Estudo sobre o consumo e o gasto en azucre e edulcorante da poboación española a partir de datos do Panel de Consumo Alimentario do MAPAMA

Azucre e edulcorantes, o poder do doce

Cada cidadán toma ao día un 22 % do consumo máximo recomendado de azucre (50 gramos) e un 67 % da inxestión diaria admitida de edulcorantes (unha media de 0,93 gramos nun adulto cun peso de 70 kg)
1 Marzo de 2017
Img tema de portada listado 230

Azucre e edulcorantes, o poder do doce

Cada cidadán pagou 4,28 céntimos de euro por cada dose máxima recomendada de azucre e unha media de 1,03 céntimos pola de edulcorante

O sabor doce atráenos e á gran maioría resúltanos moi difícil prescindir del. Segundo a Asociación Internacional de Edulcorantes, os seres humanos temos unha preferencia innata polo sabor doce que, ademais, inflúe no seu comportamento.

No entanto, tamén é certo que a poboación cada vez se preocupa máis pola súa saúde e que se cuestiona, en ocasións con certa esaxeración, certos alimentos. É o caso do azucre, cuxo abuso na alimentación occidental está demostrado que ameaza a saúde. De feito, a Organización Mundial da Saúde (OMS) reduciu o seu consumo recomendado diario a 50 gramos ao día.

Malia todo, somos incapaces de renunciar a ese sabor doce que tanto nos atrae. E aquí entran en xogo os edulcorantes acalóricos ou baixos en calorías, uns aditivos alimentarios que teñen un poder adozante moi superior ao da sacarosa ou do azucre común. A súa principal vantaxe é que achegan moi poucas calorías, ou ningunha, e que non inflúen nos niveis de azucre no sangue, ademais de que permiten controlar a carie dental.

Desde o seu nacemento, os edulcorantes foron obxecto de debate entre aqueles que os cren prexudiciais e quen mantén que o seu consumo é seguro. A Fundación Vasca para a Seguridade Alimentaria, Elika lembra que o uso de edulcorantes artificiais está regulado e que todos os que están autorizados foron avaliados polas autoridades de Seguridade Alimentaria, que fixaron inxestións diarias adecuadas para cada un deles. Por tanto, a súa inxestión moderada non causa problemas de saúde.

Con todo, tal e como sentenciaba o nutricionista Julio Basulto nunha entrevista realizada en 2015 no programa radiofónico Ser consumidor, nin o azucre é veleno nin os edulcorantes artificiais son a panacea, e ao revés.

O estudo

EROSKI CONSUMER quixo estudar o consumo e o gasto actual que realiza a poboación española en edulcorantes e azucre. Para iso, durante o pasado mes de febreiro analizáronse os últimos datos de consumo nos fogares de azucre e edulcorantes publicados no Panel de consumo do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama). En concreto, estudouse a cantidade ou volume (en miles de kg), o consumo e gasto per cápita e o prezo medio do quilogramo entre xullo de 2013 e xullo de 2016.

Segundo o Mapama, dentro da categoría de edulcorantes incluíuse a sacarina e outros aditamentos químicos que proporcionan sabor doce, xa sexa en pastillas ou comprimidos, líquido, granulado etc. Ao descoñecer o resto de aditamentos químicos utilizados, ademais da sacarina, neste estudo tomáronse como referentes os edulcorantes sen calorías ou baixos en calorías máis consumidos en Europa, segundo a revista Nutrición hospitalaria, que son o acesulfame K, o aspartamo, o ciclamato, a sacarina, a sucralosa e o glicósido de esteviol ou estevia.

Outro aspecto fundamental que convén ter en conta nesta investigación é que os datos publicados polo Mapama tan só teñen en conta as cantidades de azucre e edulcorante externas que adquire a poboación española. Déixanse a un lado os produtos procesados que levan incorporados ambos os alimentos (galletas, caramelos, chocolates, refrescos, marmelada etc.).

E é que, nas últimas décadas, a maioría do azucre e do edulcorante que se inxire provén do que lles engade a industria alimentaria aos alimentos procesados. Aínda que a Enquisa nacional de inxestión dietética española (ENIDE) estima que un 20 % da inxestión dos españois procede dos hidratos de carbono denominados azucres (azucre, chocolate e derivados, bebidas non lácteas e miscelánea), descoñécese a cantidade concreta de azucre e edulcorante que inxire a poboación de maneira externa e interna.

Non existe un estudo que analice, por exemplo, a inxestión de azucre, a pesar de que é unha petición realizada por varios sectores; entre eles, o Instituto de Estudos do Azucre e a Remolacha (IEDAR). Segundo a súa directora, Isabel Vasserot, levan moitos anos pedíndolle ao Goberno que faga un estudo de inxestión de azucre. Tan só dispoñemos de datos da produción da industria e o azucre ten moitos usos que non son o uso alimentario. Ao parecer, a Fundación Española da Nutrición (FEN) vai publicar proximamente un estudo respecto desta cuestión.

Resultados principais

Conclusións principais

Cada cidadán no noso país consumiu 11,07 gramos de azucre ao día e 0,36 gramos de edulcorante entre xullo de 2015 e xullo de 2016. Isto supón o 22 % do recomendado para o azucre e o 67 % do admitido de edulcorante. E estas cifras non teñen en conta os produtos procesados que inclúen azucre ou edulcorante entre os seus ingredientes.

O doce ten, por tanto, un papel fundamental na nosa alimentación, sexa no formato que sexa. Cústanos renunciar a el. Pero os expertos nutricionistas alertan a poboación de que o consumo de alimentos doces está a desprazar o dos produtos saudables. Falan mesmo dunha adicción ao doce.

Doutra banda, tamén destaca o económico que é comprar azucre e edulcorante. Entre 2015 e 2016, cada persoa apenas gastou 4,28 céntimos de euro por cada 50 gramos de azucre (o máximo recomendado pola OMS) e 1,03 céntimos por 0,93 gramos de edulcorante (a media admitida pola EFSA nun adulto de 70 kg).

Importancia do poder adozante

O azucre e o edulcorante non adozan dunha maneira proporcional, polo que a investigación quedaría incompleta se só se tivese en conta o peso. E é que é fundamental ter en conta o número de veces que os edulcorantes superan en dozura o azucre, o que se denomina “poder adozante”.

Se atendemos aos edulcorantes sen calorías ou baixos en calorías escollidos para esta análise (son os máis consumidos en Europa segundo a revista Nutrición hospitalaria), o seu poder adozante con respecto ao azucre distribúese da seguinte maneira:

  • O acesulfame K e o aspartamo son 200 veces máis potentes.
  • O ciclamato é entre 30 e 50 veces máis potente.
  • A sacarina é entre 300 e 500 veces máis potente.
  • A sucralosa é 600 veces máis potente.
  • A estevia é entre 200 e 300 veces máis potente.

Con todo, máis alá das unidades de dozura, utilizáronse as recomendacións de consumo máximo de azucre e de edulcorante establecidas polos diferentes organismos de saúde autorizados, como unidades de medida máis clarificadoras e proporcionais á hora de realizar unha análise:

  • Azucre: un máximo ao día de 50 gramos (límite instaurado pola OMS).
  • Edulcorantes: unha inxestión diaria admisible (IDA) de 9 mg por quilogramo de peso corporal de acesulfame K, 40 mg de aspartamo, 7 mg de ciclamato, 5 mg de sacarina, 15 mg de sucralosa e 4 mg de estevia (valores máximos decretados pola Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA nas súas siglas en inglés). Se se ten en conta que 70,2 kg é o peso medio dun adulto maior de 15 anos (segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística, INE), a IDA dos edulcorantes seleccionados para esta análise será: 0,63 g de acesulfame K, 2,8 g de aspartamo, 0,49 g de ciclamato, 0,35 g de sacarina, 1,05 g de sucralosa e 0,28 g de estevia.

Consumo do doce

Volume consumido

Os fogares españois consumiron, entre xullo de 2015 e xullo de 2016, un volume total de 4524.410 kg de edulcorante e de 180.294.310 kg de azucre. É dicir, que cada día se inxeriron aproximadamente 12.000 kg de edulcorante e 493.000 kg de azucre.

A primeira vista, as diferenzas entre ambos os produtos son moi amplas. En concreto, o volume de consumo de azucre en España é case 40 veces maior ca o do edulcorante. Ademais, en tres anos a evolución de ambos os tipos de alimentos foi dispar. Por unha banda, o volume consumido de azucre diminuíu un 13 %, mentres que o do edulcorante aumentou un 11,7 %.

Por comunidade autónoma, Andalucía e Madrid son os dous territorios onde máis volume de azucre (a primeira) e de edulcorante (a segunda) se consumiu en total (arredor do 16 % en ambos os casos). No lado oposto, atópanse os rioxanos, os cántabros e os navarros, que roldan o 1 % do volume total de azucre e de edulcorante consumido en España.

Consumo por persoa

Entre xullo de 2015 e xullo de 2016, cada persoa consumiu 11,07 gramos de azucre ao día e 0,36 gramos de edulcorante ao día. É dicir, en peso, consómese 31 veces máis azucre ca edulcorante. E, en tres anos, a evolución do consumo de azucre foi negativa (un -12 %), aínda que respecto do edulcorante non se produciron movementos.

Así pois, nun día, coa cantidade de azucre consumido (11,07 gramos ao día), cada español inxeriu 11 unidades de dozura (1 gramo de sacarosa ten un poder adozante de 1), mentres que cos apenas 0,36 gramos de edulcorante inxeríronse entre 14 e 214 unidades de dozura; 14 se se tratase de ciclamato, 71 de acesulfame k ou aspartamo, 89 de estevia, 142 de sacarina ou 214 de sucralosa.

Tendo en conta as cantidades de consumo máximas recomendadas, os 11,07 gramos consumidos ao día por cada cidadán supoñen un 22 % da inxestión diaria de azucre recomendada pola OMS. A iso hai que lle engadir os 0,36 gramos de edulcorante inxeridos por cada cidadán, que supoñen o 56 % da IDA de acesulfame k, o 13 % da de aspartamo, o 73 % da de ciclamato, o 102 % da de sacarina, o 34 % da de sucralosa e o 127 % da de estevia (en función do edulcorante que se tome).

Atracción polo sabor doce

Estes datos de consumo evidencian que nos custa concibir a nosa alimentación sen o sabor doce. Este está moi presente na nosa alimentación, xa sexa en forma de azucre ou como edulcorante. E iso que na análise non se inclúen os azucres e os edulcorantes engadidos aos produtos envasados.

Segundo María Colomer, dietista-nutricionista do Comité Asesor da Academia Española de Nutrición e Dietética, o doce é un sabor que á maioría das persoas nos resulta agradable e gústanos experimentar o agradable cantas máis veces mellor. Asegura, mesmo, que xa se empeza a falar de adicción ao sabor doce. De feito, engade que o sabor doce, veña do azucre ou veña dun edulcorante, incrementa o apetito e ten un efecto de retroalimentación; é dicir, canto máis sabor doce máis doce queremos.

Os edulcorantes baixos en calorías ou sen calorías parécennos a opción máis viable á hora de evitar as calorías dos produtos azucrados. De feito, o nutricionista Julio Basulto lembraba na entrevista radiofónica a conveniencia de substituír o azucre por un edulcorante artificial no caso de estar tomando moita cantidade de azucre e ter carie e exceso de peso, aínda que tamén afirma que outra cousa é atribuírlle a ese edulcorante a máxica capacidade de adelgazar ou de curar unha diabetes, cousa que non fai ningún deles.

Segundo Colomer, confúndese saudable con achega ou non de calorías e a achega de máis ou menos calorías non fai que un alimento sexa máis saudable. Que nutrientes nos proporcionan o azucre ou os edulcorantes? Ningún que teña unha importancia para a saúde. Por tanto, non podemos dicir que un edulcorante sexa máis saudable ca o azucre.

Neste sentido, Colomer lembra que o que nos debe preocupar, sobre todo, é se o consumo de alimentos doces cunha baixa achega nutricional despraza o consumo de alimentos saudables, e parece que é así. Así que non só non teñen un valor nutricional, senón que dificultan que o resto da alimentación o teña.

Pola súa banda, Basulto asegura que existen estudos científicos que observan que a xente que toma a miúdo edulcorantes artificiais e bebidas lixeiras acaba engordando por dúas razóns, a primeira é que é xente que adoita engordar co tempo, a pesar de tomar o edulcorante artificial, e a segunda é que estes edulcorantes ou aditivos son moi doces. Cando alguén toma habitualmente unha bebida lixeira que está moi doce, a froita e a verdura non lle saben a nada porque o seu padal necesita cantidades máis elevadas de alimentos doces para sentirse saciado.

Info ga

Desembolso polo doce

Gasto por persoa

Cada español gastou 3,46 euros en azucre e 1,44 euros por cada quilo de edulcorante entre xullo de 2015 e xullo de 2016. De novo, a primeira vista, repítense as amplas diferenzas entre ambos os alimentos; o diñeiro investido en azucre é 2 veces maior ca o desembolsado en edulcorante.

Por comunidades, o gasto en azucre foi maior na Rioxa (5,20 euros) e menor en Canarias (2,2 euros). En canto ao edulcorante, o desembolso máximo por persoa realizouse en Aragón (1,95 euros), mentres que o menor realizouse en Castela e León e Estremadura (menos de 1 euro).

A evolución en tres anos do gasto por cidadán tendeu á baixa en canto ao azucre (descendeu un 26 %) e aumentou en edulcorante (13 %).

Pero, de novo, é importante ter en conta que o uso que se realiza dun e doutro alimento é ben diferente debido ás súas potencias adozantes. Convén lembrar que os edulcorantes son moito máis potentes ca o azucre. Por tanto, para este estudo analizouse o investimento dos cidadáns na cantidade máxima recomendada de azucre e IDA de edulcorantes.

Así, cada cidadán pagou 4,28 céntimos de euro por cada 50 gramos de azucre, mentres que o desembolso por cada IDA de edulcorante variaba e sitúase entre os 3,10 e 0,31 céntimos: 3,10 céntimos en aspartamo, 1,16 en sucralosa, 0,70 en acesulfame k, 0,54 en ciclamato, 0,39 en sacarina e 0,31 en estevia. Como se pode observar, o desembolso é moi reducido en ambos os casos. É dicir, adozar custa moi pouco.

Prezo do quilogramo

O prezo medio do quilo de azucre situábase en 0,85 euros entre xullo de 2015 e xullo de 2016, mentres que o do edulcorante era case 17 veces maior (14,21 euros). En tres anos, o prezo do quilo de azucre diminuíu un 17 %, mentres que o do edulcorante non se moveu.

Cataluña, País Vasco e Madrid teñen a media do prezo do azucre máis caro (custou máis de 0,90 euros o quilo), mentres que Castela e León e Canarias teñen o máis barato (por debaixo dos 0,80 euros). En canto ao edulcorante, A Rioxa e Cantabria contan co prezo máis oneroso (ao redor dos 22 euros) e Madrid, Murcia e Navarra o máis económico (ao redor dos 11 euros).

De novo, realizouse unha análise do custo medio tendo en conta o consumo máximo diario e a IDA que debe facerse do azucre e do edulcorante, respectivamente. Por tanto, os 50 gramos de azucre teñen un prezo medio de 4,25 céntimos de euro, mentres que as diferentes IDA dos edulcorantes máis consumidos en Europa se sitúan entre os 3,98 e os 0,40 céntimos de euro: 3,98 céntimos en aspartamo, 1,49 en sucralosa, 0,90 en acesulfame k, 0,70 en ciclamato, 0,50 en sacarina e 0,40 en estevia.