Analizadas nove galletas para o almorzo

As María de toda a vida, as galletas máis saudables

Para o almorzo de acotío, as María son máis apropiadas ca as douradas e ca outras moi consumidas: a súa graxa é máis saudable, teñen máis fibra e menos calorías. E na cata quedaron ben
1 Decembro de 2009

As María de toda a vida, as galletas máis saudables

O almorzo é a primeira comida do día e a máis importante para os nenos e para os mozos. Un almorzo ideal conterá leite ou derivados lácteos que acheguen calcio, froita e zumes, como fonte de fibra e vitaminas, e cereais cos seus hidratos de carbono e proteínas. Pero unha cousa é o almorzo ideal e outra o máis común nos fogares, no que as galletas son protagonistas estelares. É por iso que CONSUMER EROSKI levou ao laboratorio e a cata 9 galletas de almorzo: dúas do tipo básicas (Petit, de Río, e La Buena María, de Fontaneda), catro douradas (Marbú Dorada, de Artiach; La Buena María Ilustrada, de Fontaneda; María Oro, de Cuétara, e Creme Tropical, de Gullón) e tres especiais (Marie Lu de Lu; Chiquilín, de Artiach, e Yayitas de Lu).

Segundo a lexislación, todas son “Marías, torradas e acuñadas” e están elaboradas con fariñas, azucres e graxas comestibles, con ou sen adición doutros produtos alimenticios para o seu mellor enriquecemento, formando unha masa elástica a consecuencia do desenvolvemento do glute. E córtanse polo sistema de prensa ou de rolo acuñado. As douradas sometéronse a un baño de aceite vexetal tras o enfornado e as especiais teñen unha forma diferente ás básicas ou algún ingrediente que as torna peculiares (o ovo en Marie Lu e Chiquilín, o mel e o coco en Chiquilín). As Yayitas tamén son douradas, xa que recibiron un baño de aceite vexetal. Os prezos van dende os 2,04 euros o quilo de Petit de Río ata os 3,52 euros do quilo de Marie Lu As máis baratas son as básicas (2,04 e 2,18 euros o quilo) e as máis caras, as especiais, saen entre 2,99 e 3,52 euros o quilo. As douradas custan entre 2,21 euros o quilo e os 3,01 euros o quilo das de Fontaneda.

Galletas fronte a sobaos, madalenas, croissants e cereais

Estas galletas de almorzo case non conteñen auga (entre 1,5% e 3% de humidade), pero si bastante, aínda que moi distinta, cantidade de graxa (dende o 10% de Petit de Río ata o case 25% de María Oro de Cuétara) e, sobre todo, unha gran riqueza en hidratos de carbono, cunha media do 72% do produto, que chega nalgunha galleta ata o 79%. A importancia da proteína é menor, pero representa entre o 5,5% e o 7% do produto. En contra do que se poida pensar, a cantidade de fibra que estas galletas lle achegan ao almorzo é pouco significativa: dende o estimable 3,2% de fibra de Petit, de Río, ata o conciso 1,1% de Marbú dourada, de Artiach. Non lle sorprenderá a ninguén que a análise comprobase que a estas galletas se lles engadiron importantes cantidades de azucre (de media o 17%), que representa o 18% do produto en tres mostras e o 21% nunha. Si chama a atención, non obstante, que estas galletas sexan máis ben salgadas: os valores de sal son de entre o 1,2% de Marie Lu e o 0,3% de Chiquilin. Un alimento considérase demasiado salgado para a saúde cando supera o 1,5% de sal.

Con este perfil nutricional (pouca humidade, moitos hidratos de carbono e bastante graxa) era previsible que as galletas resultasen enerxéticas: de media, 465 calorías cada cen gramos; algo menos as básicas (432 cal/100 g) e un chisco máis as douradas (482 cal/100 g). De aí que o consumo de galletas entre comidas non sexa aconsellable; mellor limitalas ao almorzo.

Por outra banda, procede comparar as galletas con outras opcións saborosas e doces para o almorzo, pero convén facelo distinguindo as maría básicas dos outros dous tipos. As maría básicas son máis saudables: teñen case a metade de graxa e (por iso e porque o seu perfil lipídico -proporción entre graxas saturadas e insaturadas- é algo mellor) menos graxas saturadas ca as douradas e ca as especiais. Ademais, teñen máis fibra e son menos caloríficas. Tamén son máis convenientes ca os sobaos e croissants, que teñen máis graxa e graxas saturadas e que resultan máis caloríficos. Ante as madalenas (máis graxa, o 25%, pero só o 16% da súa graxa é saturado, fronte a case o 50% das maría; e moito menos sal), as maría básicas perden, se ben por pouco, neste hipotético combate de méritos nutricionais. Se se cotexan estas maría cos cereais de almorzo básicos, saen malparadas: os cereais teñen menos graxa (entre 2% e 6%), moita máis fibra (entre 15% e 25%) e achegan 365 calorías cada cen gramos, cando as maría suman arredor de 430. Comparándoas agora coas galletas dos outros dous tipos, constátase que son menos saudables para o almorzo ca as madalenas e, sobre todo, ca os cereais. E tan pouco aconsellables coma os croissants e os sobaos para as colacións matutinas cotiás: aínda que teñan menos graxa, non poden presumir de mellor perfil lipídico, debido a que case a metade -ou máis- da súa graxa é saturada; e tanto en sal coma en azucre, fibra e achega calorífica os seus valores son similares.

Para elixir a mellor galleta de almorzo

A análise microbiolóxica comprobou que, aínda que o estado hixiénico das galletas era correcto e o risco sanitario nulo, había pequenas cantidades de B. cereus en oito mostras e de enterobacterias en dúas mostras. Só unha galleta carecía destas bacterias: Creme Tropical, de Gullón. O estudo da etiquetaxe revelou que seis mostras a tiñan incorrecta por diversos motivos. O máis grave foi o de Marie Lu: declárase “fonte de fibra” (é obrigatorio un 3% de fibra) cando tiña só un 1,7% de fibra, menos ca sete das oito galletas restantes.

Dito queda que as maría básicas son máis saudables. Pero as outras sete non son todas similares, hai unha que destaca e en positivo: María Oro, de Cuétara, achega menos graxas saturadas, a pesar de que é a de máis graxa (case o 25% do produto). A razón é a calidade desa graxa (só o 21% é saturada, fronte ao 50%-70% das outras seis), que é aceite vexetal e non graxa vexetal, coma nas demais galletas. Cada cen gramos, María Oro contén 5 gramos de graxa saturada (o mesmo ca as básicas), mentres que as hai que rozan os 15 gramos, como Creme Tropical, de Gullón, e os 10-11 gramos, o caso de tres mostras. A única pega de María Oro é o seu poder enerxético, 505 calorías cada cen gramos, cando as básicas non chegan a 440 cada cen gramos.

Pero non todo é nutrición, as galletas, case por definición, deben ser saborosas e apetecibles. Para valorar o organoléptico, realizouse unha cata con 45 consumidores, cada tipo de galleta por separado. Os resultados da análise sensorial evidenciaron que, entre as básicas, La Buena María de Fontaneda era a preferida, que nas douradas non había ningunha que destacase, e que nas especiais, Chiquilín era preferida por riba das outras dúas. En valoración global, ningunha mereceu puntuación mediocre e destacaron Chiquilín (7,7 puntos) e La Buena María de Fontaneda (7,3 puntos). A ser esta última, básica, a segunda máis barata e unha das dúas mellores no nutricional, La Buena María de Fontaneda acada o galardón de mellor relación calidade-prezo. Tamén Petit de Río é unha galleta axeitada para os almorzos. Sobra dicir que se á galleta maría básica se lle bota unha capa de manteiga ou de margarina, a cousa cambia moito, e non para mellor. Os que prefiran galletas con máis graxa e sabor teñen en María Oro, de Cuétara, a mellor opción para un almorzo cotián: non destaca na cata e é a máis calorífica, pero é a única con aceite vexetal, o que fai que a súa graxa sexa a máis saudable, e, por riba, é unha das máis baratas.

Galletas, saúde e táboa comparativa

Galletas e saúde

As galletas son alimentos enerxéticos, e como tales, o seu consumo debe ser moderado. Están indicadas para a dieta infantil e para quen por traballo ou deporte, fai decote un gran desgaste físico. Non son convenientes para as persoas que coidan o seu peso ou que sofren diabete. Os consumidores habituais de galletas deben coñecer a cantidade e calidade da graxa que conteñen. As galletas con aceites de xirasol, millo, soia ou oliva (bo perfil lipídico, poucas graxa saturadas) son clara minoría no mercado, pero deben preferirse ás que empregan aceites de coco ou palma e outras graxas vexetais, menos saudables. Ningunha das 9 galletas estudadas especifica o tipo de graxa vexetal que emprega. Nin sequera a única que usa aceite vexetal indica o que emprega. Este déficit de información tan significativa e útil para o consumidor ten unha explicación: a normativa actual só obriga os fabricantes a concretar se a graxa é vexetal, animal ou hidroxenada, máis nada. E iso fan.

Por outro lado, as galletas están contraindicadas para os que padecen celiaquía ou intolerancia ao glute, xa que conteñen fariña de trigo, alerxia á caseína, pois conteñen soro de leite, e alerxia ao ovo, xa que algunhas (nesta análise, Marie Lu e Chiquilín) conteñen este ingrediente. As nove galletas analizadas conteñen numerosos aditivos, todos eles autorizados; Petit, de Río, é a que menos aditivos utiliza. As galletas non destacan polo seu contido en fibra, xa que a fariña empregada na súa elaboración é refinada e neste proceso pérdese o farelo, a parte do gran que concentra a fibra.

Marca “Petit” de Rio “La buena María” de Fontaneda “Marbú dorada” de Artiach “La buena María Ilustrada” de Fontaneda “María oro” de Cuétara
Denominación de venda Galletas torradas Galleta María Galleta María bañada con aceite vexetal Galleta María bañada con aceite vexetal Galletas
Humidade 1(%) 1,3 2,1 3,0 2,4 1,5
Proteína (%) 5,6 6,7 6,2 6,2 5,8
Graxa (%) 9,9 11,5 17,1 17,7 24,7
Ácidos graxos saturados (%) 49 49 67 64 21
Ácidos graxos insaturados (%) 51 51 33 36 79
Cinzas 2(%) 0,9 0,8 0,8 0,7 0,6
Sal (%) 0,67 0,69 0,88 0,63 0,61
Carbohidratos (%) 79,1 76,3 71,8 70,8 64,9
Azucres totais (%) 17,3 15,8 16,6 18,2 18,3
Fibra dietética total (%) 3,2 2,6 1,1 2,2 2,5
Valor calorífico (Cal/100g) 428 436 466 467 505
Cata de consumidores (de 1 a 9) 6,4 7,3 6,7 6,9 6,7
Marca “Creme Tropical” de Gullón “Marie Lu” de Lu “Chiquilín” de Artiach “Yayitas” de Lu
Denominación de venda Galletas douradas Galletas con ovo Galletas Galletas douradas
Humidade 1(%) 1,7 3,1 2,2 3,0
Proteína (%) 5,7 6,9 6,5 7,2
Graxa (%) 21,4 17,2 16,5 16,9
Ácidos graxos saturados (%) 69 49 59 48
Ácidos graxos insaturados (%) 31 51 41 52
Cinzas 2(%) 0,7 0,6 0,6 0,5
Sal (%) 0,59 1,17 0,28 0,45
Carbohidratos (%) 68,6 70,5 72,4 70,4
Azucres totais (%) 14,5 21,2 18,4 15,4
Fibra dietética total (%) 1,9 1,7 1,8 2,0
Valor calorífico (Cal/100g) 490 464 464 463
Cata de consumidores (de 1 a 9) 6,8 6,7 7,7 6,6

1. Humidade: a norma fixa un máximo dun 6% nas galletas simples.

2. Cinzas: a norma establece un máximo de 1,5% nas galletas simples.

Un a un

Unha a unha, nove galletas de almorzo

La Buena María, Fontaneda

  • “Galleta María”
  • 800 gramos. Saen a 2,18 euros o quilo.
  • Mellor relación calidade prezo de todo o comparativo.
  • Ingredientes: Fariña de trigo, azucre, graxa vexetal (antioxidante E-320), xarope de glicosa e frutosa, soro de leite en po, gasificantes (bicarbonatos sódico e amónico), sal, axente de tratamento da fariña (metasulfito sódico), emulxente (lecitina de soia) e aroma.
  • Etiquetaxe incorrecta: Saliéntase a imaxe do trigo, pero non se indica a cantidade deste ingrediente.
  • Composición nutricional: Unha das dúas mellores de todo o comparativo. Das menos graxas (11,5%) e enerxéticas (436 calorías cada cen gramos). Unha das que menos graxa saturada achegan (5,6 gramos cada cen gramos de produto) e as segundas con máis fibra (2,6%).
  • Na cata recibe 7,3 puntos e é máis preferida ca a outra galleta básica analizada. Gusta polo seu sabor e aparencia e por ser “moi crocante”; non é criticada por ningún dos parámetros.

Petit, Río

  • “Galletas torradas”
  • 800 gramos. Saen a 2,04 euros o quilo, as máis baratas. Unha boa opción.
  • Ingredientes: Fariña de trigo, azucre, aceites e graxas vexetais, xarope de glicosa, sal, gasificantes (bicarbonato sódico e amónico), aromas.
  • Etiquetaxe incorrecta. Salienta a imaxe do trigo e non se indica a súa cantidade. Declara “elaborada con ingredientes sans e naturais”, cando non están permitido este tipo de declaracións saudables ata que se aprobe legalmente como se deben facer (data prevista: 31 de xaneiro do 2010). Ademais, non di toda a verdade: contén aditivos non naturais.
  • Composición nutricional. A mellor deste comparativo. Son as galletas menos graxas (9,9%), as menos enerxéticas (428 calorías cada cen gramos) e con máis fibra (3,2%). As que menos graxa saturada achegan (5 gramos cada cen gramos de produto). Tamén son as de menos aditivos.
  • Na cata recibe 6,4 puntos: gabadas polo seu “sabor” e “aparencia” e por crocantes. Reciben críticas pola “sensación ao mastigar”. Foi menos preferida ca “La Buena María”, de Fontaneda, a outra galleta básica analizada.

María Oro de Cuétara

  • “Galletas”
  • 800 gramos. Saen a 2,24 euros o quilo. Para os que prefiren as galletas “douradas”, a mellor opción deste comparativo.
  • Ingredientes: Fariña de trigo, aceite vexetal, azucre, soro de leite en po, xarope de glicosa e frutosa, sal, emulxente (lecitina), gasificantes (bicarbonatos sódico e amónico), aromas, axente de tratamento da fariña (metasulfito sódico).
  • Etiquetaxe incorrecta: Saliéntase a imaxe do trigo pero non se indica a cantidade deste ingrediente.
  • Composición nutricional: As máis graxas (case o 25% do produto é graxa) e máis enerxéticas (505 calorías cada cen gramos) de todo o comparativo. Dáse a decisiva circunstancia de que a súa (moi abundante) graxa ten o perfil máis saudable (só o 21% da graxa é saturada) de todas as galletas estudadas; xa que logo, é unha das que menos graxa saturada contén: pouco máis de 5 gramos cada cen gramos de produto. Débese a que usa aceite vexetal no canto de graxa vexetal.
  • Na cata recibe 6,7 puntos: gusta polo seu “sabor”, “aparencia” e “grao crocante” e non é criticada por ningún dos parámetros.

Marbú dorada, Artiach

  • “Galleta María bañada con aceite vexetal”
  • 1.000 gramos. Saen a 2,40 euros o quilo.
  • Ingredientes: Fariña de trigo, graxas vexetais (antioxidante E-320), azucre, xarope de glicosa e frutosa, soro de leite en po, gasificantes (bicarbonato amónico e sódico), sal, aromas e axente de tratamento da fariña (metasulfito sódico).
  • Etiquetaxe incorrecta: Saliéntase a imaxe do trigo pero non se indica a cantidade deste ingrediente.
  • Composición nutricional, das menos saudables. Un dos perfís lipídicos menos saudable (o 67% da súa graxa é saturado e, ao ter moita graxa, o 17%, é das que máis saturados achegan: 11,5 gramos cada cen gramos de produto). Das de menos fibra (1,1%) e máis sal (0,9%).
  • Na cata acada 6,7 puntos: gusta pola súa “aparencia”, “sabor” e “grao crocante”, e é criticada por “demasiado torrada”.

La Buena María Ilustrada, Fontaneda

  • “Galleta María bañada con aceite vexetal”
  • 800 gramos. Saen a 3,01 euros o quilo, son das máis caras.
  • Ingredientes: Fariña de trigo, graxas vexetais (antioxidante E-320), azucre, xarope de glicosa e frutosa, soro de leite en po, gasificantes( bicarbonatos sódico e amónico), sal, extracto de malte, emulxente (lecitina de soia), aromas, axente de tratamento da fariña (metasulfito sódico).
  • Etiquetaxe incorrecta: Saliéntase a imaxe do trigo, pero non se indica a cantidade deste ingrediente.
  • Composición nutricional: Un dos perfís lipídicos menos saudables (o 64% da súa graxa é saturada e, ao ter moita graxa, o 17,7%, é das que máis saturados achegan: 11,3 gramos cada cen gramos de produto).
  • Na cata recibe 6,9 puntos: gusta polo seu “sabor”, “aparencia” e “grao crocante” e non é criticado por ningún dos parámetros

"Creme Tropical" de Gullón

  • “Galleta dourada”
  • 800 gramos. Saen a 2,21 euros o quilo.
  • Ingredientes: Fariña de trigo, graxa vexetal, azucre, xarope de glicosa e frutosa, gasificantes; bicarbonatos sódico e amónico, sal, emulxente: lecitina de soia, soro de leite en po, aroma de vainilla, antioxidante: metasulfito sódico.
  • Composición nutricional, a menos saudable de todo o comparativo: ten moita graxa (21%) e o peor perfil lipídico (o 69% da graxa é saturado), o que fai que sexa a que máis graxa saturada achega en cen gramos de produto, case 15 gramos, cando hai varias galletas (unha delas, “dourada”) que teñen a terceira parte. E son das máis enerxéticas (490 calorías cada cen gramos). En positivo, son as menos azucradas (14,5% de azucres totais).
  • Na cata recibe 6,8 puntos: gabadas polo seu “sabor”, “aparencia” e “grao crocante”, recibiron críticas pola súa “forma”.

Marie Lu de Lu

  • “Galletas con ovo”
  • 825 gramos. Saen a 3,52 euros o quilo, son as máis caras de todas as galletas comparadas.
  • Ingredientes: Cereais 66% (fariña de trigo), azucre, graxa vexetal, ovos 2,6%, sal, lactosa e proteínas do leite, leite desnatado en po, gasificantes: carbonato ácido de sodio, carbonato ácido de amonio, xarope de glicosa e frutosa, aroma de vainilla.
  • Etiquetaxe incorrecta: Declara ser “fonte de fibra”, polo que o seu contido en fibra debe superar o 3%. Pola contra, o valor obtido no laboratorio foi o 1,7% de fibra, un dos máis baixos de todo o comparativo.

Composición nutricional: As de máis azucres totais (21%) e as máis salgadas (case o 1,2%: un alimento considérase demasiado salgado cando supera o 1,5% de sal).

  • Na cata obtén 6,7 puntos e foron das menos preferidas entre as galletas “especiais”. Gustou a súa “aparencia”, “sabor” e “grao crocante”; non foron criticadas en ningún dos parámetros.

Chiquilín de Artiach

  • “Galletas”
  • 875 gramos. Saen a 3,14 euros o quilo, as segundas máis caras.
  • Ingredientes: Fariña de trigo (67%), azucre, graxas vexetais (antioxidante E-320), amidón de trigo, coco relado, soro de leite en po, mel (0,7%), xarope de glicosa e frutosa, gasificante (bicarbonato sódico e amónico), ovo en po (0,6% equivalente a 2,35% de ovo líquido), sal, extracto de malte, aromas, leite desnatado en po e dextrosa.
  • Composición nutricional. Son as menos salgadas de todas as galletas estudadas: só o 0,28% de sal, cando a maioría roldan o 0,60% e unha supera o 1%. Achegan máis graxa saturada (case 10 gramos cada cen de produto) ca as outras dúas galletas “especiais” (8,1 e 8,4 gramos de graxa saturada cada cen gramos de produto).
  • Na cata recibe 7,7 puntos, a nota máis alta de todo o comparativo, e foi a máis preferida das “especiais”. Gusta pola súa “aparencia” e “sabor” e polo seu “grao crocante”, e non recibe crítica ningunha.

Yayitas de Lu

  • “Galletas douradas”
  • 600 gramos. Saen a 2,99 euros o quilo.
  • Ingredientes: Cereais 73% (fariña de trigo), azucre, graxa vexetal, xarope de glicosa e frutosa, sal, gasificantes: bicarbonato amónico, bicarbonato sódico, leite desnatado en po, aromas, emulxente: lecitina de soia.
  • Composición nutricional intermedia, cómpre salientar tan só que co seu 0,45% de sal é a segunda menos salgada.
  • Na cata recibe 6,6 puntos e foi unha das menos preferidas das “especiais”. Gusta pola súa “aparencia”, “forma”, “sabor” e “grao crocante” e non é criticada en ningún dos parámetros.