Telefonía móbil

Avecíñanse cambios espectaculares

É probable que moitos dos nosos lectores formen xa parte dese enorme grupo constituído polos 18 millóns de clientes de telefonía móbil que se contabilizan xa en España
1 Xuño de 2000

Avecíñanse cambios espectaculares

E se non é así, pronto o serán, a teor das expectativas xeradas arredor da terceira xeración de móbiles (UMTS), que chegará entre o 2001 e o 2003, segundo os prognósticos máis optimistas. Quen para tan sinaladas datas non posúa un móbil última xeración, dificilmente logrará manterse á marxe da revolución tecnolóxica que se aveciña e non caer na tentación de dispor dun teléfono UMTS, xa que se tan só a metade das utilidades que se adxudican a este tipo de tecnoloxía se cumpre, a vida sen eles parecerá pouco menos ca prehistórica. Mentres tanto, a transición entre a segunda (GSM) e a terceira xeración (UMTS) xa está aquí e a tecnoloxía analóxica (primeira xeración) extínguese, as tarifas telefónicas continúan variando ante o desconcerto do consumidor, discútese acerca do suposto perigo das emisións electromagnéticas destes teléfonos sen chegar a resultados concluíntes e os usuarios pregúntanse cómo puideron sobrevivir sen este aparello, algo que a estas alturas se lles antolla imposible.

España foi o primeiro país europeo que concedeu as licencias para tecnoloxía UMTS. Os operadores actuais, Telefónica, Amena e Airtel, obtiveron tres delas, e a cuarta recaeu en Xfera, que non poderá prestar servicios mediante tecnoloxía GSM e terá que esperar a que a tecnoloxía UMTS estea plenamente desenvolvida para comezar a estende-la súa rede de infraestructuras. Como avance da revolución que se vai producir na telefonía móbil, de momento chegou unha nova aplicación para celulares, denominada WAP (Wireless Aplication Protocol), que permite o acceso a Internet desde o teléfono.

GPRS, la transición

Os actuais móbiles e os de terceira xeración pouco terán en común, tanto en aspecto coma en prestacións. A modo de transición entre ámbolos dous nace a que xa se coñece en círculos especializados co nome de xeración 2,5 G ou tecnoloxía GPRS (General Packet Radio Service), que proporciona ós móbiles acceso sen fíos e seguro a Internet e a outros servicios. O usuario de telefonía móbil poderá estar así conectado á rede as 24 horas do día, pagando exclusivamente polo volume de información transferido e non polo tempo que dure a comunicación. As vantaxes de GPRS son a posibilidade de conexións instantáneas á Rede e a velocidade de transmisión de datos, moi superior á actual. Espérase que esta tecnoloxía estea comercialmente dispoñible no segundo semestre deste mesmo ano.

A Wapmanía: móbiles e Internet

A converxencia do móbil e Internet comeza a ser unha realidade. Gracias á tecnoloxía WAP, abreviatura en inglés de Protocolo de Aplicacións sen Fíos, os internautas poden xa navegar pola Rede desde o seu propio celular. Quen desexe utilizar esta nova aplicación dos GSM deberá adquirir un novo aparello que incorpore esa tecnoloxía. Sen embargo, os terminais WAP presentan algúns inconvenientes: de momento, non permiten visualiza-las páxinas web tal e como se mostran no ordenador; o seu custo inicial situarase entre as 20.000 e as 45.000 pesetas, aínda que acabará descendendo e situándose á par dos actuais teléfonos móbiles, e, finalmente, hai que sinalar tamén que, polo momento, non é posible realizar pagamentos on-line, o que supón un lastre de cara ó aproveitamento do comercio electrónico. Pero considerando a mocidade do sistema, a oferta inicial resulta bastante completa. Ademais, o funcionamento dun terminal WAP é moi sinxelo e permite recibir noticias, realizar xestións bancarias, consulta-la Bolsa, enviar e recibir correo electrónico e fax, reservar habitacións de hotel, etc.

UMTS, a tecnoloxía do futuro

Os teléfonos móbiles actuais son útiles, pero ofrecen poucas prestacións: só se empregan para falar e enviar mensaxes breves (SMS). Os UMTS (Sistema Universal de Comunicacións Móbiles), a terceira xeración de móbiles, poden converterse nunha tecnoloxía que cambie significativamente o noso modo de vida. A pesar de que aínda non se comercializan (en España a Administración espera que entren en servicio en agosto de 2001), xa se fala de revolución nas telecomunicacións: permitirán, entre outras cousas, conectar calquera aparello do fogar, enviar e recibir todo tipo de información, transmitir voz, datos e imaxes de calidade, todo iso desde calquera punto do planeta e a unha velocidade 40 veces superior á actual. Sen embargo, a principal contribución deste novidoso sistema, videoconferencias á parte, será o comercio electrónico móbil e xa se augura que substituirá a tarxeta de crédito. Polo que respecta ás tarifas, estas tamén cambiarán radicalmente de concepto. Pasarase do pagamento por minuto de comunicación ó pagamento por cantidade de información transmitida ou por capacidade de ancho de banda. Ademais, será unha tecnoloxía estándar: tódolos sistemas UMTS do mundo deberán seguir unhas normas de maneira que sexan compatibles.

A inocuidade dos móbiles, cuestionada

Ó igual que sucedeu cos fornos microondas, o suposto perigo do campo electromagnético dos teléfonos móbiles e das súas antenas repetidoras é noticia. A pesar de que se levaron a cabo numerosos estudios, polo momento non hai probas suficientes para afirmar que poidan facer periga-la saúde, pero tampouco do contrario. Os campos electromagnéticos de moi alta frecuencia, como no caso dos raios X (1.000.000 Mhz), posúen a suficiente enerxía para dana-lo material xenético das células e producir un efecto denominado ionización, que pode potencialmente causar cancro. Os teléfonos móbiles (900Mhz -1.900 Mhz) non provocan ionización, aínda que si poderían orixinar xaquecas, problemas de concentración ou perda de memoria. Respecto ás antenas repetidoras, algunhas comunidades autónomas, como a de Madrid, prevén establecer distancias mínimas de separación entre este tipo de instalacións e vivendas, dependendo da potencia das antenas. Preténdese, pois, previr uns efectos que aínda non se probaron con certeza. A falta de datos concluíntes motivou que 14 países se unan para avaliar con maior detemento o risco canceríxeno do uso destes aparellos nos órganos máis expostos ás súas emisións: cerebro, glándula salivar e nervio acústico.

O bloqueo dos terminais, unha práctica en cuestión

Os operadores de telefonía móbil practicaron unha política de subvencións dos terminais (por exemplo, regalando teléfonos a cambio de darse de alta en determinada compañía) como unha estratexia para captar clientes. E para garantir e facer rendible ese investimento, introducen un código de bloqueo, denominado SIM Lock, que impide que os teléfonos sexan utilizados con outras compañías da competencia. Os pioneiros do bloqueo foron Atril e Telefónica Móbiles. Amena nun primeiro momento adoptou a política de comercializar teléfonos libres, pero máis tarde introduciu un bloqueo nos seus terminais e unha cláusula para liberalos. Para solicita-la desactivación do SIM Lock, os clientes deste operador deben aboar catro facturas, e se se trata dun usuario da prepago, a condición será realizar un consumo mínimo de 10.000 pesetas. As condicións de Airtel e Telefónica son moi similares. A primeira, que o cliente operara co seu servicio durante polo menos un ano, e a segunda, que as súas facturas estean ó corrente de pago. No caso de que o cliente decida desbloquea-lo seu terminal sen que transcorrese o tempo de compromiso, deberá pagar 25.000 pesetas para poder desactiva-lo SIM Lock. Desbloquea-lo terminal supuña, ata o de agora, cambiar de compañía mantendo o aparello pero perdendo o número. Non obstante, a partir de 1 de xullo, será posible a libre portabilidade do número: poderemos cambiar de compañía e, á vez, conserva-lo noso número.

O roaming, comunicación sen fronteiras

Un dos principais atractivos da telefonía móbil dixital GSM é a itinerancia ou roaming: a posibilidade de realizar e recibir chamadas no estranxeiro. Para utilizar este servicio cómpre contratalo previamente (a alta é gratuíta) e que no país onde se desexe utiliza-lo móbil existan operadores telefónicos cos que se establecera o correspondente acordo de roaming. O seu funcionamento é moi sinxelo. Cando un usuario chega a un país distinto ó seu, o propio teléfono rexístrase na rede dun dos operadores do país, aínda que tamén é posible realizar esa operación de forma manual, escollendo a compañía que máis interese. Unha vez elixida a rede dun operador, poderanse enviar e recibir chamadas de voz, fax e datos sen ningún problema. Sen embargo, a comodidade págase, e cara. O usuario dun teléfono móbil non só debe aboa-las chamadas que el mesmo realice desde un país estranxeiro. Se recibe unha chamada desde España, tamén custeará o percorrido da chamada ata chegar á fronteira. Un dos problemas da itinerancia son as zonas fronteirizas, nas que se produce o chamado roaming involuntario. En poboacións próximas ás fronteiras con Portugal ou Marrocos, a rede española é substituída por outra dos países citados, porque o sinal é recibido polo teléfono con máis forza. Se efectúa entón unha chamada, pagaraa como se estivese no estranxeiro. E se soa o seu teléfono e descolga, deberá aboar tamén o tramo internacional da conferencia.

A elección máis económica

Tarxetas prepago (sen alta)

  • Chamadas provinciais sen horarios. Cando as chamadas se efectúan con orixe e destino na mesma provincia, a calquera hora do día, os sete días da semana. Airtel Fórmula Provincial: 30 ptas./min.
  • Chamadas a partir das 16:00 horas e as fins de semana. Amena Tarifa Ocio: 20 ptas./min. (De 0:00 a 8:00 horas: 10 ptas./min.)
  • Chamadas a móbiles do mesmo operador. Airtel Fórmula 20 e MoviStar Activa Club: 20 ptas./min.
  • Chamadas nacionais a outro operador. MoviLine Optima: Entre 25 e 100 ptas./min.

Contratos e servicios postpago (con alta)

  • Contrato persoal. Cando a maioría das chamadas se realizan a partir das 22:00 horas, ou as fins de semana. MoviLine Contrato Persoal: 12 ptas./min.
  • Contrato profesional. Cando o móbil é unha arma de traballo e a maioría das chamadas se fan en horario comercial. MoviLine Contrato General: 37 ptas./min.
  • Chamadas provinciais. Cando a maioría das chamadas se efectúan con orixe e destino na mesma provincia. Contrato Plus Próxima MoviStar: entre 10 e 33 ptas./min.
  • Chamadas a partir das 17:00 horas, e fins de semana. Plan Tarde Airtel: 12 ptas./min.
  • Chamadas internacionais MoviLine. Entre 41 e 191 ptas./min.

* Salvo que se indique o contrario, a información refírese a chamadas a teléfonos fixos.

Acertar na elección de teléfono móbil

Operadores e fabricantes lanzan novidades continuamente e a oferta crece a unha velocidade de vertixe e cantas máis opcións haxa, máis difícil será para o usuario acertar na elección.

  • Antes de se decidir por un operador, unha tarifa e un terminal, estudie as súas necesidades.
  • Á hora de elixi-lo teléfono, considere cál lle ofrece as mellores prestacións. Fíxese no tamaño e peso do terminal, na autonomía da batería, na manexabilidade do menú, no servicio técnico e nos accesorios.
  • Coidado cos teléfonos dos packs prepago. Algúns só son válidos para ese tipo de tarxetas.
  • Antes de optar por unha forma de pagamento ou un tipo de contrato, considere a ónde, desde ónde e en qué horas fará a maioría das chamadas.
  • Infórmese cada certo tempo sobre as novas tarifas e servicios das compañías telefónicas. Pode atopar unha opción máis económica e o seu operador poderíalle permiti-la “mutación” a outro tipo de contrato.
  • Evite sorpresas na factura do teléfono utilizando os sistemas de control e información do gasto que lle ofrece o seu operador.
  • Se é vostede un conversador compulsivo, fixe un límite de gasto no seu propio teléfono.