Analizada a accesibilidade en tres edificios públicos (Concello, hospital e estación de tren) de 18 cidades

As cidades avanzan na accesibilidade para os discapacitados, pero esquecen aos cegos e aos xordos

A escaseza de información en braille e a falta de intérpretes profesionais de lingua de signos son as trabas máis evidentes para os discapacitados auditivos e visuais
1 Marzo de 2011
Img tema listado 160

As cidades avanzan na accesibilidade para os discapacitados, pero esquecen aos cegos e aos xordos

/imgs/20110301/tema1.jpg
Accesibles para calquera. Así deberían ser as cidades, pero non sempre o son. Sófreno en primeira persoa os que teñen algún tipo de discapacidade (preto de 3,9 millóns de persoas en España). Elimináronse multitude de barreiras arquitectónicas intentando alcanzar a accesibilidade universal, aínda que queda unha morea por facer. Así o comprobou EROSKI CONSUMER nunha investigación realizada sobre a accesibilidade das institucións públicas de 18 cidades españolas para as persoas que se moven en cadeira de rodas e para as que teñen unha discapacidade auditiva e visual. Os técnicos de EROSKI CONSUMER, que contaron coa valiosa colaboración de numerosas organizacións de usuarios con discapacidade, acompañados dunha persoa en cadeira de rodas, outra invidente e outra xorda visitaron no mes de febreiro tres edificios públicos en cada unha destas cidades: A Coruña, Alacante, Barcelona, Bilbao, Cádiz, Córdoba, Granada, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza. A visita consistía en comprobar o nivel de accesibilidade dun edificio municipal, as consultas externas dun hospital e unha estación de tren da seguinte maneira: primeiro realizábase un pequeno percorrido de cinco minutos deica o inmoble comprobando se este itinerario era accesible e despois entrábase no edificio e analizábanse a entrada e as instalacións interiores, aseos incluídos.

A valoración global é dun axustado aprobado: 13 capitais das 18 estudadas quedan con esa nota e só Córdoba, Málaga e Valladolid aproban o exame cun folgado ‘ben’. Alacante e San Sebastián suspéndeno cun ‘regular’. A conclusión máis evidente do informe é que nos últimos anos as cidades se esforzaron máis para se adaptaren ás necesidades das persoas en cadeira de rodas (a nota media das 18 cidades é un ‘ben’) ca para se adaptaren ás dos discapacitados visuais (nota media ‘aceptable’) e, particularmente, ás das persoas con discapacidade auditiva (valoración media ‘regular’). Na proba relativa ás persoas en cadeira de rodas, ningunha das 18 cidades da mostra suspende o exame proposto pola revista.

Os invidentes téñeno peor ca os que se desprazan pola cidade en cadeira de rodas, xa que se atopan con máis dificultades para levar unha vida normal e para facer as xestións oportunas nestes tres edificios, tal e como o ratifica a nota media de ‘aceptable’, especialmente por mor da falta de información en braille e de elementos sonoros que axuden á orientación destas persoas. Neste caso, os suspensos entre as cidades analizadas son numerosos.

As persoas con discapacidade auditiva son as que peor o teñen pola falta de medidas de accesibilidade. A nota media é un suspenso (‘regular’). Así e todo, hai excepcións: a mellor cidade é Málaga (‘moi ben’), exemplo de accesibilidade para persoas xordas.

Edificios municipais, para todos?

Os concellos son, sobre o papel, as institucións máis próximas ao cidadán. Agora ben, a realidade é outra.

En primeiro lugar, o acceso aos concellos non é tan sinxelo como semella. Durante o percorrido de 5 minutos cara ao edificio público, as persoas con discapacidade motriz atoparon dificultades para circularen porque a beirarrúa non tiña unha anchura de paso libre de obstáculos (aconteceu na Coruña e nalgunhas ocasións en Alacante, Córdoba, Murcia e Sevilla). Ademais, o mobiliario urbano e os vehículos mal aparcados impedían o paso nas cidades galega, alacantina, cordobesa, pamplonesa e sevillana. Tamén os discapacitados visuais tiveron que sortealos en Córdoba, Málaga, Oviedo, Pamplona, Sevilla, Valladolid e Vitoria, e mais prestarlle especial atención ao pavimento, inestable nas capitais coruñesa, bilbaína, cordobesa, sevillana e vitoriana.

Atravesar a calzada tamén supón un perigo. Nas ocasións nas que se atopou un paso de peóns, non sempre había un semáforo acústico para as persoas cegas (ocorreu na Coruña, Cádiz, Málaga, Murcia, Pamplona e San Sebastián). Neste sentido, para as persoas con discapacidade auditiva, en moi poucas cidades se observou un sistema que sinalase os segundos que faltaban para que se puxese en vermello (só en Bilbao, Córdoba, Granada, Málaga e Vitoria), nin un aviso acústico para as persoas con problemas de visión (en Barcelona, Sevilla, Valencia, Vitoria e Zaragoza ningún dos semáforos observados contaba con este sistema).

Para entrar nos consistorios, é recomendable que a porta sexa automática (só o era en oito cidades), transparente ou con zonas acristaladas para que os discapacitados auditivos poidan ver o que hai do outro lado (non se observou na Coruña, en Granada nin en Zaragoza) e que a entrada estea ao mesmo nivel ca a rúa (no percorrido coa persoa en cadeira de rodas non o estaba na metade das cidades analizadas).

Unha vez dentro do edificio, as máis das veces (agás en Vitoria) a distribución do edificio permitía a mobilidade dunha persoa en cadeira de rodas e o interior atopábase libre de obstáculos, algo fundamental para un discapacitado visual. Con todo, a persoa cega precisa guiarse polo edificio, pero ningún dos visitados tiña franxas de dirección de diferente cor e textura nin tampouco as portas, paredes e chans eran dunha cor contrastada para persoas con visión reducida (isto último só se cumpría na Coruña, Bilbao, Cádiz, Granada, Málaga e Murcia).

Ao solicitar información sobre como empadroarse, a persoa que máis dificultades tivo en todas as cidades foi o discapacitado auditivo, fundamentalmente pola falta de intérpretes profesionais de lingua de signos: só o ofrecían na Coruña, en Cádiz, Córdoba, Málaga e Valladolid (en Granada o persoal administrativo nin sequera sabía se existía ou non). As máis das veces, a persoa con problemas auditivos tivo que se comunicar con xestos ou de maneira escrita. Os discapacitados físicos tamén tiveron problemas: os mostradores eran demasiado altos en Alacante, Bilbao, Cádiz, Murcia, Oviedo, Sevilla e Valencia. Pola súa banda, as persoas con discapacidade visual tamén teñen problemas para accederen á información, xa que o braille non é unha linguaxe fácil de ver nas administracións públicas. Os aseos son tamén un espazo imprescindible en calquera edificio e débeselle permitir o acceso e o seu uso a calquera cidadán, pero na Coruña, en Murcia, Sevilla e Vitoria non había. E no resto botáronse de menos sinalizacións universais de accesibilidade, unha anchura adecuada da porta para as persoas en cadeira de rodas, barras de apoio no inodoro, letreiros en braille para as persoas cegas e sistemas visuais para que as persoas xordas saiban se están ocupados ou non.

Hospital, no sempre sans e salvos

É fundamental que todos os cidadáns poidan acceder, sen problemas, a este tipo de instalacións. Non obstante, aínda hai algunhas barreiras importantes para os tres tipos de discapacidade. En primeiro lugar, cómpre salientar que durante o percorrido se atoparon algúns perigos na Coruña, en Murcia, Oviedo, San Sebastián, Sevilla e Zaragoza para as persoas cegas, debido en boa parte a que o pavimento non era estable (fochancos pronunciados, afundimentos de calzada, cachos de terra solta, baldosas que sobresaían, bordos demasiado altos) e tampouco antiesvaradío.

Durante o percorrido cara ao edificio hospitalario houbo que atravesar a calzada varias veces. Para o discapacitado visual é imprescindible que exista un medio acústico que o avise de que cruza unha calzada con tráfico, pero entre as cidades nas que o paso de peóns tiña semáforo, este só dispuña de aviso acústico en Alacante, Bilbao, Córdoba, Granada, Madrid, Oviedo e Valladolid. Pola súa banda, as persoas con problemas auditivos precisan que toda a información que as rodea sexa visual, pero entre os semáforos que se atoparon durante os 18 percorridos, unicamente en Córdoba se sinalaban os segundos que faltaban para que se puxese en vermello.

Para acceder ao hospital, a porta era xiratoria só en Bilbao e en Valladolid, aínda que en ambos os dous casos había un acceso con portas manuais. Durante os percorridos coa persoa con discapacidade motriz observouse que a entrada non estaba ao mesmo nivel da rúa en 13 das 18 cidades analizadas; é máis, en dez había chanzos, iso si, salvados por ramplas non mecánicas e ascensores. Dentro do hospital, só en Vitoria determinadas zonas dificultaban a mobilidade. O discapacitado visual unicamente atopou bandas ou guías de dirección de diferente cor e textura que o axudasen en Bilbao e Vitoria. Ademais, só en Granada se atoparon obstáculos no interior do edificio que complicaban o percorrido das persoas con problemas de visión, aínda que en todos os casos o pavimento era estable.

Para pedir información, as persoas en cadeiras de rodas achegáronse aos mostradores de atención ao paciente, pero especialmente en Bilbao, Granada e Oviedo non había ningún a unha altura adecuada. As persoas que máis problemas tiveron á hora de se comunicaren foron os discapacitados auditivos: só en Málaga se informou da existencia dun servizo de intérprete profesional de lingua de signos, aínda que non se ofrecía ao momento. Isto obrigou a que a persoa se comunicase de maneira escrita e por xestos, aínda que isto dificultaba moito a comunicación. De feito, o trato non foi correcto en Barcelona, Cádiz, Córdoba, Pamplona, San Sebastián, Sevilla e Valencia, basicamente polas dificultades á hora de facilitar a información.

Pola súa banda, as persoas cegas tamén teñen problemas para accederen á información que existe nun edificio público, xa que en liñas xerais a gran maioría de carteis, folletos e impresos non están traducidos ao braille.

Para rematar, os aseos adaptados dos hospitais están sinalizados na súa maioría co símbolo internacional de accesibilidade e a porta de entrada permite a entrada dunha cadeira de rodas. Agora ben, no interior atopáronse algunhas carencias salientables: faltaban sistemas visuais para indicar se o baño estaba ocupado ou libre e as billas non dispuñan dun sistema automático que se accionase ao se poren as mans debaixo (útil para os discapacitados visuais e físicos).

Estación: unha viaxe de obstáculos

No caso da accesibilidade para as persoas invidentes, o máis rechamante é que en preto da metade das cidades estudadas (Alacante, Cádiz, Granada, Málaga, Oviedo, San Sebastián, Vitoria e Zaragoza) se atoparon obstáculos ou perigos no contorno inmediato da estación de ferrocarril: mobiliario urbano mal colocado (columnas, árbores, farois), pavimento en mal estado…

Para as persoas con discapacidade física todas as estacións dispuñan dun servizo de axuda e acompañamento (denominado Atendo promovido por Renfe), e ademais a distribución interior do edificio permitía a mobilidade sen problemas, tal e como se puido observar nas 18 estacións de trens analizadas. Non obstante, atopáronse algúns obstáculos á hora de dirixirse ás plataformas (en Granada e en San Sebastián) e aos mostradores de atención ao público (Alacante, Córdoba, Pamplona, Valencia, Valladolid e Zaragoza). Igual de negativo resulta o feito de que en sete das 18 cidades, os mostradores de información e de compra de billetes se atopan demasiado altos para unha persoa en cadeira de rodas; é o caso da Coruña, Bilbao, Granada, Vitoria, Murcia, Oviedo e Valencia.

Practicamente a maioría das estacións non dispoñen de sinais acústicos de información ou de localización para axudar aos invidentes. Tampouco as portas, paredes e chans están pintados dunha cor contrastada entre eles para que unha persoa con visión reducida poida distinguilos. Os bordos das plataformas das estacións de tren de Alacante, Pamplona, Valencia e algúns de Valladolid non teñen bandas de seguridade sobre o pavimento. Ademais, en máis da metade das estacións de tren visitadas (localizadas na Coruña, en Alacante, Barcelona, Córdoba, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, Valladolid e Zaragoza) as máquinas electrónicas de compra de billetes non tiñan as instrucións en braille ou relevo. Aínda así, a atención demostrada polo persoal da estación cara á persoa invidente foi satisfactoria en todos os casos salvo en San Sebastián, Madrid, Zaragoza e en Alacante, onde a persoa do mostrador de información se dirixía en todo momento ao técnico que acompañaba ao invidente no canto de a este, que era quen solicitara información.

Pola súa banda, o maior problema para unha persoa con discapacidade auditiva reside na falta de dispositivos visuais para alertar os usuarios en caso de emerxencia (só se viron nas instalacións da Coruña, de Bilbao, Málaga, Murcia, Sevilla e Valencia). Pero o maior obstáculo para comunicarse segue a ser a falta dun intérprete profesional de lingua de signos: só contaban con este servizo as estacións de Barcelona, Madrid, Valladolid, Córdoba, Oviedo, Pamplona e Málaga. Así e todo, en máis da metade das ocasións, a atención demostrada polo persoal de información cara a esa persoa con discapacidade auditiva era boa.

Para rematar a visita, comprobouse a accesibilidade dos aseos da estación. Hai poucos aspectos negativos para os discapacitados físicos. En todas as cidades os baños visitados estaban sinalizados co símbolo internacional de accesibilidade na porta. O acceso era ancho abondo como para que puidese entrar comodamente unha persoa en cadeira de rodas. Pola contra, nos aseos visitados na Coruña, en Bilbao e en Zaragoza, o interior non era espazoso abondo. Ademais, o aseo da estación galega non tiña barra de apoio.

Ademais, se as portas de entrada aos lavabos non están pintadas en cores rechamantes ou ben sinalizadas en braille, dificilmente poden ser localizadas por unha persoa invidente ou con visión reducida, e isto acontecía nos aseos da Coruña, Barcelona, Córdoba, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, Sevilla, Valladolid e Zaragoza. Ademais, só en tres ocasiones (Córdoba, Murcia e Sevilla) os baños contaban cun sistema visual que indicase se estaba libre ou ocupado, necesario para os non oíntes.

O mellor e mais o peor de cada cidade, e táboas comparativas

A CORUÑA: ‘aceptable’

  • O mellor: A accesibilidade para persoas con discapacidade física (cunha nota de ‘ben’): mostradores de atención ao público do Concello coa altura adecuada, aseos do hospital adaptados e prazas de aparcamento reservadas para persoas con discapacidade motriz na estación.
  • O peor: A accesibilidade para invidentes (suspende o exame da revista): non se emiten sinais acústicos de información e/ou localización no interior da estación de tren, a botoeira do ascensor usado no hospital non estaba en braille ou relevo.

ALACANTE: ‘regular’

  • O mellor: A accesibilidade para persoas en cadeira de rodas: hai ramplas non mecánicas para acceder á estación de tren e ao hospital, e todos os aseos do Concello visitados están adaptados.
  • O peor: A adaptabilidade destes espazos para persoas xordas ou invidentes (‘regular’): non hai bandas de dirección en ningún dos tres edificios para persoas con problemas de visión e tampouco se viron dispositivos visuais de emerxencia para as persoas con discapacidade auditiva.

BARCELONA: ‘aceptable’

  • O mellor: A accesibilidade demostrada para persoas en cadeira de rodas é a mellor de todo o estudo (‘moi ben’).
  • O peor: Os problemas para persoas con discapacidade visual nos tres edificios son numerosos, de aí o suspenso outorgado a este capítulo (‘regular’). Ademais, os semáforos atopados de camiño ao Concello non emitían son acústico e a botoeira do ascensor empregado no hospital non estaba en braille ou relevo.

BILBAO: ‘aceptable’

  • O mellor: Non destaca pola súa accesibilidade, pero si se atopou algunha ca outra medida positiva. No traxecto cara ao Concello, os cruces estaban sinalizados con semáforo, as portas dos aseos visitados do hospital tiñan una anchura apta para as cadeiras de rodas e todo o interior da estación de tren se atopaba libre de obstáculos.
  • O peor: A accesibilidade para discapacitados auditivos (‘regular’): non hai servizo de intérprete profesional de lingua de signos na estación de tren, na sala de espera do hospital non se viu un dispositivo visual para avisar o paciente e tampouco nos baños do Concello.

CÁDIZ: ‘aceptable’

  • O mellor: As medidas tomadas para adaptar estes espazos para persoas invidentes (‘ben’): a entrada ao hospital está ao mesmo nivel ca o chan, o pavimento ata chegar ao Concello non comporta perigo ningún e a porta de entrada á estación de tren é automática.
  • O peor: As carencias da accesibilidade para persoas en cadeira de rodas e con problemas de audición (‘aceptable’): mostradores non aptos e ausencia de intérprete profesional en lingua de signos na estación de tren.

CÓRDOBA: ‘ben’

  • O mellor: A accesibilidade para os discapacitados físicos, auditivos e visuais (‘ben’): a estación de ferrocarril dispón de servizo de intérprete de lingua de signos, habilitáronse ramplas non mecánicas para salvar as escaleiras de entrada ao Concello e os pictogramas para distinguir os aseos do hospital atópanse en braille ou relevo cunha cor contrastada.
  • O peor: Malia á boa nota, hai fallos: os aseos do Concello non dispoñen dun dispositivo visual para que unha persoa xorda saiba se están libres ou ocupados; tampouco se observaron bandas ou guías de dirección no chan do hospital (para facilitarlles a circulación ás persoas invidentes).

GRANADA: ‘aceptable’

  • O mellor: A accesibilidade para os discapacitados físicos (‘ben’): hai prazas de aparcamento reservadas para eles nos arredores do hospital, e os mostradores de atención ao público na estación de tren teñen unha altura adecuada.
  • O peor: A falta de intérprete de lingua de signos na estación de tren de Granada, e no Concello non se viu un dispositivo de emerxencia que fose visual.

MADRID: ‘aceptable’

  • O mellor: A accesibilidade para as persoas en cadeiras de rodas (‘ben’): todo o traxecto cara á estación de tren ten pavimento antiesvaradío, prazas de aparcamento reservadas para discapacitados nos arredores do Concello e todos os aseos analizados no hospital están adaptados.
  • O peor: A adaptabilidade para persoas con problemas auditivos (‘regular’): non hai dispositivo visual para alertar en caso de emerxencia na estación de tren e tampouco un servizo profesional de intérprete de lingua de signos nin no edificio municipal nin nas consultas externas.

MÁLAGA: ‘ben’

  • O mellor: A accesibilidade para persoas con problemas auditivos é a mellor de todo o informe (‘moi ben’), debido en parte a que nos tres edificios públicos se ofrece un servizo profesional de intérprete de lingua de signos.
  • O peor: Fallos atopados na adaptabilidade para persoas con problemas visuais (‘aceptable’): o contorno inmediato dos aseos do Concello están pouco adaptados para persoas invidentes, o interior da estación de tren non está libre de obstáculos e a entrada ao hospital non se atopa ao mesmo nivel.

MURCIA: ‘aceptable’

  • O mellor: A accesibilidade destinada ás persoas con discapacidade motriz (‘ben’): había prazas reservadas para discapacitados físicos próximas aos tres edificios, as portas de entrada eran automáticas e os aseos estaban correctamente sinalizados e adaptados (agás no Concello, onde non había).
  • O peor: A accesibilidade para persoas con discapacidades sensoriais (cualificadas cun ‘aceptable’): falta de bandas de dirección no interior dos tres edificios e non ofrecer un servizo de linguaxe de signos en ningún dos tres edificios.

OVIEDO: ‘aceptable’

  • O mellor: O servizo de intérprete de linguaxe de signos que ofrecen ao momento a través de vídeo chamada na estación de tren, a boa accesibilidade das entradas ao Concello e ao hospital e a adaptación do interior dos tres edificios (libre de obstáculos).
  • O peor: Carencias para as persoas en cadeira de rodas: os mostradores de atención ao público nos tres edificios non estaban a unha altura adecuada e para os discapacitados sensoriais non había guías de dirección no chan.

PAMPLONA: ‘aceptable’

  • O mellor: A accesibilidade destinada aos discapacitados motrices (‘ben’): os tres edificios tiñan unha distribución que permitía a mobilidade sen problemas, en todos os aseos visitados a porta tiña unha anchura adecuada para unha cadeira de rodas e contaban cunha barra de apoio situada preto do inodoro.
  • O peor: A accesibilidade para os discapacitados auditivos (‘regular’): só se atopou un servizo de intérprete de linguaxe de signos na estación de tren (aínda que este non se ofrecía ao momento) e na sala de espera do hospital non había un dispositivo visual para anunciarlle ao paciente que debe entrar na consulta.

SAN SEBASTIÁN: ‘regular’

  • O mellor: A adaptabilidade para persoas con discapacidade motriz (‘ben’): os mostradores dos tres edificios públicos visitados estaban a unha altura adecuada e a distribución do edificio permitía a mobilidade sen problemas.
  • O peor: A accesibilidade destes tres edificios para cegos e para xordos (‘regular’): falta de carteis traducidos ao braille, en especial nas máquinas para coller quenda no Concello e para mercar billetes na estación de tren.

SEVILLA: ‘aceptable’

  • O mellor: A accesibilidade para os discapacitados físicos nos tres edificios públicos (‘ben’): os accesos visitados estaban adaptados nos tres casos e a distribución do edificio permitía unha mobilidade sen problemas (a excepción dalgunhas zonas do Concello).
  • O peor: A accesibilidade para discapacitados visuais (‘regular’): non se observaron guías de dirección cunha textura e cor diferentes para a persoa cega nos tres edificios, a información en braille era insuficiente e os pictogramas dos aseos tampouco estaban traducidos.

VALENCIA: ‘aceptable’

  • O mellor: Os tres edificios estaban adaptados para persoas con discapacidade motriz (‘ben’): os accesos estaban adaptados con ramplas non mecánicas, as portas eran automáticas no hospital e no Concello e na estación de tren a máquina expendedora atopábase a unha altura adecuada.
  • O peor: Os discapacitados auditivos son os que máis dificultades teñen nos edificios públicos valencianos (cunha nota de ‘regular’). O problema de comunicación é o máis importante: ningún dos edificios ofrece un servizo de intérprete de lingua de signos.

VALLADOLID: ‘ben’

  • O mellor: O nivel de accesibilidade nos tres edificios para persoas xordas e con problemas motrices (‘ben): o Concello e a estación de tren ofrecen intérprete profesional de linguaxe de signos e os mostradores de atención ao público están nos tres edificios a unha altura adecuada para a cadeira de rodas.
  • O peor: As medidas para as persoas con discapacidade visual: nos aseos os pictogramas non estaban traducidos ao braille, tampouco había bandas de dirección para que se puidesen orientar no interior dos edificios.

VITORIA: ‘aceptable’

  • O mellor: As medidas para os discapacitados motrices e visuais (‘ben’): a entrada está ao mesmo nivel ca a rúa na estación de tren e no Concello, nos tres edificios a porta é automática e o interior está libre de obstáculos (agás na estación de tren).
  • O peor: O nivel de accesibilidade para discapacitados auditivos (‘regular’): en ningún dos edificios se ofrecía un intérprete de lingua de signos cos problemas de comunicación que iso causa.

ZARAGOZA: ‘aceptable’

  • O mellor: A accesibilidade para as persoas con discapacidade motriz (‘ben’): as entradas aos tres edificios estaban adaptados e había mostradores de atención ao público á altura adecuada.
  • O peor: A incompleta accesibilidade para as persoas con discapacidades sensoriais (‘aceptable’): non se observaron guías de dirección no chan de diferente cor e textura nin tampouco se emiten sinais acústicos de información para que as persoas cegas poidan orientarse dentro do edificio, e a ausencia de intérprete de lingua de signos nos tres edificios.