día analizados conta con cobertura médica permanente, cifra moi similar á do informe do 2002 e unicamente en tres de cada dez unidades de estancia diúrna dispoñen de médicos especializados en xeriatría (32%), a especialidade idónea.

/imgs/20070101/img.tema-portada.04.jpg Un 35% carecía de fisioterapeutas especializados e un 7% dos centros, a pesar de dispoñer deste servizo, non contaban cunha sala específica adaptada para este fin. Ademais, un 53% utilizan para as curas a mesma consulta médica, cando o recomendable é dúas salas (e, segundo os expertos, se son contiguas mellor): unha orientada exclusivamente ás curas e outra para as consultas médicas.

Só un 16% dos centros informan mensualmente e por escrito os familiares dos usuarios sobre a súa evolución (incidencias, programación de actividades, etc.). Segundo aseguraron expertos en xerontoloxía e xeriatría consultados por CONSUMER EROSKI, o ideal, sempre considerando a situación e grao de dependencia de cada usuario, é realizar un seguimento personalizado mensual ou semestral. Case catro de cada dez (un 37%) centros non dispoñen de zonas propias de esparexemento e tampouco contan con parques a unha distancia inferior a 250 metros.

Seguridade mellorable e limpeza notable

En liñas xerais, todos os centros, segundo o exame dos técnicos de CONSUMER EROSKI, ofrecen un estado moi satisfactorio de limpeza, luminosidade e amplitude das súas instalacións, aínda que nun 12% se atoparon problemas de conservación relativos ao mobiliario (mobles excesivamente vellos ou estancias con necesidade de reformas). O balance positivo esténdese ás medidas de seguridade, un apartado transcendental en equipamentos que acollen persoas maiores con incapacidades físicas e mentais e que mellorou nalgúns aspectos dende a publicación do anterior informe no 2002. Non obstante, hai salvidades: mentres que todos os centros privados e concertados e un 94% dos públicos dispoñen dun plan de emerxencia ben deseñado (tal e como se esixe nas diferentes lexislacións autonómicas), máis da metade dos centros observados (un 54%) recoñecen non realizar nunca un simulacro de incendio (dato similar ao do 2002). Hai catro anos, un 15% dos centros consultados non posuía un sistema de detección de incendios, proporción que na actualidade baixou ao 9%, cantidade aínda mellorable.

Ben en servizos

Nas comidas, un aspecto de grande importancia, os centros de día tamén saen ben parados. O 95% aseguran ofrecer unha dieta axeitada ás necesidades dietéticas concretas dos usuarios (tan numerosas nesta poboación de elevada idade). Así, o 94% dispón de dietas específicas para diabéticos, en case tres de cada dez hai dietas vexetarianas, no 63% contan con dietas para aqueles que sofren problemas de deglutición e no 17% para os que padecen de hipertensión.

CONSUMER EROSKI visitou os centros e observou que no 90% das instalacións, os comedores eran espazosos e amplos abondo. No apartado de reclamacións e suxestións, a pesar de que a Lei fai mención á obrigatoriedade dun mecanismo que recolla as suxestións de usuarios e familiares, o 65% dos centros non contaba con este servizo, feito máis que denunciable (no 2002 a cifra era do 17%).

Só un 17% dos centros abren as súas portas os sábados e domingos co fin de implicarse ao máximo e atender a demanda dos familiares de usuarios que padecen algún tipo de dependencia, e un 10% abren só os sábados. Doutra banda, un 42% dos centros de día pecha nalgunha época do ano, como días festivos ou durante as vacacións estivais (mes de agosto fundamentalmente).

Transporte adaptado: un investimento caro pero preciso

/imgs/20070101/img.tema-portada.05.jpg No 2002 a metade dos centros de día consultados carecían de servizo de transporte propio, pero neste estudo púidose constatar que o 13% dos centros non contan con transporte adaptado (mediante elevadores, guindastres, ramplas, etc.), un elemento básico para persoas con problemas de mobilidade reducida, como é o caso dos maiores dependentes. Ademais, en case un de cada catro centros con transporte, os maiores van nos autobuses só co chofer, sen persoal sanitario ou doutra índole que os acompañe nos seus desprazamentos.

No tocante aos custos de transporte, cómpre salientar que dous de cada tres centros inclúen as tarifas do transporte na mensualidade, mentres que o resto o cobran á parte. O prezo medio rexistrado nos centros privados consultados é de 125 euros ao mes: as medias máis caras, en Madrid (260 euros), Barcelona (240 euros) e Cantabria (220 euros ao mes) e as máis baratas en Valencia e Valladolid (60 euros ao mes), Zaragoza (70 euros mensuais).

Podoloxía e salón de peiteado

/imgs/20070101/img.tema-portada.06.jpg A podoloxía e o salón de peiteado son os servizos “estrela” dos centros de día. No caso particular da podoloxía, son moitos os maiores e familiares que lle conceden grande importancia a esta prestación, debido aos frecuentes problemas relacionados cos pés que sofren as persoas de avanzada idade. Uns servizos que normalmente se cobran á parte, nun 85% dos centros no caso do servizo de podoloxía, e nun 94% no caso do salón de peiteado. Os prezos medios oscilan entre os 8 euros por un servizo de salón de peiteado e os 12 euros polo de podoloxía, sen que se aprecien diferenzas significativas entre os públicos, privados e concertados. Así e todo, atopáronse centros onde, por exemplo, o servizo de salón de peiteado chega a custar ata 23 euros, como nalgún centro de día de Navarra e ata 50 euros en Málaga polo servizo de podoloxía.

Accesi- bilidad e, mellorable

Case todos os centros contan con baños xeriátricos, cunha media de tres baños por centro. Ademais, o 94% dos centros de día están ben adaptados (pódese acceder ao centro cunha cadeira de rodas, escaleiras salvadas por ramplas, etc.). Non obstante, catro de cada dez centros visitados non posúen accesos ben habilitados nas diferentes dependencias do complexo que así o requiren (ramplas ou ascensores no interior do edificio). Ademais, só no 54% dos centros se atoparon barras para asirse distribuídas por todo o recinto, moi importantes para evitar caídas non desexables. Ademais, un 6% dos centros visitados non dispuñan de aseos adaptados debidamente sinalizados.

Valoración global

En xeral, as notas finais, baseadas nos resultados recollidos polos técnicos de CONSUMER EROSKI na súa análise in situ e pola información facilitada polos responsables dos centros, son bastante satisfactorias (oscilan entre ben e moi ben), aínda que se observan diferenzas entre provincias. No apartado de servizos a media é de ben-moi ben, aínda que os centros da provincia de Granada suspenden. O eido no que peores cualificacións se rexistran é na atención asistencial: a valoración media non pasa dun aprobado. As provincias que non aproban son A Coruña, Cantabria, Guipúscoa, Sevilla e Zaragoza, que deben conformarse cun regular. Os mellor dotados a nivel asistencial son os de Madrid, Murcia, Navarra e Valladolid (valoración de moi ben). No tocante ao estado de limpeza e conservación dos centros, todas as provincias reciben valoracións moi positivas, agás A Coruña e Granada, que se conforman cun aceptable por mor das carencias atopadas nalgún centro de día visitado (mobiliario vello, asentos escasos e gastados polo uso, chans e paredes lixadas, etc.).

En definitiva, os centros que mellor parados saen son os de Álava, Alacante, Madrid, Murcia, Navarra e Valladolid (media de moi ben).

Canto custan os centros de día?

/imgs/20070101/img.tema-portada.07.jpgA media mensual sitúase nos 508 euros por usuario. Nos centros privados a media ascendeu a 638 euros, case o dobre do que cobran de media os centros de titularidade pública (336 euros). Algo menos cobran os concertados: 473 euros. Pódese concluír que os centros de día na actualidade son relativamente caros en comparación cos prezos das residencias, xa que, segundo publicou CONSUMER EROSKI no 2005 (ver estudo de Residencias da Terceira Idade), a media do que hai que pagar en residencias privadas foi de 1.342 euros ao mes, mentres que nas públicas foi de 956 euros mensuais. Ademais, no caso dos centros de día, como se viu anteriormente, os prezos de servizos como podoloxía ou salón de peiteado e o transporte nos centros privados non están incluídos na tarifa mensual, polo que o gasto para as familias é aínda maior. Cómpre mencionar os casos particulares dos centros privados de día situados en Guipúscoa (un centro), Navarra (un centro), Málaga (dous centros) e Barcelona (catro centros) que cobraban arredor de 900 euros ao mes, case como unha residencia, chegando a duplicar a media do estudo.

10 respostas que axudan a acertar co Centro de día

1. Que é un centro de día?

Os centros de día son establecementos que prestan, durante o día, atención integral e individualizada ás persoas maiores que teñen problemas de dependencia, ben de tipo físico ou psicosocial. Este programa non residencial permítelle ao ancián durmir na súa casa. Algunhas comunidades autónomas dotaron a estes centros dunha denominación distinta (como o caso de Andalucía) e alí coñécense como Unidades de Estancia Diúrna.

RECOMENDACIÓN: Infórmese de se hai algún centro de día no seu concello – ou o máis próximo posible a el – que se adapte ás súas necesidades. Elixa un centro próximo a onde viva a súa familia ou as súas amizades.

2. Cal é o obxectivo dos programas de estancia diúrna?

Mellorar ou manter o nivel de autonomía persoal da persoa maior e apoiar á familia ou aos coidadores que afrontan a tarefa de atendelos, así como favorecer a súa compatibilidade laboral. Deben facer posible que os vellos, ademais de seren atendidos, poidan gozar do seu tempo libre.

RECOMENDACIÓN: Comprobe que os servizos que lle ofrece un centro de día cobren as súas necesidades e coñeza as demais alternativas. Fale cunha asistenta social para que o oriente.

3. Cales son os requisitos para acceder a estes centros?

  • A idade que determine cada autonomía (arredor dos 60-65 anos).
  • Estar empadroado no concello ou comunidade autónoma onde se solicite.
  • Non padecer enfermidades infecto-contaxiosas ou crónicas en estado terminal. Algunhas administracións restrinxen o acceso aos que padezan enfermidades mentais ou trastornos de conduta que poidan alterar gravemente a convivencia do centro; non é o caso dos centros psicoxeriátricos especializados en certas doenzas como as demencias ou o Alzheimer.
  • Acreditar a necesidade de axuda económica, persoal ou da unidade familiar.

RECOMENDACIÓN: Evite xestións e desprazamentos innecesarios. Chame por teléfono: pregunte cales son as condicións de acceso, que documentación ten que achegar, cal é a lista de espera (en caso de que exista) e pida cita previa en caso necesario.

4. De quen dependen?

Os centros de día poden ser de titularidade pública, privada ou concertada. Os primeiros son xestionados polas Administracións autonómicas ou locais, mentres que os privados os xestiona unha Entidade ou un particular. No caso dos concertados, combinan a titularidade privada con certas prazas públicas, e estas réxense polas mesmas condicións ca os centros públicos.

5. Tipos de centros de día

  • No tocante á titularidade: públicos, privados e concertados.
  • En función dos seus usuarios: centros para válidos, para asistidos, centros mixtos (que atenden tanto a válidos como a persoas con algún grao de dependencia) e os psicoxeriátricos. Estes últimos diríxense a persoas con certos problemas psíquicos (como o Alzheimer).
  • Pola modalidade asistencial do centro de día: laboral, continuos ou de fins de semana e festivos.

RECOMENDACIÓN: Se está interesado/a nalgún centro en particular, visíteo detidamente antes de tomar unha decisión. Comprobe que o centro está autorizado. Lea detidamente o Regulamento Interno e o Contrato de Admisión.

6. Que servizos se ofrecen?

Os máis habituais son os servizos de atención personalizada, de enfermería, de restauración, de asistencia social, de terapia ocupacional e fisioterapia e de animación sociocultural. Amais destes, hai outros servizos, nalgúns casos opcionais, que ofrecen os centros de día españois: servizo de transporte, salón de peiteado, podoloxía, capela…

RECOMENDACIÓN: Asegúrese de que o centro dispón de persoal abondo, coa titulación esixida e coa experiencia necesaria.

7. Mínimos materiais dos centros?

A maior parte dos centros de día contan cunha recepción e mobiliario de gardarroupa, zona de comedor, área de actividades, aseos adaptados ás necesidades dos maiores e ao paso dunha cadeira de rodas. O baño xeriátrico, por outra parte, non é obrigatorio en todas as CCAA e nalgúns págase unha tarifa extra por cada uso. Os materiais deben ser antiesvaradíos e bos de lavar.

Esíxeselles a todos os centros unha climatización e ventilación axeitada, e mais deben dispor de sistemas de calefacción e de auga quente. A iluminación é outro dos aspectos que contempla a normativa autonómica, xunto coa decoración; perséguese un ambiente natural e agradable.

Doutra banda, contar con iluminación de emerxencia, cunha boa sinalización de todas as dependencias e que exista polo menos un teléfono á disposición dos usuarios, son outros dos mínimos requiridos nestes establecementos. No tocante ao mobiliario, debe ser seguro para os maiores, cómodo, que permita o acceso con cadeira de rodas, duradeiros e cun mantemento axeitado.

RECOMENDACIÓN: Pida que lle ensinen as diferentes áreas do centro de día, comprobe que son amplas, que teñen unha ventilación e iluminación abonda e que dispoñen de aseos completos. Comprobe tamén que todas as dependencias dispoñen dunhas condicións de hixiene e salubridade extremas.

8. Horarios

Os vellos poden permanecer no centro de día unha media de 11 horas diarias (de 8.00 horas a 19.00 horas).

RECOMENDACIÓN: Pregunte se pode visitar ao seu maior durante a súa estancia diúrna e cal é o horario no que pode facelo.

9. Prezos

En moitos dos centros de día a tarifa mensual varía en función do nivel de dependencia dos maiores (a media mensual dun centro de día sitúase nos 508 euros mensuais: 336 euros nos públicos, 473 euros nos concertados e 638 euros nos privados). Neste prezo inclúese a atención básica ao usuario (alimentación, servizo médico e atención asistencial). Nos privados non se inclúe o transporte adaptado, e tanto nos privados como nos públicos e nos concertados os servizos catalogados como “extra” (podoloxía, salón de peiteado…) van á parte.

RECOMENDACIÓN: Solicite información sobre os servizos incluídos e excluídos no prezo. Lembre tamén que pode ter dereito a subvencións e axudas de diverso tipo, de modo que as consulte.

10. Calidade dos centros

Trátase, na medida do posible, de facer sentir a persoa como na súa propia casa e de axudala nas súas actividades da vida cotiá coma e mais na súa interacción con outros membros.

RECOMENDACIÓN: Interésese por aspectos do centro como os sistemas de emerxencia, o plan semanal de comidas (que sexa completo, variado, adaptado e supervisado polo médico), as vías de comunicación cos familiares, as actividades que se realizan cos maiores, os servizos de rehabilitación, etc.